Hostalaría

(Redirección desde «Hostalería»)

Hostalaría ou hostalería é o nome xenérico das actividades económicas consistentes na prestación de servizos ligados ao aloxamento e a alimentación esporádicos, moi usualmente ligados ao turismo.

Restaurante.

Os establecementos comerciais dedicados a estas actividades (a ambas conxuntamente ou a unha delas por separado) reciben distintos nomes, segundo a súa categoría ou a súa finalidade, aínda que as denominacións oficiais adoitan depender da regulamentación local, que os clasifica con criterios urbanísticos, sanitarios, impositivos ou de seguridade. Entre outras denominacións están as de: hoteis, hostais, paradores, pensións, albergues xuvenís, casas rurais, bares, tabernas, adegas, bodegóns, restaurantes, casas de comidas etc.

Algúns se especializan nalgún tipo de comida ou bebida: hamburguesarías, pizzarías, xeadarías, cervexarías, chocolatarías etc. Outros, inicialmente especializados, diversificáronse para ofrecer todo tipo de consumicións, como as cafetarías ou os salóns de té.

Cando se combinan con outro tipo de servizos ou atraccións, os establecementos hostaleiros poden entrar noutro tipo de categorías, como as actividades de lecer (discotecas etc.). Tampouco adoitan considerarse hostalaría o servizo de comida a domicilio.[Cómpre referencia] Si adoita considerarse equivalente á hostalaría a actividade dos apartamentos turísticos (especialmente os apartohoteis ou os apartamentos localizados nun complexo turístico ou similar), aínda que non se adoite considerar hostalaría o arrendamento de inmóbeis para residencia habitual.

Os servizos hostaleiros ligados a actividades como a sanitaria (hospitais) ou a educativa (colexios maiores) ás veces considéranse e xestiónanse separadamente, e outras considéranse e xestiónanse conxuntamente coa actividade principal.

Os cruceiros son actividades que combinan o transporte coa hostalaría, o que en menor medida ten lugar no ferrocarril (wagon-lit ou coche-cama; vagón-restaurante) e na aviación comercial (diferentes comodidades para os pasaxeiros, como comidas, bebidas e dispositivos para facilitar o descanso e o sono nos asentos).

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar