Invasións da Britania por Xulio César

Non confundir coa invasión romana da Britania.

As invasións da Britania por César son dúas campañas bélicas dirixidas polo xeneral da República Romana Xulio César contra o sur da illa de Gran Bretaña coñecida como Britania polos romanos. Durante a Guerra das Galias, César invadiu a illa en dúas ocasións: en 55 e 54 a. C.[1] A primeira invasión tivo lugar en verán e descoñécese se foi planeada como unha invasión a grande escala (se así fora, foi un fracaso, xa que Roma só puido conquistar a praia de Kent e pouco máis), ou como unha misión de recoñecemento. A segunda tivo máis éxito, e César logrou restaurar no trono dos trinovantes o seu aliado Mandubracio, depoñendo o seu rival Casivelauno. Aínda que César non logrou conquistar territorios para a república, o éxito da campaña radica en que Roma contou cos seus primeiros aliados na illa e impuxo os primeiros tributos entre as tribos de Britania.

Invasións de Britania por César
Parte de a Guerra das Galias

Reconstrución da primeira invasión.
Data 55 a. C. - 54 a. C.
Lugar Kent, Essex e o Támese
Resultado Establecemento de varios estados-cliente britanos
Belixerantes
República Romana e os seus aliados en Britania Coalición anti-romana
Líderes
Caio Xulio César,
Comio,
Caio Trebonio,
Mandubracio
Casivelono,
Cinxetorix,
Segovax,
Carvilio,
Taximágulo
Forzas en combate
5 lexións
aprox. 35.000 lexionarios veteranos
cerca de 2.000 xinetes
pequena frota composta por transportes
Un número descoñecido de infantaría, cabalaría e uns 4.000 carros de guerra

Situación de Britania

editar

Britania era coñecida durante a Antigüidade clásica como unha gran fonte de estaño. A illa fora probablemente explorada polo xeógrafo grego Piteas no século IV a. C. e polo navegante cartaxinés Himilcón no século V a. C., pero a súa posición no orbe, separada polo océano do resto do mundo coñecido, conferíalle un alto grao de misterio. Algúns historiadores insistían incluso en que a súa existencia era pura falacia,[2] e a viaxe de Piteas desestimouse como se fora mentira.[3]

 
Gran Bretaña desde o espazo.

Na época en que César foi nomeado gobernador proconsular das provincias galas e entrou en guerra contra practicamente todos os pobos da rexión, iniciando un conflito que pasaría á historia co nome da Guerra das Galias, Britania vivía a súa Idade de Ferro no seu apartado curruncho. As fontes antigas estiman que, nesta época, a illa contaría con aproximadamente un millón de habitantes. Os xacementos arqueolóxicos amosan unha forte división económica entre as terras altas e as baixas. Ao sueste das terras baixas estendíanse grandes zonas de terras fértiles, con amplas rexións cultivables que daban lugar a unha agricultura considerablemente dinámica. As comunicacións estaban bastante desenvolvidas a través dunha serie de camiños que conectaban diversos puntos da xeografía britana; as máis importantes foron a Vía Icknield, a Vía Pilgrim e a Vía Xurásica, sen contar os ríos navegables, como o Támese. Nas terras altas, na rexión situada ao norte da liña entre Gloucester e Lincoln, o relevo máis accidentado complicaba as comunicacións e facía máis difícil a agricultura, polo que predominaba o pastoreo. Nesta zona, a poboación habitaba en recintos fortemente fortificados, en contraste cos oppidum menos protexidos do sueste da rexión. As fortalezas erixíanse xeralmente nas inmediacións dos ríos navegables, o que pon de manifesto a importancia da comercio en Britania. Os intercambios comerciais con Roma incrementáronse coa conquista romana da Galia Transalpina no ano 124 a. C., cando os comerciantes iniciaron o comercio do viño italiano a través da rexión da Armórica.[4]

Os escritos de César din que os belgas do nordeste da Galia viaxaran a través do océano e asentáranse no sur das illas, establecendo colonias nas áreas costeiras e mantendo o seu poder en ambas zonas grazas á forza do seu rei Diviciaco, monarca dos suesiones.[5] A súa cuñaxe monetaria mostra un complexo modelo de asentamento belga na zona. As primeiras moedas galo-belgas que se encontraron na Britania datan do ano 100 a. C., ou quizais do 150 a. C., e atopáronse principalmente na rexión de Kent. As moedas que se encontraron posteriormente localízanse ao longo de toda a costa sur, até o oeste de Dorset. Todo isto fai pensar que a influencia belga concentrábase no sueste da illa, aínda que debeu estenderse cara ao oeste e o interior, posiblemente a través de caciques que impuxeron o seu poderío militar aos nativos britanos.[6]

Primeira invasión (55 a. C.)

editar

Preparativos e recoñecemento

editar
 
Unha birreme, posiblemente utilizada por César para atravesar o Canal da Mancha. Este medio de transporte era totalmente inadecuado para facer fronte ás fortes tormentas que había nas augas da Britania.

Durante o transcurso da súa campaña na Galia, César alegou que os britanos estiveran apoiando os belgas na súa campaña contra el, xa que os soldados galos que fuxían do campo de batalla[7] dirixíanse aos asentamentos galos na Britania,[8] e os vénetos da Armórica, que controlaban o comercio coa illa, iniciaron negociacións cos seus aliados britanos para que acudiran ao continente combater contra Roma (56 a. C.).[9] Segundo Estrabón, a rebelión dos vénetos do 56 a. C. tiña como obxectivo deter o avance de César cara á illa, o que destruiría as súas actividades comerciais.[10]

A finais do verán do ano 55 a. C., a pesar de que xa era tarde para iniciar unha campaña, César decidiu realizar unha expedición na Britania. O xeneral republicano convocou os comerciantes que negociaban coa illa, pero non puido obter ningunha información útil sobre as tácticas militares dos britanos, ou dos portos nos que podería desembarcar, xa que estes non querían perder o seu monopolio comercial. Carente de información, César enviou un dos seus tribunos militares, Caio Voluseno, nunha misión de exploración. Voluseno explorou a rexión de Kent, aínda que non se atreveu a internarse en territorio descoñecido por medo aos bárbaros,[11] «e tras cinco días volveu á Galia, onde César ao fin obtivo algo da ansiada información».

Tras esta preocupante acción do xeneral romano, moitos dos pobos da Britania enviaron embaixadas aos comerciantes galos para que impediran a inminente invasión, comunicándolle a César unha promesa de submisión. César decidiu envialos de volta a Britania acompañados do seu aliado Comio, o rei do pobo dos atrébates, quen utilizou a súa influencia para atraer un bo número de tribos á súa causa.

Reuniu unha frota composta de oitenta barcos de transporte, suficientes para transportar dúas lexións (Legio VII e Legio X), e un número descoñecido de navíos de guerra. A frota reuniuse nalgún porto do territorio dos mórinos —probablemente o Portus Itius ( quizais Boulogne-sur-Mer)—. A eles uníronse outras dezaoito embarcacións, procedentes talvez de Ambleteuse, para transportar a cabalaría.[12] Os barcos que César utilizou puideron ser trirremes ou birremes, ou un resultado da mellora dos barcos de guerra vénetos e doutras tribos costeiras. César deixou unha pequena gornición no porto e embarcou, sen perder tempo, coa infantaría, deixando atrás a cabalaría, que recibiu a orde de unírselles tan pronto como fora posible. Esta decisión podería ter sido un erro táctico, xa que a infantaría chegou á illa sen armamento pesado, ou tamén un indicio de que a auténtica intención de César era explorar o territorio e non conquistalo.[13]

Desembarco

editar
 
Gravado de César.

Inicialmente, César tratou de desembarcar en Dubris (Dover), cun porto natural que fora presumiblemente identificado por Voluseno como un punto apropiado para o desembarco. Non obstante, cando a armada romana avistou terra, unha forza masiva de britanos ocupou por completo os altos e cantís da praia. Isto disuadiu os romanos de desembarcar, xa que os inimigos que estaban na beira dos cantís podían masacralos lanzando as xavelinas que portaban.[14] Tras esperar ancorados nunha praia próxima "até a hora nona" (desde as 3 da tarde e esperando presumiblemente a que o vento se tornara favorable), César convocou un consello de guerra, no que ordenou aos seus subordinados actuar por iniciativa propia. Despois, conduciu a frota unhas sete millas ao longo da costa cara a unha praia aberta. Debido á ausencia de restos arqueolóxicos, descoñecese a localización exacta do punto de desembarco, aínda que o lugar máis probable é a praia entre Deal[15] e Walmer.

Con toda a praia ateigada polos carros e a cabalaría britana, o desembarco parecía imposible. Para empeorar as cousas, os barcos eran demasiado grandes para moverse con facilidade, e os lexionarios víronse obrigados a desembarcar en augas moi profundas, mentres os britanos saían de todas as partes. A pesar de que ao principio as tropas estaban atemorizadas, segundo os escritos de César, o exército recuperou a moral cando o aquilifer (portador da aguia da lexión) da Legio X saltou a terra e berrou:

«Seguídeme, compañeiros soldados, a menos que lle queirades regalar a aguia da vosa lexión ao inimigo. Eu, pola miña parte, vou cumprir o meu deber cara ao meu xeneral e a república».[16]

Os britanos empezaron a retroceder cando unha choiva de proxectís partiu das catapultae montadas nos barcos de guerra, que expuxeron o seu flanco para facilitar o desembarco das tropas. A pesar de que as forzas de César lograron desembarcar, ese día non foi coroado cunha vitoria completa, xa que os ventos adversos atrasaron a cabalaría romana e impediron que esta perseguira os britanos en fuxida. César lograra desembarcar en condicións desfavorables, pero os britanos amosáranlle que eran capaces de ofrecer unha forte resistencia.[17]

Resistencia na praia

editar

Os romanos estableceron un campamento na cabeza de praia (do que non se atoparon restos arqueolóxicos, feito polo cal se descoñece o punto exacto do desembarco). Unha vez instalados no recinto, o exército recibiu unha embaixada do seu aliado Comio, que fora detido por apoiar a César. O xeneral republicano decidiu iniciar negociacións cos dirixentes britanos aos que, alegando que estaban nunha posición de inferioridade, lle esixiu o cesamento de ataques, a cesión de reféns e a disolución do seu exército. Cando os britanos se atopaban a punto de aceptar as condicións de César, os barcos que transportaban a cabalaría e as provisións pola Canle da Mancha, regresaron á Galia a causa das adversas condicións meteorolóxicas. As tempestades azotaron a frota de César, afundindo e danando a maioría dos barcos, e poñendo así en perigo as posibilidades de regreso do xeneral. Ao percibir a complicada posición de César, e coa esperanza de retelo na Britania até que chegara o inverno, os britanos reiniciaron os ataques, e emboscaron unha das lexións, poñendo baixo asedio o campamento. Os britanos foron repelidos sen maior dificultade, e os romanos pecháronse no seu campamento para prepararse para os subseguintes ataques. Ao cabo de varios días, durante os cales os britanos reuniron unha importante forza, atacaron o campamento romano. Neste combate foron completamente derrotados. Durante a retirada, foron masacrados pola cabalaría que Comio lograra reunir entre as tribos da Britania afíns a César.

Regreso

editar

Tras a desfeita, os britanos enviáronlle unha nova embaixada a César, dobrando o número de reféns. Aínda que César desexaba proseguir a loita, non se atreveu a permanecer máis tempo en terra britana e arriscarse a cruzar a canle en inverno. Tras varios días ocupados na reparación dos barcos danados, César regresou á Galia cunha vitoria de sabor agridoce. Os britanos demostraran que eran uns opoñentes moi duros e valentes. A pesar de telos derrotado dúas veces, só dúas tribos se sentiran suficientemente ameazadas como para entregarlle os reféns prometidos.

Conclusión

editar

En liñas xerais, a campaña fora un fracaso. No caso de que se tivera concibido como unha invasión a grande escala, César fracasou estrepitosamente, xa que a malamente lograra fuxir; no caso de que se tivera planificado como unha misión de recoñecemento, César fracasou, posto que non puidera penetrar máis aló do seu lugar de desembarco. Con todo, cando o informe de César chegou ao Senado, a Cámara aprobou unha supplicatio (acción de grazas), que durou vinte días.

O pretexto de César para invadir a illa foi que: "durante a guerra contra os galos, os britanos subministráranlle apoios". Aínda que é posible que se dera esta circunstancia, tamén o é que se tratara dunha simple escusa para investigar os recursos minerais e o potencial económico da Britania. Cicerón escribe que César decepcionouse moito cando descubriu que non había nin ouro nin prata na illa[18] e Suetonio di que a verdadeira motivación de César para viaxar a Britania era a procura de perlas.[19]

Segunda invasión (54 a. C.)

editar

Preparativos

editar

César planeou unha segunda invasión entre o inverno do 55 a. C. e o verán do 54 a. C. Cicerón escribiulle cartas ao seu amigo Caio Trebacio Testa e ao seu irmán Quinto Tulio Cicerón, que servían no exército de César. A Trebacio pediulle que lle describira un carro de guerra, e a Quinto pediulle que lle realizara unha descrición da illa. Trebacio non foi a Britania, pero Quinto si acudiu e desde a illa escribiulle cartas describíndolle a xeografía do sur da illa. A pesar da súa rivalidade, Cicerón tamén intercambiou correspondencia con César.

Determinado a non cometer os mesmos erros do ano anterior, César reuniu unha forza superior á da da primeira expedición (cinco lexións, en contraste coas dúas empregadas na anterior invasión, e máis cabalaría). Os barcos que se utilizaron para esta segunda invasión foran mellorados a partir da tecnoloxía dos barcos de guerra vénetos. Esta vez si se sabe con certeza que o punto de partida foi o Porto Icio.

Cruzamento e desembarco

editar
 
Britania, 54  a. C., invasión de César.

O legatus do exército de César, Tito Labieno, quedou en Porto Icio con ordes de supervisar a subministración de alimentos do exército de César. Aos navíos de guerra uníronselle barcos mercantes procedentes de todo o orbe, fundamentalmente da Galia, na busca de novas oportunidades comerciais. O máis probable é que a cifra que achega César (800 barcos) inclúa non só os buques de guerra, senón tamén os buques mercantes.

César desembarcou nun lugar que identificara como un punto máis favorable que o do ano anterior. As forzas britanas decidiron non opoñerse ao desembarco, ao parecer, segundo di César, debido ao temor que lle inspiraba o tamaño da frota, aínda que tamén podería ter sido unha manobra estratéxica para reunir forzas, ou que simplemente César non lles causaba a mínima turbación.

Campaña en Kent

editar

Cando César desembarcou, deixou o seu legado Quinto Atrio a cargo da defensa da praia, mentres el realizaba unha marcha nocturna de doce millas cara ao interior, onde se enfrontou coas forzas britanas no cruzamento dun río, probablemente nalgún lugar do río Stour. Os britanos atacaron, pero foron repelidos e trataron de reagruparse nun lugar fortificado nos bosques (posiblemente a fortaleza de Bigbury Wood,[20] en Kent). Derrotados de novo, acabáronse dispersando. Como era moi tarde e César e o seu exército non estaban seguros, o xeneral decidiu montar un campamento.

Á mañá seguinte, cando se preparaba para seguir avanzando, César recibiu noticias do seu legado Atrio de que, unha vez máis, a ancoraxe nos buques víase afectada por unha tormenta e sufrira danos considerables. Segundo el perdéronse aproximadamente corenta naves. Os romanos utilizaran eses barcos para cruzar a Canle da Mancha, e soportaran mareas e tormentas. Non obstante, o feito de que non aguantaran delata unha mala planificación por parte de César. Con todo, é posible que César tivera esaxerado o número de naves afundidas para magnificar o seu propio logro de salvar unha situación tan difícil.[21] Independentemente do motivo, o xeneral volveu inmediatamente á costa e chamou todas as súas lexións, con ordes de que se puxeran a traballar na reparación dos barcos. Os lexionarios traballaron día e noite durante dez días na reparación dos barcos e na construción dun campamento fortificado arredor da zona de desembarco. Mentres, César envioulle unha mensaxe a Labieno con ordes de enviar máis barcos.

César chegou á costa o 1 de setembro, desde onde reiniciou a correspondencia con Cicerón, interrompida tras a morte da súa filla, Xulia César. Cicerón abstivérase de escribirlle a César en "respecto do seu dó".[22]

Marcha sobre Wheathampstead

editar

César regresou ao cruzamento do Stour, onde se encontrou cunha gran forza de britanos. Casivelono, un señor da guerra do norte do Támese que estivera anteriormente en guerra con todas as tribos británicas, derrocara recentemente o rei dos trinovantes e mandara o seu fillo ao exilio. A pesar de todo, os britanos elixírano para liderar a resistencia. Tras varias escaramuzas nas que ninguén dos lados adquiriu vantaxe, e durante as cales foi morto un tribuno romano, Quinto Laberio Duro, os britanos decidiron realizar un ataque definitivo. Casivelono dirixiu un ataque con todas as súas forzas contra tres lexións veteranas da Guerra das Galias que se atopaban en misión de recoñecemento ás ordes do hábil legado de César, Gaio Trebonio. O resultado desta batalla foi unha vitoria romana esmagadora, á que seguiu o posterior exterminio do exército britano, cando as súas forzas foron perseguidas pola cabalaría.

Casivelono deuse conta de que non podía derrotar a César en batalla campal e decidiu disolver a maior parte do seu exército, confiando na rapidez e mobilidade dos seus 4.000 carros de guerra e no seu coñecemento do terreo. Tras isto, Casivelono empezou a utilizar tácticas de guerrilla para desgastar o exército de César, sen arriscarse a un enfrontamento directo. Con todo, César continuou penetrando en territorio inimigo e alcanzou o Támese, onde se encontrou cunha gran fortaleza localizada na actual Westminster. A pesar de que os britanos se opuxeron ao avance de César, o romano conseguiu continuar a súa heroica marcha en territorio inimigo.

Vendo o avance do xeneral, os trinovantes, tribo que César describe como a máis poderosa da rexión a pesar de ter sufrido recentemente unha gran derrota a mans do líder da resistencia britana, Casivelono, decidiron enviar unha embaixada a César prometéndolle soldados e provisións. Mandubracio, que acompañara a César, foi restaurado no trono dos trinovantes e a tribo subministroulle ao xeneral alimentos e reféns. Cinco tribos máis, os icenos, os segoncíacos, os ancalites, os bíbrocos e os casos, rendéronse aos romanos e reveláronlle a localización do campamento base de Casivelono, probablemente localizado na outeiro fortificado de Wheathampstead,[23] que César puxo inmediatamente baixo sitio.

Casivelono envioulle peticións de axuda aos seus aliados de Kent, Cinxétorix, Carvilio, Taximágulo e Ségovax, descritos por César como os "catro reis dos cantiacos".[24] O plan de Casivelono era que estes dirixiran un ataque combinado contra as forzas de César co obxectivo de expulsalos da rexión. Mais, o ataque nunca se levou a cabo e Casivelono viuse obrigado a negociar a súa rendición. César estaba ansioso por volver á Galia debido aos crecentes disturbios que alí se estaban levantando e estivo de acordo en negociar unha paz con Comio como mediador. Casivelono, pola súa parte, cedeu reféns e comprometeuse a non volver atacar a Mandubracio ou aos trinovantes. César escribiulle unha carta a Cicerón o 26 de setembro, na que fala da súa pequena campaña neste recuncho do mundo, aínda que non proporciona cifras concernentes ao botín ou aos reféns, nin di que o seu exército estaba a piques de regresar á Galia.[25] Cando César emprendeu o regreso á Galia, non deixou nin un só soldado como gornición na illa. Ignórase se os tributos que impuxo en nome da República se pagaron algunha vez.

Comio e os atrebates

editar

Comio, o rei dos atrebates e aliado de César, cambiou de bando durante a rebelión de Vercinxetorix e deulle tropas aos galos. Tras a vitoria final de César na Batalla de Alesia, parece ser que Comio decidiu fuxir á Britania. O escritor Sexto Xulio Frontino describe na súa obra Stratagemata de que maneira Comio e os seus seguidores subían aos barcos, perseguidos polas forzas romanas.[26] John Creighton[27] cre que esta anécdota é unha lenda e que Comio foi enviado á Britania como un rei aliado en virtude da súa amizade con Marco Antonio.[28] Comio estableceu unha dinastía na rexión de Hampshire, da que nos chegaron datos grazas ás moedas acuñadas neste período. Verica, o rei exiliado que propiciou a invasión de Claudio do ano 43, pertencía á familia de Comio.[29][30]

Descubrimentos

editar

César documentou de xeito exhaustivo os elementos de guerra británicos (en especial os carros de guerra), que supoñían un elemento exótico e descoñecido para os lectores da súa obra De Bello Gallico. César tamén escribiu sobre os elementos xeográficos, meteorolóxicos e etnográficos da illa. Mais é probable que gran parte do que relatou César estivera baseado en azueiras en vez de na experiencia directa, xa que non penetrou o suficiente no interior da Britania como para facerse unha idea global da illa. A maioría dos historiadores que empregaron como fonte os escritos de Xulio César son precavidos e non os utilizan máis que para describir as tribos cpas que estivo en contacto directo.

Xeografía e meteoroloxía

editar

Os descubrimentos de primeira man que realizou César acerca da illa limítanse á rexión do leste de Kent e do val do Támese. Non obstante, o xeneral foi capaz de proporcionar unha descrición da xeografía e meteoroloxía da illa. Aínda que os datos proporcionados por César non son de todo exactos, probablemente porque están baseados nos escritos de Piteas, ofrecen en liñas xerais unha visión acertada da xeografía e meteoroloxía do sur da Britania:

O clima é máis moderado que na Galia e as tormentas son menos fortes.[31]
A illa é de forma triangular, e un dos seus lados cae fronte á Galia. Un ángulo deste lado, onde está Kent, que é onde arriban case todas as naves que veñen da Galia, mira a Oriente; o inferior ao mediodía. Este lado ten unha extensión de cerca de cincocentos mil pasos. O segundo lado mira a Hispania e a Occidente; a esta parte está situada Irlanda, a metade máis pequena, segundo se cre, que Bretaña, pero a igual distancia desta que Britania da Galia. No medio deste treito está a illa chamada Man; ademais, dise que hai alí moitas outras illas menores, próximas entre si, das cales escribiron algúns que no solsticio de inverno se encontraban en perpetua noite durante trinta días. Nós, coas nosas preguntas nada puidemos saber sobre isto, senón que polos reloxos de auga observamos que as noites eran aquí máis breves que no continente. A lonxitude deste lado, segundo opinión dos seus habitantes, é de setecentas millas. O terceiro cae cara ao norte; fronte a esta parte non se encontra terra ningunha, pero o ángulo deste lado mira máis ben a Xermania. Este calcúlase que ten unha lonxitude de oitocentos mil pasos. Así, pois, a illa mide en todo o seu contorno dúas mil millas.[32]

Antes da chegada de César á illa, non había información acerca dos portos naturais ou outros lugares de desembarco. Os seus descubrimentos supuxeron un beneficio comercial e militar para Roma. A viaxe de recoñecemento que realizou Voluseno permitiu identificar o porto natural de Dubris (Dover), aínda que a César se lle impediu desembarcar alí e foi obrigado a desembarcar nunha praia aberta, ao igual que fixo ao ano seguinte, quizais porque Dover era demasiado pequeno para albergar a gran forza que César levaba. Os grandes portos naturais situados costa arriba, como o de Rutupiae (Richborough), que foron usados por Claudio durante a súa invasión da illa 100 anos máis tarde, non se utilizaron nesta ocasión. César poida que tivera coñecemento acerca da súa existencia, pero puido ter optado por non facer uso deles, debido ao seu tamaño nese momento (o noso coñecemento da xeomorfoloxía do Canal de Wantsum nesa época é moi limitado).

Cando Claudio iniciou os preparativos para a invasión da Britania, o coñecemento da illa aumentara moito grazas a un século de diplomacia, comercio e catro intentos de invasión. Con todo, é probable que Claudio empregara información recollida por César.

Etnografía

editar

César describe os nativos britanos como os típicos bárbaros, cuxos hábitos sociais máis importantes eran a poligamia e outros exóticos ritos. En moitos aspectos parecíanse aos galos,[33] pero presentábaos valentes, para xustificar que o xeneral que os subxugara alcanzase gloria imperecedoira:

A parte interior da Britania está habitada por homes que, segundo eles mesmos din que é tradición, son orixinarios da illa, mentres que a parte marítima estao polos que pasaron de Bélxica para guerrear e facer botín (todos os cales conservan case sen modificación o nome dos pobos de onde viñeron) e, despois de facer a guerra, quedáronse alí e dedicáronse á agricultura. A poboación é enormemente crecida e moitos os casaríos, moi semellantes aos dos galos... Non consideran lícito comer lebre nin galiña nin ganso; mais, crían estes animais por gusto e pracer.[31]
De todos os seus habitantes, os máis civilizados con moito son os de Kent, rexión marítima toda ela, e non discrepan moito dos costumes galos. Os de terra adentro non cultivan, polo común, o trigo, senón que se alimentan de leite e carne e andan vestidos de peles. Polo demais, todos os britanos embadúrnanse con glasto, que produce unha cor verde escura, a cal os fai máis espantosos en combate; levan o cabelo longo e todo o corpo pelado excepto a cabeza e o bigote. Dez ou doce homes teñen en común as mujeres, sobre todo irmáns con irmáns e pais con fillos; pero os que nacen delas son considerados fillos do que primeiro tivo acceso a cada doncela.[34]

Bélica

editar

Ademais de infantaría e cabalaría, os britanos empregaban carros de guerra, un elemento militar descoñecido para os romanos. César descríbeos así:

«O modo de loitar dos carros é este. Primeiro avanzan por todas partes disparando dardos, e co mesmo terror que infunden aos seus cabalos e co estrépito das rodas acostuman desordenar as filas, e, unha vez que se introducen entre os escuadróns dos xinetes, saltan dos carros e combaten a pé. Mentres tanto, os aurigas van retirándose pouco a pouco da batalla e sitúan os carros de tal xeito que, se aqueles se ven constrinxidos pola multitude dos inimigos, teñen libre a retirada cara aos seus. Desta maneira unen na batalla a rapidez dos xinetes coa firmeza dos infantes, e é tal a destreza que lles dá o continuo exercicio que, aínda que nas paraxes con pendentes e escabrosas, fan parar os cabalos lanzados ao galope, refréanos en seguida e fanlles dar a volta, estando eles acostumados a correr polo temón, a manterse en pé sobre o xugo e a volver de alí rapidamente aos carros.[35]

Tecnoloxía

editar

Durante a Guerra Civil contra Cneo Pompeio Magno, César fixo uso dos barcos que vira utilizar aos britanos, similares ao coracle galés. César descríbeos así:

A quilla e a armazón facíanse de madeira lixeira; o resto do casco, feito de vimbio trenzado, cubríase con peles.[36]

Relixión

editar

César tratou por encima a relixión dos britanos. Di:

Os primeiros (os druídas) atenden o culto divino, ofician nos sacrificios públicos e privados, interpretan os misterios da relixión: a eles acode un gran número de mozos para instruírse.[37]

Economía

editar

César investigou tamén a economía das tribos da Britania, mais os seus datos só se poden aplicar ás tribos do sur da illa:

Hai tamén grandes rabaños de gando. Usan como moeda ou cobre, ou moedas de ouro, ou ben dados de ferro de peso determinado. Críase alí estaño nas comarcas interiores; nas marítimas, ferro, aínda que é pouca a súa abundancia; o cobre que usan, tráeno de fóra.[31]

Esta referencia ás comarcas interiores debe ser inexacta, xa que a extracción prerromana do estaño dábase na zona do suroeste, en Cornualla e Devon, (segundo sinalan Piteas e outros comerciantes). E César só chegou até Essex, aínda que é probable que os seus coñecementos se basearan nos informes comerciais que recibía.

Influencia de César en Britania

editar

César non conquistou ningunha rexión da Britania. Non obstante, a entronización de Mandubracio supuxo o establecemento de reis-cliente na illa. Desta forma, Britania quedou dentro da zona de influencia de Roma e, durante máis dun século, mantivéronse relacións diplomáticas e comerciais. O territorio britano quedou aberto para unha posible conquista, que finalmente foi levada a cabo por Claudio no ano 43. En palabras do historiador romano Cornelio Tácito:

... de feito, o deificado Xulio César foi o primeiro romano que penetrou na Britania á cabeza dun exército: estableceu relacións cos nativos tras derrotalos en batalla e fíxose dono da costa e pode considerarse que el nola indicou pero non nola entregou.[38]

Referencias literarias

editar

Banda deseñada

editar
  • En Astérix en Britania, o guerreiro galo é enviado á illa acompañado por Obélix e o seu curmán. Alí loita canda unha tribo britana liderada por Sebigbos. Neste capítulo Astérix é o responsable da introdución do té no país.

Obras clásicas

editar
  • A obra de Valerio Máximo, Feitos e ditos memorables (século I) gaba a valentía de Marco Cesio Esceva, centurión do exército de César que, tras ter sido abandonado polos seus soldados, mantivo a súa posición nunha pequena illa en contra dunha horda de británicos. Finalmente conseguiu volver xunto aos seus lexionarios.[39]
  • A obra de Polieno Strategemata relata que, cando Casivelono foi á defensa do paso dun río que César estaba cruzando, este puxo en fuga os britanos usando elefantes armados.[40] Isto pode ser unha simple confusión cos elefantes que utilizou Claudio durante a súa campaña do ano 43.[41]
  • A obra do século V de Orosio Historiæ adversum Paganos contén un breve relato acerca da invasión de César,[42] e ten un importante error ao confundir a Quinto Laberio Duro, o tribuno que morreu en Britania, con "Labieno", un erro que seguen todos os relatos da literatura medieval inglesa.

Obras medievais

editar
  • A obra de Beda, Historia ecclesiastica gentis Anglorum,[43] inclúe un relato das invasións de César. Mais este relato está copiado, case palabra por palabra, da obra de Orosio. Este feito suxire que Beda leu unha copia da obra de Orosio da biblioteca da abadía de Monkwearmouth-Jarrow que o abade Bieito Biscop trouxera de Roma.
  • A obra do século IX, Historia Britonum,[44] atribuída a Nennio ofrécenos un relato totalmente inverosímil no que César invade en tres ocasións a illa. César enfróntase no Támese, e non nunha praia de Kent, a Dolobelo, "procónsul" do rei Belino, fillo de Minocano. César derrota por completo os britanos nun lugar chamado Trinovantum.
  • A obra de Henrique de Huntingdon, Historia Anglorum, que data do século XII, ofrécenos un relato das invasións baseado na obra de Beda e en Historia Britonum. Na obra, César diríxese ás tropas cun inspirador discurso.[45]
  • Godofredo de Monmouth, na súa Historia Regum Britanniae,[46] César invade Britania e o seu maior opoñente é Cassibelanus (é dicir, Casivelono), pero polo demais a obra é inverosímil. Ao igual que na Historia Britonum, César invade en tres ocasións a illa e desembarca no estuario do Támese. A obra está baseada tamén na obra de Beda, aínda que é moito máis extensa. Os elementos históricos modifícanse para ofrecer un relato practicamente fantástico.[47] Por exemplo, Godofredo di que o irmán de Casivelono, Nennio, loitou contra César un duelo para recuperar a súa espada, chamada Crocea Mors, dato que non está avalado por ningunha fonte. Existen adaptacións posteriores da obra de Godofredo, como a de Wace, Roman de Brut, ou a de Layamon, chamada Brut.
  • A obra medieval chamada Welsh Triads refírese tamén á invasión de César. Algunhas destas referencias aparecen directamente copiadas da obra de Godofredo, pero outras fan alusión a algunhas lendas medievais britanas: Caswallawn (Casivelono) é representado indo a Roma en busca do seu amante, Fflur. Di que permitiu a César desembarcar en Gran Bretaña a cambio dun cabalo chamado Meinlas, e que o perseguiu nunha gran frota cando o xeneral romano regresaba á Galia.[48] A colección de tríadas recopiladas no século XVIII por Iolo Morganwg conteñen unha ampla versión de todas estas tradicións.[49]
  • A obra francesa do século XIII Li Fet des Romains contén un relato acerca das invasións de César. Está baseado en parte na obra de César e en parte na de Godofredo. Contén unha explicación de como os soldados romanos venceron os britanos na batalla do Támese. Di que os romanos ataron tablillas de madeira untadas de xofre ao seu redor e logo plantáronlle lume grego asustando os inimigos. Identifica o aquilifer da X Legio como Esceva.[50]
  • No romance francés do século XIV Perceforest, César, un precoz guerreiro de 21 anos, invade Britania a causa de que un dos seus cabaleiros, Luces, está namorado da muller do rei de Inglaterra. Despois, un britano chamado Orsus Bouchesuave colle a lanza que César empregara para asasinar o seu tío e xunto a Bruto, Casio e outros senadores, úsaa para apuñalar a César até a morte.[50]
  1. Caio Xulio César, Commentarii de Bello Gallico 4.20-35, 5.1, 8-23; Dión Casio, Historia Romana 39.50-53, 40.1-3 (LacusCurtius); Floro, Compendio de la Historia Romana 1.45
  2. Plutarco, Vida de César 23.2
  3. e.g. Estrabón, Xeografía 2:4.1; Polibio, Historias 34.5
  4. Sheppard Frere, Britania: Historia de la Britania Romana, terceira edición, 1987, pp. 6-9
  5. Commentarii de Bello Gallico 2.4, 5.12
  6. Frere, Britannia pp. 9-15
  7. Commentarii de Bello Gallico 2.14
  8. Commentarii de Bello Gallico 2.4, 5.12.
  9. Commentarii de Bello Gallico 3.8-9
  10. Estrabón, Xeografía 4:4.1
  11. Commentarii de Bello Gallico 4.22
  12. Frere, Britannia, p. 19
  13. Commentarii de Bello Gallico 4.30
  14. Commentarii de Bello Gallico 4.23
  15. (en inglés) «The Landings of Caesar in Britain, 55 and 54 BC» Athena Review, Vol.1, no.1 Arquivado 22 de agosto de 2013 en Wayback Machine. Consultado o 22 de outubro de 2012.
  16. Commentarii de Bello Gallico 4.25
  17. Commentarii de Bello Gallico 4.26
  18. Cicerón, Cartas 7.7; Cartas a Ático 4.17
  19. Suetonio, As vidas dos doce césares: Vida de Xulio 47. César decorou con perlas unha coiraza e doouna ao Templo de Venus Genetrix (Plinio o Vello, Naturalis Historia: IX.116) e posteriormente exportáronse ostras desde Britania a Roma (Plinio, Naturalis Historia, IX.169 e Décimo Xunio Juvenal, Sátiras.Sátira IV. 141
  20. Frere, Britannia p. 22
  21. Commentarii de Bello Gallico 5.23
  22. Cicerón, Cartas a seu irmán Quinto 3.1
  23. Frere, Britannia p. 25
  24. Commentarii de Bello Gallico 5.22
  25. Cartas a Ático4.18
  26. Sexto Xulio Frontino, Stratagemata 2:13.11
  27. John Creighton, Coins and power in Late Iron Age Britain, Cambridge University Press, 2000
  28. Commentarii de Bello Gallico 8.48
  29. Dión Casio, Historia Romana 60:19
  30. Suetonio, As vidas dos doce césares, Vida de Claudio 17
  31. 31,0 31,1 31,2 Commentarii de Bello Gallico 5.12
  32. Commentarii de Bello Gallico 5.13
  33. Commentarii de Bello Gallico 6.11.20
  34. Commentarii de Bello Gallico 5.14
  35. Commentarii de Bello Gallico 4.33
  36. Commentarii de Bello Civili 1.54
  37. Commentarii de Bello Gallico 6.13
  38. Tácito, Agricola 13
  39. Valerio Máximo, Actorum et Dictorum Memorabilium Libri Novem 3:2.23
  40. Polieno, Stategemata 8:23.5
  41. Dión Casio, Historia Romana 60.21
  42. Orosio, Historiarum Adversum Paganos Libri VII 6.9
  43. Beda, Historia ecclesiastica gentis Anglorum 1.2
  44. Historia Britonum 19-20
  45. Henrique de Huntingdon, Historia Anglorum 1.12-14
  46. Godofredo de Monmouth, Historia Regum Britanniae 4.1-10
  47. Comparar De Bello Gallico 4.20 con Historia Regum Britanniae 4.6
  48. Peniarth Triads 32; Hergest Triads 5, 21, 50, 58
  49. Iolo Morganwg, Triads of Britain 8, 14, 17, 21, 24, 51, 100, 102, 124
  50. 50,0 50,1 Homer Nearing Jnr., "The Legend of Julius Caesar's British Conquest", PLMA 64 pp. 889-929, 1949

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Antigua

editar
Primeira invasión
editar
Segunda invasión
editar

Moderna

editar
  • Sheppard Frere, 1987. Britannia: A History of Roman Britain (3rd edition). Londres. Routledge & Kegan Paul, capítulo 3 (capítulo 42-54)
  • Peter Salway, 11 Roman Britain (Oxford History of England), capítulo 2 (páxinas 20-39)
  • John Peddie, 1987, Conquest: The Roman Conquest of Britain, capítulo1 (páxinas 1-22)
  • T. Rice Holmes, 1907. Ancient Britain and the Invasions of Julius Caesar. Oxford. Clarendon Press.
  • R. C. Carrington, 1938, Caesar's Invasions of Britain by (revisado en Journal of Roman Studies, Vol. 29, Parte 2 (1939), pp. 276–277)
  • Peter Berresford Ellis, Caesar's Invasion of Britain, 1978, ISBN 0-85613-018-4
  • W. Welch, C. G. Duffield (Editor), Caesar: Invasion of Britain, 1981, ISBN 0-86516-008-2