Colin Smith
Christopher Colin Smith, nado en Brighton (East Sussex, no sueste de Inglaterra) o 27 de setembro de 1927 e finado en Cambridge o 16 de febreiro de 1997, foi un hispanista e lexicógrafo inglés, profesor de lingua e literatura españolas na Universidade de Cambridge, e tradutor ó inglés de Merlín e familia, a primeira novela en galego de Álvaro Cunqueiro.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de setembro de 1927 Brighton, Reino Unido |
Morte | 16 de febreiro de 1997 (69 anos) Cambridge, Reino Unido |
Actividade | |
Campo de traballo | Hispanismo e lexicografía |
Ocupación | filólogo, lexicógrafo, entomólogo, profesor universitario, hispanista |
Foi unha das mais sobranceiras autoridades en Literatura medieval española no ámbito anglosaxón, e compilador do dicionario bilingüe español-inglés / inglés español de maior éxito no último terzo do século XX.
Os seus intereses abrangueron dende a arqueoloxía e entomoloxía ata a filoloxía e toponimia, ámbitos nos que destacaron a súa impecable e definitiva edición do poema do Mio Cid e o seu traballo como coeditor de The Place-Names of Roman Britain, respectivamente.
Dende 1975 foi catedrático de Español no Saint Catharine's College da Universidade de Cambridge, posto que ocupou ata o seu retiro en 1990.
Traxectoria
editarNado nunha familia que amaba o saber e as artes, herdou de seu pai o interese pola arqueoloxía e a paixón por coñecer a historia das cousas, por investigar de onde proceden e como chegan a ser o que son. Os seus primeiros estudos fíxoos na Varndean School, Brighton. A división entre artes e ciencias nunca foi con el. Escolleu as linguas como profesión e como campo de estudo, pero retivo toda a vida o seu interese pola bioloxía. Xa retirado descubriu unha nova mosca no seu Sussex nativo.
Nunha época de ríxida especialización, o seu espírito era xustamente o oposto, e froito dese amor por case todo xorde a súa práctica lexicográfica.
Desde a súa época de estudante universitario estivo vinculado á Universidade de Cambridge: comezou os seus estudos de español no Saint Cath's, licenciándose no 1950. O traballo de profesor levouno ó norte, á Universidade de Leeds, onde permaneceu durante 15 anos no Departamento de Español como profesor de materias relacionadas co Século de Ouro español. O período que vai de 1953-68 correspóndese co da expansión das novas universidades británicas e en 1964 é promovido a profesor sénior ("senior lecturer").
Doutorouse en 1953 cunha tese sobre a linguaxe poética de Góngora, pero dende ese momento comeza a retroceder primeiro cara ó renacemento e logo ata a Idade Media. A súa inclinación filolóxica acabouno convertendo nun medievalista, cun particular interese pola épica. O centro das súas investigacións residiron nun dos grandes poemas épicos europeos, o Poema del Mío Cid. Nunca se amosou temeroso da controversia e a súa edición de 1972 do poema castelán rompía coas prácticas editoriais españolas e atacaba directamente as teorías pidalianas prevalentes.
A súa antoloxía Spanish Ballads de 1964 foi unha guía clásica dos estudos hispánicos no Reino Unido durante moitos anos.
In 1968 regresou a Cambridge como profesor titular ("university lecturer"), e en breve recibiu unha cátedra en Cath's. De 1975 a 1990 foi o catedrático de Español da Universidade de Cambridge. Aínda que desempeñou postos administrativos na Facultade de Linguas Medievais e Modernas, os seus intereses recaeron sempre na docencia e na investigación.[1]
A súa faceta de dicionarista chegoulle case por azar. Foi unha encomenda da editora berlinesa Langenscheidt que quería un dicionario de español e inglés. O Standard Dictionary of Spanish and English apareceu en 1966, e a segunda edición revisada en 1988. Aínda que o propio Colin Smith se queixou da falta de recoñecemento do traballo dos lexicógrafos, isto non lle impediu aceptar o reto do proxecto moito máis ambicioso da Collins. Con colaboradores de Leeds e Nova York, o impresionante Collins Spanish-English English-Spanish Dictionary apareceu en 1971.
A edición revisada de 1988 intentaba cubrir os usos hispanoamericanos, e a cobertura desta e outras áreas do léxico foi aínda moito máis completa na terceira e espléndida edición de 1992.
Co clasicista A.L.F. Rivet o foco da súa investigación centrouse na influencia do substrato céltico sobre o latín británico e o resultado foi o seu libro The Place-Names of Roman Britain aparecido en 1979 e reimpreso en 1981.
Foi presidente (1976-1981) da MHRA (Modern Humanities Research Association) pero sempre prefería que o recoñecesen como felizmente casado e pai de tres fillas.
Xa xubilado, de visita en Galicia coñeceu persoalmente e trabou amizade con dous dos máis importantes novelistas galegos aínda vivos, Alvaro Cunqueiro e Gonzalo Torrente Ballester. Traduciulles para o inglés senllos libros do galego e do español, Merlín e familia e Crónica del rey pasmado.
Principais obras
editarObras propias
editar- Diccionario moderno Langenscheidt de los idiomas inglés y español (1966. Berlin: Langenscheidt. 17ª ed [1986]. ISBN 9783468960530)
- Collins : Spanish-English, English-Spanish dictionary (1971 [1997]. Barcelona: Editorial Grijalbo. ISBN 9788425330823 / 9780062702076
- Poema de mio Cid (1976 [2001]. Madrid: Cátedra. ISBN 978843760060X)
- Estudios cidianos (1977. Madrid: Cupsa. ISBN 9788439500537)
- La Creación del "Poema de Mio Cid" (1983 [1985]. Barcelona: Crítica. ISBN 9788474232643)
Traducións
editar- Merlin and Company de Álvaro Cunqueiro (1996). Londres: Everyman Books. (Trad. de Merlín e familia e outras historias, 1955)
- King Amaz'd de Gonzalo Torrente Ballester (1994). Londres: Everyman Books. (Trad. de Crónica del rey pasmado, 1989)
Honras e distincións
editarAínda que esquivo coas formalidades chegaríanlle os recoñecementos e distincións.
- En 1988 foi condecorado coa Orde de Isabel, a Católica
- En 1996 chegoulle un honor de diferente tipo. Foi feito presidente da Modern Humanities Research Association (MHRA), en parte como recoñecemento a súa contribución como editor de 1974 a 1981 da ''Modern Language Review''.
Notas
editar- ↑ http://www.independent.co.uk/news/obituaries/obituary-professor-colin-smith-1281001.html Obituary: Professor Colin Smith.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Smith, Colin (2005): "[ http://www.carmichaelalonso.com/busca.php?categorias=Literatura gallega&ini=50 Álvaro Cunqueiro, Galician and European novelist", en The Blue Papers, 1, 5-18. Oxford: Oxford Centre for Galician Studies.
- Romaní, Mercé (2008): "El caso del Poema del Mío Cid: La honestidad intelectual es lo que cuenta", en Rebelión, 15 de decembro do 2008.