Etra
Na mitoloxía grega, Etra foi a filla de Piteo, rei de Trecén (Grecia). Mantivo unha breve relación con Exeo, rei de Atenas, e tivo un fillo, Teseo. O caso é que na mesma noite en que se deitara con el foi á illa de Esferia para realizar un sacrificio [1], e alí foi violada por Poseidón, de xeito que non hai seguridade de que Teseo fose fillo de Exeo ou de Poseidón [2].
A tradición conta que Exeo fora a Delfos a consultar a pitia que tiña que facer para conseguir ter un fillo, pero non soubo interpretar o oráculo: "Non desates o pé que sobresae do odre de viño ata chegar ó máis alto da cidade de Atenas". Ó regreso parou en Trecén e Piteo si que o entendeu [3], polo que o emborrachou e amañou as cousas para que se deitara coa súa filla, Etra [4], sen que Exeo notase a manobra.
Exeo regresou a Atenas pero antes encargou a Etra que, se tiña un fillo seu, o educara sen revelarlle o nome do pai, á vez que lle deixaba unha espada e unhas sandalias agochadas baixo unha gran pedra, para que, cando o meniño chegase a unha idade suficiente como para poder levantar a pedra, atopase neses obxectos a forma de saber quen era o seu pai. Etra criou soa a Teseo na cidade de Trecén e, cando o rapaz cumpriu os dezaseis anos, desveloulle o segredo da súa paternidade e levoulle ata esa pedra. Teseo recuperou a espada e as sandalias e marchou a Atenas para coñecer ó pai.
"Neptuno e Exeo deitáronse a mesma noite con Etra, filla de Piteo, no templo de Minerva. Neptuno concedeu a paternidade a Exeo. Cando este se dispoñía a regresar desde Trecén a Atenas, puxo a súa espada debaixo dunha rocha e ordenou a Etra envialo ó seu lado en canto puidese levantar a rocha e empuñar a espada do seu pai. Así, tería unha proba para recoñecer ó seu fillo"Hixino 37.1-3 [5]
Teseo e o seu compañeiro Pirítoo raptaron a Helena de Troia cando esta aínda era meniña, con 12 anos de idade [6], aproveitando que estaba soa ofrecendo un sacrificio. Botárona a sortes e correspondeulle a Teseo (ou ben Teseo escolleuna para si) pero os atenienses non a aceptaron na cidade, polo que tivo que levala onda a súa nai, Etra, e confiala ó seu coidado ata que alcanzase a maioría de idade. Pero os irmáns de Helena, os Dióscuros Cástor e Pólux, foron liberala, destruíron a cidade onde a tiñan cativa e, de por parte, capturaron como prisioneira a Etra e a Fisadia (ou Tisiadia), irmá de Pirítoo, e entregáronas a Helena como escravas. Cando Helena marchou con Paris a Troia -voluntariamente ou non- ía acompañada por Etra. Mesmo algunha fonte di que foi a propia Etra a que aconsellou a Helena abandonar a Menelao e fuxir con Paris [7].
En Troia, Etra recibiu o encargo de criar a Múnito, fillo de Laódice (unha das fillas de Príamo, rei de Troia) e Acamante (un dos fillos de Teseo, é dicir, neto da propia Etra, que loitaba cos gregos contra Troia). Trala conquista e destrución de Troia polos gregos, Etra aproveitou o caos en que estaba a cidade e fuxiu co meniño cara ás naves gregas, e alí atopouse cos seus bisnetos, Acamante e Demofonte, que a recoñeceron e liberaron [8][9]. Demofonte pediu a Agamenón que a liberara da súa condición de escrava e Agamenón pediullo á súa vez a Helena (Etra era escrava de Helena), ó que ela accedeu de grado[10].
A lenda remata coa morte de Etra, que se suicidou ó coñecer a morte de Teseo [11].
Notas
editar- ↑ Inducida por Atenea, que inspirou nela o desexo de ir alá esa noite.
- ↑ Plutarco afirmaba que foi Piteo quen difundiu esta versión coa intención de que Teseo fose considerado fillo dun deus.
- ↑ Juan Antonio López Férez, tradutor das Traxedias de Eurípides, interprétao así: "O odre é unha alusión ó ventre. O pé é un eufemismo para referirse ó membro viril. Este oráculo, recollido por Plutarco, 'Teseo' 3, ten un claro sentido erótico, a saber, manda a Exeo que non se deite con ningunha muller ata chegar a Atenas" (Eurípides, nota 40, px. 183).
- ↑ Nese momento pretendida por Belerofonte.
- ↑ Hixino, poeta romano, utiliza os nomes de Neptuno e Minerva para designar ós deuses gregos Poseidón e Atenea.
- ↑ Apolodoro, Epítome I.23.
- ↑ Grimal, s.v. Etra.
- ↑ Pero coa condición esixida por Agamenón de renunciar a calquera outro botín de guerra.
- ↑ Grimal, s.v. Múnito, s.v. Acamante; Graves, px. 757-758.
- ↑ Pausanias X, 25.8.
- ↑ Hixino 243.2.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Eurípides (2021 (11ª ed)). Tragedias. Cátedra. ISBN 9788437617411. (en castelán)
- Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940. (en castelán)
- Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722. (en castelán)
- Pausanias (2002). Descripción de Grecia (libros VII-X). Gredos. ISBN 8424926595. (en castelán)
- Pseudo-Apolodoro (2016). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)