Luxor

cidade de Exipto

Luxor (en árabe الأقصر, al-Uqṣur) é unha cidade exipcia na beira leste do Nilo, situada a 670 km ao sur do Cairo. Ten 150.000 habitantes.

Modelo:Xeografía políticaLuxor
الأقصر (ar)
الاقصر (arz)
Ⲡⲁⲡⲉ (cop) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 25°41′48″N 32°38′40″L / 25.6967, 32.6444
EstadoExipto
GobernaciónGobernación de Luxor Editar o valor en Wikidata
Capital de
Poboación
Poboación202.232 (2006) Editar o valor en Wikidata (486,13 hab./km²)
Xeografía
Superficie416 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude89 m Editar o valor en Wikidata
Organización política
Membro de
Identificador descritivo
Código postal85511 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico0952 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Sitio webluxor.gov.eg Editar o valor en Wikidata
O Nilo en Luxor
Aeroporto Internacional de Luxor

A Luxor chámaselle "o museo ao ar libre máis grande do mundo", grazas ás ruínas do complexo de templos de Karnak, o templo de Luxor e os monumentos, templos e tumbas da marxe oeste, que inclúen o Val dos Reis e o Val das Raíñas. Luxor constitúe un punto de partida excelente para visitar o Alto Exipto e é un destino turístico moi popular, tanto en si mesmo como como punto de partida ou final de cruceiros polo Nilo.

A Luxor moderna creceu a partir das ruínas de Tebas, antiga capital do Imperio Novo (1550-1069 a.C.). A súa riqueza, tanto arquitectónica como cultural, fan dela a cidade máis monumental das que albergan vestixios da antiga civilización exipcia. O Nilo separa Luxor en dúas partes: a marxe oriental, outrora consagrada aos vivos, onde encontramos os vestixios dos máis importantes templos consagrados aos deuses da mitoloxía exipcia, e a marxe occidental, consagrada aos mortos, onde se localizan algunhas das máis importantes necrópoles do antigo Exipto, segundas en importancia en relación ás existentes no planalto de Gizé, no Cairo, e onde foron feitos algúns dos achados arqueolóxicos máis significativos da antiga civilización, especialmente o túmulo de Tutankhamon, descuberto en 1922 polo célebre arqueólogo e exiptólogo inglés Howard Carter.

O nome actual procede do árabe El-Uqsur, "os alcázares", que á súa vez vén do latín castra, "campamentos" e débese aos dous campamentos militares construídos polos romanos. En lingua exipcia coñecíase como Waset, designación tamén do nomo, ou Niut ("a cidade"). Os gregos chamárona tamén Dióspolis Magna.

Historia

editar

Waset era para os exipcios dos II e I Milenios a.C. "a cidade" por excelencia. Para os seus visitantes, a cidade era case o centro do mundo coñecido. O distrito palaciano, Deba (alterado posteriormente polos gregos en Thebai), gozaba dun luxo inusitado e sen precedentes, de autoridade imperial, coñecementos e sabedoría, supremacía relixiosa e política, traballos artísticos e planos grandiosos. Algúns destes non chegaron a realizarse, como o obelisco de ouro de Hatshepsut. Fíxose sinónimo de riquezas extravagantes, amasadas probabelmente polos faraóns do Imperio Novo nas súas expedicións ao sur nos amplos territorios de Kush (no norte do actual Sudán) e ao norte, e en Palestina, Fenicia e Siria. Boa parte das áreas palacianas e residencias da cidade aínda non foron escavadas. N'A Ilíada de Homero o cualificativo é "Tebas, a das cen portas" e cóntase que cen carros podían pasar simultaneamente por cada unha delas e que as súas riquezas só as superaban en número os graos de area dos arredores. A cidade estaba baixo a advocación da tríade de deuses Amón, Mut e Khonsu

Na época dos faraóns menfitas, Tebas era unha vila pequena xa relacionada cun misterioso deus Amón, mais especialmente co deus da guerra Montu, cuxos templos marcaban os límites do territorio da cidade. Tebas ascendeu politicamente a mediados do II Milenio, coa X dinastía grazas aos seus éxitos militares. Durante a XI dinastía, Mentuhotep I logrou reunificar o Alto e o Baixo Exipto, desde a desembocadura do Nilo até Elefantina, na Primeira Catarata. Durante a XII dinastía, Temas dominou todo o curso inferior do Nilo a partir da Segunda Catarata.

Cando os hicsos tomaron o poder en Exipto, realmente non lograron controlar o val do Nilo e Tebas mantivo a súa autonomía e influencia sobre os principados limítrofes. As catro dinastías de faraóns posteriores (da XVII á XX, o Imperio Novo), expulsaron definitivamente aos hicsos de Exipto, iniciaron unha decidida política expansionista cara ao norte e cara ao sur e colocaron a Tebas no control do país. Durante estes seis séculos a cidade atinxiu un esplendor inigualábel. Ademais dos botíns de guerra, comerciábase co Golfo Pérsico a través da ruta de Coptos, coa África intertropical ao sur e probabelmente co Sáhara seguindo as rutas dos oasis do deserto.

Ramsés II e os seus sucesores tiveron que fortalecer as cidades do delta, máis expostas a invasións, o que propiciou co tempo a aparición de dinastías novas, que acabaron dominando o país, como as procedentes das cidades de Tais, Bubastis e Sais entre a XXI e a XXIV dinastías.

A XXV dinastía era de orixe etíope e, aínda que lle concederon a Tebas un papel relevante, xa Exipto perdera para sempre a súa autonomía. Os asirios invadírono en 672 a.C., Tebas foi saqueada por Assarhaddon e máis tarde por Assurbanipal.

A comezos da época romana (século I a.C.) xa só ficaban as grandiosas ruínas, visitadas xa daquela (por Xermánico, entre outros). Cando o emperador romano Teodosio publicou o seu edito, clausurando definitivamente todos os templos pagáns, os de Tebas foron espoliados polos cristiáns, que aproveitaron para decorar as súas igrexas. Curiosamente, moitos relevos teñen chegado até hoxe grazas ás capas de xeso coas que foron censuradas o que os cristián consideraban imaxes sacrílegas.

O Luxor moderno

editar
 
Templo de Karnak
 
Templo de Luxor
 
Globos aerostáticos sobre Luxor
 
Templo mortuorio da Raíña Hatshepshut

Na marxe oriental encóntranse:

  • O Templo de Karnak, o maior dos templos do antigo Exipto cuxos vestixios chegaran até nós, foi dedicado á tríade tebana divina de Amon, Mut e Khonshu, e foi sucesivamente aumentado polos diversos faraóns, levando mais de mil anos a súa construción. Constitúe unha mestura de varios templos fundidos nun só. O elemento máis destacado é a Gran Sala Hipóstila, cuxo teito estaba soportado por 134 enormes columnas, aínda actualmente existentes, e consideradas como as maiores do mundo.
  • O Templo de Luxor foi iniciado na época de Amenhotep III e só foi acabado no período musulmán. É o único monumento exipcio que contén en si mesmo documentos das épocas faraónica, greco-romana, copta e islámica, con nichos e frescos coptos e até unha mesquita (Abu al-Haggag).
  • O Museo de Luxor é un belo e interesante museo aínda que pequeno. Foi inaugurado polo expresidente francés Valéry Giscard d'Estaing en 1974. Posúe unha importante colección de todas as épocas do Exipto Antigo. Unha sala aberta recentemente [cando?] contén os últimos descubrimentos arqueolóxicas do Templo de Luxor.
  • No ano 2007 o Consello Supremo de Antigüidades comunicou o descubrimento da presa máis antiga de Exipto, preto do Templo de Karnak, ao que protexería das crecidas do río Nilo.[1]

Na marxe occidental encóntranse:

  • O Val dos Reis, principal necrópole real do Imperio Novo do antigo Exipto, posúe 62 túmulos dos faraóns dese período. Aínda hoxe se continúan a retirar xoias dos túmulos dos fillos de Ramsés II. Os túmulos existentes desígnanse polas siglas KV (Kings Valley, "Val dos Reis" en inglés) seguidas dun número, sendo este atribuído consonte a orde cronolóxica do descubrimento de cada túmulo. En total existen 62 túmulos, sendo o máis afamado precisamente o número 62, o do faraón Tutankhamon, máis polo achado que pola a súa relevancia histórica. En 1994 os arqueólogos comezaron a escavar o túmulo KV5, considerado pouco importante até entón. Encontrouse o túmulo maior e máis complexo do Val dos Reis. Xúlgase ter encontrado o túmulo dos 52 fillos de Ramsés II. Até agora foron descubertos unha sala con 16 columnas, varios corredores e máis de 100 cámaras. A pesar de non teren sido encontrados tesouros, foron recuperados dos entullos millares de obxectos. Os traballos arqueolóxicos, aínda lonxe do fin, prolongaranse por varios anos antes de abrir o túmulo ao público.
  • O Val das Raíñas, onde destacan os túmulos do Príncipe Amenkhepchef e o da Raíña esposa de Ramsés II. Este último foi aberto ao público en 1995. Porén, a entrada neste túmulo está actualmente vedada ao público para conservación dos xeróglifos, recentemente restaurados. Este túmulo dispón dalgúns dos xeróglifos exipcios mellor conservados e máis coloridos.
  • O Templo mortuorio da Raíña Hatshepshut ten un estilo arquitectónico único. Foi proxectado e construído por Senenmut, arquitecto da Raíña Hatshepsut. Esta Raíña da XVIII dinastía gobernou como un auténtico faraón, sendo considerada a primeira muller xefe de goberno da historia. Este templo constitúe unha visión impresionante, estando tallado parcialmente na rocha, e a visión do mesmo fúndese na grandeza da encosta calcárea que lle serve de apoio. O templo foi posteriormente alterado por Ramsés II e polos seus sucesores, e máis tarde os cristiáns transformárono nun mosteiro (de aí o nome Deir al-Bahri, que significa "Mosteiro do Norte"). Próximo ao templo principal sitúanse as ruínas do Templo de Montuhotep II, faraón da XI dinastía que unificou Exipto, e o templo de Thutmose III, sucesor da raíña Hatshepsut.
  • O Val dos Nobres contén varios túmulos, cuxas paredes están decoradas con escenas da vida cotiá. As mais famosas son as dos túmulos de Ramose, de Najt e de Mena.
  • O Templo de Medinet Habu, como o Templo de Karnak, estça formado por varios templos, comezando polo de Ramsés III.
  • O Rameseum, templo memorial de Ramsés II.
  • Deir al-Madinah, a aldea dos traballadores.
  • Os Colosos de Memnon, templo memorial de Amenofis III.

O 17 de novembro de 1998, terroristas islámicos da Al-Gama'a al-Islamiyya masacraron 58 turistas estranxeiros e catro exipcios na marxe occidental no exterior do Templo de Hatshepsut (e foron eles mesmos mortos pola policia). A industria turística exipcia resentiuse deste ataque.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar