Magnetorrecepción

(Redirección desde «Magnetocepción»)

A magnetorrecepción ou magnetocepción é a capacidade que teñen algúns seres vivos de detectar a dirección e sentido do campo magnético, obtendo así información sobre o sentido e latitude. Os primeiros animais nos que se descubriu este sentido foron as pombas mensaxeiras, para as cales é un importante (pero non o único) medio de orientación. Descubriuse logo que tamén o tiñan outras aves, algunhas tartarugas e insectos como as abellas, fungos e até certas bacterias.[1][2]

As liñas do campo magnético terrestre saen do polo norte magnético cara ó polo sur.

Os seres humanos teñen depósitos de materiais magnéticos no óso etmoide do nariz, e hai indicios dunha certa capacidade de magnetorrecepción.[3][4][5]

Suponse que tanto nas pombas mensaxeiras como nas troitas, e en certas bacterias, o sensor consiste nuns cristais de magnetita, (óxido de ferro), conectados con outros orgánulos transdutores aínda non ben comprendidos. As bacterias magnetotáticas e os fungos conteñen órganos chamados magnetosomas que conteñen a magnetita. Nas abellas, a magnetita está embutida nas membrana celular de certos grupos de neuronas e crese que cando se reorienta seguindo o campo magnético terrestre induce correntes que modifican a polarización celular. Os únicos magnetorreceptores demostrados atópanse en varias bacterias e fitoplancto, que conteñen cristais, ora de magnetita, ora de greixita, un sulfuro de ferro que tamén é ferrimagnético.[2]

Máis aló dos cristais magnéticos, postuláronse outros medios polos que os seres vivos perciben os campos magnéticos. As quenllas e as raias, os chamados elasmobranquios, teñen canles no interior do seu corpo que funcionan a xeito de cables eléctricos, e cuxo movemento en principio podería servir para detectar a orientación do campo magnético. Outro mecanismo proposto máis recentemente baséase en reaccións bioquímicas.

A influencia de campos magnéticos en reaccións químicas habitualmente é extremadamente débil. Porén, en moitas reaccións redox fotoquímicas a velocidade de reacción está determinada por procesos de transferencia electrónica; en certos casos particulares, os electróns implicados interaccionan durante certo tempo cos xiros nucleares, e esta interacción pode ser enormemente sensible á orientación do campo magnético. Propuxéronse reaccións de criptocromos, moléculas que se atopan nos ollos dalgúns paxaros migratorios, que poderían servir para este fin.[2]

  1. Pazur, Alexander; Schimek, Christine; Galland, Paul (2007-01-01). "Magnetoreception in microorganisms and fungi". Open Life Sciences 2 (4). ISSN 2391-5412. doi:10.2478/s11535-007-0032-z. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Johnsen, S.; Lohmann, K. J. (2008). "Magnetoreception in animals" (PDF). Physics Today 61 (3): 29–35. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 20 de outubro de 2018. 
  3. "Do humans have a compass in their nose? | The Register". Consultado o 2 de xaneiro de 2008. 
  4. "The Human Compass". Consultado o 2 de xaneiro de 2008. 
  5. Carrubba S, Frilot C, Chesson AL, Marino AA (2007). "Evidence of a nonlinear human magnetic sense". Neuroscience 144 (1): 356–67. PMID 17069982. doi:10.1016/j.neuroscience.2006.08.068.