Dicionario de Bioloxía galego-castelán-inglés

dicionario trilingüe especializado

O Dicionario de Bioloxía galego-castelán-inglés é unha obra lexicográfica elaborada polo Seminario de Terminoloxía da Real Academia Galega e coordinada por Jaime Gómez Márquez, catedrático de Bioquímica e antigo decano da facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Ana María Viñas Díaz, profesora titular de Xenética desa universidade, e Manuel González González, catedrático de Filoloxía Románica da USC e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro.

Dicionario de Bioloxía
galego-castelán-inglés
Autor/aVV.AA.
(Jaime Gómez Márquez, Ana María Viñas Díaz, Manuel González González, coordinadores)
OrixeEspaña
Linguagalego
ColecciónTermigal
Tema(s)bioloxía
Xénero(s)Lexicografía
EditorialXunta de Galicia
Data de pub.2010
FormatoEdición impresa
Páxinas220
ISBNISBN 978-84-453-4973-1
editar datos en Wikidata ]

Características

editar

Trátase dun texto de referencia que serve de axuda aos profesores, investigadores e divulgadores científicos para poderen expresar correctamente os principais termos da Bioloxía. Este dicionario trilingüe, publicado no ano 2010, abrangue toda a Bioloxía, desde as moléculas até os ecosistemas, e nel encóntranse termos relacionados coa Antropoloxía, a Bioquímica, a Bioloxía celular e a molecular, a Botánica, a Ecoloxía, a Fisioloxía, o Medio ambiente, a Microbioloxía, a Xenética e a Zooloxía.[1]

Froito dun traballo interdisciplinario entre biólogos e filólogos, o dicionario xurdiu da idea, na Facultade de Bioloxía de Santiago de Compostela, oito anos antes da súa publicación, de deseñar unha ferramenta útil tanto para o ensino coma para a investigación e a divulgación da Bioloxía.[2]

O Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo dixo, no acto de presentación desta obra, que «este dicionario constitúe unha peza máis do mosaico de linguaxes de especialidade que temos en galego», incidindo na importancia da difusión social da terminoloxía.[3]

Neste mesmo acto, o estudante de Bioloxía David Villar, corredactor da obra, explicou que o volume presentado viña encher un baleiro e resolver unha carencia, «sendo a primeira semente que se irá desenvolvendo ao longo dos anos coa realización de inventarios das especies en Galicia».[2]

A obra foi unha iniciativa da Facultade de Bioloxía de Santiago co apoio da Consellaría de Educación e do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e foi redactada por David Villar e Luis Valle, mentres que a revisión lingüística foi feita por Víctor Fresco e María Liliana Martínez.[1][2]

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar