A ebulición é un proceso físico en que un líquido pasa a estado gasoso. Ten lugar cando a temperatura da totalidade do líquido iguala o punto de ebulición do líquido a esa presión. Se se continúa quecendo o líquido, este absorbe a calor, mais sen aumentar a temperatura a calor emprégase na conversión da materia en estado líquido ao estado gasoso, ata que a totalidade da masa pasa ao estado gasoso. A calor posta en xogo durante o quecemento da masa do líquido denomínase calor sensible, e ao que se manifesta durante o cambio de estado chámase calor latente de ebulición ou vaporización.

Auga en proceso de ebulición
Animación da ebulición da auga

A ebulición implica unha transición de estado líquido-gas en que, a nivel submicroscópico, as partículas adquiren unha maior liberdade de movemento en función dun incremento da enerxía cinética.

Se ben este proceso é moi diferente á evaporación, que é paulatino e para o que só algunhas moléculas do líquido teñen enerxía abonda para pasar a estado gasoso, fai parte dun mesmo fenómeno chamado vaporización.

A temperatura de ebulición depende da presión á que está sometido o líquido. Nunha ola de presión, a auga, por exemplo, chega a unha temperatura de 105 ou 110 °C antes de ferver, debido á maior presión acadada polos gases no seu interior. Grazas a esta maior temperatura da auga no interior da ola, a cocción da comida dáse máis rapidamente. Polo contrario, cando se ferve nunha ola aberta, diminúe a temperatura de ebulición da auga. O mesmo ocorre cando aumenta a altitude do lugar en que realizamos a cocción.

A adición de aditivos á auga, como o sal común, normalmente aumenta o seu punto de ebulición, fenómeno coñecido como aumento ebuloscópico. As concentracións a niveis típicos para cociñar non son suficientes para notar o aumento do punto de ebulición.

O proceso de ebulición da auga, especialmente a alta presión, emprégase dende a antigüidade como medio para esterilizar a auga, debido a que algúns microorganismos morren a esta temperatura.

Véxase tamén

editar