Xoaquín Murat (en francés Joachim Murat ou Joachim-Napoléon Murat), nado en Labastide-Fortunière (Reino de Francia) o 25 de marzo de 1767 e finado en Pizzo (Calabria, Reino de Nápoles) o 13 de outubro de 1815, foi un nobre e militar francés ao servizo do seu cuñado Napoleón Bonaparte.

Modelo:BiografíaJoachim Murat

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento25 de marzo de 1767 Editar o valor en Wikidata
Labastide-Murat, Francia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte13 de outubro de 1815 Editar o valor en Wikidata (48 anos)
Pizzo, Italia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, ferida por arma de fogo Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio do Père-Lachaise, 39
Pizzo (pt) Traducir
Grave of Joachim Murat (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Membro do Senado Conservador
4 de febreiro de 1805 –
Deputado da Asemblea Nacional
20 de agosto de 1804 – 4 de febreiro de 1805
Circunscrición electoral: Lot
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo París Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpolítico, oficial, militar Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Rama militarGrande Armée Editar o valor en Wikidata
Rango militarMarshal of the Empire (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Comandante de (OBSOLETO)Reserve Cavalry Corps (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
ConflitoGuerras napoleónicas
Battle of Donauwörth (en) Traducir
Batalha de Wertingen (pt) Traducir
Batalha de Austerlitz (pt) Traducir
Batalla de Jena
Batalha de Eylau (pt) Traducir
Batalha de Heilsberg (pt) Traducir
Batalha de Smolensk (pt) Traducir
Batalha de Borodino (pt) Traducir
Batalha de Dresden (pt) Traducir
Batalha das Nações (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Obra
Arquivos en
Outro
TítuloDuque Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Murat (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeCaroline Bonaparte (1800–) Editar o valor en Wikidata
FillosPrince Achille Murat, Letizia Murat, Lucien Murat, Luisa Rasponi Murat Editar o valor en Wikidata
PaisPierre Murat-Jordy Editar o valor en Wikidata  e Jeanne Loubières Editar o valor en Wikidata
ParentesEdmond Mainard, sobriño Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Мюрат Иоахим)
Allgemeine Deutsche Biographie
Enciclopedia militar Sytin Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1439356 WikiTree: Murat-8 Find a Grave: 7827 Editar o valor en Wikidata

Foi mariscal de Francia, gran duque de Berg (entre 1806 e 1808), e rei de Nápoles (entre 1808 e 1815).

Infancia e xuventude

editar

Fillo dun posadeiro e destinado á carreira eclesiástica, abandonou os seus estudos de teoloxía para alistarse no exército tras estoupar a Revolución francesa. Formou parte da garda constitucional de Lois XVI, e despois no exército da república no que iría ascendendo na escala de oficiais.

 
Xoaquín Murat, subtenente (alférez) do 12º rexemento de cazadores en 1792.

En 1798 Napoleón solicitou os seus servizos para a Campaña de Exipto, logrando nela o ascenso a xeneral. Xogou un papel crucial na segunda batalla de Abukir, onde pese a resultar ferido consegue capturar ao xeque mameluco Mustafá Paxá. Cando lle presentan ao prisioneiro, Murat desenvaíña o seu sabre e córtalle tres dedos dunha man como castigo por ordenar a decapitación de todos os franceses, vivos ou mortos, advertíndoo de que se volvía algunha vez a dar unha orde semellante, lle cortaría "partes máis importantes".

Polo seu valor e grandes servizos prestados, Napoleón infórmao dos seus plans para volver a Francia. Xunto a outros xenerais, abandona Exipto e volve ao país a bordo da fragata Muiron.

No Consulado

editar

Participou activamente no golpe de Estado do 18 de brumario do ano VIII da Revolución francesa (que correspondería co 9 de novembro de 1799), onde a unha orde de Napoleón toma coas súas tropas o Palacio de Saint Cloud, sede da Asemblea. Tras a proclamación do Consulado foi nomeado comandante da Garda Consular.

Casou con Carolina Bonaparte, irmá de Napoleón, o 20 de xaneiro de 1800. O 10 de novembro dese ano foi elixido deputado polo departamento de Lot. Consegue un novo ascenso cando Napoleón o nomea Comandante da Primeira División Militar e Gobernador de París en substitución de Jean-Andoche Junot, duque de Abrantes, cargo que lle permitiría ter 60.000 homes baixo o seu mando directo.

Responsábel da seguridade do goberno, frustra varios complots contra o Primeiro Cónsul, pero non logra impedir un atentado contra Napoleón no ano 1800, do que tanto Bonaparte como Xosefina salíron ilesos, aínda que deixou decenas de mortos entre escoltas e transeúntes. As investigacións do Ministro de Policía Fouché indican a culpabilidade dos realistas. Cando meses despois se desbarata outra conspiración para acabar coa vida de Napoleón, este encarga a Murat nomear a comisión militar que xulga a Luís Antonio Enrique de Borbón-Condé, principal sospeitoso. Aínda que o xuízo realizouse respectando todos os aspectos formais, Napoleón xa decidira de antemán a súa condena a morte a pesar da oposición do propio Murat e da mesma Xosefina.

Mariscal do Imperio

editar
 
Xoaquín Murat en 1805 en uniforme de Grande Almirante do Imperio.

O 18 de maio de 1804, tras da proclamación do Imperio, Murat foi nomeado mariscal de Francia e Grande Almirante do Imperio. Despois, na Guerra da Terceira Coalición, en 1806, Murat loita na batalla de Ulm contra os austríacos e despois na de Austerlitz contra os rusos.

Na Campaña de Prusia ten un papel crucial na batalla de Jena, oonde liderará unha espectacular persecución que destruirá por completo o exército prusiano e tras a cal envía unha nota a Napoleón onde di: Sire, le combat cesse faut de combattants (Sire, o combate cesa por falta de combatentes). O seu valor e a súa lealdade fano merecedor do título de Gran Duque de Berg (Alemaña) en 1806.

Mantén o seu posto na fronte europea sempre ao mando da cabalaría pesada de Napoleón. Así, en 1807 desata a maior carga de cabalaría da Historia durante a batalla de Eylau, dirixindo entre 10.000 e 12.000 xinetes para evitar que os rusos dividiran en dúas partes as tropas francesas.

En España: Lugartenente do Reino

editar

En 1808 entra en España co rango de comandante xeral do exército e gobernador de Madrid. Como tal, viviu como protagonista o levantamento do 2 de maio de 1808, unha verdadeira revolta popular antifrancesa que Murat reprimiría pola brava: ordenou disparar á multitude que se congregaba ante o Palacio Real e despois enviou áas tropas que se encontraban acampadas fóra de Madrid para que ocuparan a capital e sufocaran o levantamento. Deu instrucións para levar a cabo un castigo exemplar durante os días 2 e 3 de maio, incluíndo numerosos fusilamentos sen ningún tipo de xuízo. Finalmente, elaborou un detallado informe que sería enviado a Napoleón, que se encontraba en Baiona (Francia) reunido co rei Carlos IV e o seu fillo Fernando; en dito informe analiza os feitos con tal crueza que Napoleón culpa a pai e fillo do derramamento de sangue e exixe a abdicación de ambos os dous.

Cando o infante Antonio Pascual —que o seu sobriño Fernando VII deixara en Madrid como presidente da Xunta Suprema de Goberno encargada da rexencia de España na súa ausencia— escapou da capital cara a Baiona o 4 de maio, Murat presentouse na Xunta Suprema para pedir formar parte dela, recibindo daquela unha negativa inicial; pero volveu presentarse sorpresivamente outra vez, nunha reunión na noite, e os restantes membros, querendo evitar males maiores, aceptárono.[1]

 
Xoaquín Murat co uniforme de gala de mariscal do Imperio.

O 6 de maio a Xunta recibiu un decreto datado o día 4 polo que Carlos IV nomeaba a Murat como Lugartenente do Reino para que gobernara no seu nome (do rei Carlos),[2] en virtude da autoridade que outorgaba a protesta da renuncia ao trono do 19 de marzo; e o 10 de maio recibiu os decretos de 5 de maio de convocatoria de Cortes e de traslado da Xunta a lugares seguros, e o de 6 de maio de renuncia de Fernando VII, que revertía os seus dereitos no seu pai Carlos IV.[3]

A Xunta Suprema decidiu ignorar o de 5 de maio e publicar o de renuncia do 6 de maio. Porén, dado que Carlos IV xa renunciara, de novo, á coroa, Murat quedou como Lugartenente dun Reino sen rei, cuxos dereitos ostentaba o emperador dos franceses até o nomeamento dun novo rei (como o apreciamos nun decreto do 25 de maio).[4]

Murat, aproveitando a ocasión, chegou a propoñerse como candidato a rei e, de feito, comportouse como tal até que Napoleón designou ao seu irmán Xosé, aínda que o consolaría dándolle, o 15 de xullo de 1808, o trono de Nápoles, que deixaba vacante Xosé,[5] e que ocuparía co nome de Xoaquín I Napoleón.[6] España estaba, pois, nese momento, en interregno (termo que aparece no decreto de 6 de xuño proclamando a Xosé I rei de España).[7] Unha vez conseguidas as renuncias reais e a submisión das autoridades, en maio, Napoleón, depositario dos dereitos do Trono, encomendou ao Lugartenente do Reino e á Xunta Suprema de Goberno a convocatoria dunha Deputación xeral ou Asemblea de notábeis, de 150 persoas, que se reuniría en Baiona para tratar do estado do reino de España.[8]

E o 25 de maio o propio Napoleón lanzou unha proclama aos españois na que indicaba que non ía reinar en España, confirmando a convocatoria da Asemblea de notábeis en Baiona e, de paso, confirmando no seu posto a Murat.[4]

O 6 de xuño, ditou un decreto no que nomeaba ao seu irmán Xosé como rei de España.[7] Ao día seguiente, Napoleón pediulle ao seu irmán, que acababa de chegar a Baiona, que aceptara a corona. Alí foi recoñecido como tal polas autoridades españolas presentes. Xosé aceptou a coroa o 10 de xuño, e confirmou a Murat como Lugartenente do reino. O rei Xosé chegou a Madrid o 20 de xullo, sendo proclamado rei o 25, acabando con iso a historia da Xunta Suprema de Goberno.

Rei de Nápoles

editar

Como vimos, Murat aproveitara a oportunidade para postularse a si mesmo como rei de España, pero Napoleón prefiriu entregar dito cargo ao seu irmán Xosé, nomeando a Murat o 15 de xullo de 1808 como rei de Nápoles, estado no que reinou co nome de Xoaquín I Napoleón .[6]

Durante o seu reinado tratou de introducir na vida napolitana os costumes franceses, fomentou as artes e financiou numerosas obras públicas para tratar de gañar o afecto dos seus súbditos, que sempre mostraron nostalxia polos antigos reis da Casa de Borbón. Mellor opinión mereceron as escavacións de Pompeia, Herculano e Estabia que foron promovidas cun mecenado e unha paixón descoñecida até entón, e que puxo en evidencia o desdén e a falta de interese do antigo rei Borbón polo tema unha vez conseguida a notoriedade que lle outorgou a publicación do texto Li Antichità di Ercolano Esposte (Real Academia, Nápoles, 1767).

En 1812 Napoleón reclámao para a Campaña de Rusia, onde dirixe a vangarda na marcha cara a Moscova. Como sempre, actúa valentemente en pequenas escaramuzas e, sobre todo, na sanguenta batalla de Borodino, onde lanza unha espectacular carga que logra destruír a artillaría rusa. Porén, a campaña foi un desastre e, tras a retirada de Moscova, Napoleón vese obrigado a regresar a París para controlar o Imperio. Antes da súa marcha establece un cuartel de inverno en Vilna e nomea a Murat comandante en xefe das tropas na súa ausencia. Pero Murat móstrase de contado incapaz de remediar o descontento dos seus soldados, que saquean Vilna e os cofres do exército antes de desbandarse. Temendo un motín incontrolábel, Murat abandona o seu posto sen avisar a Napoleón e regresa a Nápoles.

Comeza de inmediato a negociar con Lord Henry Bentinck, embaixador inglés, para manter a súa Coroa temendo unha inevitábel derrota de Napoleón. Porén, cando lle chegaron noticias da inesperada vitoria do emperador na batalla de Lützen, Murat, temendo enfrontarse a el, deixa as negociacións coos británicos en mans da súa esposa Carolina e acode á fronte para reconciliarse co seu cuñado. As condicións de Bonaparte son duras: exíselle reincorporarse ao seu posto no exército e que o apoie na Campaña de Alemaña, onde Murat acudirá de mala gana, e que se saldará cunha nova derrota francesa na batalla de Leipzig.

Volve a fuxir a Nápoles e comeza a negociar, esta vez cos austríacos, que o manteñen no trono a cambio de que declare a guerra a Francia. Continúa gobernando de forma segura até o retorno de Napoleón, que escapou do seu exilio en Elba e proclama o seu II Imperio ou Imperio dos Cen Días. Aterrorizado por crer a Napoleón invencíbel, traizoa aos austríacos e intenta sublevar aos patriotas italianos. Declara a guerra a Austria, pero é derrotado na batalla de Tolentino polo barón Federico Bianchi.

Abdicación e morte

editar

Murat foxe a Nápoles, pero inmediatamente abdica e consegue escapar a Francia xunto a súa esposa. Solicita unha audiencia especial e é recibido por Napoleón nas Tullerías. Arrepentido, pide perdón ao emperador e solicita o seu vello posto á fronte da cabalaría. Porén, un canso e amolado Napoleón repróchalle as súas traizóns e o seu absurdo ataque aos austríacos, que lle privara dun aliado no sur. Enfurecido ao ver que Napoleón no accede aos seus rogos, toma unha postura máis orgullosa e advirte: "Sire, non pode permitirse o luxo de despedirme. Necesítame". Este comentario irrita sobremaneira a Napoleón, que dá por finalizada a entrevista e borra o nome de Murat da lista de mariscais, aínda que lle garantiza o respecto aos seus bens e a súa vida como consideración cara á súa irmá e aos seus sobriños. Xamais volverían a verse.

Despois da batalla de Waterloo e a ulterior caída de Napoleón, Murat e Carolina entenden que non cabe xa esperar clemencia por parte de Lois XVIII ou dos austríacos. Murat foxe a Córsega, desde onde intenta organizar a reconquista de Nápoles cun plan que imitaba ao que utilizara Napoleón tras a súa fuga de Elba. Desembarcou en Calabria acompañado por trinta fieis, pero a poboación non só non o recibiu como un liberador, senón que non fixo nada para evitar o seu posterior arresto. Foi encerrado no castelo de Pizzo, onde un consello de guerra sumario xulgouno, condenándoo a morte e executándoo nunha das salas da fortaleza, concedéndolle como única graza escribir á súa esposa.

Durante o proceso, Murat pediu clemencia e suplicou pola súa vida, pero unha vez tomou consciencia de que nada do que dixese podería salvalo, recuperou a compostura. O día do seu fusilamento marchou cara ao lugar da execución vestindo o seu uniforme de mariscal de Francia. Non aceptou a cadeira que lle ofreceron e tampouco consentiu que lle vendaran os ollos, dicindo:

 
A execución de Murat en Pizzo (Calabria).
J'ai bravé la mort trop souvent pour la craindre. (Desafiei á morte en demasiadas ocasións como para terlle medo)

.

Mantívose firme, orgulloso e arrogante, aínda que cortés incluso cos soldados do pelotón. Cando estivo preparado, bicou un cristal de cuarzo alaranxado que tiña o rostro da súa esposa gravado e exclamou:

Sauvez ma face, visez à mon cœur... Feu! (Respectade o meu rostro, apuntade ao corazón... Fogo!).

O seu corpo foi enterrado, sen ningunha cerimonia, na igrexa de Pizzo, pero o seu nome está inscrito xunto ao de todos os mariscais napoleónicos no Arco do Triunfo de París.

Descendencia

editar

Murat e a súa esposa Carolina tiveron catro fillos:

  • Aquiles (1801-1847). Casou en Tallahassee, Florida con Catherine Willis Gray. Non tiveron descendencia.
  • Leticia (1802-1859). Casou en Venecia co marqués Guido Taddeo Pepoli, conde de Castiglione; con descendencia.
  • Luciano (1803-1878). Casou en Bordentown, Nova Jersey con Caroline Georgina Fraser; con descendencia.
  • Luísa (1805-1889). Casou en Trieste co conde Giulio Rasponi; con descendencia.
Predecesor:
Maximiliano de Baviera
 
Gran Duque de Berg

15 de marzo de 18061 de agosto de 1808
Sucesor:
Lois I
Predecesor:
Xosé I Bonaparte
 
Rei de Nápoles

1 de agosto de 180819 de maio de 1815
Sucesor:
Fernando I de Borbón
  1. Gazeta de Madrid de 10 de maio p. 442.
  2. Gazeta de Madrid de 13 de maio pp. 457 e 458.
  3. Gazeta de Madrid de 13 de maio pp. 458 e 459.
  4. 4,0 4,1 Gazeta de Madrid de 3 de xuño p. 530
  5. Artola, Miguel (1973): La burguesía revolucionaria (1808-1869). Historia de España Alfaguara V. Madrid: Alianza Editorial / Alfaguara, pp. 9-11.
  6. 6,0 6,1 Maceroni. Francis (1838): Memoirs of the life and adventures of colonel Maceroni. London: John Macrone, St. James' Square.
  7. 7,0 7,1 Gazeta de Madrid de 14 de xuño p. 568.
  8. Gazeta de Madrid de 24 de maio pp. 491, 492, 493, 494, e 495.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Connelly, Owen (1985): Blundering to Glory: Napoleon's Military Campaigns. Wilmington, Delaware: Scholarly Resources Imprint. ISBN 0-8420-2375-5.
  • Dupont, Marcel (1980): Murat, Cavalier, Maréchal de France, Prince et Roi, Éditions Copernic. ISBN 2-85984-050-8.
  • Hulot, Fréderic Murat (1998): La chevauchée fantastique. París: Éd. Pygmalion. ISBN 2-85704-536-0.
  • Prieur, Jean (1985): Murat et Caroline. París: Éditions Fernand Lanore. ISBN 2-85157-011-0.
  • Tulard, Jean (1999): Murat. París: Fayard. ISBN 2-213-60372-3.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar