Lobo

especie de cánido
(Redirección desde «Lobo gris»)

O lobo[3] (Canis lupus) é o maior membro en liberdade pertencente á familia dos cánidos. É un supervivente da idade de xeo orixinada durante o Plistoceno superior, hai uns 300.000 anos.[4] A súa secuencia de ADN e máis os estudos sobre deriva xenética indican que o lobo comparte un devanceiro común co can doméstico (Canis lupus familiaris), sendo o seu parente máis achegado,[5] malia ser esta afirmación rexeitada por algúns expertos, que sinalan grandes diferenzas no tocante á súa morfoloxía e comportamento. En liberdade foron identificadas un gran número de subespecies de lobo, aínda que o seu número exacto segue a ser un tema de debate. Os lobos son tipicamente superdepredadores nos ecosistemas nos que moran. Malia non seren tan adaptábeis como o son algúns dos seus parentes cánidos, os lobos lograron prosperar en fragas temperadas, desertos, montañas, tundra, taiga, pradeiras, e incluso zonas urbanas ou intensamente humanizadas,[6] como é o caso de Galicia.

Lobo
Rango fósil: Plistoceno–Actualidade

Canis lupus lupus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Canidae
Subfamilia: Caninae
Tribo: Canini
Xénero: Canis
Especie: C. lupus
Nome binomial
Canis lupus
Linnaeus, 1758 [2]
Distribución. Verde, actual; vermello, antiga.
Distribución. Verde, actual; vermello, antiga.

Distribución. Verde, actual; vermello, antiga.
Subespecies

39 ssp., ver subespecies de lobo

Lobo.

Tendo sido abondoso noutras épocas ao correr de Europa, Asia e Norteamérica, na actualidade a distribución do lobo no mundo minguou notabelmente por mor da destrución dos seus hábitats e da persecución sufrida polo ser humano. A pesar desta persecución, o estado do lobo no mundo é considerado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) como pouco preocupante. A día de hoxe, os lobos son unha especie protexida en moitos lugares, aínda que segue a ser cazada como especie cinexética ou daniña noutros.

Nalgunhas culturas, como a galega, o lobo está moi presente na súa etnografía, debido ao vencello que une á presenza do lobo nas áreas rurais nas que até hai pouco vivía a meirande parte da poboación galega. A especie de lobo que habita en Galicia é o lobo ibérico.

Canis lupus

editar

O lobo habita en Galicia; atópase tamén en case toda Europa e Asia, así como en América do Norte.

Un lobo adulto pode chegar a medir 1,6 m de longo (incluíndo o rabo) e pode pesar ata 80 kg. A cor da pelaxe adoita ser negra, marrón e agrisada polo lombo e branca no peito. Os lobos que habitan preto do ártico adoitan ser completamente brancos. Todos os lobos posúen uns dentes moi poderosos, cola peluda, pupilas redondas e un potente olfacto. O lobo pode habitar en áreas moi distintas, pradeiras, bosques e tundras, pero nunca en montañas moi elevadas.

Canis rufus

editar

O Canis rufus habitaba antes na metade leste de Norteamérica, mais hoxe vive só en parques naturais de Carolina do Norte e Carolina do Sur, onde foi reintroducido despois dun programa de crianza controlada ao extinguirse na natureza. Esta especie é un pouco máis pequena que o canis lupus e a súa pelaxe ten uns tons máis escuros e avermellados.

Hábitos alimenticios

editar

Os lobos aliméntanse principalmente de ungulados de medio e gran tamaño, incluíndo ovellas, cabras, rebezos, porcos, cervos, corzos, antílopes, renos, cabalos, alces, iaks e bisontes. Outras presas inclúen mamíferos mariños, como as focas[7] e baleas varadas.[8] O canibalismo entre os lobos foi documentado en tempos de escaseza de alimentos.[9] Os lobos solitarios dependen máis de animais pequenos que poidan cazar chimpando enriba deles, suxeitándoos coas súas poutas dianteiras, malia documentárense casos de lobos solitarios que cazaron animais de gran tamaño sen axuda ningunha.[10] Algunhas mandas de Alasca e do oeste do Canadá víronse alimentándose de salmón.[11][12]

Tamén cazan roedores, paxaros e outros pequenos animais. Un só lobo pode comer entre 3,2-3,5 quilos de comida dunha vez, aínda que poden chegar a comer 13–15 kg cando están moi esfameados.[13] O alimento anual requirido é de ao redor de 1,5 toneladas de carne.[13] Os lobos poden sobrevivir longos períodos sen probar ren. O caso extremo amosouno un rexistro ruso que afirmou que un exemplar sobreviviu 17 días sen alimento.[14] Hai estudos que demostran que dúas semanas sen alimento non debilitan a actividade muscular do lobo.[13] Despois de comer, os lobos inxiren copiosas cantidades de auga co fin de previr problemas urémicos.[14] O estómago dun lobo pode albergar 7,5 litros de auga.[13]

 
Lobos acurralando un bisonte.

Os lobos evitarán unha presa potencial que non se axuste ao que experimentaron durante as súas vidas. Xeralmente canta maior discrepancia haxa respecto do que están afeitos, maior será a súa reticencia a exploralo. O devandito comportamento intensifícase se a nova présa actúa con valentía, de forma asertiva e sen temor. Porén, mesmo cando non hai escaseza de alimento, os lobos explorarán unha presa alternativa se interactúan con frecuencia e se habitúan un ao outro.[15] As mandas amosan pouca estratexia de cooperación ao cazar, a diferenza dos leóns, aínda que parellas de lobos mostraron un comportamento estratéxico cando atacan presas de gran tamaño.[10] Ao cazar presas grandes, normalmente intentarán ocultarse a medida que se aproximan ao animal elixido. Por norma xeral, agardarán a que a presa paste, momento no cal está distraída. Non gustan de longas persecucións, deténdose tras unha persecución de 10-180 metros, aínda que hai casos documentados de seguimentos de máis de 36 km.[13] Usualmente os lobos adoitan matar ás presas grandes lanzándose sobre a zona traseira e a área do perineo, provocando un desangramento.[13] En ocasións, atacan á gorxa, danando severamente a xugular e a traquea.[16]

Unha única trabada pode causar unha fenda de entre 10–15 cm de lonxitude. Un gran cervo que goce dunha óptima saúde sucumbirá en tres trabadas na zona do perineo despois de sufrir unha persecución de 150 metros. Unha vez que a presa se esboroa, os lobos abrirán a cavidade abdominal e comezarán a devorar ao animal, ás veces cando a presa se atopa aínda viva.[13] Nalgunhas ocasións non acosarán á presa, senón que agardarán a que morra por mor das feridas para comezar a alimentarse.[17] O status da manda refórzase durante a alimentación. A parella reprodutora adoita comer primeiro, comezando polo corazón, fígado e mais pulmóns. Os lobos dun rango intermedio previrán aos lobos de status inferior a que se absteñan de alimentarse ata que a parella dominante non remate.[18] Comen o estómago, deixando o contido intacto. Os músculos das coxas son os seguintes, sendo os ósos o derradeiro en ser comido.[10] Existen excepcións, documentándose a preferencia dalgunhas mandas polos depósitos de graxa da presa por riba dos órganos internos.[19]

 
Lobos comendo un cervo

Malia amosar que os lobos adoitan alimentarse de animais enfermos,[20] existen poucas evidencias que amosen que se limitan a esa clase de brancos. Máis ao contrario, a evidencia asevera que os lobos se centrarán nas opcións máis accesibles e máis válidas. Deste xeito, aínda que se supón que animais enfermos sexan presas potenciais, tamén inclúe a animais novos e femias preñadas.[13] As investigacións levadas a cabo pola antiga URSS amosaron que, nalgúns casos, o 93% de tódalas presas se atopan en bo estado de saúde, sen ningún tipo de enfermidade ou incapacidade.[13] En Nenetsia observouse que os lobos seleccionaban renos domesticados encinta antes que exemplares enfermos, e algúns estudos mostran que sorteaban aos animais convalecentes por preferiren exemplares sans.[13]

Porén, os animais en forma non fuxirán do ataque dos lobos, senón que elixirán ficar na súa posición, medrando así a posibilidade de danar aos atacantes. Os lobos adoitan recuar cando se enfrontan a unha presa valente. Usualmente son ineficientes dando caza a presas de grande tamaño, con taxas de éxito do 20%, o cal é debido, en parte, polo grande tamaño e mailas capacidades defensivas da súa presa.[21] Nalgunha ocasión observouse como os lobos se adican a cazar para teren un excedente. Un exemplo disto foi documentado polo Conservation Officer for the Minnesota Department of Natural Resources, que declarou que durante unha treboada de neve primaveral, dous lobos mataron 21 cervos, consumindo só dous.[22] A caza excedentaria acontece nos meses invernais, cando a densa neve impide o movemento das presas de gran tamaño.[13] En ocasións atacan a ungulados preñados para alimentarse do feto, deixando á nai intacta.[23] Ocasionalmente complementan a súa dieta con vexetación. Nalgunhas zonas da antiga URSS documentáronse danos que os lobos causaran a plantacións de sandía.[13]

Reprodución e sociabilidade

editar

O tobo dun lobo pode ser unha cova, un tronco dunha árbore oca, unha zona de vexetación espesa ou un burato na terra feito por el. A reprodución dos lobos ocorre na primavera, pero aparéanse no inverno. A femia prepara a gorida para parir a súa camada, que adoita estar entre un e once lobetos. Os pais coidan as crías durante un ano, e estes constitúen un grupo que se establece nunha zona e a defende, marcando o seu territorio con excrementos e ouriños. Nalgunhas ocasións (sobre todo no inverno) os lobos forman grupos máis numerosos, de varias familias; é o que se chama unha manda, aínda que esta non adoita ter máis de dez membros.

Os lobos teñen unha estrutura social moi xerarquizada, amosan modelos de comportamento para informar da súa posición social de dominio ou submisión. Cada manda está liderada por un macho que copula coa femia dominante.

O ouveo do lobo é moi característico, e escoitase máis durante o inverno, cando se aparean. O seu ouveo serve para se manter en contacto cos distintos membros da manda, delimitar territorio e para advertir a presenza de mandas "estranxeiras" no seu territorio.

En perigo

editar

O lobo é unha especie en perigo de extinción; aínda que nos últimos anos se recuperou un pouco, segue a estar ameazada. As batidas, a delimitación do seu espazo pola construción de estradas, os atropelos e a escaseza dos seus alimentos son as causas principais.[Cómpre referencia]

Subespecies do lobo

editar
 
Distribución antiga (vermello) e actual (verde) do lobo no mundo.
 
Distribución actual do lobo no mundo.
 
Lobo ibérico (Canis lupus signatus).

Os lobos (Canis lupus) son aínda, malia a persecución da que foron obxecto, os cánidos coa distribución máis ampla. Estes mamíferos espállanse ao longo de toda Eurasia e Norteamérica, e foron introducidos en Australia. O seu hábitat varía dende os xeos de Groenlandia aos desertos de Arabia ou as selvas da India. Tan vasta distribución permitiu a aparición de distintas subespecies, que se diferencian no tamaño, cor e lonxitude da pelaxe ou proporcións do fociño ou as orellas. Describíronse máis de 50 subespecies de lobo. Porén, revisións posteriores foron condensando a lista de subespecies, reducíndoas nalgún caso ata 13 (unha cifra máis realista), 15 se se inclúen ao can e ao dingo e 17 contando dúas subespecies recentemente extinguidas (ver mapa).

O can considérase unha subespecie doméstica do lobo baixo o nome de Canis lupus familiaris, malia as múltiples formas domésticas existentes. Aquí dáse unha curta descrición das subespecies salvaxes e o seu estado actual:

Lobos de Europa, Asia e Oceanía

editar
 
Lobos nun billete de 5 rublos belarusos
  • Lobo europeo (Canis lupus lupus): O lobo máis típico, de tamaño medio e pelaxe agrisada e escura. Habita nos bosques de Europa e Rusia, aínda que desapareceu de moitos lugares onde habitaba antigamente. En ocasións divídese en varias subespecies:
  • Lobo ibérico (Canis lupus signatus): Outrora presente en toda a Península Ibérica, estivo a piques de extinguirse nos anos 70, aínda que puido ser salvado grazas ao labor de varios naturalistas e divulgadores, como Félix Rodríguez de la Fuente. Hoxe é un animal protexido e atópase en expansión: tense noticia de que as poboacións asentadas en Castela e León están avanzando cara Estremadura, Madrid e Guadalaxara. As poboacións andaluzas tiveron menos sorte e parece que os derradeiros lobos de Serra Morena desapareceron nos últimos anos. Abunda ao noroeste da Península, especialmente en Galicia. O tamaño é medio, algo máis pequeno que outros lobos europeos, cunha cor parda-agrisada e manchas negras nos pés (de aí o nome signatus).
  • Lobo levantino (Canis lupus deitanus): Do mesmo xeito que o lobo ibérico, foi nomeada por Cabrera en 1907, pero neste caso sempre houbo moitas dúbidas da súa autenticidade, pois foi descrito a partir de varios animais que estaban cativos en Murcia e non se observaron en estado salvaxe. Os lobos levantinos eran bastante máis pequenos que os ibéricos, de pelo avermellado e curto. Probablemente os exemplares de Cabrera fosen só individuos aberrantes de lobo ibérico. En calquera caso, non se ten noticias deles dende comezos do século XX.
  • Lobo italiano (Canis lupus italicus): De aspecto intermedio entre o lobo ibérico e o típico de Europa central e do leste, estivo próximo á extinción, illado en distintas zonas protexidas dos Montes Apeninos pero a súa poboación aumentou nas últimas décadas.
  • Lobo romanés (Canis lupus minor): Presente en Europa central é hoxe en día bastante escaso, aínda que segue estando ben representado nos Balcáns.
  • Lobo ruso (Canis lupus communis): O máis abondoso dos lobos europeos e o de máis ampla distribución, presente en Europa do leste e Rusia, así como no sur de Siberia ata o océano Pacífico.
  • Lobo da tundra asiático (Canis lupus albus): Lobo de gran tamaño e pelo longo e claro, co que fai fronte ao clima frío das tundras eurasiáticas, dende Finlandia ao estreito de Bering e Kamchatka. A súa distribución superponse ocasionalmente coa do lobo ruso, aínda que non frecuenta tanto os bosques coma este.
  • Lobo estepario (Canis lupus campestris): En ocasións divídese en dúas variedades, desertorum e cubanensis (aínda que esta se considera outras veces como variedade do lobo tibetano). En ambos casos, trátase de lobos pequenos pero robustos, de pelo gris curto, adaptados á vida nas estepas e desertos de Rusia meridional e Asia central.
  • Lobo tibetano (Canis lupus laniger): De tamaño medio a grande, esta subespecie non defende un territorio como as outras, senón que leva unha vida nómade. O pelo é hirsuto, cunha coloración que vai do pardo a agrisado e negro. Habita nos desertos fríos da China, Mongolia e manchuria.
  • Lobo árabe (Canis lupus arabs): Lobo pequeno (só 66 cm na cruz) e delgado, de orellas máis desenvolvidas que os demais e pelaxe moi curta, de cor agrisada a amarelenta, máis escura no dorso. Lembra vagamente a un chacal. Habita nas zonas menos extremas do suroeste da península Arábiga, por onde vaga en pequenos grupos.
  • Lobo indio (Canis lupus pallipes): Semellante ao lobo árabe, tamén de orellas desenvolvidas e pelo curto, aínda que máis escuro e de tamaño maior. Crese que foi un dos primeiros lobos domesticados e "pai" de varias razas de cans asiáticos actuais. Difundido dende o Irán á India central, hoxe está en franca regresión debido á caza e a mestizaxe con cans asilvestrados.
  • Lobo de Hokkaido (Canis lupus hattai = Canis lupus rex): Raza de lobo difundida antigamente na illa xaponesa de Hokkaido e talvez na illa de Sakhalin, de tamaño medio e pelo pardo claro a gris-esbrancuxado. Considérase extinta na actualidade.
 
Dingo.
  • Dingo (Canis lupus dingo): Debido ao seu illamento reprodutivo respecto de calquera raza de cans domésticos dende que foi introducido en Australia fai 3.500 anos, o dingo considérase unha subespecie de lobo á parte. Semellante na cabeza e proporcións aos cans do sueste asiático, aínda que máis grande e robusto, habita en pequenos grupos en toda Australia, onde se alimenta preferentemente de canguros e (dende o século XIX) de ovellas que rouba nas granxas, o que lle fixo impopular e polo que foi perseguido noutros tempos.
  • Lobo de Honshu (Canis lupus hodophilax): Pequeno lobo de cor parda que habitaba en zonas montañosas das illas xaponesas de Honshu, Shikoku e Kyūshū. As orellas e o fociño curto fano semellante a un can da raza Akita Inu, o seu probable descendente doméstico. Tradicionalmente considerado como un deus protector pola relixión xintoísta, foi tolerado e alimentado dende a antigüidade polos campesiños xaponeses, polo que esta subespecie se volveu bastante dócil co tempo. Todo cambiou coa chegada da Era Meiji, que considerou este animal como un perigo para as novas granxas e plantacións ao estilo occidental que se construíron durante a modernización do país. A caza e o corte masivo de bosques levouno ao bordo da extinción. Unha epidemia de rabia deulle o golpe de graza en 1905.
  • Can cantor de Nova Guinea (Canis lupus hallstromi): É un parente do Dingo australiano nativo de Nova Guinea. Permaneceu illado dos outros cánidos durante polo menos 6.000 anos, converténdose posiblemente no máis antigo dos cans paria. É único na súa habilidade para ouvear de forma similar ao lobo, pero ao contrario que este, o Canis hallstromi é capaz de modular o ton, de forma que parece cantar cando ouvea, polo que lle vén o nome. O seu aspecto é semellante ao do raposo, cunha dobre pelaxe que varía en cor do vermello ao marrón, e ten unhas caracteristicamente moas carniceiras. Os adultos son duns 36 a 46 centímetros:cm de alto, e pesan de 8 a 14 quilogramos.

Lobos de América

editar
  • Lobo de tundra americano (Canis lupus tundrarum): De gran tamaño e cor clara, moi semellante ao lobo de tundra asiático, pero de pelo máis curto. Habita nas tundras do norte de Alasca.
 
Lobo de Alasca
 
Lobo Ártico.
  • Lobo de Alasca (Canis lupus pambasileus): Espallado polos bosques de Alasca e o noroeste do Canadá, de cor gris, case negro no dorso e fronte, similar a un can de raza Husky. Actualmente, é o lobo máis grande de América e probablemente do mundo.
  • Lobo xigante de Kenai (Canis lupus alces`): Gran lobo, maior que calquera das subespecies vivas na actualidade, que habitaba na Península de Kenai, ao sur de Alasca. O nome deste lobo provén da súa presa máis frecuente, o alce (Alces alces). Foi cazado ata a súa extinción en 1935.
  • Lobo do Mackenzie (Canis lupus occidentalis): Outro lobo de gran tamaño de cor variable entre o negro e o gris esbrancuxado. Foi descuberto no val do Río Mackenzie, de onde recibiu o nome. A súa área de distribución espállase dende o Océano Glacial Ártico ata o norte de Alberta.
  • Lobo da Baía de Hudson (Canis lupus hudsonicus): Lobo de tamaño medio e pelaxe longa e clara, nómade. Desprázase seguindo as migracións de caribús e pódeselle atopar en Alasca, Canadá e oeste de Estados Unidos. Confúndese en ocasións co lobo de tundra americano.
  • Lobo de Bernard (Canis lupus bernardi): Lobo de pelo longo esbrancuxado, pardo no lombo e cunha raia negra ao longo do dorso. Antigamente difundido no arquipélago Vitoria, extinguiuse como consecuencia da caza en 1952.
  • Lobo de Baffin (Canis lupus manningi): O máis pequeno dos lobos árticos, non recoñecido como subespecie independente ata 1943. Habita na illa de Baffin e outras illas menores adxacentes.
  • Lobo Ártico (Canis lupus arctos): Rivaliza en tamaño co lobo de Alasca. Presenta unha capa de pelo longo e totalmente branca, en ocasións rota por unha leve tonalidade agrisada no dorso. Habita nas illas máis septentrionales e banquisas de xeo do ártico canadense.
    • Lobo de Groenlandia (Canis lupus orion): Subespecie de dubidosa identidade, outrora difundida ao noroeste de Groenlandia. Moitos biólogos considérana unha variedade do lobo ártico. Actualmente extinta ou próxima á extinción.
  • Lobo de Labrador (Canis lupus labradorius): Lobo de coloración gris en todo o corpo, salpicada de branco nalgúns exemplares. Habita na Península do Labrador e norte de Québec.
  • Lobo do leste dos EEUU (Canis lupus lycaon): Lobo de tamaño medio e coloración variable, antigamente presente ao leste de Norteamérica, desde o sueste do Canadá a Florida, aínda que hoxe descendeu moito debido á presión humana. Esta especie foi a primeira que se describiu en América do Norte (1775) e algúns autores considérana unha especie diferente, Canis lycaon.
  • Lobo de Manitoba (Canis lupus griseoalbus): Probablemente extinto, aínda que ás veces se producen avistamentos. Antes difundido en Manitoba central e o norte de Saskatchewan.
  • Lobo de pradeira (Canis lupus nubilus): Lobo de tamaño medio e pelo de cor parda clara, tinguido de gris na cabeza e dorso, que usaba para camuflarse entre as herbas das grandes chairas dos Estados Unidos de América, dende o sur de Manitoba e Saskatchewan ao norte de Texas. Considérase extinto desde 1925, aínda que existe a posibilidade de que queden algúns individuos en áreas remotas do estado de Minnesota.
  • Lobo texano (Canis lupus monstrabilis): Lobo de pequeno tamaño e pelo escuro, aínda que algúns exemplares presentaban ocasionalmente coloración branca. Antigamente difundido ao oeste de Texas e Novo México, extinguiuse en 1942.
 
Lobo mexicano
  • Lobo mexicano (Canis lupus baileyi): Comunmente chamado Coyote, único lobo presente nas terras altas mexicanas, chegando polo norte ata Novo México e Arizona, típico dos bosques de folla perenne da zona. O manto de pelo é claro nas patas e a parte inferior do corpo, e escuro en dorso e fronte. No pescozo hai unha banda de pelo claro e máis longo. Na actualidade sobreviven pouco máis de 600 exemplares en zonas protexidas e parques zoolóxicos.
  • Lobo mogollón (Canis lupus mogollonensis): Chamado así polos indios mogollón de Arizona e Novo México, en cuxas terras habitaba. De pelaxe normalmente escuro, extinguiuse en 1935.
  • Lobo do sur das Montañas Rochosas (Canis lupus youngi): De pelo claro, tamén se extinguiu cara 1935. Atopábase difundido en Utah, Arizona, Novo México, Colorado e Wyoming.
  • Lobo do norte das Montañas Rochosas (Canis lupus irremotus): Outrora distribuído nas Rochosas e o sur de Alberta, considérase extinto na actualidade, aínda que en ocasións se producen avistamentos en Montana.
  • Lobo das Montañas Cascade (Canis lupus fuscus): De pelaxe marrón escuro salpicado de negro, extinto cara 1940. Antes atopábase ao longo da costa do Pacífico, dende o suroeste do Canadá ata o norte de California.
  • Lobo de Vancúver (Canis lupus crassodon): Lobo de coloración gris-negra salpicada ocasionalmente de marrón, e tamaño medio. Atópase na illa canadense de Vancúver.
  • Lobo do Arquipélago Alexander (Canis lupus ligoni): Lobo pequeno de pelo curto e escuro (xeralmente negro), natural das illas do Arquipélago Alexander, no extremo sueste de Alasca.
  • Lobo da Columbia Británica (Canis lupus columbianus): Lobo de gran tamaño e pelo longo, de cor marrón escuro ou negro. Hoxe en día extinto, antigamente estaba presente na Columbia Británica, Alberta e o curso do Yukón.
  1. Mech, L.D., Boitani, L. (IUCN SSC Wolf Specialist Group) (2010). "Canis lupus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2011.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Linnæus, Carl (1758). Laurentius Salvius, ed. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I (en latín) (10 ed.). Holmiæ (Estocolmo). pp. 39–40. Consultado o 23 de novembro de 2012. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lobo.
  4. Nowak, R. 1992. Wolves: The great travelers of evolution. International Wolf 2(4):3 - 7.
  5. Lindblad-Toh, K; et al. (2005). "Genome sequence, comparative analysis and haplotype structure of the domestic dog". Nature 438: 803–819. doi:10.1038/nature04338. 
  6. Wolves: From Brink of Extinction to the Edge of the City
  7. Rumyantsev, V. D. and L. S. Khuraskin. 1978. New data on the mortality of the Caspian seal due to wolves. Page 187 in Congress of the All-Union Theriological Society, 2nd (P. A. Panteleev, et. al. eds.). Nauka, Moscow, Unión Soviética. ZR 116(19):5669
  8. a b c Walker, Brett L. (2005). The Lost Wolves Of Japan, pp.331. ISBN 0-295-98492-9."
  9. "When Biologists Stocked Alaska with Wolves, Alaska Science Forum, 5 de febreiro de 2004". Arquivado dende o orixinal o 31 de decembro de 2008. Consultado o 02 de decembro de 2008. 
  10. 10,0 10,1 10,2 a b c d e f g h i j k l m n o p q L. David Mech & Luigi Boitani (2001). Wolves: Behaviour, Ecology and Conservation, p 448. ISBN 0-226-51696-2.
  11. Alaska’s Salmon-Eating Wolves
  12. Wolves prefer fishing to hunting
  13. 13,00 13,01 13,02 13,03 13,04 13,05 13,06 13,07 13,08 13,09 13,10 13,11 Graves, Will (2007). Wolves in Russia: Anxiety throughout the ages, pp.222. ISBN 1-55059-332-3.
  14. 14,0 14,1 a b c d e f g h i j k Lopez, Barry (1978). Of wolves and men, pp.320. ISBN 0-7432-4936-4
  15. a b "When do Wolves Become Dangerous to Humans?" (PDF). Valerius Geist, Professor Emeritus of Environmental Science, The University of Calgary, Calgary, Alberta, Canada. Consultado o 30 de setembro de 2008.
  16. Abundant Wildlife Society of North America (ed.). "Wolf Predation on Sheep in Alaska". Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2008. Consultado o 2008-07-10. 
  17. a b c d e "The Wolf: Myth, Legend and Misconception". Abundant Wildlife Society of North America. Consultado o 10 de xullo de 2008
  18. a b c Shaun Ellis. (2007). A Man Among Wolves [DVD]. National Geographic.
  19. Wolf Crossing (ed.). "Statement by Valerius Geist pertaining to the death of Kenton Carnegie, Part II" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de setembro de 2008. Consultado o 2008-08-29. 
  20. a b "Gray Wolf Biology and Status". Wolf Basics (marzo de 2005). Consultado o 23 de agosto de 2006.
  21. Science Daily, ed. (31 de agosto de 2007). "Wolves Find Happy Hunting Grounds In Yellowstone National Park". Consultado o 2007-09-17. 
  22. Abundant Wildlife Society of North America (ed.). "Wolves and Hunting". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2012. Consultado o 2008-07-10. 
  23. The Outdoorsman (ed.). "We'll, Be Quiet No More" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de outubro de 2008. Consultado o 2008-09-20. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar

Outros artigos

editar