IES Otero Pedrayo de Ourense
O IES Otero Pedrayo de Ourense é un centro de ensino secundario situado en Ourense e pertencente á rede pública de institutos da Xunta de Galicia e á dos institutos históricos de Galicia. Leva o nome do escritor Ramón Otero Pedrayo. Localízase a carón do Xardín do Posío, situado no barrio do mesmo nome. No centro impártese educación secundaria obrigatoria e Bacharelato.
IES Otero Pedrayo | |
---|---|
Enderezo | |
Rúa Padre Feijoo, n° 12, 32005-Ourense | |
Datas | |
Creación | 1845 |
Edificio actual | 1927 |
Educación | |
Ensinanzas | Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Ciclos Formativos |
Xestión | |
Tipo | Público |
Xunta de Galicia | |
Na rede | |
http://centros.edu.xunta.es/iesoteropedrayo.ourense/index.php |
Historia
editarEste edificio foi construído en varias etapas ao longo do tempo para albergar estudos de ensino medio na cidade de Ourense. O instituto foi creado por Real Orde do 30 de outubro de 1845 ao abeiro do Plan Xeral de Estudos (plan Pidal), que creaba un centro de ensino secundario en cada capital de provincia. Nun principio situouse no antigo convento de San Fernando, dos xesuítas (actual rúa de Valentín Lamas Carvajal), compartindo instalacións coa Biblioteca Pública e co Seminario Conciliar[1].
En 1869 a Deputación de Ourense decidiu destinar fondos para construír o edificio actual. O edificio inaugurouse en 1896, e comezou albergando o Instituto de 2ª Ensinanza, a Escola de Artes e Oficios, a Escola Normal de Mestres e a Biblioteca Pública.[2] No curso 1904-1905 matricúlanse as primeiras alumnas. Neste período pasan polo centro personaxes ilustres da historia de Galicia, como Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e outros integrantes do Grupo Nós.
A noite do 7 de decembro de 1927 tivo lugar un incendio, que comezou na biblioteca e se propagou por todo o edificio[1], afectando especialmente á biblioteca, á sala de profesorado e á Escola de Artes e Oficios. Perdéronse fondos procedentes dos mosteiros de Celanova, Oseira, Melón, San Clodio, San Domingos e San Francisco, que reunira o abade exclaustrado de Celanova Bonifacio Ruiz logo da desamortización de Mendizábal. O material que se atopaba nestas dependencias quedou destruído, o que provocou que posteriormente a utilidade única deste edificio fose a de Instituto.
En 1966 o edificio adquiriu o nome de Instituto Feminino debido á apertura no barrio da Ponte do Instituto Masculino, durante a segregación escolar por xénero durante o Franquismo.[2] Coa restauración da democracia volveu o ensino para rapaces e rapazas.
En 1997 inaugurouse o polideportivo, construído no antigo campo do Pompeo. Dende 2007 o centro conta cun edificio anexo, o antigo Colexio Irmáns Villar, trasladado cara á superficie da Estación de San Francisco e cuxo antigo edificio foi remodelado para acoller o alumnado de bacharelato.
Instalacións
editarO edificio conta con varias dependencias especializadas, construídas con funcións específicas tales como:
- O Paraninfo: salón de actos, inspirado nos teatros do século XIX. Distribúese nun espazo rectangular e conta cunha planta basilical na que se sitúa o patio de butacas e dúas naves laterais. Na parte superior alberga bustos que se colocarían nos fornelos superiores, escolléndose un representante para cada ciencia e presidindo todas as iconas o Padre Feijoo nun frontal e, en fronte, Miguel de Cervantes. Nos laterais hai bustos de Jorge Juan, Columela, Herrera, Juan Cabanilles, P. Mariana, Nebrija, Hernández, Murillo, Orfila e Balmes.[3] Na actualidade emprégase para albergar diferentes representacións como obras teatrais ou música de cámara, entre outras. Recentemente leváronse a cabo obras de restauración entre os anos 2006 e 2008. O 23 de setembro de 2017 o paraninfo acolleu a lectura do discurso de ingreso da poeta Chus Pato na Real Academia Galega.[4]
- O Pompeo: polideportivo construído en 1997 para realizar actividades deportivas (fútbol sala, baloncesto, voleibol e bádminton, entre outros). Situado na parte inferior do edificio, serve para albergar competicións e actos deportivos non só do Instituto senón tamén da Deputación Ourensá. Conta cunha sala á parte que se emprega para gardar material e como ximnasio. A parte superior emprégase como patio escolar. A orixe do nome débese a don Pompeyo Beltrán Camús, catedrático do instituto.
- Museo (Rede MUPEGA): situado nun dos laterais do soto do centro, foi inaugurado en xuño de 2009. Alberga material dos departamentos de Física, Química e Ciencias Naturais do século XIX e principios do XX.[5]
- Biblioteca: situada no segundo andar do Instituto, na parte frontal do edificio, alberga unha gran cantidade de libros e manuais e, ás veces, algunha exposición. Forma parte da rede de Bibliotecas Escolares de Galicia.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Rafael Salgado (19 de setembro de 2015). "La Biblioteca Pública de Ourense". La Región (en castelán).
- ↑ 2,0 2,1 "Historia". IES Otero Pedrayo de Ourense.
- ↑ José R. Doval Garrido. "Paraninfo". IES Otero Pedrayo de Ourense. Consultado o 1 de maio de 2018.
- ↑ Pato, C. e Fernández Rei, F. (2017): Baixo o límite. Discurso lido o día 23 de setembro de 2017 no acto da súa recepción, pola ilustrísima señora dona Chus Pato e resposta do excelentísimo señor don Francisco Fernández Rei. Real Academia Galega. ISBN 9788494600586
- ↑ José R. Doval Garrido. "Museo". IES Otero Pedrayo de Ourense. Consultado o 1 de maio de 2018.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: IES Otero Pedrayo de Ourense |