José Caeiro
José Valentín Caeiro Igós, nado en Hondarribia o 14 de febreiro de 1925 e finado en Vilagarcía de Arousa o 14 de xaneiro de 1981, foi un futbolista e adestrador español. Como futbolista destacou principalmente no Racing de Ferrol e no Stade Rennais, sendo o cuarto máximo goleador histórico de ámbolos dous clubs. Tamén rendeu a gran nivel na Real Sociedad, coa que marcou 56 goles en 86 encontros. Durante a súa carreira como adestrador dirixiu a varios equipos, a maioría galegos, entre eles o propio Racing, o Lugo, o Pontevedra ou o Arousa.
Nome orixinal | José Valentín Caeiro Igós | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacemento | 14 de febreiro de 1925 Hondarribia, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 14 de xaneiro de 1981 (55 anos) Vilagarcía de Arousa, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1,71 m. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1945 - 1959 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Traxectoria
editarComo futbolista
editarNacido en Hondarribia,[1] xogou no Real Unión antes de fichar en 1944 polo Racing de Ferrol, que militaba na Segunda División. Debutou co club departamental o 19 de xuño, nun partido da Copa Galicia contra o Deportivo da Coruña no Inferniño. Marcou naquel partido dous dos cinco goles do seu equipo, que venceu por 5-3.[2]
Excelente goleador, en só catro tempadas en Ferrol marcou 70 goles en liga e Copa do Xeneralísimo, converténdose no máximo anotador da historia do club naquel momento. Destacou especialmente na tempada 1947/48, na que marcou 26 goles en 25 partidos de liga, sendo o terceiro máximo goleador da competición (só por detrás de Serratusell e Bazán), e seis en Copa. Durante esa tempada logrou ata en tres ocasións marcar catro goles nun mesmo partido, contra Valencia Mestalla, Real Murcia e Sporting de Gijón, sendo o segundo deles contra o Murcia a maior goleada da historia do club (9-0).[3]
En agosto de 1948 foi traspasado á Real Sociedad por 425.000 pesetas.[4] Na súa primeira campaña no club donostiarra marcou 23 goles, contribuíndo a que o equipo se proclamase campión e ascendese á Primeira División. Debutou na máxima categoría na primeira xornada da tempada 1948/49 contra o Espanyol en Sarrià, marcando o gol que colocaba o empate no marcador preto do final do partido (2-2). Na novena xornada fixo o seu primeiro triplete, na goleada por 7-0 contra o Oviedo, e marcou un total de 13 goles en liga. Na seguinte tempada conseguiu 17 goles en liga, ademais de dous na Copa, incluído un nas semifinais contra o Real Madrid. Disputou ademais a final contra o Barcelona en Chamartín, no que a vitoria foi para o equipo catalán
En 1951 asinou co Valencia, club no que militou un ano e no que non conseguiu ningún gol, lastrado polas lesións e pola competencia de Badenes.[5] Ao ano seguinte regresou á Segunda División, fichando polo Hércules, onde recuperou os seus bos números goleadores, anotando 17 tantos na súa única tempada no club. A continuación marchou a Francia, convencido por Salvador Artigas para xogar no Stade Rennais, na segunda división francesa.[6] Marcou 31 goles en cada unha das dúas primeiras tempadas, e 21 na terceira, na que o club conseguiu proclamarse campión da categoría e ascender á máxima división.[6] Non puido repetir os bos números na súa cuarta e derradeira tempada no Rennais, pero os seus 83 goles colocárono naquel momento como o segundo máximo goleador da historia do club (na actualidade ocupa o cuarto lugar).[7] Rematou o seu paso polo fútbol francés cunha última tempada no AS Brestoise, equipo afeccionado.[6]
A continuación regresou a Ferrol para disputar co Racing a tempada 1958/59 de Segunda División, onde sumou dous goles máis antes de retirarse.[1]
Como adestrador
editarObtivo o título de adestrador nacional en 1966 e o primeiro equipo que dirixiu foi o Brigantium de Betanzos, co que logrou a permanencia na Terceira División.[1] A continuación foi contratado polo Lugo, da mesma categoría, e que viña de rematar subcampión con Ricardo Badás no banco.[1] Con todo, a súa estancia no club vermello e branco durou só uns meses, pois foi despedido en outubro de 1967, despois de denunciar no xornal El Progreso que nin el nin varios xogadores cobraran os salarios correspondentes e de afirmar que non se sentaría no banco no seguinte partido contra o Atlético Ourense no Estadio José Antonio.[8][9]
Na tempada 1968/69 adestrou o Numancia na Terceira División e en outubro de 1969 asinou como novo técnico do Racing de Ferrol, en substitución do cesado Ernesto Pons.[10] Permaneceu dúas tempadas á fronte do equipo verde, obtendo un 10º e un 8º posto na Segunda División. En marzo de 1972 converteuse no novo adestrador do Pontevedra, o terceiro da tempada, despois dos despedimentos de José Juncosa e Simón Herrería.[11] O equipo estaba na parte baixa da táboa de Segunda, só tres puntos por riba do derradeiro clasificado, pero trala chegada de Caeiro obtivo varias vitorias e subiu ata a 11ª praza final. Caeiro continuou como adestrador granate na tempada 1972/73, pero foi destituído tras 20 xornadas, co equipo en postos de descenso directo, ocupando o seu lugar Martín Esperanza.[12]
En xaneiro de 1975 firmou como novo adestrador do Real Jaén, en Terceira, substituíndo a Martín Vences, que fichou polo Gimnàstic.[13] Ao ano seguinte regresou ao Racing de Ferrol, agora na Terceira División, pero non chegou a completar a tempada, sendo cesado en febreiro de 1977.[14] En xullo de 1977 fíxose cargo da Ponferradina, equipo que dirixiu durante as seguintes tres tempadas en Terceira.[15]
Para a tempada 1980/81 asinou como técnico do Arousa, tamén en Terceira División.[16] Nos seis meses que estivo á fronte do club arlequinado realizou un importante labor na promoción da canteira e levou equipo á terceira praza. O 14 de xaneiro de 1981 faleceu dun infarto de miocardio, cando se dispoñía a traladarse ao estadio da Lomba para dirixir un adestramento do equipo.[17]
Vida persoal
editarCasado coa ferrolá Carmen Rodríguez, coa que tivo dous fillos, María José e José María.[18][17]
Palmarés
editarReal Sociedad
- Segunda División (1): 1948/49.
Stade Rennais
- Ligue 2 (1): 1955/56.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Caeiro, nuevo entrenador del Club Deportivo Lugo". El Progreso (en castelán). 21 de xullo de 1967. p. 6. Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ "Un buen triunfo del Ferrol sobre el Deportivo". El Correo Gallego (en castelán) (22553). 20 de xuño de 1944. p. 3. Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ "Aplastante victoria del Club Ferrol sobre el Murcia (9-0)". El Correo Gallego (en castelán) (23673). 24 de febreiro de 1948. p. 4. Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ "Ferrol deportivo". El Correo Gallego (en castelán) (23828). 22 de agosto de 1948. p. 2. Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ "Ficha de José Caeiro". ciberche.net (en castelán). Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "José Caeiro". stade-rennais-online.com (en francés). Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ "Top 50 des buteurs" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2021. Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ "Caeiro no se desplaza hoy con el C. D. Lugo a Orense". El Progreso (en castelán) (18725). 15 de outubro de 1967. Consultado o 6 de decembro de 2021.
- ↑ "Caeiro, separado del C. D. Lugo". La Noche (en castelán) (14333). 17 de outubro de 1967. p. 15. Consultado o 6 de decembro de 2021.
- ↑ "Caeiro firmó como entrenador por un año". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de outubro de 1969. p. 20.
- ↑ "Cesó Herrería. Caeiro, sustituto". El Pueblo Gallego (en castelán) (17749). 12 de marzo de 1972. p. 13. Consultado o 7 de decembro de 2021.
- ↑ "Pepe Caeiro cesó como entrenador del Pontevedra". El Pueblo Gallego (en castelán) (18010). 24 de xaneiro de 1973. p. 13. Consultado o 7 de decembro de 2021.
- ↑ "Caeiro, nuevo entrenador del Real Jaèn". El Pueblo Gallego (en castelán) (18617). 12 de xaneiro de 1975. p. 20. Consultado o 7 de decembro de 2021.
- ↑ "Caeiro, cesado". El Pueblo Gallego (en castelán) (19958). 11 de febreiro de 1977. p. 24. Consultado o 7 de decembro de 2021.
- ↑ "Caeiro, de la Ponferradina". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xullo de 1977.
- ↑ "Presentación de la plantilla del Arosa". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de xullo de 1980. p. 25.
- ↑ 17,0 17,1 "Caeiro murió cuando se dirigía a entrenar al Arosa". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de xaneiro de 1981. p. 53.
- ↑ "Caeiro, entrenador de la última promoción". El Pueblo Gallego (en castelán). 18 de maio de 1966. p. 13. Consultado o 7 de decembro de 2021.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Datos do xogador en BDFutbol (en castelán).
- Datos do adestrador en BDFutbol (en castelán).