Mártires de Carral
Coñécense como Mártires de Carral[1] os doce militares sublevados en varios lugares de Galicia en 1846 contra o presidente Narváez que foron executados o 26 de abril na vila coruñesa de Carral.
A revolta
editar- Artigo principal: Revolución galega de 1846.
Sendo raíña de España Isabel II, que contaba daquela con 13 anos de idade, o presidente do Goberno Central, o xeneral Narváez, instaurou unha ditadura que provocou enfrontamentos populares. O 2 de abril de 1846 levantouse en Lugo o batallón mandado polo coronel Miguel Solís, disolvendo o Consello Provincial e a Deputación; outras prazas sumáronse nos días seguintes. O 15 de abril constituíuse en Santiago de Compostela a Xunta Superior do Reino de Galicia, que reclamou as liberdades e dereitos que Narváez abolira e un trato máis xusto para Galicia, que os sublevados consideraban literalmente tratada como "verdadeira colonia da corte".
Unha vez declarada a revolta, Solís dirixiu unha arenga aos seus soldados. Nesta alocución a intención do alzamento atópase claramente expresada no final do discurso:
“ | Gallegos: españoles todos: viva la reina libre, viva la Constitución, fuera estranjeros, abajo el dictador Narvaez, abajo el sistema tributario. | ” |
— Lugo 2 de abril de 1846. El comandante general interino. Miguel Solís y Cuetos, Reseña histórica de los últimos acontecimientos políticos de Galicia, Juan do Porto, 1846.[2] |
O movemento foi un anatema para a Igrexa, que os acusaba de querer establecer unha "República e Convención" como a francesa.[3]
A represión da revolta
editarO goberno[4] enviou tropas baixo o mando do xeneral José Gutiérrez de la Concha para recuperar o territorio. O día 23 de abril comezou a batalla de Cacheiras, na localidade homónima (concretamente o espazo situado entre as casas da Ribeira e a cima de Montouto),[5] entre as tropas de Madrid e as galeguistas de Solís, que foron derrotadas.[6] A gran superioridade das tropas do goberno central fixo inútil a resistencia. As tropas do xeneral De la Concha entraron en Compostela a saqueo e pillaxe, segundo se lles prometera.
Solís refuxiouse nun primeiro momento no Mosteiro de San Martiño Pinario, pero entregouse esa mesma tarde. Foi xulgado tres días despois en Carral, nun xuízo sumarísimo, e condenado a morte xunto cos seus compañeiros sublevados. O medo á reacción dos seus simpatizantes explica que o xuízo tivese lugar en Carral e non en Santiago ou na Coruña.
Ao serán, o coronel Solís foi levado ao adro da igrexa de Paleo, onde foi fusilado. O comandante Víctor Velasco e dez oficiais máis foron pasados polas armas na Fraga do Rei, entre Carral e Paleo, e foron enterrados no día seguinte no cemiterio de Paleo, sen que se escribise sobre as súas tumbas inscrición ningunha. O párroco, que presenciou o fusilamento, na acta de defunción engadiu: "Espectáculo horroroso. Triste Memoria".
Recoñecemento
editarDez anos despois, un novo goberno nomearía como "beneméritos da Patria" aos doce fusilados. As Cortes concedéronlles a "Cruz de valor e constancia" e decretaron a erección dun monumento, que non se levou a cabo ata o ano 1904, cando, por iniciativa da Liga Galega da Coruña, se erixiu o actual, construído no centro de Carral con granito das canteiras do Illó (Barro) e deseñado polo arquitecto lucense Juan Álvarez Mendoza. Pódese ver o escudo de Galicia e unha inscrición que di: "Mártires da liberdade. Mortos o 26 de abril de 1846". Este monumento, aínda que non se poida considerar en si un cruceiro, reúne motivación e formas de tal e, ademais, a estrutura da obra ten forma de cruz. Este recordatorio físico sería escenario de varias homenaxes, como a celebrada o 26 de abril de 1931 e da que se conserva unha fotografía na que se ve a Manuel Lugrís Freire dirixíndose aos asistentes.
Segundo conta Manuel Murguía, nesa curta primavera de 1846 só aflorou durante 24 días de ilusión e progresismo contra o Goberno de Narváez, que a pesar de dicirse liberal e moderado, tiña na súa contra á mediana e pequena burguesía, a moitos universitarios e bastantes profesionais próximos ó republicanismo. Aquela constituíu a primeira xeración galeguista, formada por persoas que confiaban en que se Solís obtiña éxito sería posible mellorar a situación de Galicia cun xeito distinto de facer política, sen ser unha "colonia da Corte", en palabras de Antolín Faraldo.
Notas
editar- ↑ "Carral, fusilamentos de". Diciopedia do século 21 I. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 445.
- ↑ Porto, Juan do (1846). Reseña histórica de los últimos acontecimientos políticos de Galicia (en castelán). Madrid: Imprenta de la Viuda de Burgos. p. 253. Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2021. Consultado o 12 de xaneiro de 2018.[1]
- ↑ Beramendi, Xusto; "Historia mínima de Galicia"
- ↑ Narváez foi Presidente (do Consello de Ministros) de 16 de marzo de 1846 ó 5 de abril de 1846 e Francisco Javier de Istúriz dende o 5 de abril ata o 28 de xaneiro de 1847. Non era a primeira vez que Narváez exercía (e deixaba) a presidencia, e non sería a última: en total houbo 7 gobernos Narváez entre 1844 e 1868.
- ↑ A batalla de Cacheiras Arquivado 03 de maio de 2008 en Wayback Machine., páxina do concello de Teo.
- ↑ López Carreira (2013). Historia de Galicia Arquivado 09 de agosto de 2016 en Wayback Machine., p. 221: "En Cacheiras [...] líbrase unha escaramuza, seguida pola retirada de Solís, que procurou o amparo dos muros de Compostela."
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- "Mártires de Carral". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Barreiro, X. R. (2007). A gran historia de Galicia. Historia política da Galicia contemporánea. 2. De Isabel II á restauración (1833-1874). Tomo XI. La Voz de Galicia. pp. 87–91. ISBN 978-84-96931-00-8.
- Beramendi, X. G. (1991). "La aparición del galleguismo". Historia de Galicia (en castelán) 4. Faro de Vigo. p. 825. ISBN 84-404-9520-X.
- Parrilla García, José Antonio (1984). Breve Historia de Galicia (banda deseñada) . Caixa Galicia. pp. 52–53. ISBN 84-85620-08-9.
- Obelleiro Piñon, Luís (1997). "Idade contemporánea (século XIX)". Historia xeral de Galicia. A Nosa Terra. pp. 327–328. ISBN 84-89138-99-0.
- Tettamancy Gastón, Francisco (1912). Los Mártires de Carral (en castelán). Imprenta y Fotograbado de Ferrer.
- Villares, Ramón (1991). Historia de Galicia. Biblioteca 114 (en castelán) II. El Correo Gallego. pp. 54–55. ISBN 84-85553-15.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- A revolución fallida que mudou o país, culturagalega.org. 4/5/2009.
- López Expósito, Sabela. "As primeiras manifestacións políticas do feito diferencial galego: O Provincialismo"
- "Los mártires de Carral que se alzaron en La Coruña" El Ideal Gallego, 26/10/2015 (en castelán).