Imre Lakatos
Imre Lakatos, nado en Debrecen, Hungría, o 9 de novembro de 1922 e finado en Londres o 2 de febreiro de 1974, foi un filósofo da ciencia que desenvolveu o falsacionismo de Karl Popper.
Traxectoria
editarFormado na Universidade de Debrecen, a súa nai e a súa avoa foron asasinadas en Auschwitz entrementres el conseguiu fuxir dos nazis cambiando de nome. Convertido nun convencido comunista, traballou no ministerio de Educación da república soviética do seu país e asistiu tamén aos seminarios de Gyorgy Lukács. Aínda que estudou tamén na Universidade estatal de Moscova, foi acusado de revisionismo polo comunismo oficial e metido na cadea.
Implicouse na revolución húngara de 1956 que foi esmagada pola Unión Soviética, o que provocou a súa fuxida a Viena, e máis tarde ao Reino Unido onde se doutorou na Universidade de Cambridge. Posteriormente, traballou na Escola de Economía de Londres e foi o editor do British Journal for the Philosophy of Science ata a súa súpeta morte dunha hemorraxia cerebral.
Pensamento
editarIntroduciu a dimensión histórica no coñecemento científico. A filosofía da ciencia sen historia fica baleira e a a historia da ciencia sen filosofía é cega. Introduce a posibilidade de corrección das reconstrucións racionais por medio de estudos históricos independentes. Para el historia significa, por unha banda, conxunto de feitos históricos e, por outra, un conxunto de proposicións históricas. Calquera historia é unha reconstrución cargada de teoría e de valor. Existe pois, tamén no eido científico, unha profunda conexión entre ámbolos dous planos.
Como Popper, entende que só é científico o refutable, o falsable. Considera inxel o positivismo científico que cre que se poden verificar sobre a experiencia as construcións científicas co fin de outorgarlles a categoría de verdade. Pero non comparte a crítica radical de Paul Feyerabend para quen non existen ciencias no sentido dos racionalistas senón humanidades.
Para Lakatos só se poden refutar sistemas teóricos completos e non hipóteses illadas. Aumenta, xa que logo, a escala da unidade de avaliación que non é o enunciado illado a confirmar no experimento senón o programa de investigación.
Este é un conxunto de teorías sucesivas a contrastar con teorías rivais. O programa de investigación ten un núcleo duro e un cinto protector formado por hipóteses auxiliares. O núcleo duro vese afectado se non poden predicir fenómenos por conter anomalías empíricas, momento no que pode ser substituído por un programa rival que é quen de explicar máis có anterior e predicir feitos novos.
Obras
editar- Proofs and refutations
- The logic of mathematical discovery