Henry Fielding
Henry Fielding, nado en Sharpham o 22 de abril de 1707 e finado preto de Lisboa, o 8 de outubro de 1754, foi un novelista inglés coñecido pola novela Tom Jones, considerada unha das primeiras novelas modernas, en que o narrador aparece por primeira vez.[1] Fielding estaba dotado dun humor vulgar e unha intrepidez satírica.
Ademais dos seus logros literarios, tivo un papel importante na historia da aplicación da lei, xa que fundou (co seu medio irmán John) o que algúns chaman o primeiro corpo policial da cidade de Londres, os Bow Street Runners, utilizando a súa autoridade como maxistrado. A súa irmá máis nova, Sarah, tamén se converteu nunha escritora de éxito.[2]
Traxectoria
editarFielding estudou no Eton College, onde estableceu a súa amizade con William Pitt o Vello, que durou o resto da súa vida.[3] Despois dun episodio romántico cunha moza que o acabou poñendo en problemas coa lei, marchou a Londres onde comezou a súa carreira literaria. En 1728, viaxou a Leiden para estudar dereito e estudos clásicos na universidade.[3] Porén, debido a problemas económicos, viuse obrigado a regresar a Londres e comezar a escribir obras de teatro, algunhas das cales foron duramente criticadas polo goberno de Sir Robert Walpole.
Dise que a Lei de Licenzas Teatrais de 1737 foi unha resposta directa ás súas actividades.[3][4] A peza particular que desencadeou a Lei foi The Golden Rump, mais as sátiras de Fielding marcaran o ton. Unha vez aceptada a Lei, a sátira política no escenario fíxose practicamente imposible, e as obras de teatro representadas eran consideradas sospeitosas. Fielding retirouse entón do campo do teatro e retomou a súa carreira de dereito. Para axudar a súa esposa Charlotte Cradock e os seus dous fillos, converteuse en avogado.[3][4]
Os seus problemas económicos sentíronse de primeira man xa que el e a súa familia finalmente sufriron períodos de pobreza severa, mais foron axudados por Ralph Allen, un rico benefactor que máis tarde serviu de inspiración para a personaxe de Squire Allworthy en Tom Jones. Despois da morte de Fielding, Allen aínda financiou os estudos dos seus fillos e axudounos.
Fielding nunca deixou de escribir as súas cartas e as súas sátiras de políticos e artistas da súa época. A súa obra Tragedy of Tragedies de Tom Thumb (cun prólogo que foi escrito por William Hogarth) foi, por exemplo, unha obra impresa de bastante éxito. Tamén colaborou nos xornais diarios. Escribiu para publicacións periódicas tory, xeralmente baixo o nome de "Captain Hercules Vinegar". A finais da década de 1730 e principios da década de 1740 Fielding continuou a facer explícitos os seus puntos de vista liberais e antixacobitas nos seus artigos. Case por accidente, enfadado polo éxito da Pamela de Samuel Richardson, Fielding volveu escribir novelas en 1741 e o seu primeiro éxito foi Shamela, unha parodia anónima da novela melodramática de Richardson. É unha sátira que segue os modelos dos satíricos conservadores famosos da xeración anterior, en particular Jonathan Swift e John Gay.
Seguiu isto con Joseph Andrews en 1742, un traballo orixinal que supostamente trataba do irmán de Pamela, Joseph.[3] Aínda que tamén comezou como unha parodia, este traballo converteuse nunha novela longa e marcou o debut de Fielding como novelista serio. En 1743, publicou unha novela Miscellanies volume III (que en realidade era o primeiro volume das Misceláneas). Esta titulouse The History of the Life of the Late Mr Jonathan Wild the Great, e adoita ser vista como a súa primeira obra, xa que sen dúbida comezou a escribila antes de Shamela e Joseph Andrews. É unha sátira de Walpole que fai un paralelismo entre el e Jonathan Wild, o infame bandoleiro líder dunha banda. Fielding comparou implicitamente o Partido Whig no Parlamento do Reino Unido cunha banda de ladróns comandada por Walpole, cuso constante desexo de ser un "Grande Home" (un epíteto común para Walpole) só debería culminar na antítese da grandeza: ser aforcado.
A súa obra de 1746 The Female Husband, publicada de forma anónima, é un relato romanticizado dun notorio caso en que se xulgaba unha muller travestida por enganar outra muller para que casase con ela. A pesar de ser só un elemento da gran listaxe de obras de Fielding, o seu tema é consistente coa súa constante preocupación pola fraude, a simulación e os disfraces. A súa obra máis grande foi 'Tom Jones, de 1749, unha novela picaresca meticulosamente construída para contar a confusa e divertida lenda de como un neno abandonado chegou á fortuna. Charlotte, a muller que serviu de base para as heroínas de Tom Jones e Amelia, morreu en 1744. Tres anos despois, Fielding, sen ter en conta a opinión pública, casou coa antiga criada de Charlotte, Mary, que estaba embarazada.[4]
A pesar diso, o seu firme antixacobitismo e o seu apoio á Igrexa Anglicana levaron a que fose recompensado un ano despois co cargo de maxistrado xefe de Londres, e a súa carreira literaria fíxose aínda máis forte. Xunto co seu medio irmán máis novo John, axudou a fundar o que algúns chaman a primeira policía de Londres, os Bow Street Runners, en 1749.[5]
Segundo o historiador G. M. Trevelyan, os dous irmáns foron os mellores maxistrados do Londres do século XVIII, e contribuíron moito á causa da reforma xudicial e penitenciaria. Os seus influentes folletos e investigacións incluíron unha proposta para abolir os aforcamentos públicos. Isto, porén, non supuxo unha oposición á pena de morte, como se pode comprobar no caso en que, en 1751, presidiu o xuízo do famoso criminal James Field, condenándoo por roubo á forca. A pesar de ser cego, John Fielding sucedeu o seu irmán como Maxistrado Xefe e fíxose famoso como o "Maxistrado Cego" de Bow Street debido á súa habilidade para recoñecer os criminais con só escoitar as súas voces.[6]
En xaneiro de 1752, Fielding comezou a escribir un periódico quincenal titulado The Covent-Garden Journal, que publicou baixo o pseudónimo de "Sir Alexander Drawcansir, Knt. Censor of Great Britain" ata novembro do mesmo ano. Neste periódico, Fielding desafiou directamente o "exército de Grub Street" e os outros escritores de revistas da época nun conflito que acabou por converterse na Guerra dos Xornais de 1752–1753.
O ardente compromiso de Fielding coa causa da xustiza como grande humanitario na década de 1750 (o seu apoio a Elizabeth Canning, por exemplo) coincidiu coa rápida deterioración da súa saúde. Este problema chegou a tal punto que marchou a Portugal en 1754 na procura dunha cura. A gota, o asma e outras afeccións deixárono andando con muletas. Morreu en Lisboa[4] dous meses despois. A súa tumba está situada no interior do cemiterio inglés da cidade.
Obras
editar- The Masquerade, poema (primeira publicación de Fielding)
- Love in Several Masques, obra de teatro, 1728
- Rape upon Rape, obra de teatro, 1730. Adaptada por Bernard Miles como Lock Up Your Daughters! en 1959
- The Temple Beau, obra de teatro, 1730
- The Author's Farce, obra de teatro, 1730
- The Tragedy of Tragedies; or, The Life and Death of Tom Thumb, obra de teatro, 1731
- Grub-Street Opera, obra de teatro, 1731
- The Modern Husband, obra de teatro, 1732
- The Covent Garden Tragedy, obra de teatro, 1732
- Pasquin, obra de teatro, 1736
- The Historical Register for the Year 1736, obra de teatro, 1737
- An Apology for the Life of Mrs. Shamela Andrews, novela, 1741
- The History of the Adventures of Joseph Andrews and his Friend, Mr. Abraham Abrams, novela, 1742
- The Life and Death of Jonathan Wild, the Great, novela, 1743
- Miscellanies, colección de traballos, 1743
- The Female Husband or the Surprising History of Mrs Mary alias Mr George Hamilton, who was convicted of having married a young woman of Wells and lived with her as her husband, taken from her own mouth since her confinement, panfleto, relatorio novelado, 1746
- The History of Tom Jones, a Foundling, novela, 1749
- A Journey from this World to the Next, 1749
- Amelia, novela, 1751
- The Covent Garden Journal, xornal, 1752
- Journal of a Voyage to Lisbon, libro de viaxes, 1755
Notas
editar- ↑ Carpeaux, Otto Maria (2012). História da Literatura Ocidental. São Paulo. p. 320. OCLC 1262156843.
- ↑ "Henry Fielding (1707–1754)". The Literary Encyclopedia. Consultado o 2009-09-09.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Henry Fielding". The Dorset Page. Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2018. Consultado o 2009-09-09.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Henry Fielding (1707–1754)". Books and writers. Arquivado dende o orixinal o 2009-07-06. Consultado o 2009-09-09.
- ↑ "Henry Fielding". Spartacus Educational. Arquivado dende o orixinal o 2009-05-17. Consultado o 2009-09-09.
- ↑ Words, Words, Words, From the Beginnings to the 18th Century, La Spiga languages, 2003