Frente Popular Galega
A Frente Popular Galega é unha organización política galega situada ideoloxicamente no marxismo-leninismo e no independentismo, que traballa pola consecución dunha República Galega[2].
Frente Popular Galega (FPG) | |
---|---|
Membro de Anova | |
Mocidades | Xeira (2013-2021) |
Historia | |
Fundación | 1987 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Marxismo-leninismo Independentismo galego |
Concelleiros | 7 / 3.811 |
Outros datos | |
Publicación | Espiral |
Na rede | |
frentepopular.gl | |
A súa acción política guíase polos principios de: independencia nacional, socialismo, anticolonialismo, democracia popular, anti-imperialismo, solidariedade internacionalista e auto-organización[3].
Historia
editarCando en 1986 a UPG acepta a participación do BNG no Parlamento Galego, 13 membros do seu Comité Central, liderados por Mariano Abalo, secretario xeral, e Xan Carballo, secretario xeral da INTG, deixan o partido, constituíndo o Colectivo Comunista 22 de marzo, que o 25 de xullo de 1986 transfórmase no Partido Comunista de Liberación Nacional. A III Asemblea Nacional do BNG expulsa ao PCLN porque pedían o voto para HB nas eleccións europeas.
En 1987 o PCLN e Galiza Ceive-OLN xunto con outras organizacións menores de carácter local como os Colectivos Nacionalistas de Trasancos e Vigo, Grupos Independentistas Galegos de Santiago de Compostela e o colectivo Iskeiro de Ferrol forman a FPG que celebrou a súa asemblea constituínte en xuño de 1988. A súa presentación pública prodúcese o 10 de marzo de 1988
En xuño de 1989 sufriu a escisión dos sectores nucleados en torno a Galiza Ceive-OLN que apoiaban a loita armada do EGPGC que constitúen a Assembleia do Povo Unido (APU). En 1992, o grupo editor da vella revista Espiral, liderado por Xosé Luís Méndez Ferrín, incorpórase á FPG, que en 1994 abandona o seu carácter frontista converténdose en partido.
Nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2001 obtivo 3.176 votos (0'3%), nas eleccións xerais de 2004 tivo 2.257 votos (0'12%) e 1 concelleiro por Cangas nas eleccións municipais de 2003. Nas eleccións autonómicas de 2005 conseguiu 2.982 votos (0'2%).
Nas eleccións municipais de 2007 presentouse en Vigo, onde contou con 549 votos (0,36%) e en coalición con outras forzas de esquerda en Cangas na candidatura da Alternativa Canguesa de Esquerdas que contou con 1890 votos (13,1%) e 3 concelleiros, o que supuxo a entrada no goberno municipal, converténdose o líder da FPG, Mariano Abalo en concelleiro de urbanismo de Cangas.
Nas eleccións ao Parlamento de Galicia 2009 presentaron a Xosé Luís Méndez Ferrín como candidato a presidente da Xunta[4], mentres que para as eleccións europeas de 2009 integrouse na candidatura Iniciativa Internacionalista – A Solidariedade entre os Pobos, indo doutra volta Méndez Ferrín no número 6 da mesma.[5] Porén, o Tribunal Supremo, a instancias do goberno do PSOE, ilegalizou esta candidatura por estar, na opinión deles, promovida pola esquerda abertzale (considerada pola xustiza española como "contorna" de ETA)[6]. Tras ser recorrida a sentenza, o Tribunal Constitucional volveu legalizar dita candidatura[7].
En 2012 o partido integrouse no novo partido Anova-Irmandade Nacionalista (Anova-IN)[8], partipando xunto a estes nas coalicións Alternativa Galega de Esquerda (2012-2015), En Marea (2015-2019) e Galicia en común (2019-actualidade). Grazas a esta política de alianzas a FPG conseguiu varios representantes a nivel local en concellos coma Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol ou A Coruña.
En 2021 a organización celebrou o seu noveno congreso, no que se enfrontaron dúas candidaturas, unha na que se encadraron históricos como Méndez Ferrín ou as concelleiras de Vigo, Coruña e Ferrol, e outra conformada na súa maioría por un sector de militantes da organización xuvenil do partido, Xeira, que a abandonaran en xaneiro dese ano[9]. Finalmente, a primeira lista resultou gañadora do congreso, sendo elixida secretaria-xeral Oriana Méndez[10]. Un sector da militancia abandonou o partido e fundou o Partido Comunista pola República Galega (PCRG)[11][12][13][14].
Os referentes xuvenís da FPG foron Adiante (Mocidade Revolucionaria Galega) entre 2004 e 2013 e Xeira entre 2013 e 2021.
Evolución do voto
editarEleccións | Votos | % | Deputado(s) |
---|---|---|---|
Eleccións ao Parlamento de Galicia 1997 | 3.395 | 0.22 | 0 |
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2001 | 3.176 | 0.21 | 0 |
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2005 | 2.982 | 0.18 | 0 |
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2009 | 2.903 | 0.17 | 0 |
Dende as eleccións municipais do 2007 preséntase coaligado con Esquerda Unida e co Partido Comunista do Povo Galego, no concello pontevedrés de Cangas baixo a denominación de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE). Nos resultados que se mostran a continuación súmanse os votos de ACE cos de FPG noutros concellos.
Nas eleccións municipais do 2011 presentouse por primeira vez no concello pontevedrés de Redondela, obtendo 613 votos e moi preto de conseguir un concelleiro. Nestas eleccións presentouse por segunda vez na cidade de Vigo, mellorando os seus resultados anteriores.
Eleccións | Votos | % (en Galiza) | Concelleiro(s) |
---|---|---|---|
Eleccións Municipais 1999 | 645 | 0.04 | 1 |
Eleccións Municipais 2003 | 967 | 0.06 | 1 |
Eleccións Municipais 2007 | 2.434 | 0.14 | 2 |
Eleccións Municipais 2011.[15] | 2.924 | 0.19 | 2 |
Notas
editar- ↑ Díficil de contar porque a FPG non concorreu coma tal, senón formando parte de coalicións e candidaturas cidadás. Polo menos 2 concelleiros en Vigo, 2 en Cangas do Morrazo, 1 en Santiago de Compostela, 1 n'A Coruña e 1 en Ribadavia.
- ↑ A FPG pide a unidade da esquerda para acadar a "República galega", nova no diario dixital Galicia Confidencial o 21 de xullo de 2010.
- ↑ "A Frente Popular Galega.". Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2008. Consultado o 09 de outubro de 2008.
- ↑ Méndez Ferrín será o candidato da FPG á presidencia da Xunta, Vieiros, 26 de xaneiro de 2009.
- ↑ Comunicado de prensa: Componentes de la candidatura[Ligazón morta], iniciativainternacionalista.org (en castelán)
- ↑ O Supremo anula a lista de Méndez Ferrín Arquivado 19 de maio de 2009 en Wayback Machine., A Nosa Terra.
- ↑ Auto íntegro do Tribunal Constitucional Arquivado 29 de maio de 2009 en Wayback Machine., PDF, en castelán.
- ↑ "A FPG agardará ao que as asembleas de ANOVA decidan sobre a fronte de esquerdas". Praza Pública. 2012-08-23. Consultado o 2021-12-20.
- ↑ Diario, Nós. "A FPG chega dividida ao seu Congreso". Nós Diario. Consultado o 2022-03-23.
- ↑ Diario, Nós. "Oriana Méndez, nova secretaria xeral da FPG: "A nosa aposta pola fronte popular era e é honesta"". Nós Diario. Consultado o 2021-12-20.
- ↑ Diario, Nós. "Nace o Partido Comunista pola República Galega". Nós Diario. Consultado o 2021-12-20.
- ↑ Díaz, Oscar (2022-01-11). "El Bloque del Este: Entrevista al PCRG (Partido Comunista pola República Galega)". El Bloque del Este. Consultado o 2022-02-22.
- ↑ Canarias-semanal.org. "COMUNISTAS GALLEGOS SE RECOMPONEN EN UNA NUEVA ORGANIZACIÓN". Canarias-semanal I Digital informativo de ámbito internacional y actualización diaria (en castelán). Consultado o 2022-02-22.
- ↑ "Moncho Lareu, membro do comité central do novo partido PCRG (Partido Comunista Pola República Galega) -". 2022-01-18. Consultado o 2022-02-22.
- ↑ http://resultados.elpais.com/elecciones/2011/municipales/11/index.html