Fillos de Breogán
A Coruña Gaelic Athletic Association ou A Coruña GAA, máis coñecido como Fillos de Breogán é un equipo de fútbol gaélico da cidade da Coruña. Fundado en 2010 por iniciativa de Wenceslao García (Wences), os Fillos de Breogán é o primeiro equipo de fútbol gaélico de Galiza e compite no Campionato Ibérico de Fútbol Gaélico e na Liga Galega de Fútbol Gaélico. Xoga os seus encontros no campo da Torre da cidade herculina.
Nome | A Coruña Fillos de Breogán | ||
---|---|---|---|
Alcume(s) | Fillos | ||
Fundación | 2010 | ||
Sede | A Coruña, Galicia | ||
Estadio(s) | Cidade Deportiva da Torre de Hércules | ||
Capacidade | 1.500 espectadores | ||
Presidente | Wenceslao García Zapata | ||
Liga(s) | Liga Ibérica Liga Galega de Fútbol Gaélico | ||
2013 | 3º | ||
| |||
Na rede | |||
http://www.fillosdebreogan.com/ | |||
Nome
editarMalia que o nome oficial para os efectos de rexistro na Asociación Atlética Gaélica (GAA) é A Coruña Gaelic Athletic Association ou A Coruña GAA abreviado, o equipo é máis coñecido polo alcume Fillos de Breogán, nome que saíu dunha votación realizada na páxina web do equipo realizada durante o mes de xullo do 2010 e na que foi elixido co 24,63% dos votos (un total de 33 votos). Outras propostas para o nome do equipo foron:
Nome | Nº de votos | Votos (%) |
---|---|---|
Fillos de Breogán | 33 | 24,63 |
Galaicos | 30 | 22,39 |
Cascarilleiros | 25 | 18,66 |
Ártabros | 21 | 15,67 |
A Compaña | 11 | 8,21 |
Irmandade Galaica | 9 | 6,72 |
Breogán | 5 | 3,73 |
O nome de Fillos de Breogán ten moita relación con Galiza, Irlanda e a cidade da Coruña (onde a lenda conta que estaba situada a torre dende a cal Ite divisou as costas irlandesas segundo o Lebor Gabála Érenn ou Libro das conquistas de Irlanda en galego).
Escudo e cores
editarO escudo ten fondo branco e sobre el unha franxa diagonal de cor azul que representa ás bandeiras da provincia marítima da Coruña e á bandeira de Galicia, sobre ela, un cranio e dúas tibias que representan a Xerión, o xigante que matou Hércules (segundo conta a mitoloxía grega) e que soterrou debaixo de onde logo se erguería a Torre de Hércules na Coruña. As dúas tibias e o cranio tamén representan ao fillo de Breogán Ite morto que, coa posterior vinganza do neto de Breogán e sobriño de Ith Mil, permitiu a ligazón lendaria entre Irlanda e Galiza. Finalmente, baixo o cranio e as dúas tibias encóntrase un balón de fútbol gaélico.
As cores do equipo son o azul, o branco e o negro. O azul e o branco representan ás bandeiras de Galiza e da provincia marítima da Coruña. O negro, como elemento diferenciador e pola relación coa morte de Xerión e Ith. O equipamento do equipo consta de pantalón azul e camiseta a raias horizontais azuis e brancas.
Fillas de Breogán
editarÉ o nome co que se coñece ao equipo feminino de fútbol gaélico do Fillos de Breogán. No seu comezo non podían competir no campionato ibérico feminino pola falta de xogadoras nas súas filas. No ano 2012 incrementáronse o número de xogadoras e comezaron a disputa-los seus primeiros torneos acadando o terceiro posto no Torneo da Coruña da Liga Ibérica de Fútbol Gaélico feminina.
Na Liga Ibérica
editarEn 2011 disputou por vez primeira a Liga Ibérica de fútbol gaélico, na 7ª edición desta competición nacional de afeccionados, acadando só 1 vitoria en 17 encontros.[1] O club e a cidade da Coruña foron anfitrións na tempada 2012 dun torneo correspondente ó campionato nacional de liga por vez primeira chegando a disputar a final logo de derrotar ó vencedor final da liga, Madrid Harps, e resultando subcampións do Torneo da Coruña e terceiros na Liga Ibérica.[2]
Notas
editar- ↑ Resultados da tempada 2011 da Liga Ibérica Arquivado 29 de setembro de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
- ↑ Calendario da tempada 2012 da Liga Ibérica Arquivado 29 de setembro de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Sons of Breogán - Christopher Langan - Youtube.
- Sito web oficial dos Fillos de Breogán
- Grupo de Facebook do Fillos de Breogán (en galego)
- Los otros hijos de Breogán, artigo de El País. (en castelán)
- Galicia se suma a la pasión del gran deporte irlandés Arquivado 28 de setembro de 2011 en Wayback Machine., artigo de El Correo Gallego. (en castelán)
- Welcome to Spain, fútbol gaélico, artigo de Página0. (en castelán)