Os deportes extremos ou deportes de risco son todos aqueles deportes ou actividades de lecer con algún compoñente deportivo que comportan unha real ou aparente perigosidade polas condicións difíciles ou extremas nas que se practican.[1]

Practicando wíndsurf na costa de Cantabria, un día de tormenta.
Praia de Pantín (Valdoviño) onde se celebra cada ano a proba de surf Pantín Classic Galicia Pro.

Baixo este concepto agrúpanse moitos deportes que implican certa dose de exixencia física e, sobre todo, mental. Inclúense os deportes máis exixentes dentro do excursionismo (escalada en xeo, escalada en rocha etc.), e outros de recente creación como (bungee, snowboard, parkour etc.).

Escalada en Guitiriz (Lugo).
Escalada en xeo.

Un deporte habitualmente non considerado extremo pódese definir así cando se practica baixo condicións especiais ou circunstancias particulares non habituais nel. Por exemplo, a escalada en rocha a uns centímetros do chan non se considera "deporte extremo", pero cando se realiza nunha parede vertical rochosa a varios centos de metros de altura, entón xa se lle aplica o termo.

Pódese considerar que unha persoa practica un "deporte extremo" cando o fai por primeira vez. Por exemplo, o descenso de ríos de clase IV é bastante extremo para quen nunca antes se subira a unha balsa e o sentirá como moi por riba das súas capacidades persoais.

O termo "deporte extremo" non é adecuado aplicalo cando se realiza simplemente unha actividade recreativa ou turismo alternativo, nin tampouco debe estar definido polas condicións medioambientais, algo bastante subxectivo e dependente do grao de preparación. En cambio, o termo pode aplicarse cando se practica un deporte nos límites actuais de desenvolvemento, sexa montañismo, atletismo, ximnasia ou calquera outro.

Actualmente, nalgúns países empeza a utilizarse o termo deporte de aventura cando se practican deportes de máis alto risco do normal sen seren profesionais os participantes. Un exemplo disto é a diferenza que existe entre "espeleoloxía" e "espeleísmo": o primeiro refírese a unha actividade científica, mentres que o segundo fai referencia a aquelas persoas que o practican por deporte.

Practicamente calquera actividade física que reúna algunhas destas características pode ser considerada como deporte extremo:

  • Considerar a súa práctica como un risco físico.
  • Hai moita adrenalina involucrada.
  • Son xeralmente de execución individual.
  • Implican moita velocidade, altura e esforzo físico.
  • Poden chegar a causar graves feridas ou incluso a morte de quen o realice.

Clasificación

editar

Aínda que a exacta definición de deporte extremo e cales son os deportes que se poden incluír neste grupo son debatíbeis, fixéronse algunhas clasificacións. En 2004 Joe Tomlinson clasificou os deportes extremos en tres categorías, segundo se practiquen no aire, en terra ou na auga.[2]

 
Parapente sobre a ría da Coruña.

Outros deportes extremos non relacionados por Tomlinson son: parkour, barranquismo, bungee, bodyboard, parapente e airsoft.

Historia

editar

A orixe da diverxencia entre os termos deporte extremo e deporte pode datarse nos anos 1950 cando aparece unha famosa frase, atribuída a Ernest Hemingway.[3] A frase é:

 
Alpinismo, un dos escasos deportes de risco, segundo o Hemingway.
"Só hai tres deportes: tauromaquia, carreiras de motos e alpinismo; todo o demais son simplemente xogos".

Como vemos, na frase defínese a palabra deporte como unha actividade na cal podería un matarse. As outras actividades son simples xogos. A frase pode que fora inventada polo escritor Barnaby Conrad ou por Ken Purdy.[3]

Nas últimas décadas o termo deporte extremo foi promovido polos Xogos X, un acontecemento de multideportes creado e desenvolvido por ESPN.[4] Os primeiros Xogos X (coñecidos desde 1995 como Xogos Extremos) leváronse a cabo en Newport, Providence (Rhode Island), Mount Snow e Vermont, nos Estados Unidos de América.[5]

En 2004 o xornalista estadounidense David Browne publicou unha historia dos deportes extremos.[6] No seu libro describe a historia, a cultura e o negocio destes deportes, incluíndo entrevistas con atletas, empresarios e expertos en mercadotecnia.

Mercadotecnia

editar
 
Ciclismo de montaña.
 
Snowboarding.
 
Carreira de demolición ou Demolition Derby.
 
BMX, backflip.

Algúns afirman que a distinción entre un deporte extremo e un convencional ten tanto ou máis que ver coa mercadotecnia que co nivel de perigo ou a adrenalina xerada.[7] Por exemplo, o rugby é perigoso e induce a produción de adrenalina, pero non se considera un deporte extremo debido á súa imaxe tradicional, e porque non implica alta velocidade e non ten variábeis ambientais que inflúan nos atletas. A carreira de demolición (en inglés, Demolition Derby),[8] que é, predominantemente, un deporte de adultos, non se considera como 'extremo', mentres que a carreira de BMX, un deporte xuvenil, si se considera.

A etiqueta 'extremo' é unha auréola contracultural, un rexeitamento da autoridade e do status quo por unha xuventude descontenta. Algunha xuventude (como a denominada Xeración do Milenio Y) aproveita as actividades que eles poden reclamar como súas propias, e comezou a rexeitar deportes máis tradicionais.

A definición de deportes extremos cambiou durante os anos debido á mercadotecnia. Cando se usou o termo primeiramente, a finais dos anos 1980 e nos 1990, usouse para deportes de adultos como o paracaidismo, o mergullo con escafandro autónomo, o surf, a escalada, o esquí de neve, o esquí acuático, o snowboard, o ciclismo de montaña, o alpinismo etc., moitos dos cales daquela non tiñan moita popularidade. O termo hoxe en día aplícase máis a deportes xuvenís como a patinaxe sobre rodas, o snowboard, a patinaxe agresiva, o FMX e o BMX, e está estreitamente asociado coa mercadotecnia que o atribúe a xeracións novas e aos seus estilos de roupa e de música.

A palabra gañou en popularidade coa chegada dos Xogos X, un conxunto de actividades pensadas para a televisión de acontecementos. Os anunciantes foron rápidos para recoñecer as demandas deste tipo de eventos polo público e actuaron en consecuencia.

Motivación

editar

Un trazo común destas actividades é a súa presunta capacidade para inducir unha elevada segregación de adrenalina nos participantes. Porén, desde o punto de vista médico é que a presa ou a alta velocidade non están asociadas coa liberación de adrenalina, senón que esta débese ao medo, debido aos altos niveis de dopamina, endorfinas e serotonina a causa do alto nivel de esforzo físico. Ademais, un estudo recente suxire que o elo entre a adrenalina e os deportes extremos 'verdadeiros' é suposto.[9] O estudo definiu os deportes extremos 'verdadeiros' como un lecer ou actividade onde o resultado máis probábel dun accidente mal manexado ou o erro é a morte. Esta definición fíxose para separar a promoción de mercadotecnia da actividade.

Eric Brymer tamén encontrou que o potencial de varias experiencias extraordinarias humanas, moitas das cales teñen paralelo co que se encontra en actividades como a meditación, era unha parte importante da experiencia do deporte extremo.[10]

Algúns deportes existiron durante décadas e tiveron os seus defensores, algúns dos cales chegaron a facerse personalidades coñecidas. A escalada e o montañismo de xeo deu nomes publicamente recoñecíbeis como Edmund Hillary, Chris Bonington, Wolfgang Gullich e, máis recentemente, Joe Simpson. Outro exemplo é o surf, inventado hai séculos polos habitantes de Hawai.

En Galicia

editar

Galicia non só é coñecida polas fazañas deportivas futbolísticas do Deportivo e do Celta, senón tamén pola súa tradición de deportes acuáticos, tanto no mar como nos ríos, como remo, navegación deportiva, piragüismo, e hoxe tamén pola práctica dalgúns deportes de risco, como o rafting, a escalada, o parapente, o surf ou o widsurf.

  1. Webster's New Millennium Dictionary of English, Preview Edition (v 0.9.7). extreme sport – definition. Dictionary.com. [1] Consultado o 7-11-2011
  2. Tomlinson, Joe (2004). Extreme Sports: In Search of the Ultimate Thrill. Firefly Books Ltd (Hove). ISBN 1-55297-992-X. 
  3. 3,0 3,1 "Ernest Hemingway FAQ part 5". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2008. Consultado o 08 de novembro de 2011. 
  4. "extreme sports". Britannica Concise Encyclopedia. 2007. Arquivado dende o orixinal o 23-10-2008. Consultado o 8-11-2011. 
  5. "About International X Games". ESPN Internet Ventures. 2002. Arquivado dende o orixinal o 16-09-2009. Consultado o 8-11-2011. 
  6. Browne, David (2004): Amped: How Big Air, Big Dollars and a New Generation Took Sports to the Extreme. London: Bloomsbury Publishing.
  7. New York Times, Extreme Sport, Extreme Chic, Extreme Hype February 8, 1998
  8. Evento deportivo que se realiza nas festas do Condado de Fair, nos Estados Unidos, con regras que varían de evento en evento, e co obxectivo de que os cinco ou máis pilotos concorrentes choquen deliberadamente cos seus vehículos uns contra os outros até que quede só un; o último piloto cuxo vehículo aínda estea funcionando é premiado co vitoria.
  9. Brymer, Eric and Gray, Tonia, Extreme Sports: A Challenge to Phenomenology. University of Wollongong, Australia, 2004.
  10. Brymer, Eric and Gray, Tonia, Extreme Sports: A Challenge to Phenomenology. University of Wollongong, Australia, 2004

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar