La Centuria
La Centuria foi unha revista mensual editada en Ourense entre 1917 e 1918.
La Centuria | |
---|---|
Lugar | Ourense |
Lingua | lingua castelá |
Fundación | 1917 |
Descrito por | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, Diccionario da literatura galega e Enciclopedia Galega Universal |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia e características
editarApareceu en xuño de 1917 co subtítulo Revista neosófica-Orense-España. Estaba dirixida por Vicente Risco, e os seus administradores foron Arturo Noguerol e Florentino Cuevillas. Foi unha publicación literaria de corte modernista e un intento de renovar o panorama intelectual da Galicia da época desde unha posición inconformista e inadaptada. Nas súas páxinas publicaron un amplo grupo de escritores situados entre o simbolismo e o modernismo como Xavier Bóveda, Eduardo del Palacio, Ramón Villarino de Sáa, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Francisco Álvarez de Nóvoa e Rafael Cansinos Assens. Tamén incluíu as primeiras entregas literarias de Otero Pedrayo. Os debuxos das portadas son de Risco, Ramón París e Jesús Soria.
A presenza do futuro grupo Nós ten compoñentes moi diversas: Cuevillas publicou ensaios en castelán sobre "Rusia y su revolución" e Arturo Noguerol unha serie de notas de socioloxía política, todos en castelán. A única colaboración en galego é o poema "As florinhas dos tojos" de Antonio Noriega Varela. Xunto a eles, apareceron entregas de autores máis vangardistas como Evaristo Correa Calderón e o poema filosófico "El reproche de mi alma" de Cansinos Assens. Entre as notas curiosas, os traballos de Primitivo R. Sanjurjo e os horóscopos asinados co seu pseudónimo Beta Herculis. Outros colaboradores foron Emilio Amor, E. Álvarez, Benito Fernández, Eduardo del Palacio e Sebastián Risco.
A revista foi a plataforma de Risco para abrir portas no mundo cultural galego, coa difusión na súa sección "Letras contemporáneas" de escritores como Mallarmé, Rimbaud, Meredith, Tagore, Chesterton, Gustav Kahn etc. O mesmo Risco publicou o seu “Preludio a toda estética futura”, unha reflexión intelectual arredor da arte como fuxida da realidade e a defensa da vocación elitista do artista.
Só apareceron sete números, rematando en xullo de 1918.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- "Centuria, La". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Centuria, La". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Valcárcel López, Marcos (1987). A prensa en Ourense e a súa provincia. Ourense: Deputación Provincial. ISBN 84-505-5721-6.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1997). Diccionario da literatura galega. Publicacións periódicas II. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-137-X.