Estivación
A estivación (do latín aestivatio, derivado de aestivare: veranear)[1] é un termo que ten un significado moi diferente en zooloxía e en botánica. En zooloxía é un período de inactividade e ralentización do metabolismo polo que pasan algunhas especies durante a estación seca. En botánica refírese á disposición da partes das xemas florais ou a un proceso previo á xerminación nalgunhas especies.
En zooloxía
editarEn zooloxía a estivación é un estado fisiolóxico dalgúns animais consistente no letargo, inactividade ou torpor que se produce por un descenso na actividade metabólica como resposta ás condicións extremas e periódicas que se producen durante o verán ou estación seca. Estas condicións poden ser debidas a un aumento considerable da temperatura ambiental ou a unha diminución hídrica importante, xa sexa ambiental ou do nivel das masas de auga.[2][3][4][5]
Este fenómeno é máis frecuente en especies animais tropicais, mais non é exclusivo e pode producirse tamén en especies de zonas temperadas. É parte do ciclo biolóxico de moitas delas, e pode ser incluso necesario para o correcto desenvolvemento embrionario ou gonadal, como ocorre nalgunhas tartarugas de América do Sur.[6]
Durante a estivación, os animais xeralmente se enterran en toqueiras de barro húmido co que se rodean formando un casulo ou vaíña que os protexe da deshidratación e das altas temperaturas. Ao enterrárense desta maneira crean microambientes moi diferentes do exterior, chegando a non ter variacións diarias de temperatura.[7] Exemplos de animais que se enterran pódense encontrar entre os peixes pulmonados, anfibios e réptiles.[2] Entre estes últimos un exemplo moi claro de estivación dáse nos crocodilos e caimáns, cando nas épocas de seca e escaseza de alimentos entérranse no barro e ralentizan o seu metabolismo, ralentizan a frecuencia cardíaca e baixan a súa temperatura corporal. Outros animais buscan refuxio entre a vexetación, como os caracois, ou en ocos ou goridas de diferentes clases, como anfibios, réptiles e incluso mamíferos.[8][9]
Aínda que os períodos de estivación adoitan ser dalgúns meses ao ano, coñécense casos de anuros que permanecen neste letargo ata 5 anos, aínda que a maioría da poboación morre durante o proceso.[7]
En botánica
editarO termo estivación refírese en botánica á disposición das pezas das xemas florais, as cales se abren con posterioridade ás xemas foliares.[1][2][10]
En taxonomía pode ser un carácter de diagnóstico importante, por exemplo, na familia Malvaceae os xéneros Fremontodendron e Chiranthodendron son os únicos que non posúen sépalos valvados nas xemas florais.[10]
Tamén é o proceso fisiolóxico inducido pola calor do sol polo que deben pasar diversos propágulos e sementes para xerminar.[1]
Notas
editarVéxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estivación |
Bibliografía
editar- Allaby, M. (1984). Diccionario del medio ambiente (en castelán). Madrid: Pirámide. p. 421.
- Dausmann, K.H.; et al. (2004). "Physiology: Hibernation in a tropical primate". Nature (en inglés) 429 (6994): 825–826. doi:10.1038/429825a. Archived from the original on 27 de setembro de 2011. Consultado o 14 de agosto de 2017.
- Real Academia Española. "Lema: estivación". Diccionario de la lengua española. Vigésima segunda edición. (en castelán). Consultado o 9 de novembro de 2011.
- Font Quer, P. (1982). Diccionario de botánica. Barcelona: Editorial Labor, SA. p. 1244.
- Hickey, M. and C. King (2001). The Cambridge Illustrated Glossary of Botanical Terms (en inglés). Cambridge (UK): Cambridge University Press.
- Lancha, J.M. e T. Sempere (1988). Diccionario de ciencias naturales. Usos y etimologías (en castelán). Madrid: Siglo veintiuno de España editores. p. 376.
- Miller, W.C. (2007). Trace fossils: concepts, problems, prospects (en inglés). Elsevier. p. 206. ISBN 9780444529497.
- Rhodin, A.G.J, S. et ál. (2009). "Acanthochelys macrocephala (Rhodin, Mittemieier, and McMorris 1984) — Big-Headed Pantanal Swamp Turtle, Pantanal Swamp Turtle" (PDF). Chelonian Research Monographs (en inglés) 5 (1): 38–46. ISSN 1088-7105. doi: 1038541. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de agosto de 2017. Consultado o 14 de agosto de 2017.
- Withers P., Pedler S. e Guppy, M. (1997). "Physiological Adjustments during Aestivation by the Australian Land Snail Rhagada tescorum (Mollusca: Pulmonata: Camaenidae)". Australian Journal of Zoology (en inglés) 45 (6): 599–611.