Feás, Boborás
Santo Antón de Feás é unha parroquia do concello ourensán de Boborás. A parroquia abarca os núcleos de poboación de Feás, Borraxas, Vilachá e A Fenteira.
Feás | |
---|---|
Capela de Santo Antón de Feás | |
Concello | Boborás[1] |
Provincia | Ourense |
Coordenadas | 42°26′53″N 8°12′17″O / 42.4481, -8.2047 |
Poboación | 427 hab. (2012) |
Entidades de poboación | 7[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
A capitalidade parroquial está na aldea de Feás. No século XX sufriu un gran descenso de poboación pola emigración, maiormente a México, pero tamén a Panamá, Venezuela, Suíza, Alemaña e incluso a Suráfrica. Segundo o IGE[2], en 2012 tiña 427 habitantes (186 homes e 241 mulleres).
Toponimia
editarFeás é un fitónimo que indica un lugar onde abunda o feo, do latín Fēnales, de Fenu ("feo") o derivativo de abundancia -ales.[3][4]
Xeografía
editarPara chegar a Feás débese usar a estrada N-541 (Ourense-Pontevedra), desviándose á altura de Brués.
A parroquia de Feás está situada ó abeiro da cadea montañosa do Testeiro, ó agarimo do norte nos contrafortes da serra. A parte máis alta da parroquia localízase no lugar da Fenteira, situada arredor dos 800 metros e chega nas cotas máis baixas ata os 450 metros de Borraxas, atopándose nunha zona de transición A Vilachá e Feás, que teñen unha altitude próxima ós 500 metros. A disposición destes dous últimos lugares semella a dunha zona de aterrazamento formadas nesa transición das terras de montaña cara ós fondos vales que describen os ríos Cardelle e Lodairo, xa en altitudes próximas ós 320 metros. Son estes cursos fluviais os que permitiron a construción de muíños e propician a aparición das primeiras paisaxes de viñedo na zona do Foxo e Amarante.
Cunha superficie de 12,6 km², o seu terreo está constituído por rochas xistosas que modelan un relevo típico que se prolonga ata as veciñas terras de Beariz e ata o río Lodairo, onde se produce o contacto co dominio granítico, predominante na súa marxe esquerda.
Demografía
editarA evolución demográfica de Feás está marcada pola emigración cara a América e Europa e, como noutras moitas zonas de Galicia, polo progresivo abandono do mundo rural.
Evolución:
- Ano 1887: 382 habitantes (Sen O Curro e Borraxas)
- Ano 1900: 467
- Ano 1910: 501
- Ano 1920: 542
- Ano 1930: 593
- Ano 1940: 696
- Ano 1950: 758
- Ano 1960: 896
- Ano 1970: 635
- Ano 1980: 612
- Ano 1990: 538
- Ano 2000: 472
- Ano 2010: 425
- Ano 2012: 427
Historia
editarA parroquia de Santo Antón de Feás nace oficialmente o día 11 de xullo de 1789 ó segregarse xunto coa de Cardelle da de San Miguel de Albarellos á que pertencían as dúas. O primeiro párroco de Feás foi Agustín Otero, natural da mesma. Inicialmente quedou constituída polos lugares de Feás, As Costiñas, A Vesada, Puzós, Vilachá, A Fenteira e Antas Portas. En 1893 produciuse por parte do Bispado de Ourense un arranxo parroquial que afectou á configuración dos seus lindes, incorporando nesa data o lugar do Curro, que pertencía a Moreiras, e o de Borraxas, que dependía da parroquia de Cameixa.
Na Idade Media e Moderna, a súa dependencia á Encomenda de Pazos de Arenteiro, da Orde de San Xoán, condiciona a súa vida e a dos seus habitantes, marcada pola existencia dos chamados foros ou arrendamentos de terras, constituíndo un territorio agrícola e gandeiro e lugar de paso de arrieiros e comerciantes cargados de viño do Ribeiro con dirección a Pontevedra. Este paso dunha importante vía de comunicación fai dela unha parroquia puxante e así, no ano 1842, comeza a realizarse cada día 5 -máis adiante pasará ó día 8- unha importante feira á que concorren as xentes do seu contorno a comerciar co gando e demais especies da zona. Esta feira mantivo certo pulo até a década de 1980.
Patrimonio
editarA presenza do home nesta terra vén dende moi antigo, quedando como testemuña milenaria desta pegada humana a existencia de numerosas mámoas espalladas por todo o seu territorio: 4 na Vesada, 3 no Curro, 5 en Vilachá e 1 na Fenteira. Estes indicios prehistóricos son tamén visibles no chamado Castro de Meimón, en Vilachá.
A parroquia mantén, aínda que cada vez máis deturpada, unha rica arquitectura tradicional que se observa nas zonas máis antigas da mesma e que está presente en toda a zona montañosa conformada polas serras do Testeiro e do Suído. É unha arquitectura cunha tipoloxía básica de casa de cachotería de xisto, tellado de grandes lousas, corredor pétreo e patín. En moitas delas vese un curral que pecha por diante a casa e que recibe o nome de quinteiro. O cruceiro situado no lugar da Cruz é o único vestixio artístico do seu pasado máis recente. Estas arquitecturas tradicionais, completadas con eiras e numerosos hórreos, víronse alteradas coas novas edificacións construídas polos numerosos emigrantes, que racharon cos modelos tradicionais.
Testemuña interesante das súas tradicións é a figura do felo, personaxe asociado ó entroido desta parroquia, que por esas datas percorrían disfrazados de tal figura os camiños e casas os mozos de Feás. Ían dotados dunha vestimenta na que destacan as colchas coas que se cobren, a carauta e o gorro con numerosas fitas de cores. Eran personaxes dotados dunha certa "agresividade", xa que zoupaban coas varas que portaban facendo fuxir coas súas carreiras a quen se lle puña por diante. Actualmente acoden anualmente ó Entroido de Boborás.
Camiño de Santiago
editarNa actualidade está a potenciarse o Camiño de Santiago que se inicia en Braga (Portugal). Existen dous itinerarios: A Geira e Vos Arrieiros e unha segunda de Miñoto-Ribeiro. A peregrinación está a dar vida ao pobo e a súa contorna.Modelo:Camiño
Lugares e parroquias
editarLugares de Feás
editarLugares da parroquia de Feás no concello ourensán de Boborás | |
---|---|
Borraxas | As Costiñas | O Curro | Feás | A Fenteira | A Vesada | Vilachá |
Parroquias de Boborás
editarVéxase tamén
editarOutros artigos
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da Provincia de Orense.
- ↑ IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor de Galicia" (en galego). Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2020. Consultado o 24 de abril de 2021.
- ↑ Navaza Blanco, Gonzalo (2006). Fitotoponimia galega (PDF). A Coruña: Fundación Barrié. p. 258. ISBN 84-95892-53-7.Navaza Blanco, Gonzalo&rft.btitle=Fitotoponimia galega&rft.date=2006&rft.genre=book&rft.isbn=84-95892-53-7&rft.pages=258&rft.place=A Coruña&rft.pub=Fundación Barrié&rft_id=http://kit.consellodacultura.gal/web/uploads/adxuntos/arquivo/5c7fbab6d9dc3-fitotoponimia_galega.pdf&rft_val_fmt=info:ofi/fmt:kev:mtx:book" class="Z3988">
- ↑ Ares Vázquez, Nicandro (2011). Estudios de toponimia galega, tomo I. Real Academia Galega. ISBN 978-84-87987-83-0.