Lagarteiro eurasiático

falcón de pequeno tamaño

O lagarteiro eurasiático,[2] tamén chamado lagarteiro[3] ou lagarteiro peneireiro,[4] (Falco tinnunculus), un falcón de pequeno tamaño, é unha das aves de rapina máis comúns en Europa. O seu nome científico tinnunculus fai referencia ó seu berro que recorda un ti, ti, ti, ti que, traducido, significaría "soando" ou "tintinexando"

Lagarteiro eurasiático

Macho adulto de Falco tinnunculus tinnunculus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Subclase: Neornithes
Infraclase: Neognathae
Superorde: Neoaves
Orde: Falconiformes
Familia: Falconidae
Xénero: Falco
Especie: F. tinnunculus
Nome binomial
'Falco tinnunculus'
Linnaeus, 1758
Distribución en Europa en verde, todo o ano; en amarelo, só no verán
Distribución en Europa
en verde, todo o ano; en amarelo, só no verán

Distribución en Europa
en verde, todo o ano; en amarelo, só no verán
Subespecies

11 subespecies

Sinonimia

Falco rupicolus Daudin, 1800
Falco tinnunculus interstictus (lapsus)

Descrición

editar

O tamaño e o peso varían entre as diversas subespecie e mesmo individualmente. Os machos da raza europea, Falco tinnunculus tinnunculus, miden uns 34,5 cm de lonxitude de media, as femias uns 36 cm. A envergadura de ás chega escasamente ós 75 cm nos machos e nas femias meirandes pode ser de 76 cm.

Un macho normalmente alimentado pesa uns 200 gramos. As femias son 20 gramos máis pesadas de media, pero o seu peso é máis variable estacionalmente co dos machos, tendo o seu punto máis alto durante a época da posta, na que poden pasar dos 300 gramos. As femias máis pesadas e mellor alimentadas teñen máis éxito coas niñadas.

A cola dos lagarteiros é arredondada, coas plumas laterais máis curtas cas centrais. Nos adultos as puntas das ás, que son relativamente longas, chegan á punta da cola.

A plumaxe amosa un claro dimorfismo sexual. A característica que máis claramente diferencia os sexos é a cor da cabeza. Os machos téñena gris clara e as femias castaña avermellada. Os machos, que amosan ademais pequenas manchas sobre o lombo castaño, teñen a parte posterior do lombo e as plumas da cola tamén grises. Esta última ten a punta negra cunha beira branca. A parte inferior é de cor crema claro con lixeiras manchas ou raias acastañadas. A parte inferior do abdome e a das ás son case brancas.

As femias adultas teñen bandas escuras a través do lombo, a cola é marrón e máis barrada ca dos machos, coa banda negra coa beira branca ben visible na punta. A zona ventral é ademais máis escura ca dos machos con manchas máis escuras e definidas. A plumaxe dos inmaturos imita moito á das femias. As ás amosan un aspecto máis curto e arredondado cas dos adultos. A "cera" do bico e o anel ocular, que son amarelos nas aves maduras, teñen nas novas matices que van do azul ceo o amarelo averdesado. Ámbolos dous sexos teñen a mancha malar negra propia doutras especies do xénero zoolóxico Falco. As patas son amarelas, coas unllas negras.

Técnicas de voo

editar

A característica máis salientable e típica do lagarteiro e a súa capacidade para manterse no aire sen moverse dun punto concreto. Isto conségueno batendo as ás velozmente e, case sempre, abrindo a cola e pregándoa algo cara a abaixo. O bater das ás arriba e abaixo ten lugar sempre na mesma vertical e desprazando cantidades similares de aire. Este sistema de voo utilízano para espreitar dende o ceo. Ó descubriren unha presa potencial, déixanse caer cara a ela en picado, freando moi preto do chan e intentando atrapa-la vítima coas unllas.

O voo de desprazamanto caracterízase polos movementos rápidos, que dan sensación de apuro, das ás. Con vento axeitado pode tamén planar.

 
Á esquerda a femia, á dereita o macho.

Voz e reclamos sonoros

editar

Segundo estudos científicos as femias producen 11 tipos de sons vocais, fronte os 9 dos machos. Os diferentes sons redúcense a uns poucos modelos básicos, que varían en potencia, ton e frecuencia consonte ás situacións. As variacións son típicas nas chamadas durante a alimentación dos polos, durante o cortexo e cando a femia pide alimento ó macho.

O seu ti, ti, ti (descrito por algúns como ki ki ki) é un berro de excitación, que deixan oír sobre todo cando son molestados no niño.

Distribución xeográfica e hábitat

editar

É unha ave característica do Vello Mundo, que aparece en áreas de case todo tipo de climas de Europa, Asia e África, chegando ocasionalmente algús individuos á costa occidental de Norteamérica.

A versatilidade desta ave fai que poida atoparse en hábitats mois variados. En xeral evitan tanto os bosques pechos e mestos coma as estepas sen árbores. En moitas zonas, como Centroeuropa é unha ave típica das terras agrícolas, singularmente das que non están lonxe de explotacións forestais ou das beiras de bosques. Precisan superficies planas, despexadas e con vexetación baixa para poderen cazar. Onde non hai árbores aproveitan paus da luz ou do teléfono para face-lo niño. Nos anos 1950 descubriuse un caso de niño feito no chan na illa de Orkney.

A dispoñibilidade alimenticia é, xunto coa disposición de lugares para aniñar, o factor que máis inflúe á hora de escolleren un territorio. Se hai presas dabondo non dubidan mesmo de vivir en altura. Por exemplo nas montañas alemás do Harz e Erzgebirge a altura á que poden detectarse depende da presenza do rato de campo: a partir dos 600 m sobre o nivel do mar son cada vez máis raros e o seu avistamento alén dos 900 é episódico. Nos Alpes, onde as presas habituais son outras, cazan ata os 2.000 m, no Cáucaso ata 3.400, no Pamir máis arriba dos 4.000 m e no Tíbet foron vistos a 5.500 m de altura.

O lagarteiro urbano

editar

A conquista das cidades polos lagarteiros foi favorecida pola súa capacidade de separar o territorio de caza do de cría. Os exemplares urbanos teñen que voar decotío distancias longas para busca-la mantenza. Os que fan o niño na torre da Frauenkirche en Múnic, por exemplo, teñen que desprazarse polo menos tres quilómetros coa súa presa. As observacións feitas demostran que os lagarteiros toleran distancias de ata 5 km entre a zona de caza e o niño. As aves que viven en cidades amosan, porén, certos cambios nos hábitos de caza que se explican no apartado correspondente.

Unha cidade na que a situación da especie foi ben estudada é Berlín onde a poboación se move en torno as 200-300 parellas reprodutoras, reducíndose moito nos invernos moi fríos. Os máis deles (un 60%) fan os niños en sitios artificialmente acondicionados en edificios públicos. Os lugares "naturais" apropiados limítanse principalmente a edificios antigos con estrutura de madeira, xa que as modernas construcións non adoitan posuír buratos xeitosos. O perigo máis grande nas cidades para a especie son os accidentes provocados polos automóbiles e as caídas dos niños.

Costumes migratorios

editar

A colocación de aneis permitiu saber que os lagarteiros poden comportarse como sedentarios, como migradores ou como aves que fan pequenos desprazamentos estacionais. As posibilidades de alimentación que atopan nas áreas de cría condicionan o comportamento migratorio. Os exemplares que se reproducen en Escandinavia ou no Báltico emigran ó centro de Europa, dependendo da súa zona de orixe. En anos de abundancia de presas vense, porén, no inverno exemplares en áreas nas que adoitan ser migradores, como no suroeste de Finlandia. En Alemaña, Bélxica e os Países Baixos son, en xeral, sedentarios. Os do norte de Asia e o leste de Europa emigran cara ao suroeste, ó sur de Europa ou África, ata a fronteira da selva chuviosa. Os da Rusia europea voan ó leste da área mediterránea. O resto das poboacións asiáticas pasan o inverno dende o mar Caspio e o sur de Asia central ata Iraq e o norte de Irán. Outros van ó norte do Indostán. Nas poboacións asiáticas danse as mesmas diferenzas de comportamento migratorio ca en Europa.

Durante a migración, que fan as máis das veces individualmente, non seguen rutas establecidas. Por iso non é habitual velos en gran número atravesando os puntos de paso habituais doutras aves, coma os estreitos. Voan relativamente baixo (entre 45 e 100 metros de altura) e seguen progresando con mal tempo, xa que non dependen coma outras aves de rapina das correntes térmicas ascendentes. Isto permítelles, por exemplo, sobrevoar os Alpes, mentres que outras aves teñen que arrodealos. Para cruza-las montañas usan pasos, aínda que en ocasións poden voar por riba dos cumes.

Sistemática

editar

A súa enorme zona de dispersión favoreceu a aparición de diferentes razas. O seu número varía segundo os diferentes estudosos. A lista seguinte segue no esencial a de Piechocki (1991):

  • Falco tinnunculus tinnunculus, a forma nominativa, está distribuída por case toda a rexión Paleartica. Cría dende a lonxitude dos 68° N en Escandinavia e os 61° N en Rusia ata o norte de África, incluíndo as illas mediterráneas e as illas Británicas. En Asia aparce do norte do Hindu Kush-Himalaia ata o mar de Okhotsk. As poboacións asiáticas do norte emigran cara ó sur no inverno, pero non parecen cruzar os Himalaias, senón que se desvían ó oeste.
  • F. t. alexandri autóctona do sur das illas de Cabo Verde, F. t. neglectus é propia das illas so norte. As dúas variedades teñen cores máis intensas ca forma tipo e ás algo máis curtas.
  • F. t. canariensis das illas Canarias occidentais e da illa de Madeira.
  • F. t. dacotiae das illas Canarias do leste.
  • F. t. rupicolaeformis, raza distribuída dende Exipto e o norte do Sudán ata a península Arábica.
  • F. t. interstinctus do Xapón, Corea, China, Burma, Assam e a cordilleira do Himalaia.
  • F. t. rufescens, característica da sabana africana ó sur do Sáhara ata Etiopía.
  • F. t. archeri, de Somalia e a costa sur de Kenya.
  • F. t. rupicolus espállase dende Angola cara ó leste ata Tanzania, e polo sur ata a rexión surafricana do Cabo. Se cadra constitúe unha especie separada, pero as súas relacións coa raza F. t. rufescens están pendentes de estudo. Ten características pouco comúns noutras variedades. As femias semellan máis ós machos, por teren a cabeza e a cola grises e as partes inferiores menos barradas cas femias doutras razas. A parte inferior é acastañada nesta subespecie, en contraste coa cor branca case sen manchas de debaixo das ás. O seu hábitat característico son as paisaxes abertas de montaña.
  • F. t. objurgatus, do sur e oeste da India e de Sri Lanka.
 
Envergadura das ás

As diferenzas entre razas adoitan ser pequenas e, en xeral, cumpren a regra de Bergmann e a regra de Gloger, que indican que o tamaño dos individuos dunha especie é meirande cara ao norte e a coloración máis escura canto máis ó sur. As razas tropicais africanas teñen menos compoñente gris na plumaxe.

Alimentación

editar

Un exemplar adulto en liberdade precisa comer ó redor do equivalente o 25% do seu peso cada día. Os exemplares residentes nas cidades cazan sobre todo gorrións e outros paxaros pequenos. Os que viven en paisaxes abertas cazan sobre todo mamíferos pequenos coma os ratos. A porcentaxe de cada presa na súa alimentación depende da dispoñibilidade da zona na que viven. No sur de Europa, insectos, coma os saltóns e os escaravellos, e lagartos son tamén parte importante na súa dieta. De feito, os exemplares que empezan a voar aliméntanse de insectos e, conforme van mellorando as técnicas de caza, céntranse máis nos mamíferos. En ocasións téñense observado lagarteiros xoves buscando miñocas nos campos acabados de arar.

Os métodos de caza varían. Poden cazar á espreita, pousados en pólas, estacas nos prados ou paus da luz. Pero o seu sístema de caza máis característico é aéreo. O lagarteiro permanece "pendurado" no aire sen desprazarse dun punto fixo, o que consegue cun forte bater de ás. Cando o vento é moi forte manteñen a cabeza nun punto fixo e deixanse deslizar cara a atrás ata que o pescozo acada a súa máxima lonxitude, momento no que volven ó punto de partida batendo as ás, o que lles permite un aforro de enerxía considerable. Os lagarteiros utilizan esta técnica estacionaria só en áreas onde as presas son abundantes. A caza aérea de persecución practícana só en condicións moi determinadas, en xeral cando atopan grandes bandos de paxaros pequenos.

 
Lagarteiro

A escolla do método de caza depende do gasto de enerxía. No verán a diferenza do gasto enerxético en relación coa efectividade entre a caza á espreita e a caza cernéndose no aire é pouca, mentres que no inverno prefiren a caza a espreita que, malia ser menos eficaz, aforra nesa época, desde un punto de vista enerxético, moito máis.

Atrapan as presas coas unllas e remátanas cun golpe do bico na caluga.

Reprodución

editar

O cortexo

editar

Os voos de demostración dos machos, que en Centroeuropa teñen lugar entre marzo e abril, serven sobre todo para marca-lo territorio e van acompañados de berros excitados. En xeral, son as femias as que deciden o momento do aparellamento, achegándose ós machos mentres deixan oír un chío semellante ó dos polos cando piden comida. Despois da cópula o macho voa cara ao lugar de cría escollido por el previamente, ó que atrae á femia cos seus berros. Alí o macho séntase coma facendo un simulacro de posta e, cando a femia chega ó niño, érguese e abanea o corpo arriba e abaixo. As máis das veces os machos ofrecen ás femias co bico presas previamente capturadas

O niño

editar
 
Ovo de lagarteiro

Escollen para face-lo niño sobre todo acantilados. Non fan un niño como tal e, en zonas onde non atopan paredes verticais axeitadas, aproveitan niños doutras aves coma os córvidos. Un lagarteiro non está en condicións de botar fóra do niño a unha pega ou unha gralla criando, polo que os niños que aproveita son os abandonados ou vellos. Citáronse algúns casos en que un lagarteiro fixo fuxir do seu niño a unha parella de pombas para aproveitalo.

En hábitats urbanizados fan os niños en furados ou nichos nas paredes. A miúdo fano na torre dunha igrexa ou en edificios altos, aproveitando as zonas máis elevadas e mellor protexidas.

Cando a abundancia de presas é extraordinaria danse casos de formación de colonias de cría, nas que as parellas defenden só o territorio inmediato ó niño.

A cría dos polos

editar

Os lagarteiros, que empezan a criar ós dous anos de idade, poñen entre 3 e 6 ovos, cunha cor de fondo que varía entre o amarelo ocre e o verde oliva, con abundantes manchas e que miden de 3,4 a 4,4 cm de longo.

A femia choca soa e é alimentada polo macho. O perigo meirande para as postas é a posible interrupción da incubación pola femia se o macho non pode achegarlle presas dabondo. Comezan a chocar os ovos pouco antes de acaba-la posta ou cando esta está xa acabada.

Os polos saen do ovo despois de entre 27 e 29 días de incubación. Nos primeiros días a femia dálles de comer case constantemente, deixándoos só por períodos de tempo moi curtos para recibi-las presas do macho. Se a captura é un mamífero, a femia embica os polos coa carne e ela come os intestinos e a pel. A partir das dúas semanas de vida os polos comezan a tentar poñerse de pé. Nesa época a femia empeza tamén a traer presas ó niño pola súa conta. Acabada a terceira semana de vida os pitos pesan xa coma un adulto, e durante a cuarta perden a penuxe para mudar as plumas das aves inmaturas.

Esperanza de vida

editar

O exemplar libre máis vello que se coñece acadou os 18 anos, pero o 50% dos polos non pasan do primeiro ano de vida. A taxa máis alta de mortalidade sitúase nos meses máis fríos do inverno, cando a caza é máis difícil e mesmo algúns exemplares adultos morren de fame.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Benny Génsbol, Walther Thiede: Greifvögel – Alle europäischen Arten, Bestimmungsmerkmale, Flugbilder, Biologie, Verbreitung, Gefährdung, Bestandsentwicklung. BLV, München 2004. ISBN 3-405-16641-1
  • Theodor Mebs: Greifvögel Europas – Biologie –Bestandsverhältnisse – Bestandsgefährdung. Franckh-Kosmos, Stuttgart 2002. ISBN 3-440-06838-2
  • Rudolf Piechocki: Der Turmfalke. Ziemsen, Wittenberg 1991. ISBN 3-7403-0257-7
  • Álamo Tavío, Manuel (1975): Aves de Fuerteventura en peligro de extinción. In: Asociación Canaria para Defensa de la Naturaleza (ed.): Aves y plantas de Fuerteventura en peligro de extinción: 10-32. Las Palmas de Gran Canaria.
  • Groombridge, Jim J.; Jones, Carl G.; Bayes, Michelle K.; van Zyl, Anthony J.; Carrillo, José; Nichols, Richard A. & Bruford, Michael W. (2002): A molecular phylogeny of African kestrels with reference to divergence across the Indian Ocean. Molecular Phylogenetics and Evolution 25(2): 267–277.
  • Orta, Jaume (1994): 26. Common Kestrel. In: del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew & Sargatal, Jordi (editors): Handbook of Birds of the World, Volume 2 (New World vultures to Guineafowl): 259-260, plates 26. Lynx Edicions, Barcelona. ISBN 84-87334-15-6

Ligazóns externas

editar