Inge Morath

fotógrafa austríaca

Ingeborg Morath, nada en Graz o 27 de maio de 1923 e finada en Nova York o 30 de xaneiro de 2002, foi unha fotógrafa austríaca nacionalizada estadounidense.[1] En 1953 uniuse á axencia Magnum Photos de París, e converteuse en fotógrafa a tempo completo na axencia en 1955. Morath foi tamén a terceira esposa do dramaturgo Arthur Miller e nai da guionista e directora Rebecca Miller.

Modelo:BiografíaInge Morath
Nome orixinal(en) Ingeborg Hermine «Inge» Morath Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento27 de maio de 1923 Editar o valor en Wikidata
Graz, Austria Editar o valor en Wikidata
Morte30 de xaneiro de 2002 Editar o valor en Wikidata (78 anos)
Nova York, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecancro Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaGreat Oak Cemetery (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Outros nomesMorath, Ingeborg
Birch, Mrs. Lionel
Miller, Mrs. Arthur Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Estados Unidos de América
Austria Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónfotógrafa, fotoxornalista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1945 Editar o valor en Wikidata -
Membro de
Magnum Photos (1955–) Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeArthur Miller (1962–2002) Editar o valor en Wikidata
FillosDaniel Miller, Rebecca Miller Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteDictionary of Women Worldwide
A World History of Women Photographers (2020 edition) (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Sitio webingemorath.org Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm1269547 IBDB: 86802
BNE: XX1100598 Discogs: 1999875 Find a Grave: 6522485 Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Infancia e mocidade (1923-1945)

editar

Ingeborg Morath naceu en Graz, Austria. Os seus pais, Mathilde (Wiesler) e Edgar Morath,[2] eran científicos e traballaron en diferentes laboratorios e universidades europeas, polo que a familia tivo que desprazarse con frecuencia durante a súa infancia. Educada en escolas francófonas, a familia Morath viviu unha tempada en Darmstadt durante a década dos trinta antes de mudarse a Berlín, onde o seu pai dirixiu un laboratorio de química especializado na madeira. Morath foi rexistrada na Luisenschüle, preto de Bahnhof Friedrichstrasse.[3]

O primeiro encontro de Morath coa arte de vangarda foi a soada exposición titulada Entartete Kunst (Arte dexenerada) do partido nazi en 1937, deseñada para provocar o rexeitamento popular á arte contemporánea. "Atopei moitas desas pinturas emocionantes, e namoreime do Cabalo azul de Franz Marc", escribiu máis adiante, engadindo que "só se permitían comentarios negativos sobre as obras, e así comezou un longo período de gardar silencio e agochar os propios pensamentos".[4]

En 1939, estalou a segunda guerra mundial. Tras rematar a súa educación secundaria, Morath aprobou o Abitur e foi requirida, como todos os estudantes da súa idade, a realizar seis meses de servizo no Reichsarbeitsdienst ("Servizo de Traballo do Reich") antes de acceder á Universidade de Berlín. Durante os seus estudos de filoloxía, Morath aprendeu a falar fluidamente francés, inglés e romanés.[5] Sobre a súa experiencia universitaria, Morath dixo que "estudaba alí onde atopaba un lugar tranquilo, na universidade ou nas estacións de metro, que servían como refuxios antiaéreos. Non me unín á Studentenschaft (organización de estudantes)".[6]) Contra o final da guerra, Morath foi recrutada e puxérona a traballar nunha fábrica de Tempelhof, xunto a prisioneiros de guerra ucraínos. Durante un ataque de bombardeiros rusos, Morath fuxiu a pé da fábrica e refuxiouse en Austria. Posteriormente, Morath sempre rexeitou realizar fotografías de guerra, dicindo que prefería traballar sobre historias que mostrasen as súas consecuencias.

Inicios e éxitos (1945-1962)

editar

Tralo conflito, Morath traballou como tradutora e xornalista. En 1948 foi contratada por Warren Trabant (entón correspondente en Viena, e máis tarde editor) para a revista Heute, unha revista ilustrada publicada pola Axencia de Información dos Estados Unidos. Morath coñeceu o fotógrafo Ernst Haas na Viena de posguerra, que mostrou o seu tratraballo a Trabant.[7] Axiña comezaron a traballar xuntos en Heute: Morath redactaba os artigos que acompañaban as fotografías de Haas. En 1949, Robert Capa convidou a parella a unirse á súa recentemente fundada Magnum Photos, en París. Como editora, Morath recibía material fotográfico de todos os membros da asociación, e así foi como descubriu a Henri Cartier-Bresson: "Creo que estudando o seu xeito de facer fotografías aprendín a facer fotografías pola miña conta, antes de ter unha cámara na man".[8]

Morath estivo casada brevemente co xornalista inglés Lionel Birch e en 1951 mudouse a Londres. Ese mesmo ano comezou a tirar as súas propias fotografías durante unha visita a Venecia. "Quedou instantaneamente claro que a partir dese momento eu sería fotógrafa", escribiu. "Segundo continuaba a fotografar sentíame máis feliz. Souben que podía expresar as cousas que quería dicir dándolles forma mediante os meus ollos".[9]

Morath quixo por iso converterse en aprendiz de Simon Guttman, quen era nesa época editor de Picture Post e dirixía a axencia fotográfica Report. Guttman quixo saber que impulsaba a Morath a converterse en fotógrafa, e esta contestoulle que "tralo illamento do nazismo, sentín que atopara a miña linguaxe na fotografía".[10] Tras pasar algúns meses como secretaria de Guttman, finalmente este encargoulle tarefas propiamente fotográficas. Morath comezou a vender as súas primeiras fotografías en exposicións, inauguracións e mostras nocturnas baixo o pseudónimo de Egni Tharom (o seu propio nome escrito ao revés).[11]

Morath divorciouse de Birch e regresou a París para lanzar a súa carreira como fotógrafa. En 1953 presentou a Capa a súa primeira historia fotográfica de gran formato, que trataba sobre os sacerdotes traballadores nesa cidade. Capa convidouna a unirse á súa axencia, aínda que os primeiros traballos que lle asignou eran os que non resultaban interesantes para os "grandes" da empresa. Un dos seus primeiros encargos levou a Morath a Londres, onde traballou durante algún tempo cos habitantes do Soho e Mayfair. O retrato da señora Evelyn Nasch, xurdido por mor dese encargo, está entre as súas fotografías máis coñecidas. A suxestión de Capa, Morath traballou entre 1953 e 1954 como axudante e documentalista de Cartier-Bresson. Finalmente, en 1955 foi admitida como membro oficial da axencia Magnum Photos. Durante os últimos anos 50 Morath dedicouse a viaxar por todo o mundo, cubrindo reportaxes en Europa, Oriente Medio, África, os Estados Unidos e América do Sur, realizando fotos que se publicaban en Holiday, Paris Match e a revista Vogue. Publicou tamén fotografías de España no libro Guerre à a Tristesse, publicado con Robert Delpire en 1955. Máis adiante aínda publicou outra obra similar (Da Perse à l'Iran, 1958), reunindo un total de máis de 30 monografías realizadas durante toda a súa vida.

Como moitos outros membros de Magnum, Morath traballou como directora de fotografía para numerosas películas. Coñeceu a John Huston en Londres, e colaborou na fotografía de varias das súas películas. Moulin Rouge (1952) foi un dos seus primeiros encargos como fotógrafa, e a súa primeira experiencia nun estudio de cine. Cando Morath comentou a Huston que só tiña un rolo de película en cor para traballar, o director conseguiulle outros tres, e adoitaba chamalo cun xesto da man cando, en metade da rodaxe, vía un momento apropiado para tirar unha fotografía.[12] Huston dixo dela que Morath era "a suprema sacerdotisa da fotografía. Tiña unha habilidade pouco frecuente para penetrar alén da superficie e revelar o que daba vida ao tema da fotografía".[13]

En 1960, traballando na rodaxe de The Unforgiven (1960), protagonizada por Audrey Hepburn, Burt Lancaster e Audie Murphy, Morath acompañou a Huston e algúns amigos a unha cazaría de patos nun lago entre as montañas preto de Durango (México). Grazas ao teleobxectivo da súa inseparable cámara, Morath puido ver como a balsa de Murphy e o seu amigo envorcara a uns 100 metros da beira, quedando Murphy conmocionado, con gran perigo de afogarse. Nadadora experta, Morath quitou a roupa e lanzouse á auga, remolcando os dous homes grazas á tira do seu suxeitador. O incidente pasou tan inadvertido que a cazaría se desenvolveu sen incidentes.[14]

Morath volveu traballar con Huston en 1960 en The Misfits, un éxito de público protagonizado por Marilyn Monroe, Clark Gable e Montgomery Clift, baseado nun guión de Arthur Miller. A axencia Magnum tiña permiso exclusivo para fotografar a rodaxe, de modo que Morath e Cartier Bresson foron os primeiros dos nove fotógrafos que visitaron as localizacións do filme nos arredores de Reno, (Nevada).[15][16]

Morath coñeceu a Miller durante a rodaxe e (despois do divorcio de Miller e Monroe) casaron o 17 de febreiro de 1962, mudándose definitivamente aos Estados Unidos. A primeira filla da fotógrafa, Rebecca, naceu en setembro de 1962. A parella tivo un segundo fillo con síndrome de Down, Daniel, que foi ingresado ao pouco de nacer nun centro[17] e do que o propio Miller non quixo saber ata os últimos dez anos da súa vida. Rebecca Miller é guionista e directora de cinema e está casada co actor Daniel Day Lewis.

Os logros profesionais de Morath durante esta primeira década de traballo foron extraordinarios. Xunto a Eve Arnold, converteuse nunha das pioneiras en Magnum, que era unha institución predominantemente masculina. Moitos críticos comentaron o elemento surrealista que caracterizaba a fotografía de Morath nesta época.[18] Morath atribuía isto ás longas conversacións que tivera con Cartier-Bresson durante as súas viaxes por Europa e os Estados Unidos. Como moitos dos seus colegas da primeira época de Magnum, o traballo de Morath radicaba nun humanismo fundamental, modelado en gran parte pola súa experiencia de guerra e a súa relación coa sombría Europa da posguerra. Esta motivación converteuse durante a madurez de Morath nun auténtico leitmotiv, que se reflectiu en imaxes que exhibían a resistencia do espírito humano sometido a situacións de extrema dureza, e as súas manifestacións de éxtases e felicidade.

Etapa de madurez (1962-2002)

editar

Tralo seu regreso aos Estados Unidos, durante as décadas dos 60 e dos 70 Morath viviu máis apegada ao seu fogar, criando a súa familia con Miller e traballando con el en diversos proxectos. A súa primeira colaboración foi o libro In Russia (1969) que, xunto a Chinese Encounters (1979) reflectiron as súas viaxes pola Unión Soviética e a República Popular da China. In the Country, publicado en 1977, era unha mirada íntima á súa contorna máis próxima. Tanto para Miller, que pasara gran parte da súa vida en Nova York como para Morath, que viña de Europa, a paisaxe de Connecticut representaba un lugar idílico para atoparse con América.

Dada a extraordinaria habilidade de Morath cos idiomas, Miller comentou nunha ocasión que "viaxar con ela era un privilexio, posto que eu só nunca podería penetrar nesa dirección". En moitos sentidos, con todo, as fotografías de Morath e os textos de Miller ofrecen dúas caras dunha mesma moeda: durante as súas viaxes, Morath adoitaba traducir a Miller, mentres que grazas á reputación do seu marido, Morath tivo moitas oportunidades de coñecer auténticas personalidades da elite do mundo artístico internacional.[19]

O fotógrafo austríaco Kurt Kaindl, colega de Morath durante moito tempo, apuntou que "a súa cooperación se desenvolvía sen ningún tipo de presión e estaba unicamente motivada polo seu interese común nas persoas e nas esferas culturais respectivas, unha situación que corresponde ao estilo de traballo de Inge Morath, que adoitaba sentirse algo intimidada ante un encargo".[20]

Na casa ou onde queira que a levasen as súas viaxes, Morath buscaba os artistas e escritores locais, e adoitaba confraternizar con eles. Durante os cincuenta, Morath dedicouse a un encargo da revista L'Oeil, de Robert Delpire, de fotografar importantes artistas, como Jean Arp ou Alberto Giacometti. Tamén coñeceu a Saul Steinberg en 1958. Dise que o día que ela ía á súa casa a facerlle o seu retrato, Steinberg abriulle a porta cunha máscara que confeccionara cunha bolsa de papel. Durante varios días traballaron en sesións de retratos, convidando personaxes do mundo da cultura e amigos a posar coa máscara de Steinberg posta. Outro traballo que se estendeu no tempo foi a documentación que Morath realizaba en moitas dos filmes baseadas en guións de Miller.

Algúns dos maiores logros de Morath aprécianse nos seus retratos, tanto posados de celebridades como etéreas imaxes de anónimos paseantes. As súas fotografías do domicilio da biblioteca de Boris Pasternak, a casa de Anton Chekhov, o dormitorio de Mao Tse Tung, así como de estudios de artistas e monumentos funerarios están empapados do espírito de persoas desaparecidas que dalgún xeito continúan presentes. O escritor Philip Roth, a quen Morath fotografou en 1965, describiuna como "a máis certeira, enérxica e aparentemente voyeur que coñezo. Se es un dos seus temas, apenas te dás conta de que baixaches a garda e os teus segredos foron rexistrados ata que é demasiado tarde. É unha tenra intrusa cunha cámara invisible".[13]

Segundo crecía o alcance dos seus proxectos, Morath preparábase intensamente para o estudo da linguaxe, a arte e a literatura do país que ía atopar para entender a súa cultura completamente. Aínda que a fotografía era o principal medio de expresión de Morath, era só unha máis das ferramentas que empregaba, entre as moitas que foi adquirindo ao longo da súa vida. Ademais das moitas lingua que era capaz de falar, Morath era unha prolífica escritora de diarios e cartas, e a súa dobre capacidade de fotografar e escribir convertíaa nun exemplar pouco frecuente entre os seus colegas de profesión. Morath escribiu profusamente, e ás veces en ton divertido, sobre os temas das súas fotografías. Aínda que raramente editou eses textos durante a súa vida, as súas publicacións póstumas céntranse en aspectos relativos ao seu traballo, e ligaban o seu traballo fotográfico cos seus escritos de viaxe, as súas notas de traballo e gran variedade de material diverso relacionado coa súa actividade.

Durante os oitenta e novetna, Morath continuou a alternar os traballos por encargo e os seus proxectos persoais. O filme Copyright by Inge Morath (1992), da directora alemá Sabine Eckhard, foi seleccionada para unha exposición sobre a axencia Magnum realizada durante o Festival de Cinema de Berlín de 2007. Eckhard filmou a Morath no seu estudio de Connecticut e en compañía de amigos como Cartier Bresson ou Elliot Erwitt en Nova York e París. No ano 2002, traballando coa directora Regina Strassegger, Morath cumpriu un soño arelado, volver ás terras dos seus devanceiros, na fronteira entre Estiria e Eslovenia. Esta rexión montañosa, que unha vez formou parte do Imperio Austrohúngaro, converteuse en obxecto de enfrontamentos ideolóxicos trala segunda guerra mundial e ata 1991, cando os intentos de aproximación conducían invariablemente a conflitos en ambos os lados da fronteira. O libro Last Journey (2002) e o filme de Strassengger Grenz Räume (2002) documentaron as visitas de Morath á súa terra natal, xa nos últimos anos da súa vida.

Morte e legado

editar

Ingeborg Morath Miller morreu de cancro en 2002, á idade de 78 anos.[1] A súa familia creou a Fundación Inge Morath en 2003 para preservar e compartir o seu legado.

En honra á súa colega, os membros de Magnum Photo estableceron en 2002 o Premio Inge Morath. O galardón anual é administrado pola Fundación Inge Morath, e concédese a unha fotógrafa de menos de trinta anos, para apoiar o traballo cara á concreción dun proxecto a longo prazo.

  1. 1,0 1,1 "Inge Morath, Photographer With a Poetic Touch, Dies at 78". The New York Times. 31 de xaneiro de 2002. Inge Morath, a photographer who brought a whimsical, lyrical touch to her images from travelogues to reportage to portraits, died yesterday at New York Hospital in Manhattan. She was 78 and lived in Roxbury, Connecticut. Arthur Miller, her husband, said the cause of death was lymphoma. 'She made poetry out of people and their places over half a century,' Mr. Miller said. 
  2. Strassegger, Regina; Morath, Inge (2002). Inge Morath. google.ca. ISBN 9783791327730. 
  3. MORATH, Inge. I Trust My Eyes (Manuscrito para unha conferencia en Berlín), páxina 4. Inédito, propiedade de Inge Morath Foundation.
  4. MORATH, Inge. Op. cit, páx. 5
  5. Máis adiante, Morath tamén se familiarizou co castelán, o ruso e o chinés.
  6. MORATH, Inge, Op. cit, páx. 9
  7. TRABANT, Warren. Carta a Alex Haas, inédita, agosto de 1987. Propiedade de Ernst Haas Archive.
  8. MORATH, Inge, Op. cit., páx. 15
  9. MORATH, Inge, Op. cit., páx. 17
  10. MORATH, Inge, Op. cit., páx. 18
  11. MORATH, Inge. "About Myself" en Inge Morath: Life as a Photographer, páx. 15. Múnic: Gina Keyahoff Verlag, 1999.
  12. MORATH, Inge. I Trust My Eyes (manuscrito para unha conferencia en Berlín), páx. 22.
  13. 13,0 13,1 MORATH, Inge. Portraits. Nova York: Aperture Foundation, 1986.
  14. Epic in Durango Arquivado 30 de setembro de 2007 en Wayback Machine., Time Magazine: 23 de marzo de 1959.
  15. Toubiana, Serge and Arthur Miller. The Misfits: Story of a Shoot. Nova York, Phaidon, 2000.
  16. Morath, Inge. The Road to Reno. Göttingen, Steidl, 2006.
  17. Andrews, Suzanna (setembro de 2007). "Arthur Miller's Missing Act". Vanity Fair. Consultado o 2010-12-26. 
  18. Lahs-Gonzales, Olivia. "To Unseal the Deeper Nature", en Inge Morath: Life as a Photographer, páxs. 61-74. Múnic: Gina Keyahoff Verlag, 1999.
  19. MORATH, Inge. The Road to Reno. Göttingen, Steidl, 2006. páx. 111.
  20. KAINDL, Kurt. "Inge Morath: A Photographer's Biography," en Inge Morath: Fotografien 1952 - 1992. Salzburgo, Edición Fotohof. Páx. 27.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar