Castelo da Frouxeira
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
O castelo da Frouxeira[1] ou Frouseira[2] foi unha fortificación situada na parroquia de Santa Cilla do Valadouro (concello de Foz), no pico da Frouxeira, a case cincocentos metros sobre o nivel do mar. As súas ruínas están declaradas Ben de Interese Cultural.
Castelo da Frouxeira | |
---|---|
ben de interese cultural | |
Concello | Foz |
Provincia | Lugo |
Comunidade autónoma | Galicia |
Coordenadas | 43°32′13″N 7°21′20″O / 43.53691111, -7.35542778 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | ? (século IX) |
Estilo actual | ? |
Estado actual | En ruínas |
Véxase tamén | |
Castelos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarA fortaleza da Frouxeira pertenceu á mitra mindoniense e probablemente foi un dos bens que Pardo de Cela recibiu como dote de voda ao casar con Isabel de Castro, sobriña do bispo Henrique de Castro, e filla do conde de Lemos. Na Frouxeira, desde principios do 1481 e ata case a súa morte, en decembro do 1483, Pero Pardo defendeuse bravamente contra as tropas dos Reis Católicos, capitaneadas por Luis de Mudarra e comandadas por Fernando de Acuña, quen dixo ao ano e medio de estar en Galiza que harto tenía que hacer porque tenía cercado a Pedro Pardo en Peña Frouseira. Sábese ademais, por testemuño de Luis de Mudarra, que morreu moita xente no cerco. A verdade é que A Frouxeira, pola súa situación xeográfica, é practicamente inexpugnable e de aí que as tropas castelás non fosen capaces de a conquistaren e derrotar a Pardo de Cela, polo que os dirixentes urdiron a trama da traizón e, unha vez traizoada, non deixasen pedra sobre pedra; soamente quedan aqueles restos que nin o tempo nunca será capaz de borrar. Por un romance sábese o nome do traidor, Roi Cofano do Valedouro:
Destes fora Capitán
o Cofano do Valedouro
Que aínda que fora un mouro
Non me deran mais afán.
Estes dous feitos, a defensa e a traizón, aniñaron e mancaron no corazón do pobo e deron pé a que poetas, bardos e rapsodos os fosen cantando e recitando por feiras e mercados. Sábese tamén que nada máis ser degolado o Mariscal, escribiuse un "cantar", ou chamado tamén "pranto" da Frouxeira, en que xa se mitifica a punta rochosa debido a esa loita rexa que fixeron nela o Mariscal e os seus criados:
A min chaman toda Mira
Señora do gran tesouro,
Por estrela esclarecida,
xago neste Valedouro.
Onde a Frouxeira pasa a ser "admirada, estrela clara e señora do gran tesouro" por todos. E a seguir, o cantar recolle a traizón:
De min a triste Frouseyra
Que por treyçon foy vendida
Derribada na ribeyra
Ca jamais se veo vencida.
Isto é, xa entón se deron conta os poetas que a pesar de ser destruída e derrubada "jamais se veo vencida"; a Frouxeira dende entón pasou a ser un símbolo.
Ademais dos romances Lamento da Frouseira (ou Pranto) dos Séculos Escuros, o asedio do castelo tamén forma parte da trama d'O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte.
Galería de imaxes
editar-
Vista dende A Frouxeira cara ao oeste. Ao pé, o Valadouro.
-
Vista dende A Frouxeira cara ao NE. Ao pé, o val de San Martiño de Mondoñedo, Foz. Ao fondo, a ría de Foz.
Notas
editar- ↑
- Castelo da Frouxeira na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- ↑ Castro Carrera 2006.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Castro Carrera, Juan C. (2006). "O castelo da "Frouseira"". Os capítulos da irmandade. Xunta de Galicia. pp. 412–421. ISBN 84-453-4274-6.Castro Carrera&rft.btitle=Os cap�tulos da irmandade&rft.date=2006&rft.genre=bookitem&rft.isbn=84-453-4274-6&rft.pages=412-421&rft.pub=Xunta de Galicia&rft_id=https://libraria.xunta.gal/gl/os-capitulos-da-irmandade-peregrinacion-e-conflito-social-na-galicia-do-seculo-xv&rft_val_fmt=info:ofi/fmt:kev:mtx:book" class="Z3988">