Ilerxetes
Os ilerxetes eran un dos pobos que ocupaban parte da Península Ibérica antes da chegada dos romanos. Formado a partir do substrato étnico indíxena, incorporaron múltiples influencias provenientes da Idade de Bronce e dalgunhas das tribos indoeuropeas que inmigraron á península no primeiro milenio antes de Cristo (xa na Idade de Ferro).
Xeografía
editarEstaban situados en parte do que sería coñecido posteriormente como a Tarraconense, dende o Baixo Urgell ata o río Ebro, ocupando o que na actualidade son as provincias de Huesca e de Lleida, ocupando as ricas concas do río Segre, o Noguera Pallaresa, o Noguera Ribagorzana, o Cinca e o Alcanadre, aínda que é impropio tratar de establecer fronteiras definidas naquela época. Áchanse sinais da súa presenza durante longos períodos na actual provincia de Zaragoza e o norte de Castelló, onde premían os edetanos.
A súa capital era Atanagrum, cuxa situación exacta se descoñece. Outra cidade importante era Ilerda, tamén denominada Iltirta ou Iltirda (a actual Lleida), e que en determinados momentos foi tamén capital, chegando a considerarse nalgúns períodos como a cidade máis grande na península ao norte de Sagunt.
Sociedade
editarA súa sociedade política estaba fundamentada na existencia dun Rei (régulos nas crónicas romanas, "reis pequenos"), moi xerarquizada con oligarcas que mantiñan a estrutura social e un forte compoñente militar. Sostense a tese de que era unha sociedade moi avanzada á chegada dos romanos e que eran bos comerciantes. Algunhas cidades grandes parecían dispoñer de certa autonomía con órganos de goberno a xeito de curias a partir do século I a.C., aínda que ben poderían estar influídas polo proceso de romanización acentuada a partir do 195 a.C.
A súa economía estaba baseada na gandaría e o cultivo de gran. Encontráronse muíños manuais xiratorios. Foi moi importante o desenvolvemento da metalurxia, a ourivaría e a industria téxtil. A cerámica tiña compoñentes fenicios e gregos, con motivos ornamentais xeométricos. Usaban a moeda, de bronce (ases) e de prata (dracmas), polo menos dende o século III a. C., o que favoreceu o comercio e a captación de impostos.
Historia
editarA súa figura máis notable foi o rei Indíbil (h. 258 a. C. -205 a. C.) que primeiro como aliado de Cartago, sostivo diversos enfrontamentos cos romanos, durante a Segunda guerra púnica. A situación estratéxica do territorio dos ilerxetes favoreceu as súas alianzas con Roma ou Cartago (case sempre con esta última), aínda que se afirma na actualidade de xeito unánime que o auténtico interese dos ilerxetes e os seus caudillos era favorecer os seus propios intereses, defender o seu pobo e estenderse máis alá das súas fronteiras conquistando os pobos veciños á marxe das dúas grandes potencias do Mediterráneo occidental do momento. Tiñas boas relacións cos celtiberos, e trataron de imporse aos pobos ao norte do Ebro, como sumesetanos e sedetanos; pola contra, foron tradiconalmente aliados dos ausetanos.[1]
Ademais das batallas onde Indíbil e Mandonio, lugartenente daquel, interviñeron, os ilerxetes aínda se sublevaron no 195 a.C. contra Roma e deberon ser sometidos por Catón. A partir deste momento comeza a decadencia deste pobo que no 192 a.C. debe pedir a Roma axuda para defenderse dos seus veciños, sometidos xa a vasalaxe romana os seus reis e eliminadas as defensas das cidades.
O depósito arqueolóxico dun asentamento ilerxete que máis información ofreceu sobre a historia deste pobo, ademais das obras dos autores antigos romanos, é o de La Pedrera de Vallfogona de Balaguer.
Notas
editar- ↑ Blázquez Martínez (1987), p. 198
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ilerxetes |
Bibliografía
editar- Almagro, Martín; Arteaga, Oswaldo; Blech, Michael; Ruiz Mata, Diego (2001). Protohistoria de la Península Ibérica. Colección Ariel Historia (en castelán). Madrid: Ariel. ISBN 978-8434466258.
- Blázquez Martínez, José María (1987). "El estado de Burebista y los pueblos de la Península Ibérica en época helenística: semejanzas y diferencias". Gerión. Revista de Historia Antigua (en castelán) (Madrid: Universidade Complutense de Madrid) (5): 195–210. ISSN 0213-0181.
- Sanmartí, Joan; Santacana i Mestre, Joan (2005). Els ibers del nord (en catalán). Barcelona: Rafael Dalmau, editor. ISBN 9788423206919.