Marcianópolis (en grego: Μαρκιανούπολις) foi unha antiga cidade romana da provincia de Tracia. Situada na provincia romana fronteiriza de Moesia, converteuse a finais do século III na capital da segunda Moesia, baixo o ataque dos pobos xermánicos, húnicos e eslavos, que acabaron destruíndoa no século VII. As súas ruínas pódense atopar hoxe no distrito de Réka Dévnya, situado a 2,55 km ao nordeste do centro da cidade de Devnya, Bulgaria.

Mapa da diocese de Tracia.

Historia

editar

Época romana

editar

A localidade chamábase orixinariamente Partenópolis (a "cidade das virxes" en grego antigo). No 106 -despois da Segunda guerra Dacia- o emperador Traxano transformouna nunha colonia romana na que estableceu moitos veteranos[1][2] e renomeouna en honor da súa irmá máis vella Ulpia Marciana.[3] O historiador Xordanes do século VI deu a seguinte explicación: unha moza do séquito de Ulpia, que se bañaba no río, deixou caer o vaso de ouro que tiña. Este vaso afundiuse no fondo pero reapareceu flotando máis lonxe. Cando soubo do feito, Traxano supuxo que unha divindade habitaba estas augas e fundou unha cidade na que puxo o nome da súa irmá.[4]

Traxano dotou á cidade de construcións emblemáticas propios da cultura romana como un anfiteatro, que está descuberto.[5] Grazas a este establecemento, Marcianópolis marcou o límite oriental do espallamento da lingua latina, mentres que máis ao leste están as colonias gregas na costa do Mar Negro.[6]

Foi un importante centro estratéxico e formou parte da Tracia romana até 187–193 e logo pertenceu á Moesia inferior

 
Invasións góticas dos Balcáns en 267-269

Durante o século III, a provincia de Moesia estivo ameazada polas incursións dos sármatas e dos godos e a prosperidade de Marcianópolis baixo a dinastía Severa rematou por mor dunha incursión dos godos no 248–249 e polas posteriores invasións bárbaras desde o norte. Marcianópolis foi tomada e destruída polos godos durante o inverno do 250-251[7] e debeu ser por ese tempo cando se soterrou o tesouro de Reka Devnia, descuberto en 1929, preto de Marcianópolis e no que se atoparon 81.044 denarios.[8] No 267, Marcianópolis foi atacada, de novo, polos godos mais, desta volta, Claudio, ao servizo de Galieno, enfrontounos e conseguiu anicalos a costa de numerosas pelexas nas proximidades da cidade.[9][10]

Durante a reorganización das provincias operadas por Diocleciano, a Baixa Moesia divídese en Moesia Secunda, da que Marcianópolis foi a capital, e en Escitia Minor. Durante o século IV, medrou en importancia á conta da súa proximidade con Odessos (Varna) no século IV e foi un importante centro episcopal e, durante o século XX, atopouse unha basílica daquela época nunhas escavacións.

No 328, o emperador Constantino I estableceu a súa base alí para as súas contraofensivas ao norte do Danubio.[11] Igualmente, entre o 367 e o 370, o emperador Valente, utilizou a cidade, a maior da diocese de Tracia,[12][13] como base para a súa campaña contra os godos de Atanarico, aos que conseguiu impor un tratado de paz e volveu a Constantinopla.[14][15] No 376, os godos cruzaron o Danubio en masa, pedindo o cualidade de federados pero foron mal recibidos polos romanos. O encontro en Marcianópolis do seu líder Fritixerno e o conde de Tracia Lupicino levou a nun enfrontamento a poucos quilómetros da cidade e a unha forte derrota das tropas romanas.[16] Os romanos non puideron evitar o saqueo por parte das bandas góticas das provincias de Moesia e Escitia Minor, ata a conclusión dun tratado no 382 (foedus) que concedeu o establecemento dos godos nestas provincias.[17]

No 447, a cidade foi destruída polos hunos dirixidos por Atila, xusto despois da batalla do río Utus.[18]

Época bizantina

editar

O emperador Xustiniano I reconstruiuna e fortificouna mais isto non impediu que, no 587, fose saqueada polo rei dos ávaros para ser, de novo, recuperada polos bizantinos.[19] No 596, serviu como cuartel para o exército bizantino antes de cruzar o Danubio para atacar os ávaros.[20]

Ávaros e eslavos

editar

A pesar dos ataques regulares dos bárbaros, Marcianópolis, seguiu sendo un importante centro até que, no 614-615, foi totalmente destruída por unha incursión dos ávaros, na que participaron os eslavos que se instalaron na rexión na primeira metade do século VII e chamaron Devnya ás ruínas da cidade antiga. Así e todo, continuou mencionándose nos mapas até moito máis tarde.

Despois de mediados do século VII, a conquista da rexión polos protobúlgaros e a fundación do primeiro estado búlgaro, as referencias a Marcianópolis desaparecen das crónicas.

Restos arqueolóxicos

editar

Os restos arqueolóxicos da antiga Marcianópolis inclúen un anfiteatro de cimentacións elipsoidais e radiadas, varias rúas e os mosaicos da "Casa de Antiope", unha vila de finais do século III ou principios do século IV, no Museo do Mosaico de Devnya con algúns mosaicos visibles in situ.[21][22]

No 1986, descubríronse na necrópole dúas estelas funerarias de gladiadores con epitafios escritos en grego, a do secutor Markianus, que loitou dúas veces, e a doutro secutor, Smaragdos, probablemente un pseudónimo de loitador que evoca unha xoia, Smaragdite, -cor esmeralda- morto no seu vixésimo combate.[23]

Numismática

editar

Como noutras cidades de Moesia e Tracia, Marcianópolis tiña un taller monetario provincial[24] emitindo un gran número de moedas de bronce que levaban a efixie dos emperadores reinantes con lendas en grego acompañadas do nome do gobernador da provincia.[25] Algunhas destas moedas emitidas localmente testemuñan a existencia dun templo dedicado a Serapis e unha monumental porta da cidade, en forma de arco triunfal.

  1. Petit 1974, p. 413
  2. Milar (1990), p. 210
  3. Amiano Marcelino, XXVII, 4, 12
  4. Xordanes. "HISTOIRE DES GOTHS". remacle.org (en francés). Consultado o 18 de agosto de 2021. 
  5. Bouley 1994, p. 44
  6. Petit 1974, p. 278
  7. Estiot 2010, p. 570
  8. Moushmov, Nikola A. (1934). Le trésor numismatique de Réka-Devnia (Marcianopolis) (en francés). Sofía: Éditions du Musée National Bulgare. 
  9. Historia Augusta, Claudius, 9
  10. Zósimo, I, 42
  11. Petit 1974, p. 570
  12. Amiano Marcelino, XXVII, 5
  13. Teófanes el Confesor Chronographia, A. M. 5859, 5860, 5861
  14. Amiano Marcelino, Res gestae, XXVII, 5
  15. Petit 1974, pp. 629 e 651
  16. Amiano Marcelino, Res gestae, XXXI, 5
  17. Petit 1974, pp. 651-652
  18. Thompson 1999, pp. 101–102
  19. Teófanes el Confesor, Chronographia, A. M. 6079
  20. Teófanes el Confesor, Chronographia, A. M. 6088
  21. Angelov, Anastas. "MUSEUM OF MOSAICS IN DEVNYA" (PDF). devnia.bg (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de xullo de 2011. Consultado o 14 de agosto de 2021. 
  22. Дамянов, Маргарит (xaneiro de 2008). «История в мозайки» [Unha historia en mosaicos]. National Geographic България (en búlgaro) (София: National Geographic Society) (27): 30-31. ISSN 1312-6571
  23. Bouley 1994, pp. 43-45
  24. Hennin,1830, p. 103
  25. Blanchet 1892, pp. 64-72

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar