Cucúlidos

(Redirección desde «Cuculidae»)
Cuculidae
Rango fósil: Eoceno - Holoceno
(desde hai 34-0 millóns de anos)

Guira guira
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves

Clado Otidimorphae

Orde: Cuculiformes
Familia: Cuculidae
Vigors, 1825
Especie tipo
Crotophaga ani
Linnaeus, 1758
Xéneros

Uns 26, ver texto.

Os cucúlidos (Cuculidae) son unha familia de aves da orde Cuculiformes, da que forman parte os cucos.[1][2][3] Desta familia viven en Galicia dúas especies: Cuculus canorus, o cuco común europeo, e Clamator glandarius, o cuco real ou papudo. Outros xéneros da familia son Geococcyx, Eudynamys, Phaenicophaeus, Coua, Centropus e Crotophaga, entre outros. Os Centropus e Crotophaga son ás veces separados en familias propias, os Centropodidae e Crotophagidae, respectivamente.

Cuco cantando nunha árbore en Bangalore, India

Os cucúlidos son aves xeralmente delgadas de mediano tamaño. A maioría son arbóreas, e unhas poucas terrestres. A familia ten unha distribución cosmopolita, aínda que a maioría das especies son tropicais. Algunhas especies son migratorias. Os cucos aliméntanse de insectos, larvas de insectos e outros diversos animais, e tamén de froita. Moitas especies realizan unha reprodución parasitaria, poñendo os seus ovos en niños doutras especies, pero a maioría das especies crían os seus propios fillos.

Os cucos formaron parte da cultura humana durante miles de anos (ver o cuco na cultura popular galega), aparecendo xa na mitoloxía grega e na doutras culturas e asociado con diversos simbolismos en distintos países. Os reloxos de cuco, orixinados na zona da Selva Negra de Alemaña, fixéronse coñecidos en todo o mundo.

Descrición

editar
 
Cuco común
 
O Phaenicophaeus curvirostris ten a pel de brillantes cores arredor dos ollos típica dos Phaenicophaeinae.

Os cucúlidos son aves de mediano tamaño que van dese os 17 g de peso e 25 cm de lonxitude do Chrysococcyx minutillus aos 630 g e 63 cm do Scythrops novaehollandiae.[4] En xeral presentan pouco dimorfismo sexual en canto ao tamaño, pero cando existe, o máis grande pode ser tanto o macho coma a femia, dependendo da especie. Unha das características distintivas máis importantes da familia son os pés, que son cigodáctilos, o que significa que as dúas dedas internas apuntan cara a adiante e as dúas externas cara a atrás. Hai dúas formas corporais básicas, especies arbóreas (como o cuco común), que son máis delgadas e teñen tarsos curtos, e especies terrestres (como os Geococcyx), que teñen unha constitución máis pesada e longos tarsos. Case todas as especies teñen colas longas que usan para equilibrarse e dirixirse no caso das especies terrestres ou como temóns durante o voo nas especies arbóreas. A forma das ás tamén varía segundo o seu estilo de vida, e as especies máis migratorias como o Coccyzus erythropthalmus posúen ás longas e estreitas con capacidade de realizar voos directos potentes, e as especies máis terrestres e sedentarias como os Centropus e Phaenicophaeus teñen ás arredondadas e máis curtas e un voo planado máis traballoso.

A subfamilia Cuculinae está formada polos cucos do Vello Mundo con reprodución parasitaria.[4] Adoitan ter a forma clásica, con (xeralmente) colas longas, patas curtas, ás estreitas longas e un estilo de vida arbóreo. As especies máis grandes, como o Scythrops novaehollandiae, teñen tamén o bico máis grande da familia, que lembra o dun bucerótido. A subfamilia Phaenicophaeinae comprende os cucos non parasitos do Vello Mundo e inclúe os Centropus, Phaenicophaeus e cucos terrestres. Son cucos de hábitos máis terrestres, con patas máis fortes e a miúdo longas e ás arredondadas curtas. Esta subfamilia adoita ter plumaxe rechamante e unha zona de pel espida e moi coloreada arredor do ollo. Os Centropus son outra subfamilia (ás veces considerada familia) terrestre de cucos de patas e colas longas e ás curtas. Son aves grandes e pesadas cuxo representante máis grande, o Centropus menbeki, ten aproximadamente o mesmo tamaño que o Scythrops novaehollandiae. A subfamilia Coccyzinae comprende cucos arbóreos e de cola longa, con varias formas grandes endémicas de illas. Os Neomorphinae (cucos do Novo Mundo) son similares aos Carpococcyx de Asia en que son de patas longas e terrestres, e inclúen os Geococcyx de bico longo, que poden chegar a acadar velocidades de 30 km/h cando perseguen a súa presa, polo que se lles chama roadrunners ou correcaminos (correcamiños) na súa área nativa. A última subfamilia (ás veces considerada familia) son os atípicos Crotophagidae, que inclúen os pequenos e torpes Crotophaga (de bicos masivos e plumas brillantes) e os máis grandes Guira guira.

 
Algunhas especies como Chrysococcyx maculatus de Asia exhiben plumaxe iridescente.

As plumas dos cucos son xeralmente brandas, e adoitan quedar enchoupadas cando hai chuvias fortes. Os cucos a miúdo toman o sol despois das chuvias, e os Crotophaga estenden as súas ás á maneira dos voitres ou corvos mariños para secarse. Hai unha considerable variación na plumaxe da familia. Algunhas especies, especialmente os que son parasitos reprodutores teñen plumaxe críptica, mentres que outras teñen unha plumaxe rechamante e elaborada. Isto é especialmente notable nos Chrysococcyx que teñen plumaxe iridescente. Algúns cucos lembran a falcóns pola súa plumaxe barrada ventral; o que aparentemente pode asustar a hóspedes potenciais, o que facilita que a femia acceda ao niño do hóspede para poñer alí un ovo durante a reprodución parasitaria.[5] As crías dalgúns cucos con reprodución parasitaria teñen cores que lembran ás das crías do hóspede. Por exemplo, os Eudynamys scolopaceus de Asia que se reproducen na India teñen crías negras que lembran as dos seus hóspedes os corvos, mentres que nos Eudynamys orientalis) de Australia os pitiños son marróns igual que os seus hóspedes os Meliphagidae. O dimorfismo sexual na plumaxe non é común nos cucos, sendo máis común nas especies de reprodución parasitaria do Vello Mundo.

Os xéneros de cucos diferéncianse no número de plumas rémixes primarias da seguinte maneira:

Distribución e hábitat

editar
 
O Coccyzus merlini é un gran cuco das illas Bahamas e Cuba.

Os cucos teñen unha distribución cosmopolita, xa que se encontran en todos os continentes menos na Antártida. Están ausentes no suroeste de Suramérica, no extremo norte e noroeste de Norteamérica e nas áreas secas de Oriente Próximo e Norte de África (aínda que poden verse alí como aves en migración). Xeralmente só aparecen como aves errantes nas illas oceánicas do Atlántico e Índico, pero unha especie reprodúcese en varias illas do Pacífico e outra é un migrante invernal que atravesa moitas partes do Pacífico.[6]

A Cuculinae é a subfamilia máis espallada de cucos, e está distribuída por Europa, Asia, África, Australia e Oceanía. Entre os cucos Phaenicophaeinae os Phaenicophaeus e os cucos terrestres asiáticos están restrinxidos ao sur de Asia, os Coua son endémicos de Madagascar e o Ceuthmochares está espallado por África. Os Centropus están distribuídos desde África pasando por Asia tropical e chegando a Australia e as Illas Salomón. As tres subfamilais restantes están distribuídas polo Novo Mundo, tanto en Suramérica coma en Norteamérica. Os Coccyzinae son os que chegan máis ao norte das tres subfamilias, reproducíndose no Canadá, mentres que os Crotophaga chegan polo norte como máximo ata Florida e os típicos cucos terrestres chegan ao suroeste dos Estados Unidos.

Os cucos aparecen nunha ampla variedade de hábitats. Os hábitats máis axeitados para os cucos proporcionan unha fonte de alimento (principalmente insectos e especialmente eirugas) e un lugar para reproducirse, para os que teñen unha reprodución parasitaria necesitan un ambiente apropiado para a especie hóspede. A maioría das especies aparecen en bosques, principalmente nos bosques peremnes dos trópicos. Algunhas especies habitan ou están restrinxidas a mangleirais; entre estes está o Chrysococcyx minutillus de Australia, algúns Phaenicophaeus, Centropus e os cucos dos mangleirais (Coccyzus minor) do Novo Mundo. Ademais dos bosques, algunhas especies de cucos ocupan ambientes máis abertos, que poden incluír incluso áreas áridas como os desertos no caso dos Geococcyx californianus ou o Cacomantis pallidus. As especies migratorias temperadas como o cuco común habitan unha ampla variedade de hábitats para aproveitar ao máximo os hóspedes potenciais para a súa reprodución parasitaria, desde xunqueiras (onde parasitan aos Acrocephalus, folosas) a páramos sen árbores (onde parasitran aos Anthus pratensis, picas).

Migración

editar

A maioría das especies de cucos son sedentarios, pero algúns realizan migracións estacionais regularmente e outros realizan migracións parciais a partes da súa área de distribución.

As especies que se reproducen a altas latitudes migran a climas máis cálidos durante o inverno debido á dispoñibilidade de alimento. O Urodynamis taitensis, que se reproduce en Nova Zelandia, voa aos seus terreos de inverno en Polinesia, Micronesia e Melanesia, unha fazaña que foi descrita como "quizais a máis salientable migración sobre as augas de calquera paxaro terrestre."[7] O Coccyzus americanus e o Coccyzus erythropthalmus reprodúcense en Norteamérica e voan a través do mar Caribe, un voo sen parar de 4.000 km. Outros longos voos migratorios inclúen o Cuculus poliocephalus, que voa desde África ata a India, e o cuco común europeo, que voa sen parar sobre o mar Mediterráneo e o deserto do Sáhara na súa viaxe entre Europa e África central.[8]

En África, dez especies fan regularmente migracións intracontinentais que se describen como polarizadas; é dicir, pasan a estación non reprodutora no centro tropical do continente e viaxan cara ao norte e sur para reproducirse nas sabanas máis abertas e desérticas e nos desertos.[9] Esta non é a mesma situación que se dá nos Neotrópicos, onde ningunha especie ten este patrón de migración, ou en Asia tropical, onde unha soa especie o fai. O 83% das especies australianas son migrantes parciais dentro de Australia ou viaxan a Nova Guinea e Indonesia despois da estación reprodutora.[10]

Nalgunhas especies a migración é diúrna, como no Scythrops novaehollandiae, e noutras nocturna, como no Coccyzus americanus.

 
O Clamator coromandus en Singapur

Comportamento e ecoloxía

editar

A maior parte dos cucos son solitarios e raramente se xuntan en parellas ou grupos. A maior excepción son os Cotophaga das Américas, nos que evolucionou a reprodución cooperativa e outros comportamentos sociais. A maior parte dos cucos son diúrnos, pero moitas especies fan chamadas nocturnas (véxase máis abaixo). Os cucos son xeralmente unha familia de especies tímidas e reservadas, que é máis doado oílas que velas. A excepción son os Cotophaga, que a miúdo son extremadamente confiados cos humanos e outras especies.

 
A diferenza da maioría dos cucos, o Eudynamys scolopaceus é principalmente fruxívoro.

A maioría dos cucos son insectívoros e están especializados en comer grandes insectos e eirugas, incluíndo os tipos de eirugas peludas que evitan outras aves. Teñen un comportamento pouco común entre as aves porque preparan as súas presas antes de tragalas, esfregándoas contra obxectos duros como ramas e despois esmáganas contra unhas placas óseas especiais da parte posterior da súa boca.[11] Tamén comen unha ampla variedade doutros insectos e presas animais. Os Saurothera do Caribe, ante a relativa ausencia de aves de presa, especializáronse en cazar lagartos. Os tipos terrestrs máis grandes como os Centropus e os Geococcyx tamén se alimentan de diversas serpes, lagartos, pequenos rodedores e outras aves, aos que golpean cos seus fortes peteiros. As especies terrestres poden usar diferentes técnicas para capturar as presas. Un estudo de dúas especies de Coua de Madagascar atopou que o Coua coquereli conseguía presas camiñando e rebuscando no chan do bosque, mentres que o Coua ruficeps corría e abalanzábase sobe as presas. Ambas as especies tamén mostraban unha flexibilidade estacional nas presas capturadas e nas técnicas de procura de alimento.[12] Os cucos parasitos non participan xeralmente en bandadas mixtas para a procura do alimento, aínda que algúns estudos feitos no leste de Australia atoparon varias especies que si participaban nelas na estación non reprodutora, pero eran atacados e incapaces de facelo na estación reprodutora.[13] Os cucos terrestres do xénero Neomorphus vense ás veces alimentándose en asociación con grupos de formigas lexionarias ou marabuntas, aínda que non son seguidores de formigas obrigados como ocorre con algunhas aves Thamnophilidae.[14] Os Cotophaga aliméntanse no chan e seguen o gando e outros grandes animais mamíferos cando buscan alimento; nun modo similar ao das garzas boieiras (Bubulcus ibis) que apañan as presas que espantan o gando e teñen un maior éxito alimentándose deste modo.[15]

Varios Eudynamys, Coua e os Scythrops novaehollandiae aliméntanse principalmente de froita,[16] pero non son exclusivamente fruxívoros. Os Eudymamys parasitos e os Scythrops en particular consomen principalmente froita cando son criados por hóspedes fruxívoros como os Sphecotheres vieilloti e os Strepera graculina. Outras especies comen ocasionalmente froita tamén. Os Coua consomen froita na estación seca cando as presas son máis difíciles de atopar.[12]

Reprodución

editar

Os cucos son un grupo extremadamente diverso de aves en canto aos seus hábitos de reprodución.[4] A maioría das especies son monógamas, pero hai excepcións. Os cucos Crotophaga e Guira poñen os seus ovos en niños comunais, aínda que este comportamento non é completamente cooperativo; unha femia pode retirar os ovos doutras femias cando pon os seus.[17] A poliandria foi confirmada no Centropus grillii africano e sospéitase que ocorre nas outras especies do xénero, o que quizais explica o dimorfismo sexual invertido do grupo.[18] A maioría das especies de cucos, incluíndo os Phaenicophaeus, Coua, Centropus e Geococcyx e a maioría dos outros cucos americanos, constrúen os seus propios niños, aínda que unha importante minoría realiza unha reprodución parasitaria (véxase máis abaixo). A maioría destas especies aniñan nas árbores ou arbustos, mais os Centropus poñen os ovos en niños en terra ou baixo arbustos. Aínda que nalgunhas ocasións os cucos normalmente non parasitos poden parasitar outras especies, incluso nese caso os pais axudan a alimentar ao pitiño.

Os cucos non parasitos poñen ovos brancos, pero moitas das especies parasitas poñen ovos coloreados para que se asemellen aos dos seus hóspedes.

As crías de todas as especies de cucos son altriciais (non poden valerse de seu nas primeiras etapas). Os cucos non parasitos abandonan o niño antes de que poidan voar, e algunhas especies do Novo Mundo teñen os períodos de incubación máis curtos de todas as aves.[17]

Parasitismo reprodutivo

editar
 
Un Acrocephalus scirpaceus (folosa das canaveiras) criando un pitiño de cuco común
Vídeo dunha cría de cuco Cacomantis pallidus alimentada por tres especies distintas de pais adoptivos

Unhas 56 especies de cuco do Vello Mundo e 3 do Novo Mundo son parasitos reprodutivos, poñen os seus ovos nos niños doutras especies de aves.[17] Estas especies son parasitos reprodutivos obrigados, o que significa que só se reproducen desta maneira. O exemplo mellor coñecido é o cuco común europeo. Ademais das especies obrigadas, hai outras que presentan un parasitismo reprodutor non obrigado, e deixan os seus ovos en niños de membros da súa propia especie ademais de axudar a criar e alimentar aos seus fillos. As cascas dos ovos dos parasitos reprodutivos son xeralmente grosas.[19] Teñen dúas capas cunha capa externa que se cre se dá resistencia á rotura cando os ovos son depositados no niño hóspede.[20] O ovo do cuco eclosiona máis cedo que o do hóspede e a cría do cuco crece máis rápido; na maioría dos casos o pitiño bota fóra do niño os ovos ou as crías da especie hóspede. A cría de cuco non ten tempo de aprender este comportamento, polo que debe ser un instinto que recibe xeneticamente. A cría anima ao hóspede a alimentalo ao mesmo ritmo que o da súa rápida taxa de crecemento coas súas rápidas chamadas petitorias[21] e a boca aberta da cría, a cal serve como sinal estimulante.[22]

Os cucos teñen varias estratexias para deixar os seus ovos dentro do niño hóspede. As diferentes especies usan distintas estratexias dependentes das estratexias defensivas do hóspede. As femias de cucos teñen comportamentos de posta rápidos e moi discretos, mais nalgúns casos viuse que os machos atraen os hóspedes adultos lonxe dos seus niños para que as femias poidan poñer os ovos no niño.[23] Algunhas especies hóspede poden tratar directamene de impedir que os cucos poñan ovos nos seus niños; as aves cuxos niños están en alto risco de contaminación polo cco sábese que atacan os cucos para expulsalos da zona.[24] Os cucos parasitos están agrupados en gentes (en latín 'xentes'), e cada gens está especializada nun hóspede determinado. Hai evidencias de que as gentes son xeneticamente diferentes entre si.

 
  Gravación da chamada do Cacomantis variolosus

As femias dos cucos parasitos especialízanse ás veces e poñen ovos que lembran bastante fielmente aos ovos do hóspede que elixen. Algunhas aves hóspede poden distinguir os ovos de cuco dos seus, polo que os ovos que sexan menos parecidos aos do hóspede sexan con máis probabilidade botados fóra do niño polo hóspede.[22] Os cucos parasitos que presentan os maiores niveis de mimetismo dos ovos son aqueles nas que os hóspedes mostran altos niveis de rexeitamento dos ovos, polo que só son engaqnados se a imitación é boa.[25] Algúns hóspedes non presentan o comportamento de rexeitamento dos ovos e nese caso os ovos do cuco son máis diferentes. Tamén se observou nun estudo con cucos europeos que as femias poñen os seus ovos no niño dun hóspede que ten ovos que teñen un aspecto similar aos seus.[26] Outras especies de cucos poñen ovos "crípticos", que son de cor escura mentres que os ovos do hóspede son claros.[23] Este é un truco para que os ovos pasen desapercibidos para o hóspede, e móstrano os cucos que parasitan hóspedes que constrúen ninos cupuliformes escuros. Algúns cucos parasitos adultos destrúen completamente a posta dos hóspedes se estes rexeitan os ovos do cuco.[23] Neste caso, criar o fillo do cuco é para o hóspede menos custoso que a alternativa destrución total da posta.

O parasitismo non é necesariamente de todo prexudicial para a especie hóspede. En 2014 estudouse un conxunto de datos de 16 anos e atopouse que os niños de corvos parasitados tiñan máis éxito globalmente (maior probabilidade de producir polo menos un poliño de corvo) que os niños sen cuco. Os investigadores atribuíron isto a unha substancia fortemente cheirenta segegada pola cría de cuco cando é atacado, que repele os predadores, e comentaron o seguinte: "As interaccións que foran claramente clasificadas como 'parasitarias' ou 'mutualistas' poderían ser máis complexas. Quizais, necesitamos examinar máis detidamente estas interaccións antes de poñerlle ás especies tales etiquetas ou identificacións".[27]

Chamadas

editar

Os cucos son a miúdo silandeiros, pero en moitos casos teñen un amplo repertorio de chamadas ou cantos. Estas adoitan ser bastante simples, parecidas a asubíos, sons de frautas ou impos.[28] As chamadas son utilizadas para demostrar a posesión dun territorio e atraer parellas. Dentro dunha especie as chamadas son notablemente consistentes ao longo da súa área de distribución, mesmo en especies con áreas moi grandes. Isto, xunto co feito de que moitas especies non son criadas polos seus verdadeiros pais (reprodución parasitaria), suxire que as chamadas dos cucos son innatas e non aprendidas. Aínda que os cucos son diúrnos, moitas especies fan chamadas pola noite.[17]

A familia dos cucos ten un nome de orixe onomatopeica que recibe pola chamada do cuco común (cu-cu). En moitos cucos as chamadas son distintivas de especies particulares e son útiles para a súa identificación. Varias especies crípticas identifícanse mellor polos seus cantos.

Filoxenia

editar

Filoxenia dos Cuculiformes vivos baseada na obra de John Boyd.[29]

Taxonomía e sistemática

editar
 
Coua caerulea
 
Coccyzus americanus
 
Neomorphus geoffroyi
 
Centropus superciliosus

Na cultura humana

editar

Na mitoloxía grega, o deus Zeus transformouse nun cuco para poder seducir á deusa Hera; e a ave estaba consagrada a ela.[30] En Inglaterra, William Shakespeare aludiu á asociación do cuco común europeo coa primavera, e tamén (nese país) coa infidelidade conxugal, na canción de primavera cortesana da súa obra Love's Labours Lost (Traballos de amor perdidos).[31][32] Na India, os cucos están consagrados a Kamadeva, o deus dos desexos e os anceios, mentres que no Xapón o cuco simboliza o amor non correspondido.[33]

  1. Ericson, P.G.P.; et al. (2006). "Diversification of Neoaves: integration of molecular sequence data and fossils" (PDF). Biology Letters 2 (4): 543–547. PMC 1834003. PMID 17148284. doi:10.1098/rsbl.2006.0523. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de marzo de 2008. Consultado o 21 de xaneiro de 2017. 
  2. Hackett, S.J.; et al. (2008). "A Phylogenomic Study of Birds Reveals Their Evolutionary History". Science 320 (5884): 1763–1768. PMID 18583609. doi:10.1126/science.1157704. 
  3. Jarvis, E.D.; et al. (2014). "Whole-genome analyses resolve early branches in the tree of life of modern birds". Science 346 (6215): 1320–1331. PMC 4405904. PMID 25504713. doi:10.1126/science.1253451. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Payne R.B. (1997) "Family Cuculidae (Cuckoos)", pp. 508–45 in del Hoyo J, Elliott A, Sargatal J (eds) (1997). Handbook of the Birds of the World Volume 4; Sandgrouse to Cuckoos Lynx Edicions:Barcelona. ISBN 84-87334-22-9
  5. Davies, NB; JA Welbergen (2008). "Cuckoo–hawk mimicry? An experimental test". Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences 275 (1644): 1817–22. PMC 2587796. PMID 18467298. doi:10.1098/rspb.2008.0331. 
  6. Bogert, C (1937) Birds collected during the Whitney South Sea Expedition. 34, The distribution and the migration of the long-tailed cuckoo (Urodynamis taitensis Sparrman). Arquivado 16 de decembro de 2008 en Wayback Machine. American Museum novitates 933 12 p.
  7. Ellis, D; Kepler, C; Kepler, A; Teebaki, K (1990). "Occurrence of the Longtailed Cuckoo Eudynamis taitensis on Caroline Atoll, Kiribati" (PDF). Emu 90 (3): 202. doi:10.1071/mu9900202. 
  8. BTO Cuckoo migration tracking study
  9. Hockey, P (2000). "Patterns and Correlates of Bird Migrations in Sub-Saharan Africa". Emu 100 (5): 401–17. doi:10.1071/MU0006S. 
  10. Chan, K (2001). "Partial migration in Australian landbirds: a review". Emu 101 (4): 281–92. doi:10.1071/MU00034. 
  11. Kaiser, G.W. (2007) The Inner Bird; Anatomy and Evolution. UBC Press. Vancouver. ISBN 978-0-7748-1343-3.
  12. 12,0 12,1 Chouteau, Philippe; Raymond Fenosoa (2008). "Seasonal effects on foraging behaviour of two sympatric species of couas in the western dry forest of Madagascar". African Journal of Ecology 46 (3): 248–57. doi:10.1111/j.1365-2028.2007.00880.x. 
  13. Bell, H (1986). "The Participation by Cuckoos in Mixed-Species Flocks of Insectivorous Birds in South-eastern Australia". Emu 86 (4): 249–53. doi:10.1071/MU9860249b. 
  14. Karubian, J; Carrasco, L (2008). "Home Range and Habitat Preferences of the Banded Ground-cuckoo (Neomorphus radiolosus)". The Wilson Journal of Ornithology 120 (1): 205–9. doi:10.1676/06-176.1. 
  15. Smith, S (1971). "The Relationship of Grazing Cattle to Foraging Rates in Anis". The Auk 88 (4): 876–80. doi:10.2307/4083844. 
  16. Corlett, R; Ping, I (1995). "Frugivory by koels in Hong Kong". Memoirs of the Hong Kong Natural History Society 20: 221–22. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Payne, Robert B. (2005). The Cuckoos. Oxford University Press. ISBN 0-19-850213-3. Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2016. Consultado o 5 September 2013. 
  18. Goymann, W; Wittenzellner, A; Wingfield, J (2004). "Competing Females and Caring Males. Polyandry and Sex-Role Reversal in African Black Coucals, Centropus grillii".". Ethology 110 (10): 807–23. doi:10.1111/j.1439-0310.2004.01015.x. 
  19. Antonov, Anton; Stokke, Bard G.; Moksnes, Arne; Roeskaft, Eivin (2008). "Does the cuckoo benefit from laying unusually strong eggs?". Animal Behaviour 76: 1893–900. doi:10.1016/j.anbehav.2008.08.016. 
  20. Robert B. Payne, Michael D. Sorenson, Karen Klitz (2005) The Cuckoos: Cuculidae. Oxford University Press. p. 127
  21. Adams, Stephen (2009-01-04). "Cuckoo chicks dupe foster parents from the moment they hatch". The Daily Telegraph (London). Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 2010-04-30. Os polos de cuco empezan a imitar os chíos das crías dos seus pais adoptivos que emiten desde o momento en que eclosionan, como probou un científico. 
  22. 22,0 22,1 Biology (4th edition) NA Campbell, p. 117 'Fixed Action Patterns' (Benjamin Cummings NY, 1996) ISBN 0-8053-1957-3
  23. 23,0 23,1 23,2 Davies, N.B. (18 April 2011). "Cuckoo adaptations: trickery and tuning". Journal of Zoology 284: 1–14. doi:10.1111/j.1469-7998.2011.00810.x. Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2017. Consultado o 5 September 2013. 
  24. Wheatcroft, D. (Feb 2009). "Co-evolution: A Behavioral ‘Spam Filter’ to Prevent Nest Parasitism". Current Biology 19 (4): R170–R171. ISSN 0960-9822. PMID 19243694. doi:10.1016/j.cub.2008.12.034. 
  25. Stoddard MC, Stevens M (July 2011). "Avian vision and the evolution of egg color mimicry in the common cuckoo". Evolution; International Journal of Organic Evolution 65 (7): 2004–13. PMID 21729055. doi:10.1111/j.1558-5646.2011.01262.x. 
  26. Avilés JM, Stokke BG, Moksnes A, Røskaft E, Asmul M, Møller AP (November 2006). "Rapid increase in cuckoo egg matching in a recently parasitized reed warbler population". Journal of Evolutionary Biology 19 (6): 1901–10. PMID 17040387. doi:10.1111/j.1420-9101.2006.01166.x. 
  27. AAAS Science: Parasitic Cuckoos Provide Nest Protection for Crow Hosts, 20 March 2014
  28. Brooke, Michael de L; Horsfall, John A. (2003). "Cuckoos". En Christopher Perrins. Firefly Encyclopedia of Birds. Firefly Books. pp. 312–15. ISBN 1-55297-777-3. 
  29. Páxina web de John Boyd [1] Boyd, John (2007). "Otidimorphae- Musophagiformes, Otidiformes, Cuculiformes" (PDF). Consultado o 30 December 2015. 
  30. Lang, Andrew (1887). Myth, Ritual, and Religion, Volume 2. Ballantyne Press. p. 179. 
  31. Shakespeare, William. "Song: "When daisies pied and violets blue"". Poetry Foundation. Consultado o 22 July 2015. 
  32. Rhodes, Neil; Gillespie, Stuart (13 May 2014). Shakespeare And Elizabethan Popular Culture: Arden Critical Companion. Bloomsbury Publishing. p. 178. ISBN 978-1-4081-4362-9. 
  33. Werness, Hope B. (2006). Continuum Encyclopedia of Animal Symbolism in World Art. A&C Black. p. 123. ISBN 978-0-8264-1913-2. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  • Cuco (a especie galega)

Bibliografía

editar
  • Feduccia, Alan (1996): The Origin and Evolution of Birds. Yale University Press, New Haven. ISBN 0-300-06460-8
  • Olson, Storrs L. (1985): Section VII.C. Cuculidae. In: Farner, D.S.; King, J.R. & Parkes, Kenneth C. (eds.): Avian Biology 8: 110-111. Academic Press, Nova York.

Ligazóns externas

editar