Conspiración da pólvora

(Redirección desde «Complot da Pólvora»)

A Conspiración da pólvora (en inglés: Gunpowder Plot) foi unha conxura organizada (1604-05) por un grupo de provinciais católicos ingleses (Robert Catesby, Guy Fawkes) para matares ao rei Xacobe I, a súa familia, e á maior parte da aristocracia protestante voando as Casas do Parlamento durante a Apertura de Estado (5 de novembro de 1605). Os conspiradores proxectaran secuestrar aos infantes reais, non presentes no Parlamento, e incitaron unha rebelión nos Midlands.

Bosquexo contemporáneo dos conspiradores

Esta medida pretendía ser o sinal para un grande levantamento dos católicos romanos ingleses, descontentos polas rigorosas medidas penais adoptadas contra eles, que remataría coa instalación dun rei obediente ao Papa no trono inglés.

Feitos os preparativos, o Goberno descubriu a conxúra, que acabou coa execución da maior parte dos conspiradores e serviu de pretexto para un endurecemento das medidas antiromanas.

A conxura da pólvora foi unha das diversas tentativas de asasinato fracasadas contra Xacobe I, que seguiron ao Complot Principal e ao Complot ¡Adeus! de 1603. Moitos cren que a conspiración da pólvora foi parte integral da chamada Contrarreforma católica.

O 5 de novembro de cada ano, no Reino Unido, Nova Zelandia, Suráfrica, Terra Nova, Canadá, Saint Kitts e Nevis, algunhas partes dos Estados Unidos e antigamente en Australia, celébrase o fracaso do complot. Alí coñécese como a Noite de Guy Fawkes, a Noite da Fogueira e a Noite de Fogos artificiais).

O achado a tempo da conspiración (5 de novembro de 1605) impediu o derrocamento da dinastía protestante dos Estuardo, personificada en Xacobe I de Inglaterra e VI de Escocia, e a entronización dun monarca católico, previsiblemente o seu fillo o príncipe Carlos, debidamente instruído nos dogmas e os misterios da igrexa de Roma.

Antecedentes

editar

A finada Isabel I amosara un especial alporizo contra os católicos leais ao Papa, a quen lles prohibiu ir a misa e obrigou a asistir aos oficios da Igrexa de Inglaterra. Isabel, excomulgada polo Papa en 1570, encargárase de executar en 1587, un ano antes da desventura da Armada Invencible á raíña de Escocia, María I (non se trabucar con María Tudor, a medio irmá máis vella de Isabel I e devanceira desta no trono de Inglaterra) para afastar a posibilidade dun golpe de estado dos seguidores da Igrexa de Roma. Cando lle sucedeu Xacobe I, casado coa raíña católica Ana de Dinamarca, cavilouse que se suavizarían as leis anticatólicas, pero aconteceu todo o contrario, endurecéndose. No entanto, a aplicación de tales normas foi máis frouxa.

Conxuración

editar

O 26 de marzo de 1604, Robert Catesby, Thomas Wintour, Jack Wright e Thomas Percy reuníronse en segredo para intentar acabar coa represión anglicana. Unhas semanas despois, Catesby invitou a un quinto conxurado, Guy Fawkes, a entrevistarse co condestable de Castela, Juan de Velasco, quen se achaba en Londres para negociar un tratado de paz con Inglaterra, logo de 20 anos de guerra entre as dúas nacións, que sería asinado no tratado de Somerset ese mesmo ano.

Fawkes tiña unha longa experiencia nas artes da guerra, tendo loitado nos Países Baixos nun rexemento de exiliados católicos ingleses baixo estandarte español. O plan consistía en colocar unhas cargas de pólvora nos sotos do Parlamento para facelas estourar na vindeira cerimonia de apertura. Ao ano seguinte uníronse ao proxecto outros cinco personaxes, Thomas Bates, John Grant, Robert Keyes, Robert Wintour e Christopher Wright. Posteriormente, uníronse Sir Everard Digby, Ambrose Rookwood e Francis Tresham para custear parte da operación.

Os trece conspiradores alugaron unha dependencia nos sotos do Palacio de Westminster onde foron almaceando 36 barrís de pólvora, agardando a que o rei abrise oficialmente as portas do Parlamento a comezos de outubro de 1605 para facelos estourar. Pero un andazo de peste obrigou a aprazar a cerimonia ata o 5 de novembro.

Dez días antes, un nobre católico, William Parker, barón de Monteagle e cuñado de Tresham, recibiu unha carta anónima na que se lle advertía do perigo que corría ao asistir á cerimonia do rei. Quizais fose Tresham o autor da misiva, ou seica Robert Cecil, conde de Salisbury, coñecedor dende había meses do plan de magnicidio e organizador máis que probable, co seu equipo de espías e infiltrados, dun contra-complot dirixido a descabezar definitivamente a hidra xesuítico-católica-romana.

O 4 de novembro, Salisbury deu orde ao xefe de seguridade para que rexistrase o edificio do Parlamento. Alí atoparon a Guy Fawkes ultimando os preparativos para a voadura. Sometido a tormento, Fawkes revelou os nomes do resto dos conspiradores.

Algúns foron prendidos e executados no acto. Tresham morreu pouco despois na Torre de Londres. Sometidos a xuízo os demais, entre eles Fawkes, foron executados no mesmo lugar que planexaran derrubar, fronte a Westminster, seguindo o costume dos traidores: Colgándoos do pescozo sen deixa-los morrer, seccionándolles os xenitais, botándoos ao lume ante os seus propios ollos e, achándose aínda vivos, destripándoos e arrincándolles o corazón antes de decapita-los e despedaza-los, sendo expostos ante o público as cabezas cravadas en picas e sendo botados os restantes anacos aos paxaros para o seu alimento. Para asistir ás execucións houbo que pagar entradas como a calquera outro espectáculo de masas.

Malia que o soto onde se almacenou a pólvora desapareceu no incendio de 1834, dende aquel 5 de novembro de 1605 a garda do Parlamento seguiu rexistrando o edificio todos os anos como preámbulo á cerimonia de apertura polo monarca actualmente, a raíña Isabel II-, máis por conservar a tradición que como precaución, existindo métodos máis modernos para contrarrestar calquera tipo de atentado.

Consecuencias

editar

As consecuencias do desfeito golpe sobre os católicos non se fixeron agardar. Prohibíuselles servir como oficiais do exército ou da armada, foron inxuriados socialmente e privóuselles o dereito ao voto, exclusión que se mantivo ata ben entrado o século XIX.

Hai quen se pregunta que ocorrería de triunfar a conxuración e morto o rei Xacobe I. O certo é que a maioría dos católicos descoñecían o intento de magnicidio, polo que seguramente non poderían reaccionar con temor ás represalias. Non é doado imaxinar que os conxurados lograrían secuestrar impunemente ao príncipe Carlos, sucesor do rei, como estaba previsto ou, nun acto de fanatismo, acabar coa súa vida.

As únicas consecuencias do atentado foron ademais da execución dos conspiradores e a represión contra os católicos- a celebración do episodio acendendo fogueiras e queimando efixies de Guy Fawkes todos os anos para dar grazas a deus por impedir o acto criminal e protexer ao seu pobo elixido -os protestantes- da conspiración católico-romana. O 5 de novembro foi declarado festa perpetua para dar grazas a deus por seren liberados dos papistas e como mostra do seu odio cara a eles.

Festividade de Guy Fawkes ou Bonfire Night

editar

Malia que Carlos I casado cunha muller católica- quixo rematar coa conmemoración, os radicais protestantes lograron mantela como símbolo da unidade e a conciencia protestante. A festividade de Guy Fawkes adquiriu a finais do século XVIII unha nova faceta como acto de vandalismo cando o pobo adicouse á pillaxe e a arrincar a madeira das casas e os valos para guinda-las ao lume como combustible.

A mediados do século XIX, o día de Guy Fawkes xa perdera o significado patriótico e anticatólico, de xeito que o Parlamento tomou a decisión de retiralo do calendario oficial, deixando que seguise como festexo popular. Co tempo, a imaxe de Guy Fawkes sería substituída pola doutros personaxes odiados, como o líder nacionalista irlandés Charles Parnell, o Papa de Roma, o tsar de Rusia, as sufraxistas, Adolf Hitler e ata Margaret Thatcher, o que motivou o descreto da celebración, que semella perder o seu valor histórico. Tony Blair foi ninot no 2004.

Interpretouse o costume de queimar efixes de personaxes odiados polo pobo, como Guy Fawkes, como parte dun culto pagán que se remontaría á antigüidade. Non hai que rexeitar a posibilidade de que as Fallas valenciás nacesen como reacción á festa do lume protestante anglicán, cuxo obxecto de mofa foron o Papa de Roma e os católicos.

Na actualidade Inglaterra segue coa súa tradición introducindo elementos relativamente novos como os fogos artificiais e o costume entre os nenos de pedir aos maiores un penique para o ninot que acaban de fabricar. As medidas de seguridade obrigaron ao goberno británico a prohibir a venda de petardos aos menores de idade. Na trastenda da noite de Guy Fawkes áchanse ben presentes a hostalería, o comercio e, dende logo, os festeiros.

editar

O conxurador Guy Fawkes inspirou o personaxe (V) da historieta V de Vendetta de Alan Moore e David Lloyd, e o posterior filme.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar