O actual escudo de Italia, é oficial dende 1948. O deseño inicial foi realizado por Paolo Paschetto, gañador do concurso público celebrado entre 1946 e 1947 para elixir un novo escudo que substituíse ás antigas armas reais, xa que se proclamara a República Italiana dous anos antes.

Escudo de Italia.

Este escudo foi aprobado pola Asemblea Constituínte da República Italiana o 31 de xaneiro de 1948 e promulgado polo presidente Enrico De Nicola o 5 de maio daquel ano, mediante o decreto lexislativo número 535.

Componse dunha estrela branca de cinco puntas con bordo vermello, o Stellone d'Italia (Estrela de Italia), un símbolo tradicional de Italia. A estrela atópase sobre unha roda dentada que simboliza o traballo e o progreso. O conxunto está rodeado por unha coroa formada por unha póla de carballo, como representación da forza e dignidade do pobo italiano, e unha de oliveira en alusión á vontade de paz da nación. As dúas pólas están unidas por unha cinta vermella coa frase "REPVBBLICA ITALIANA" ("República Italiana") escrita en letras brancas.[1]

Escudos Históricos

editar
Escudo de Armas de Italia Descrición Data
Escudo do Reino Napoleónico de Italia

Consistiu nun escudo cortado e terzado en pau, no que figuraron os escudos dalgúns territorios que quedaron integrados no Reino de Italia, establecido por Napoleón en 1805
1805-1814
 
Escudo do Reino de Italia

Neste escudo figuraron as armas da Casa de Savoia: De goles, unha cruz plena de prata. Na versión máis elaborada, o escudo aparece rodeado polo colar da Orde da Anunciación, estaba timbrado coa coroa heráldica da Monarquía Italiana e levaba acoladas catro bandeiras nacionais.[Cómpre referencia]

1848-1870
 
Escudo do Reino de Italia

En 1870, na versión máis elaborada do escudo, introducíronse as figuras de dous leóns rampantes que portaban sendas bandeiras nacionais como soportes do brasón; as bandas das grandes cruces doutras ordes dinásticas, a Orde dos Santos Mauricio e Lázaro, a Orde Militar de Savoia e da Coroa de Italia e da cruz da Orde Civil de Savoia; dous mantos reais, o inferior rematado cun helmo adornado con lambrequíns e a coroa heráldica da Monarquía Italiana e o exterior baixo a Estrela de Italia.[2]

1870-1890
 
Escudo do Reino de Italia

En 1890, na versión máis elaborada do escudo, retirouse o manto interior, substituíse a Estrela de Italia pola coroa heráldica da Monarquía Italiana e no seu lugar, sobre o helmo, colocouse a Coroa Férrea. Tamén se realizaron outros cambios de menor importancia.[Cómpre referencia]

1890-1929
 
Escudo do Reino de Italia

En 1929, as figuras dos leóns rampantes foron substituídas por dous fasces, o máis coñecido dos símbolos empregados polo fascismo italiano.[Cómpre referencia]

1929-1944
 
Escudo da República Social Italiana

A República Social Italiana foi creada por Benito Mussolini no norte de Italia, controlado pola Wehrmacht alemá ó ocupar as forzas aliadas ó sur do país. Contou cun escudo no que figuraban as cores da bandeira nacional e un fasces, situado na súa parte central. Sobre o escudo aparecía representada unha aguia.[3]

1943-1945
 
Escudo do Reino de Italia

En 1944, recuperouse a versión adoptada en 1890, retirándose os fasces do escudo e recuperando os leóns rampantes como soportes.[Cómpre referencia]

1944-1946
  1. Foggia ed uso dell'emblema dello Stato, Decreto Legislativo 5 maggio 1948, n. 535, pubblicato nella Gazzetta Ufficiale n. 122 del 28 maggio 1948 suppl. ord.
  2. "Deliberazione della Consulta Araldica del Regno d’Italia (4 maggio 1870)" (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2010. Consultado o 14 de maio de 2010. 
  3. Foggia della bandiera nazionale e della bandiera di combattimento delle Forze Armate, Decreto Legislativo del Duce della Repubblica Sociale Italiana e Capo del Governo, 28 gennaio 1944 XXII EF, n. 141. (GU 107 del 6 maggio 1944 XXII EF)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar