Cambio climático
O cambio climático é a variación global do clima da Terra a diversas escalas de tempo e sobre tódolos parámetros climáticos: temperatura, precipitacións, nubosidade etcétera. Son debidos a causas naturais e, nos últimos séculos, tamén á acción do home na biosfera.
A expresión moitas veces úsase de xeito reducionista para facer referencia tan só ós cambios climáticos que suceden no presente, como sinónimo de quecemento global. O UNFCC (United Nations Framework Convention on Climate Change) usa o termo cambio climático só para referirse ó cambio por causas humanas. Ó producido por causas naturais denomínao variabilidade climática. Nalgúns casos, para referirse ó cambio de orixe humana úsase tamén a expresión cambio climático antropoxénico.
O día 12 de decembro de 2009 celebrouse o Día de acción global contra o cambio climático[1]. Pouco a pouco están a desenvolverse accións de presión para tomar medidas contra o cambio climático, protagonizadas por diversos movementos, como a Folga escolar polo clima.
Causas dos cambios climáticos
editarO clima é unha media, a unha escala de tempo dada, da temperie ou tempo atmosférico. Sobre o clima inflúen moitos fenómenos; consecuentemente, cambios nestes fenómenos provocan cambios climáticos: un cambio na emisión do Sol, na composición da atmosfera, na disposición dos continentes, nas correntes mariñas ou na órbita da Terra pode modificar a distribución de enerxía e o balance radiativo terrestre, alterando así profundamente o clima planetario. Segundo o criterio de lugar de onde proveñen, estas influencias pódense clasificar en externas e internas á Terra. As externas tamén reciben o nome de forzamentos dado que normalmente actúan de forma sistemática sobre o clima, aínda que tamén os hai aleatorios como é o caso dos impactos de meteoritos. A influencia humana sobre o clima en moitos casos considérase forzamento externo xa que a súa influencia é máis sistemática ca caótica, pero tamén é certo que o homo sapiens pertence á propia biosfera terrestre podéndose considerar tamén como internas segundo as definicións que se usen. Nas causas internas encontramos unha maioría de factores non sistemáticos ou caóticos. É neste grupo onde se encontran os factores amplificadores e moderadores que actúan en resposta ós cambios introducindo unha variable máis ó problema xa que non só hai que ter en conta os factores que actúan senón tamén as respostas que ditas modificacións poden supor. Por todo iso o clima é considerado un sistema complexo en toda regra. Segundo que tipo de factores dominen a variación do clima será sistemática ou caótica. Disto depende a escala de tempo e que se observe a variación xa que poden quedar patróns regulares de baixa frecuencia ocultos en variacións caóticas de alta frecuencia e viceversa.
Influencias externas
editarVariacións solares
editar- Véxase tamén: Variación solar.
A temperatura media da Terra depende, en gran medida, do fluxo de radiación solar que recibe. Así a todo, debido a que esa achega de enerxía case non varía na escala temporal humana, non se considera que sexa unha contribución importante para a variabilidade climática actual. Isto sucede porque o Sol é unha estrela de tipo G en fase de secuencia principal, resultando moi estable. O fluxo de radiación é, ademais, o motor dos fenómenos atmosféricos xa que achega a enerxía necesaria á atmosfera para que estes se produzan.
Por outro lado, a longo prazo as variacións fanse apreciables xa que o Sol aumenta a súa luminosidade a razón dun 10% cada 1000 millóns de anos. Debido a este fenómeno, na primitiva Terra quente que sustentou o nacemento da vida, hai 3800 millóns de anos, o brillo do Sol era un 70% do actual.
As variacións no campo magnético solar e, polo tanto, nas emisións de vento solar, tamén son importantes, xa que a interacción da alta atmosfera terrestre coas partículas provenientes do Sol pode xerar reaccións químicas nun sentido ou outro, modificando a composición do aire e das nubes así como a formación destas.
Variacións orbitais
editar- Artigo principal: Variacións orbitais.
- Véxase tamén: Órbita.
Se ben a luminosidade solar se mantén practicamente constante ó longo de millóns de anos, non ocorre o mesmo coa órbita terrestre. Esta oscila periodicamente, facendo que a cantidade media de radiación que recibe cada hemisferio flutúe ó longo do tempo, e estas variacións provocan as pulsacións glaciares a modo de veráns e invernos de longo período. Son os chamados períodos glaciais e interglaciais. Hai tres factores que contribúen a modificar as características orbitais facendo que a insolación media nun e noutro hemisferio varíe aínda que non o faga o fluxo de radiación global. Trátase da precesión dos equinoccios, a excentricidade orbital e a oblicuidade da órbita ou inclinación do eixo terrestre.
Impactos de meteoritos
editarEn raras ocasións ocorren eventos de tipo catastrófico que cambian a face da Terra para sempre. O último de tales acontecementos catastróficos sucedeu hai 65 millóns de anos. Trátase dos impactos de meteoritos de gran tamaño. É indubidable que tales fenómenos poden provocar un efecto devastador sobre o clima ó liberar á atmosfera grandes cantidades de po debido ó impacto, CO2 e cinzas debido á queima de grandes extensións boscosas. Da mesma forma, tales sucesos poderían intensificar a actividade volcánica en certas rexións. No suceso de Chicxulub (no Iucatán) hai quen relaciona o período de fortes erupcións en volcáns da India co feito de que este continente se sitúe preto dos antípodas do cráter de impacto. Tras un impacto suficientemente poderoso a atmosfera cambiaría rapidamente, ó igual que a actividade xeolóxica do planeta e, mesmo, as súas características orbitais.
Influencias internas
editarDeriva continental
editar- Véxase tamén: Deriva continental e clima.
- Artigo principal: Deriva continental.
A Terra sufriu moitos cambios dende a súa orixe hai 4600 millóns de anos. Hai 225 millóns de anos tódolos continentes estaban unidos, formando Panxea, e había un océano universal chamado Pantalasa. Esta disposición favoreceu o aumento das correntes oceánicas e provocou que a diferenza de temperatura entre o Ecuador e o Polo fose moitísimo menor ca na actualidade. A tectónica de placas separou os continentes e púxoos na situación actual. O océano Atlántico foise formando dende hai 200 millóns de anos.
A deriva continental é un proceso sumamente lento, polo que a posición dos continentes fixa o comportamento do clima durante millóns de anos. Hai dous aspectos a ter en conta. Por unha parte, as latitudes nas que se concentra a masa continental: se as masas continentais están situadas en latitudes baixas haberá poucos glaciares continentais e, en xeral, temperaturas medias menos extremas. Así mesmo, se os continentes se achan moi fragmentados haberá menos continentalidade.
Composición atmosférica
editar- Artigo principal: Atmosfera terrestre.
A atmosfera primitiva, cuxa composición era parecida á nebulosa inicial, perdeu os seus elementos volátiles H2 e He, gases moi lixeiros que se elevan na atmosfera e pasan ó medio superior nun proceso chamado desgasificación, e substituíunos polos gases procedentes das emisións volcánicas do planeta, especialmente CO2, dando lugar a unha atmosfera de segunda xeración. En dita atmosfera son importantes os efectos dos gases de invernadoiro emitidos de forma natural en volcáns e sumidoiros termais. Por outro lado, a cantidade de óxidos de xofre e outros aerosoles emitidos polos volcáns contribúen ó contrario, a arrefriar a Terra, ó facela máis reflectante. Do equilibrio entre ambas as emisións sairá un balance radioactivo determinado.
Coa aparición da vida na Terra sumouse como axente incidente o total de organismos vivos, a biosfera. Inicialmente, unha maioría de organismos fotosintéticos capturaron gran parte do abundante CO2 da atmosfera primitiva e emitiron gran cantidade de osíxeno. Isto foi modificando a atmosfera, o que propiciou a aparición de novas formas de vida aerobias que se aproveitaban da nova composición do aire. Aumentou así o consumo de osíxeno e diminuíu o consumo neto de CO2 chegándose a outro equilibrio diferente e formándose a atmosfera de terceira xeración actual. Este delicado equilibrio entre o que se emite e o que se absorbe faise evidente no ciclo do CO2, a presenza do cal flutúa ó longo do ano segundo as estacións de crecemento das plantas.
Correntes oceánicas
editar- Artigo principal: Correntes oceánicas.
- Véxase tamén: Corrente do Golfo.
As correntes oceánicas, ou mariñas, son un factor regulador do clima que actúa como moderador, suavizando as temperaturas de rexións como Europa. Un exemplo claro é a corrente do golfo, que remata o seu percorrido superficial nunha corrente termohalina que, axudada pola diferenza de temperaturas e de salinidade, se afunde no Atlántico Norte.
Algúns científicos (como Matthew Schmidt, do Instituto Tecnolóxico de Xeorxia[2]) están estudando o desxeo do océano Ártico, arredor do Polo Norte e o cambio de salinidade da auga que se está producindo. Esta mudanza podería provocar a paralización ou grandes cambios na corrente do Golfo.
Campo magnético terrestre
editar- Artigo principal: Campo magnético terrestre.
- Véxase tamén: Paleomagnetismo.
Da mesma forma que o vento solar pode afectar ó clima de forma directa, as variacións no campo magnético terrestre poden afectalo de maneira indirecta xa que, segundo o seu estado, detén as partículas emitidas polo Sol. Comprobouse que en épocas pasadas houbo inversións de polaridade magnética e grandes variacións na súa intensidade, chegando a estar case anulado nalgúns momentos. Sábese tamén que os polos magnéticos, se ben tenden a encontrarse próximos ós polos xeográficos, nalgunhas ocasións aproximáronse ó Ecuador. Estes sucesos tiveron que influír na maneira en que o vento solar chegaba á atmosfera terrestre.
Efectos antropoxénicos
editar- Artigo principal: Influencia antropoxénica sobre o clima.
- Véxase tamén: Metano atmosférico.
O home é o último dos axentes climáticos de importancia, incorporándose á listaxe hai relativamente pouco tempo. A súa influencia comezou coa deforestación de bosques para convertelos en terras de cultivo e pastoreo, e chegou á emisión abundante de gases que producen un efecto invernadoiro: CO2 en fábricas e medios de transporte e metano en granxas de gandaría intensiva e arrozais. Actualmente tanto as emisións de gases como a deforestación incrementáronse ata tal nivel que parece difícil que se reduzan a curto e medio prazo, polas implicacións técnicas e económicas das actividades involucradas.
O feito de que en setembro de 2020 o fume dos incendios na costa oeste dos EUA cheguase a Europa dá unha imaxe do impacto ambiental que poden ter os incendios forestais, amais doutra morea de causas produtoras de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro derivadas das actividades humanas.[3]
Estase a considerar en moitos países, e noutros xa é efectiva, a introdución dunha taxa sobre o consumo de combustibles pola emisión de dióxido de carbono que producen, e en relación co impacto ambiental da produción. Así, estímase (2019) que a non introdución dunha taxa efectiva sobre o dióxido de carbono producido nos EUA pode aumentar o custo adicional do impacto do cambio climático en 1 billón de dólares se se dilata 1 ano, 24 billóns se son 5 anos e 100 billóns se son 10 anos.[4]
Retroalimentacións e factores moderadores
editarMoitos dos cambios climáticos importantes danse por pequenos desencadeamentos causados polos factores que se citaron, xa sexan forzamentos sistemáticos ou sucesos imprevistos. Ditos desencadeamentos poden formar un mecanismo que se reforza a si mesmo (retroalimentación ou "feedback positivo") amplificando o efecto. Así mesmo, a Terra pode responder con mecanismos moderadores ("feedbacks negativos") ou cos dous fenómenos á vez. Do balance de tódolos efectos sairá algún tipo de cambio máis ou menos brusco pero impredicible a longo prazo xa que o sistema climático é un sistema caótico e complexo.
Un exemplo de feedback positivo é o efecto albedo, un aumento da masa xeada que incrementa a reflexión da radiación directa e, por conseguinte, amplifica o arrefriamento. Tamén pode actuar á inversa, amplificando o quecemento cando hai unha desaparición de masa xeada. Tamén é unha retroalimentación a fusión dos casquetes polares, xa que crean un efecto de estancamento polo cal as correntes oceánicas non poden cruzar esa rexión. No momento en que comeza a abrirse o paso ás correntes contribúese a homoxeneizar as temperaturas e favorece a fusión completa de todo o casquete e a suavizar as temperaturas polares, levando o planeta a un maior quecemento ó reducir o albedo.
A Terra tivo períodos cálidos sen casquetes polares e recentemente viuse que hai unha lagoa no Polo Norte durante o verán boreal, polo que os científicos noruegueses predín que en 50 anos o Ártico será navegable nesa estación. Un planeta sen casquetes polares tamén pode permitir unha mellor circulación das correntes mariñas, sobre todo no hemisferio norte, e diminuír a diferenza de temperatura entre o ecuador e os Polos.
Tamén hai factores moderadores do cambio. Un é o efecto da biosfera e, máis concretamente, dos organismos fotosintéticos (fitoplancto, algas e plantas) sobre o aumento do dióxido de carbono na atmosfera. Estímase que o incremento de dito gas comportará un aumento no crecemento dos organismos que fagan uso del, fenómeno que se comprobou experimentalmente no laboratorio. Os científicos cren, porén, que os organismos serán capaces de absorber só unha parte e que o aumento global de CO2 proseguirá.
Hai tamén mecanismos retroalimentadores para os cales é difícil aclarar en que sentido actuarán. É o caso das nubes. Actualmente chegouse á conclusión, mediante observacións dende o espazo, de que o efecto total que producen as nubes é de arrefriamento[5]. Pero este estudo só se refire ás nubes actuais. O efecto neto futuro e pasado é difícil de saber xa que depende da composición e formación das nubes.
Os datos actuais conducen a que o 90% da calor extra na atmosfera foi absobido polo océano, a máis da absorción de dióxido de carbono, estimada nun terzo da produción antropoxénica anual, que contribuíu a diminuír a importancia do efecto invernadoiro causado polo aumento de dito gas.[6]
Aínda que en liñas xerais os diversos factores son coñecidos e recoñecidos, existen grandes lagoas de coñecemento sobre a súa importancia. así, un estudo liberado en 2020 sinala que os océanos están absorbendo moito máis dióxido de carbono do esperado, con implicacións directas para a evolución futura do clima.[7]
Cambios climáticos no pasado
editar- Véxase tamén: Paleoclimatoloxía.
Os estudos do clima pasado (paleoclima) realízanse estudando os rexistros fósiles, as acumulacións de sedimentos nos leitos mariños, as burbullas de aire capturadas nos glaciares, os sinais erosivos nas rochas e as marcas de crecemento das árbores. Con base en todos estes datos púidose confeccionar unha historia climática recente relativamente precisa, e unha historia climática prehistórica con non tan boa precisión. A medida que se retrocede no tempo os datos redúcense e chegado un punto a climatoloxía sérvese só de modelos de predición futura e pasada.
O paradoxo do Sol feble
editarA partir dos modelos de evolución estelar pódese calcular con relativa precisión a variación do brillo solar a longo prazo, polo cal se sabe que, nos primeiros momentos da existencia da Terra, o Sol emitía o 70% da enerxía actual e a temperatura de equilibrio era de -41 °C. Porén, hai constancia da existencia de océanos e de vida dende hai 3800 millóns de anos, polo que o paradoxo do Sol feble só pode explicarse por unha atmosfera con moita maior concentración de CO2 cá actual e cun efecto invernadoiro máis grande.
O efecto invernadoiro no pasado
editar- Véxase tamén: Efecto invernadoiro.
A atmosfera inflúe fundamentalmente no clima a través do efecto invernadoiro. Se non existise, a temperatura na Terra sería de -20 °C. A atmosfera compórtase de maneira diferente segundo a lonxitude de onda da radiación. O Sol pola súa alta temperatura emite fundamentalmente a 5 micrómetros e a atmosfera deixa pasar a radiación. A Terra ten unha temperatura moito menor, e reemite parte da radiación pero a unha lonxitude moito máis longa, duns quince micrómetros, para a que a atmosfera xa non é transparente. O CO2 que está actualmente na atmosfera, nunha proporción de máis de 400 p.p.m. (2019[8]), absorbe esta radiación ó igual có vapor de auga. O resultado é que a atmosfera se quenta e devolve á terra parte desa enerxía polo que a temperatura superficial é duns 15 °C, e dista moito do valor de equilibrio sen atmosfera. A este fenómeno chámaselle o efecto invernadoiro, do que o CO2 e o H2O son os principais responsables. Grazas ó efecto invernadoiro podemos vivir, e a variación química da atmosfera fai que a súa intensidade varíe.
A concentración de CO2 e outros importantes gases invernadoiro coma o metano púidose medir a partir das burbullas atrapadas no xeo e mostras de fondos mariños, o que permitiu observar que flutuou ó longo das eras. Descoñécense as causas exactas polas cales se producirían estas diminucións e aumentos aínda que hai varias hipóteses en estudo. O balance é complexo xa que aínda que se coñecen os fenómenos que capturan CO2 e os que o emiten a interacción entre estes e o balance final é dificilmente calculable.
O CO2 como regulador do clima
editarDurante as últimas décadas as medicións nas diferentes estacións meteorolóxicas indican que o planeta está a se quentar. No século XXI, os primeiros 10 anos foron os máis calorosos dende que se levan rexistros,[9] e os científicos anuncian que no futuro serán aínda máis quentes. A maioría dos expertos están de acordo en que os humanos exercen un impacto directo sobre este proceso, xeralmente coñecido como o efecto invernadoiro. A medida que o planeta quece, os casquetes polares fúndense. Dado que a neve ten un elevado albedo, devolve ó espazo a maior parte de radiación que incide sobre ela. A diminución de ditos casquetes tamén afectará, pois, ó albedo terrestre, o que fará que a Terra se quente aínda máis. O quecemento global tamén ocasionará que se evapore máis auga dos océanos. O vapor de auga actúa como un gas invernadoiro. Así pois, haberá un maior quecemento. Isto produce o que se chama efecto amplificador. Da mesma forma, un aumento da nubosidade debido a unha maior evaporación contribuirá a un aumento do albedo. A predición vese dificultada polo balance cambiante das retroalimentacións positivas e negativas.
Naturalmente, hai efectos compensadores. O CO2 xoga un importante papel no efecto invernadoiro: se a temperatura é alta, favorécese o seu intercambio cos océanos para formar carbonatos, acidificando o mar. Entón o efecto invernadoiro decae e a temperatura tamén. Se a temperatura é baixa, o CO2 acumúlase porque non se favorece a súa extracción co que aumenta a temperatura. O CO2 desempeña pois un papel regulador.
Aparece a vida na Terra
editarCoa aparición das plantas, na Terra produciuse a fotosíntese. As plantas absorben CO2 e emiten O2. A súa acumulación na atmosfera favoreceu a aparición dos animais que o usan para respiraren e devolven CO2. O O2 nunha atmosfera é o resultado dun proceso vivo e non ó revés. Os bosques son pois os pulmóns da Terra. Actualmente os bosques tropicais ocupan a rexión ecuatorial do planeta e entre o Ecuador e o Polo hai unha diferenza térmica media de 50 °C. Hai 65 millóns de anos a temperatura era 8 °C superior á actual e a diferenza térmica entre o Ecuador e o Polo era duns poucos graos. Todo o planeta tiña un clima tropical e apto para os animais dominantes da Terra desta época: os dinosauros. Un cataclismo acabou con eles. As extincións masivas de animais producíronse periodicamente na historia da Terra.
Glaciacións do Plistoceno
editarO home apareceu hai uns tres millóns de anos. Dende hai uns dous millóns, a terra sufriu períodos glaciares durante os cales gran parte de Norteamérica e Europa quedou baixo grosas capas de xeo durante moitos anos. Logo rapidamente os xeos desapareceron e deron lugar a un período interglaciar no cal vivimos. O proceso repítese cunha perioricidade duns cen mil anos. A última época glacial acabou hai uns quince mil anos e deu lugar a un cambio fundamental nos hábitos do home co descubrimento da agricultura e a gandería. A mellora das condicións térmicas provocou o paso do Paleolítico ó Neolítico hai uns cinco mil anos.
Non foi ata 1941 que o matemático e astrónomo serbio Milutin Milanković propuxo a teoría de que as variacións orbitais da Terra causaran as glaciacións do Plistoceno.
Calculou a insolación en latitudes altas do H. Norte ó longo das estacións. A súa tese afirma que é necesaria a existencia de veráns fríos, en vez de invernos severos, para iniciarse unha idade do xeo. A súa teoría non foi admitida no seu tempo, houbo que esperar a principios dos anos cincuenta, Cesare Emiliani que traballaba nun laboratorio da Universidade de Chicago, presentou a primeira historia completa que mostraba o avance e retroceso dos xeos durante as últimas glaciacións.
O mínimo de Maunder
editar- Artigo principal: Mínimo de Maunder.
Dende que en 1610 Galileo inventou o telescopio, o Sol e as súas manchas foron observados con asiduidade. Non foi ata 1851 que o astrónomo H. Schwabe observou que a actividade solar variaba segundo un ciclo de once anos, con máximos e mínimos. O astrónomo solar E. W. Maunder decatouse de que dende 1645 a 1715 o Sol diminúe a intensidade do ciclo de once anos e acontece unha época onde case non aparecen manchas, denominado mínimo de Maunder. O Sol e as estrelas acostuman pasar un terzo da súa vida nesta crise e durante elas a enerxía que emite é menor e correspóndese con períodos fríos no clima terrestre. As auroras boreais ou austrais causadas pola actividade solar desaparecen ou son raras. Houbo 6 mínimos solares similares ó de Maunder dende o mínimo exipcio do ano 1300 a. C. ata o último, que é o de Maunder. Pero a súa aparición é moi irregular, con lapsos de só 180 anos, ata 1100 anos, entre mínimos. Por termo medio os períodos de escasa actividade solar duran uns 115 anos e repítense aproximadamente cada 600. Na actualidade estamos no Máximo Moderno que empezou en 1780 cando volve a reaparecer o ciclo de 11 anos. Está previsto que ocorra un novo mínimo antes do ano 2900 d. C. Asemade, prevese un novo período glacial cuxo ciclo é duns cen mil anos, cara ó ano 44 000 d. C.
O cambio climático actual
editar- Véxase tamén: Quecemento global, Escurecemento global e Influencia antropoxénica sobre o clima.
Combustibles fósiles e quecemento global
editarA finais do século XVII o home empezou a utilizar combustibles fósiles que a Terra acumulara no subsolo durante a súa historia xeolóxica. A queima de petróleo e gas natural causou un aumento do CO2 na atmosfera, estimable no século XXI en 1,4 p.p.m. ó ano, e produce o conseguinte aumento da temperatura. Estímase que dende que o home mide a temperatura hai uns 150 anos (sempre dentro da época industrial, 1865-2015) esta aumentou 1,5 °C e prevese un aumento acelerado nas próximas décadas.[10]
A principios do século XXI o quecemento global parece irrefutable, aínda contando que as estacións meteorolóxicas nas grandes cidades pasaron de estaren na periferia da cidade ó centro desta e o efecto de illa urbana tamén influíu no aumento observado. Dende os últimos anos do século XX, as temperaturas medias do último ano adoitan estar repetidamente entre as máis altas obvservadas.
Datos sobre o cambio
editarOs efectos que se están a comprobar a comezos do século XXI en relación ó cambio climático, son, principalmente:
- Aumento da temperatura global media[11]
- Retroceso das neves perpetuas (glaciares e xeo nas zonas polares). Estímase que só a perda de xeo glaciar, fóra dos polos, ten suposto 9500 Xigatoneladas dende 1961, supoñendo un aumento do nivel do mar de 27 mm.[12] Dende 1992, estímase que a subida do nivel do mar relacionada coa cantidade de auga vertida ó océano dende os continentes pola fusión de xeo continental é de 21 mm, cousa de dous terzos debidos ó desxeo en Groenlandia e un terzo ó desxeo na Antártida.[13]
- Aumento do nivel do mar, estimado en 3,2 mm/ano no período 1992-2019 e 4,8 mm/ano na actualidade (2019)[14][15]
- Aumento das diferenzas de temperaturas en diferentes momentos, mesmo acadando mínimas en moito[16] tempo despois de ter acadado máximas absolutas.[17]
- Aumento de fenómenos atmosféricos extremos.[18]
As marcas climáticas son batidas ano tras ano. O ano 2018 foi o ano coa cuarta temperatura media dende que existen rexistros, e cada vez vese mellor a tendencia ascendente das temperaturas.[19] No verán de 2020 acadáronse os 38 °C en Verkhoiansk (67º 33' N), e 21,9 °C a 80º N, na estación Nunavut (Canadá),[20]
O efecto do quecemento climático non é igual en tdos os contornos terrestres. Así, a zona do Ártico estase a quecer dúas ou tres veces máis rápido que a media.[20] No 2019 sufriu a máxima perda de xeo no verán (constatada ata 2023), perdendo 444 000 millóns de toneladas só Groenlandia.[13]
Na tempada 2020/2021 a falta de xeo no Ártico está a bateu novas marcas, constatándose a diminución do groso da capa de xeo pola denominada 'atlantificación', a inxección de auga cada vez máis cálida a partir do Atlántico, non permitindo engrosar o xeo a partir da solidificación na interfase auga líquida-xeo.[21]
Hai que ter en conta que o cambio climático prodúcese a nivel global, mais en contornas particulares poe non notarse ou aínda percibir un certo enfriamento, como ocorre coa 'anomalía do Karakorum', onde hai glaciares que mesmo están ampliándose en troques de retroceder.[22]
Efectos
editarSobre os seres vivos
editarAmais das medicións feitas sobre a variación climática, téñense xa observado efectos de dita variación, incluída a migración de osos polares ó non atopar comida, invadindo zonas habitadas, a desaparición dun pequeno rato (o Bramble Cay melomys) nunha pequena illa australiana ou a desaparición de algas de gran tamaño (e en consecuencia, diminución de pesca) no Cantábrico.[23] Asemade, hai preocupación a nivel mundial pola desaparición do coral.
Xeos e nivel do mar
editarA fusión acelerada de xeo glacial, coa aparición de grandes iceberg, e a rotura de barreiras de contención de xeo para evitar o seu desaugadoiro no mar están sendo asemade cada vez máis dramáticos. Así, no verán de 2020 desintegrouse parte da maior barreira do hemisferio norte, a zona Spalte da barreira 79N.[24] No 2020 a subida do nivel do mar debido ó desxeo das capas de xeo permanente en Groenlandia e na Antártida supera como causa á expansión debido ó quecemento da auga do mar.
As primeiras medicións da altura da superficie mariña débense ó satélite franco-estadounidense Topex-Poseidon, sucedido por tres misións Jason, e, en 2020, por Copernicus Sentinel-6. Os seus datos amosan que, desde 1993, o nivel do mar mundial ten subido de media algo máis de 3 mm/ano, e nos últimos anos os océanos teñen subido de media 4,8 mm/ano,[25][26] estimando que se duplicou a velocidade de suba entre finais do século XX e os anos 2020, tendo aumentado dende o comezo do século XX uns 0,2m.[27][28] No 2019 un informe do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático amosou como previsión que a finais do século XXI o mar podería ter subido por termo medio entre 0,29 m e 1,1 m.[29] Do incremento a comezos do século XXI, estímase que un terzo corresponde á dilatación térmica mariña e os dous terzos restantes, ó derretemento dos xeos sobre os continentes e á liberación de auga do subsolo.[30]
Outros efectos inclúen a diminución do permafrost, coa liberación de metano e con iso, a realimentación do proceso de quecemento. Ademais, desestabiliza o chan, causando prexuízos diversos, como o colapso do depósito que liberou 20 000 toneladas de petróleo preto de Norilsk (Siberia).[20]
Seca e inundacións
editarO cambio climático inflúe na cantidade e distribución de chuvias sobre o globo terrestre, producindo fenómenos de seca e inundacións de xeito máis frecuente e incisivo, como es está a producir a comezos dos 2020 en California, con extrema seca de varios anos e inundacións a comezos do 2023, ou está sendo seguido pola ESA, comprobando a diminución de precipitacións no sur de Europa. [31]
Planeamento de futuro
editarA finais da segunda década do século XXI comezaron a poñerse en práctica diversas medidas para diminuír a emisión de gases que aumentan o efecto invernadoiro, ó tempo que se estudan efectos compensadores ou sumidoiros de CO2, mais non é de esperar que efectos naturais (sexa a absorción de gas polo océano, un mínimo solar etc) poidan compensar dun xeito rápido e mantido os efectos antropoxénicos. Ó tempo, está comezando a adaptación ó cambio non só pola distribución da vida (migracións, variación da cota de altura límite de endemismos...) senón tamén en detalles mínimos das persoas e organización social.[32]
No Cretáceo, sen intervención humana, a cantidade de CO2 era máis elevada cá actual, e a Terra tiña unha temperatura media máis cálida. A pesar diso a humanidade ten que adquirir conciencia ecolóxica e diminuír as emisións de CO2, impedir a destrución da capa de ozono ou non deforestar en exceso, pois a evidencia indica que o aumento actual antropoxénico de gases de invernadoiro, de non cambiar, leva o clima a un punto de alteración sen retorno que modificará de xeito irreversible as condicións da vida no planeta. Comeza a haber mobilizacións polo clima, como a 'folga escolar polo clima'.
Clima de planetas veciños
editarComo se ten dito, o dióxido de carbono cumpre un papel regulador fundamental no noso planeta, así a todo, o CO2 non pode conxugar calquera desvío e mesmo ás veces pode fomentar un efecto invernadoiro desbocado mediante un proceso de retroalimentación.
- Venus ten unha atmosfera cuxa presión é 94 veces a terrestre, e está composta nun 97% de CO2. A inexistencia de auga impediu a extracción do anhídrido carbónico da atmosfera, este acumulouse e provocou un efecto invernadoiro intenso que aumentou a temperatura superficial ata 465 °C, capaz de fundir o chumbo. Quizais a menor distancia ó Sol fose determinante para sentenciar o planeta ás condicións infernais que vive na actualidade. Hai que recordar que pequenos cambios poden desencadear un mecanismo retroalimentador e se este é suficientemente poderoso pódese chegar a descontrolar dominando por encima de tódolos demais factores ata dar unhas condicións extremas coma as de Venus. Toda unha advertencia sobre o posible futuro que podería deparar á Terra.
- En Marte a atmosfera ten unha presión de só seis milibares, polo que aínda que está composta nun 96% de CO2, o efecto invernadoiro é escaso e non pode impedir nin unha oscilación diúrna da orde de 55 °C na temperatura, nin as baixas temperaturas superficiais que acadan as mínimas de -86 °C en latitudes medias. Pero parece ser que no pasado gozou de mellores condicións chegando a correr a auga pola súa superficie como amosan a multitude de canles e vales de erosión. Pero iso foi debido a unha maior concentración de dióxido de carbono na súa atmosfera. O gas proviría das emanacións dos grandes volcáns marcianos que provocarían un proceso de desgasificación semellante ó acaecido no noso planeta. A diferenza substancial é que o diámetro de Marte mide a metade que o terrestre. Isto quere dicir que a calor interna era moito menor e se arrefriou hai xa moito tempo. Sen actividade volcánica Marte estaba condenado e o CO2 foise escapando da atmosfera con facilidade dado que ademais ten menos gravidade que na Terra, o que facilita o proceso. Tamén é posible que algún proceso de tipo mineral contribuíse a absorber o CO2 e ó non verse compensado polas emanacións volcánicas provocase a súa diminución drástica. O caso é que o planeta se arrefriou progresivamente ata conxelar o pouco CO2 nos actuais casquetes polares.
Materia multidisciplinar
editarNo estudo do cambio climático hai que considerar cuestións pertencentes ós máis diversos campos da Ciencia: Meteoroloxía, Física, Química, Astronomía, Xeografía, Xeoloxía e Bioloxía teñen moitas cousas que dicir constituíndo este tema un campo multidisciplinar. As consecuencias de comprender ou non plenamente as cuestións relativas ó cambio climático teñen profundas influencias sobre a sociedade humana debendo abordarse estas dende puntos de vista moi distintos ós anteriores, como o económico ou o político.
Notas
editar- ↑ "Día de Acción Global sobre Cambio Climático • Ecologistas en Acción". Ecologistas en Acción (en castelán). 2009-10-12. Consultado o 29-6-2018.
- ↑ "Cambio climático". www.solociencia.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29-06-2018. Consultado o 29-6-2018.
- ↑ "US West Coast on fire". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2020-09-19.
- ↑ Temple, James. "Why carbon taxes may need to be far higher than we’d planned". MIT Technology Review (en inglés). Consultado o 2019-10-04.
- ↑ «Desaparición dos cirros: o quecemento podería adelgazar as nubes que atrapan o calor.» Arquivado 07 de xuño de 2009 en Wayback Machine. RAM, Revista del Aficionado a la Meteorología. (En castelán). Consultado o 29 de xuño de 2018.
- ↑ esa. "Can oceans turn the tide on the climate crisis?". European Space Agency (en inglés). Consultado o 2019-10-08.
- ↑ "Our seas are capturing more carbon than expected". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2020-09-22.
- ↑ US Department of Commerce, NOAA. "ESRL Global Monitoring Division - Global Greenhouse Gas Reference Network". www.esrl.noaa.gov (en inglés). Consultado o 2019-01-30.
- ↑ Ver gráficos en https://data.giss.nasa.gov/gistemp/graphs/
- ↑ Ver os datos contidos en https://www.esrl.noaa.gov/csd/assessments/climate/2017/CSSR_Ch1_Our_Globally_Changing_Climate.pdf Arquivado 31 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.
- ↑ "AR6 Climate Change 2021: Impacts, Adaptation and Vulnerability — IPCC". Consultado o 29-1-2019.
- ↑ "Week in images: 05-09 October 2020". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2020-10-09.
- ↑ 13,0 13,1 "Ice loss from Greenland and Antarctica hits new record". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2023-06-09.
- ↑ "Jewels of the Maldives". European Space Agency (en inglés). Consultado o 2019-02-15.
- ↑ "Lanzado el nuevo satélite de Copernicus que vigilará la subida del nivel del mar". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2020-11-22.
- ↑ Smith, Mitch (28-1-2019). "Polar Vortex to Grip Midwest With Most Extreme Cold in a Generation". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 29-1-2019.
- ↑ Allain, Rhett (20-6-2017). "A physicist explains just why all those flights were grounded in Arizona...". Wired. ISSN 1059-1028. Consultado o 29-1-2019.
- ↑ Greicius, Tony (28-1-2019). "Warming Seas May Increase Frequency of Extreme Storms". NASA. Arquivado dende o orixinal o 17-06-2019. Consultado o 29-1-2019.
- ↑ Potter, Sean (2019-02-06). "2018 Fourth Warmest Year in Continued Warming Trend, According to NASA". NASA. Consultado o 2019-02-08.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 "Monitoring the Arctic heatwave". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2020-08-27.
- ↑ "Arctic sea ice succumbs to Atlantification". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2021-05-21.
- ↑ "Earth from Space: Batura Glacier". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2022-02-04.
- ↑ ambiente, Medio. "La invasión de los osos polares, ratones que se extinguen y otras historias del cambio climático". eldiario.es (en castelán). Consultado o 2019-03-09.
- ↑ "Spalte se desprende". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2020-09-16.
- ↑ "Sea level rise from ice sheets track worst-case climate change scenario". phys.org (en inglés). Consultado o 2020-10-29.
- ↑ "Los primeros resultados del satélite de vigilancia del nivel del mar superan las expectativas". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2020-12-10.
- ↑ Zancajos, Cesar. "Cuatro indicadores clave del cambio climático batieron récords en 2021". ame-web.org (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2022. Consultado o 2022-05-20.
- ↑ "Earth observation supports latest UN climate report". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2023-10-30.
- ↑ "New satellite data techniques reveal coastal sea-level rise". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2021-07-07.
- ↑ "New research sums up sea-level rise". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2022-02-10.
- ↑ "Runoff: not as you might think". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2023-04-07.
- ↑ Keh, Andrew; Kiehart, Pete (2019-02-07). "Racing the Clock, and Climate Change". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2019-02-10.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cambio climático |
Outros artigos
editar- An Inconvenient Truth
- Contaminación atmosférica
- Escurecemento global
- Balance radioactivo terrestre
- Cambio climático e infancia
- Cambio climático e xénero
- Gran Muralla Verde
Ligazóns externas
editar- Páxina web da ONU para o cambio global
- Programa para o cambio global Arquivado 26 de abril de 2011 en Wayback Machine. (EUA)
- WWF
- Climatic Research Unit (Norwich:East Anglia)
- Observatorio de Salud y Cambio Climático Arquivado 04 de decembro de 2011 en Wayback Machine. (Ministerio de Sanidade) (en castelán)
- Datos sobre o cambio climático proporcionados pola ESA Arquivado 26 de outubro de 2020 en Wayback Machine..