Edom (rexión)
Edom (hebreo: אֱדוֹם ʼĔḏôm(tiberiano), Edom, «Vermello»; en asirio: Udumi; en siríaco: ܐܕܘܡ, ʼedōm) ou Idumea (grego: Ἰδουμαία, Idoumaía; latín: Idūmaea) era unha rexión do Levante mediterráneo, situada ao sur de Xudea e do mar Morto, e habitada tradicionalmente polo pobo semita dos edomitas ou idumeos.[1]
A maior parte da información que se ten sobre este pobo provén da Biblia e a arqueoloxía.[1] Orixinouse durante o Bronce Recente grazas ao cataclismo dos Pobos do Mar.[2] Conta Estrabón que os idumeos eran nabateos segregados por disensións.[3] Esta información tamén se pode deducir da Historia natural de Plinio o Vello.[4]
Etimoloxía
editarO termo hebreo אֱדוֹם (ʼĔḏôm) significa ‘vermello’, aplícase á cor vermella das lentellas que Xacob lle deu a tomar a Esaú, o seu irmán, a cambio da súa primoxenitura. A Biblia di ao respecto do nome: conta que Edom era un alcume de Esaú (nome que significa ‘peludo’), ao cal ademais lle preparou un «guiso vermello» ao seu irmán máis novo Xacob a cambio dos seus dereitos de primoxenitura.[5] Polo devandito pacto Esaú trasladaríase á rexión que pasaría a chamarse Edom, concretamente ao monte Seir (que tamén significa ‘peludo’), para converterse no patriarca de todo o pobo edomita.[1]
Xeografía
editarHabitualmente se localiza a terra de Edom nas montañas ao leste do Uadi Aravá, na fronteira meridional de Xordania e Israel, estendéndose até o norte da Península de Arabia.[1] Trátase dunha rexión montañosa e abrupta ao sueste do mar Morto.
A súa primeira capital foi Bozrah,[6] aínda que logo Petra (Selah en hebreo) converteríase na principal praza forte.[7] Outras cidades importantes foron Asiongaber e Eilat.[7]
Historia
editarOs edomitas xa constituían algún tipo de pobo durante os séculos XII e XI a. C.,[8] época de que se acharon rastros da explotación de cobre e ferro.[7] Desta época atopáronse asentamentos fortificados, que se comunicaban entre si utilizando sinais de lume.[7]
A presenza asiria resultou beneficiosa para Edom tanto económica como politicamente, segundo suxiren as escavacións.[7] Ao parecer, é durante esta época cando os edomitas se organizan como reino centralizado por primeira vez.[9] Os séculos VIII a VI a. C. son unha época de apoxeo e poder, momento no que o reino alcanza a súa maior extensión.[7]
Tras a conquista babilonia de Xudea, os edomitas asentáronse cada vez máis ao norte, desprazados polos nabateos ao sur, que tomaron o control de boa parte do antigo reino de Edom e estableceron a súa capital en Petra.[10] Prosperaron no sur de Canaán ata que foron derrotados por Xudas Macabeo (163 a. C.) e Xoán Hircano (ca. 125 a. C.). Este último obrigounos a adoptar os costumes e relixión dos xudeus.[10] Tras as conquistas de Pompeio incorporáronse á provincia de Xudea, que pasou a estar gobernada pola dinastía idumea dos herodianos.[10] Segundo Flavio Xosefo, uns 20 000 idumeos tomaron partido xunto cos celotes na defensa de Xerusalén durante o asedio romano do ano 70 d. C.[10] Esta é unha das últimas mencións históricas aos idumeos como pobo.[10]
Cultura
editarIdioma
editarO idioma edomita estaba estreitamente relacionado co hebreo bíblico, até o punto de considerarse unha variedade dialectal.[11] O idioma edomita coñécese só por un pequeno corpus, maiormente formado por breves inscricións e ostraca.[12] Escribíase mediante unha variante do alfabeto fenicio até o século VI a. C., cando pasou a escribirse co alfabeto arameo.[13]
Literatura
editarEspeculouse con que o libro de Xob, o primeiro dos libros sapienciais da Biblia, se escribise ou polo menos que se orixinase na cultura edomita.[14]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Tischler, All things in the Bible, páx. 186
- ↑ Pérez Largacha, Antonio (2003). "El Mediterráneo Oriental ante la llegada de los Pueblos del Mar". Gerión. Revista de Historia Antigua (Universidad Autónoma de Madrid) 21 (1): 27. ISSN 1698-2444. Consultado o 7 de agosto de 2017.
- ↑ Estrabón. Geografía. XVI, 2, 34.
- ↑ Plinio el Viejo. Historia natural.
- ↑ Xénesis "25:30". BibleGateway (en castelán).
- ↑ Xénesis "36:33". BibleGateway (en castelán).
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Tischler, All things in the Bible, p. 187
- ↑ Números "20:14-21". BibleGateway (en castelán).
- ↑ Finkelstein, Israel; Silberman, Neil Asher (2001). The Bible Unearthed: Archaeology's New Vision of Ancient Israel and the Origin of Its Sacred Texts (en inglés). Free Press. p. 46.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Tischler, All things in the Bible, p. 188
- ↑ Nordhoff, Sebastian; Hammarström, Harald; Forkel, Robert; Haspelmath, Martin, ed. (2013). Edomite. Glottolog (Leipzig: Max Planck Institute for Evolutionary Anthropology).
- ↑ Pitard, Wayne T. (2001). "Edom". En Metzger, Bruce M. & Coogan, Michael D. The Oxford Guide to People & Places of the Bible. Oxford: Oxford University Press. p. 181.
- ↑ Cohen, D., ed. (1988). "Les Langues Chamito-semitiques". Les langues dans le monde ancien et moderne, part 3 (en francés). París: CNRS.
- ↑ Miller, Madeleine S.; Miller, J. Lane (1961). "Edomites". Harper's Bible Dictionary. Nueva York: Harper and Row. p. 149.
Bibliografía
editar- Tischler, Nancy M. (2006). All the things in the Bible: An Encyclopedia of the Biblical World (en inglés). Westport: Greenwood Press.