Pupa

(Redirección desde «Crisálide»)

Unha pupa[1] (do latín pūpa, 'boneca') é un dos estadios vitais dalgúns insectos que sofren transformacións (metamorfose) entre os estados inmaturos e maduros. O estadio pupal encóntrase só nos insectos holometábolos, que experimentan unha metamorfose completa e pasan por catro estadios vitais: ovo, larva, pupa e imago (adulto). Os procesos necesarios para entrar e completar o estadio pupal están controlados polas hormonas dos insectos, especialmente a hormona xuvenil, a hormona protoracicotrópica e a ecdisona.

Pupa do escaravello Cetonia aurata
Pupa dun mosquito. A diferenza da maioría de pupas, as dos mosquitos poden nadar activamente.

As pupas de diferentes grupos de insectos teñen diferentes nomes, como crisálide no caso das pupas das bolboretas. As pupas poden estar cubertas nalgúns grupos de insectos por outras estruturas como casulos, niños ou cubertas exoesqueléticas.[2]

Posición no ciclo vital

editar

O estadio pupal é o que segue ao estadio larvario e precede ao estado adulto (imago) nos insectos con metamorfose completa. A pupa é un estadio que non se alimenta, e na maior parte dos casos é sésil. Durante a pupación empezan a formarse as estruturas do adulto e a desaparecer as larvarias. As estruturas adultas crecen a partir de discos imaxinais.

Duración

editar

A pupación pode durar semanas, meses ou mesmo anos, o cal depende da especie e da temperatura.[3][4] Por exemplo, a pupación dura de oito a quince días na bolboeta monarca.[5] A pupa pode entrar en dormancia ou diapausa ata que se chegue á estación apropiada para emerxer como adulto. En climas temperados as pupas xeralmente permanecen en estado dormente durante o inverno, mentres que nos trópicos as pupas adoitan estar dormentes durante a estación seca.

Emerxencia

editar
Eclosión de Papilio dardanus

Os insectos emerxen ("eclosionan", saen da cuberta da pupa) rachando a cuberta pupal. A maioría das bolboretas emerxen pola mañá. Nos mosquitos ten lugar polo serán ou na noite. Nas pulgas o proceso é desencadeado por vibracións que indican a posible presenza dun hóspede axeitado. Antes da súa saída, o adulto que está dentro do exoesqueleto pupal denomínase farato. Unha vez que o farato adulto eclosionou da pupa, o esqueleto pupal baleiro denomínase exuvia.

Apareamento pupal

editar
 
Apareamento no piérido Catopsilia pyranthe dun macho cunha femia acabada de emerxer.

Nuns poucos taxons de lepidópteros, como Heliconius, o apareamento pupal é unha forma extrema de estratexia reprodutiva na cal o macho adulto se aparea coa pupa femia a piques de emerxer, ou coa femia acabada de mudar; isto está acompañado por outras accións como tapar o sistema reprodutor da femia cun tapón de apareamento (ou sphragis, palabra latina procedente do grego σφραγίδα, sfragida, 'selo'), impedindo o acceso doutros machos, ou exsudando unha feromona antiafrodisíaca.[6][7]

Defensa

editar

As pupas normalmente son inmóbiles e están practicamente indefensas. Para solucionar isto unha estratexia común é estar situadas nun lugar ben agochado ou que pase desapercibido. Algunhas especies de bolboretas licénidas son protexidas no seu estadio pupal por formigas. Outro medio de defensa das pupas doutras especies é a súa capacidadede de emitir sons ou vibracións que espantan os potenciais depredadores. Unhas poucas especies teñen defensas químicas como secrecións tóxicas. As pupas dos himenópteros sociais son protexidas polos membros adultos da colmea.

Baseándose na presenza ou ausencia de mandíbulas articuladas, que o insecto emprega para saír do estoxo pupal ou do casulo, as pupas poden clasificarse en dous tipos:[8][9]

Basándose en se os apéndices pupais están libres (mesmo poden ser móbiles, aínda que normalmente están inactivos) ou pegados completamente ao corpo (inmóbiles), as pupas poden clasificarse en tres tipos:[10]

  • Exarata.- Os apéndices son libres, é dicir, sen ningún punto de adhesión adicional ao corpo á parte do punto de onde nacen, e non están xeralmente encapsulados dentro dun casulo. Todas as pupas decticosas e algunhas adecticosas son deste tipo. Aparecen en Neuroptera, Trichoptera, os dípteros Cyclorrhapha, Siphonaptera, a maioría dos Coleoptera, Hymenoptera, e algúns Lepidoptera.
  • Obtecta.- Os apéndices están pegados completamente ao corpo e normalmente están encapsulados dentro dun casulo. Algunhas pupas adecticosas son formas obtectas. Aparecen na maioría dos Lepidoptera, e nos dípteros Nematocera e Brachycera, nos coleópteros Staphylinidae e Chrysomelidae, e en moitos himenópteros Chalcidoidea.
  • Coarctata.- Son pupas encerradas nunha cutícula endurecida do penúltimo ínstar larvario, chamada pupario, polo que non se ven os apéndices. Porén, a pupa que está dentro é do tipo adecticosa exarata. Aparecen nos dípteros Cyclorrhapha, como a mosca doméstica.

Crisálide

editar
 
A crisálide da bolboreta Euploea core ilustra a orixe grega da raíz χρυσός (chrysós), 'ouro', que forma parte da palabra crisálide

Unha crisálide[11] (do latín chrysallis, procedente do grego χρυσαλλίς, chrysallís, plural: chrysalides, tamén coñecida como aurelia), é o estadio pupal das bolboretas. O termo ten que ver coa coloración metálica dourada que teñen as pupas de moitas bolboretas (ver imaxe), xa que en grego χρυσός, chrysós significa ouro. O outro nome, aurelia, está relacionado co latín aurum, 'ouro'.

Cando a eiruga completou o seu crecemento, fai un botón de seda que utiliza para fixar o seu corpo a unha folla ou poliña. Entón a pel da eiruga despréndese por última vez. Baixo a súa vella pel hai unha dura pel que cobre o animal, que constitúe a crisálide.[12]

Como as crisálides son frecuentemente vistosas e formadas nun lugar exterior, son os exemplos máis familiares de pupas. A maioría das crisálides están fixadas a unha superficie por unha almofadiña de seda similar a un velcro fiada pola eiruga, xeralmente cementada á pate lateral dunha percha, e polo gancho ou ganchos cremastrais que sobresaen da parte posterior da crisálide ou cremáster do extremo do abdome pupal, polo cal a eiruga se fixa á almofadiña de seda (do grego kremastos 'suspendido').[13]

Como noutros tipos de pupas, no estadio de crisálide na maioría das bolboretas a pupa ten poucos movementos corporais. Porén, algunhas pupas de bolboretas poden mover os seus segmentos abdominais para producir sons ou para espantar potenciais depredadores. Dentro da crisálide, ten lugar o crecemento e diferenciación do animal.[14] A bolboreta adulta emerxe (eclosiona) da crisálide e expande as súas ás ao bombear hemolinfa nas veas das ás.[15] Aínda que este cambio rápido de pupa a imago chámase a miúdo metamorfose, a metamorfose é realmente a serie completa de cambios que o insecto sofre desde ovo a adulto.

Cando emerxe, a bolboreta usa un líquido con encimas, chamado cocoonase[16], que abranda a cuberta da crisálide. Ademais, usa dúas garras afiadas localizadas nas grosas articulacións da base das ás anteriores para axudarse a saír.[17] Unha vez emerxida da crisálide, a bolboreta xeralmente permanece pousada na cuberta baleira mentres se expande e endurece as ás. Porén, se a crisálide estaba preto do chan (como en caso de caer), a bolboreta atopará outra superfice vertical para repousar e endurecer as ás (como un muro ou valado).

As pupas de avelaíñas son xeralmente de cores escuras e poden formarse en celas baixo terra, libres no chan, ou a súa pupa pode estar dentro dunha cápsula protectora de seda chamada casulo. A pupa dalgunhas especies como a Sesia apiforme desenvolve agudas cristas no exterior chamadas adminículas que permiten que a pupa se mova do seu lugar de ocultamento dentro dun tronco de árbore cando é o momento de que emerxa o adulto.[18]

É importante diferenciar entre pupa, crisálide e casulo. A pupa é o estadio entre os estadios de larva e de adulto. A crisálide xeralmente refírese a unha pupa de bolboreta aínda que os termos poden ser confundidos, xa que hai algunha avelaíñas cuxas pupas lembran crisálides, por exemplo, as avelaíñas da familia Pterophoridae e algunhas Geometridae. Un casulo é un estoxo de seda que as avelaíñas, e ás veces outros insectos, fían arredor da pupa.

Casulo

editar
 
O rexo casulo marrón da avelaíña Opodiphthera eucalypti

Un casulo é unha envoltura tecida con seda que constrúen moitas avelaíñas e eirugas[19] e outras numerosas larvas de insectos holometábolos como cuberta protectora para a pupa.

Os casulos poden ser duros ou brandos, opacos ou translúcidos, de malla compacta ou de malla solta, de varias cores, ou compostos de múltiples capas, o cal depende da especie. Moitas eirugas de avelaíñas despréndense de pelos larvarios (sedas) e incorpóranos ao casulo; se estes pelos son urticantes entón o casulo é tamén irritante ao tacto. Algunhas larvas adhiren pequenas poliñas, paquetes fecais ou cachos de vexetación ao exterior do casulo para intentar camuflalo para que pase inadvertido aos predadores. Outras tecen o casulo nun lugar agochado (baixo unha folla, nunha greta, preto dabase dun tronco, pendurado dunha poliña ou oculto nas follas caídas.[20]

A seda do casulo do verme da seda (Bombyx mori, unha avelaíña) pode ser desenredado para obter fibras de seda, o que fixo desde moi antigo a esta especie o lepidóptero economicamente máis importante. O verme da seda é o único lepidóptero completamente domesticado e foi resultado de crianza e cruzamentos, polo que nesta variedade non existe na natureza.

Os insectos que pupan nun casulo deben finalmente saír del, e fano porque a pupa o corta e se abre paso ao exterior ou porque segregan encimas, chamados cocoonases, que abrandan o casulo. Algúns casulos son construídos incorporando no deseño liñas de debilidade ao longo das cales rachan o casulo desde o interior, ou con buratos de saída que só permiten o paso en dirección de saída; tales características facilitan o escape do insecto adulto unha vez que emerxe da pel pupal.

Pupario

editar

Algunhas pupas permanecen dentro do exoesqueleto do ínstar larvario final e esta cuberta larvaria denomínase pupario. As moscas do grupo Muscomorpha teñen puparios, como tamén os membros da orde Strepsiptera e a familia de hemípteros Aleyrodidae.[21]

Galería de imaxes

editar
  1. Dicionario Digalego pupa Arquivado 07 de xullo de 2018 en Wayback Machine.
  2. Borror, D. J.; DeLong, Dwight M.; Triplehorn, Charles A. (2004). Introduction to the Study of Insects (Sixth ed.). New York: Holt, Rinehart & Winston. ISBN 0-03-096835-6. 
  3. Nielsen, ERIK TETENS, and J. St Haeger. "Pupation and emergence in Aedes taeniorhynchus (Wied.)." Bulletin of Entomological Research 45.4 (1954): 757-768.
  4. Elliott, J. M. "Temperature‐related fluctuations in the timing of emergence and pupation of Windermere alder‐flies over 30 years." Ecological Entomology 21.3 (1996): 241-247.
  5. University of Minnesota Extension, Monarch Lab. "Monarch Life Cycle". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2018. Consultado o 20 September 2017. 
  6. Preston–Mafham, Rod; Preston–Mafham, Ken (1993). The encyclopedia of land invertebrate behaviour (Illustrated ed.). MIT Press. p. 113. ISBN 978-0-262-16137-4. Consultado o 16 November 2010. 
  7. Boggs, Carol L.; Watt, Ward B.; Ehrlich, Paul R. (2003). Butterflies: ecology and evolution taking flight (Illustrated ed.). University of Chicago Press. p. 739. ISBN 978-0-226-06318-8. Consultado o 16 November 2010. 
  8. "Types of Pupa". Agri Info. Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2017. Consultado o 28 April 2016. 
  9. "Pupa and Puparium (Insects)". what-when-how. Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2018. Consultado o 28 April 2016. 
  10. "Insect Pupal Forms". About.com. Arquivado dende o orixinal o 07 de decembro de 2016. Consultado o 28 April 2016. 
  11. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para crisálide.
  12. Darby, Gene (1958). What is a Butterfly. Chicago: Benefic Press. p. 19. 
  13. Academic Dictionaries and Encyclopedias
  14. Lowe, Tristan; Garwood, Russell P.; Simonsen, Thomas; Bradley, Robert S.; Withers, Philip J. (2013). "Metamorphosis revealed: three dimensional imaging inside a living chrysalis". Metamorphosis revealed: three dimensional imaging inside a living chrysalis 10 (84). 20130304. PMC 3673169. doi:10.1098/rsif.2013.0304. Consultado o June 11, 2015. 
  15. AMNH Arquivado 07 de decembro de 2006 en Wayback Machine. Acceso decembro de 2006
  16. UniProt Cocoonase de Bombyx mori
  17. The Entomologist
  18. Newland, D.E. "Eclosion mechanics, mating and ovipositing behaviour of Sesia apiformis". Entomologist's Gazette. 
  19. Darby, Gene (1958). What is a Butterfly. Chicago: Benefic Press. p. 41. 
  20. Scoble, Malcolm J. (1992). The Lepidoptera: Form, Function and Diversity. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-854031-0. 
  21. Gullan, P. J.; Cranston, P. S. (2000). The Insects: An Outline of Entomology (2nd ed.). London: Blackwell. ISBN 0-632-05343-7. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar