Florián Rey
Antonio Martínez del Castillo, nado en La Almunia de Doña Godina (Zaragoza) o 25 de xaneiro de 1894 e finado en Benidorm (Alacant) o 11 de abril de 1962 foi un director de cinema español coñecido como Florián Rey, un dos máximos representantes do cinema mudo e da industria cinematográfica española da Segunda República.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Antonio Martínez del Castillo 25 de xaneiro de 1894 La Almunia de Doña Godina, España |
Morte | 11 de abril de 1962 (68 anos) Benidorm, España |
Outros nomes | Florián Rey |
Actividade | |
Ocupación | director de cinema, guionista, actor, produtor de cinema |
Período de actividade | 1920 - 1957 |
Familia | |
Cónxuxe | Imperio Argentina (1934–1939) |
|
O seu filme La aldea maldita (1930) considérase como a obra mestra do cinema español da etapa muda, e algunha das súas obras populares da etapa republicana, como Nobleza baturra (1935) ou Morena Clara (1936), protagonizadas por Imperio Argentina, tiveron un grande éxito, que o levaron a competir coa industria cinematográfica estadounidense e abriron a posibilidade de desenvolver unha industria do cinema española, aínda que a creación desta foi abortada co inicio da Guerra Civil Española.
Traxectoria
editarComezou os estudos de Dereito en 1909, pero abandonounos axiña. Ao ano seguinte traballou na redacción do diario zaragozano La Crónica de Aragón e viaxou a Madrid, para ser redactor de Revista Financiera. Tras cumprir o servizo militar, regresou a Zaragoza en 1918 e comezou a traballar no Diario de Avisos, ao tempo que enviaba crónicas ao diario madrileño La Correspondencia de España, onde comezou a empregar o pseudónimo de “Florián Rey”.
En 1920 traballou como actor no filme La inaccesible, de José Buchs e ao ano seguinte foi contratado por Gregorio Martínez Sierra para o elenco do Teatro Eslava. Pouco despois pasou á compañía do Teatro de la Princesa. En 1923 actuou no filme Maruxa, obtendo un importante éxito que consolidou a súa profesión de actor, actuando en La Casa de la Troya, dirixida por Alejandro Pérez Lugín e Manuel Noriega. En 1924 comezou a dirixir, adaptando para o cinema a zarzuela La revoltosa, que conseguiu un grande éxito popular.
En 1927 descubriu ao seu novo iluminador, José María Beltrán, e á actriz Imperio Argentina, que protagonizou, baixo a súa dirección La Hermana San Sulpicio, que ambos os dous refarían no cinema sonoro en 1934. En 1929 dirixiu a que se considera á obra mestra do cinema español deste período, La aldea maldita. Ao coincidir coa chegada do cinema falado, en Francia déuselle son e rodáronse novamente algunhas escenas, aínda que non nos chegou esta versión.
Tras esta cinta, a produción española debe adaptarse ao novo medio e neste período Rey marchou a familiarizarse con este sistema, sendo contratado como director de dobraxes en castelán por Les Studios Paramount de Joinville-le-Pont.
Regresou a España en 1933, sendo o seu primeiro filme totalmente sonoro Sierra de Ronda, unha historia sobre bandoleiros andaluces cargada de dramatismo. Nesta etapa na Segunda República madurou a idea de crear un cinema español comercial, baseado en temas e formas populares. Con estas ideas realizou a triloxía formada por La hermana San Sulpicio (1934), Nobleza baturra (1935) e Morena Clara (1936), protagonizadas por Imperio Argentina, que exploraban a loita da muller nun mundo tradicional baseado na relixión e na vida rural, actitude ante a muller acorde cos avances do período republicano. A visión conciliadora entre as diferentes posturas que convivían nestes tempos supuña un pequeno avance na forxa dunha sociedade moderna para España.
O director inaugurou un período dourado do cinema español, de raíces costumistas, apoiado no folclore e os mitos populares, nos números musicais tradicionais e nunha narrativa fílmica eficaz e intelixente. Estes filmes puideron competir co chegado de Hollywood.
A guerra civil truncou o fulgurante ascenso. Florián, de ideoloxía conservadora e Imperio Argentina, xa casados, trasladáronse a Berlín, onde foron acollidos polo mesmo Adolf Hitler. Realizaron en Alemaña dous filmes en 1938, Carmen la de Triana, revisión do mito de Carmen, e La canción de Aixa, inicio do fin da relación entre Rey e Imperio.
Retornado a España trala guerra, rodou La Dolores, protagonizada por Concha Piquer, un intento de restaurar aquel cine costumista e popular na España franquista. Brindis a Manolete (1948) e Cuentos de la Alhambra (1950), inspirado nos contos de Washington Irving, foron as súas últimas obras valiosas.
Retirouse en 1957 porque, como dixo o estudoso Agustín Sánchez Vidal, “non pode resignarse á clase de infracinema que o obrigan a facer”. De aí derivouse unha tímida actitude rebelde ante o réxime de Francisco Franco. Morreu esquecido en 1962.
Filmografía
editar- 1924 - La revoltosa
- 1925 - La chavala
- 1925 - Los chicos de la escuela
- 1925 - El lazarillo de Tormes
- 1925 - Gigantes y cabezudos
- 1926 - El pilluelo de Madrid
- 1926 - El cura de aldea
- 1927 - Águilas de acero o los misterios de Tánger
- 1927 - La Hermana San Sulpicio
- 1928 - Agustina de Aragón
- 1928 - Los claveles de la Virgen
- 1929 - Fútbol, amor y toros
- 1930 - La aldea maldita
- 1934 - La Hermana San Sulpicio
- 1935 - Nobleza baturra
- 1936 - Morena Clara
- 1938 - Carmen la de Triana
- 1939 - La canción de Aixa
- 1940 - La Dolores
- 1941 - Polizón a bordo
- 1942 - La aldea maldita
- 1943 - Orosia
- 1943 - Ídolos
- 1945 - La luna vale un millón
- 1946 - Audiencia pública
- 1947 - La nao Capitana
- 1948 - Brindis a Manolete
- 1950 - Cuentos de la Alhambra
- 1954 - La danza de los deseos
- 1954 - La moza del cántaro
- 1955 - Cruz de mayo
- 1956 - Polvorilla
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Sánchez Vidal, Agustín (1991). Caja de Ahorros de la Inmaculada de Aragón, ed. 'El cine de Florián Rey. Zaragoza. ISBN 84-606-0526-4.
Ligazóns externas
editar- Florián Rey na Gran Enciclopedia Aragonesa Arquivado 07 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
- Florián Rey en Epdlp
- Lembranza de Florián Rey
- Web oficial dos "Premios Florián Rey" Arquivado 29 de abril de 2014 en Wayback Machine.
- Florián Rey na IMDb (en inglés).