British Numismatic Society
- Non confundir con Royal Numismatic Society
A British Numismatic Society -BNS- (en galego: "Sociedade Numismática Británica") é unha sociedade erudita e sen ánimo de lucro situada en Londres, Reino Unido, establecida en 1903 co obxectivo de promover o estudo das moedas, as fichas comerciais, as medallas e os billetes das illas británicas e dos territorios baixo a súa influencia.[1][2]
British Numismatic Society | |
---|---|
Tipo | sociedade científica |
Campo de traballo | numismática |
Data de fundación | 1903 |
País | Reino Unido |
Na rede | |
http://www.britnumsoc.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarA institución estableceuse o 18 de xuño de 1903 por iniciativa de tres membros pertencentes á preexistente Sociedade Numismática de Londres (Numismatic Society of London, xerme da posterior Royal Numismatic Society), que consideraban necesaria a existencia dunha sociedade de ámbito nacional que tivese como interese específico o estudo das moedas das illas británicas e dos territorios que nalgún momento estiveran baixo a súa influencia. Estes tres fundadores eran Philip William Poole Carlyon-Britton, Laurie Asher Lawrence e Walter Jonathan Andrew.[3][4][5]
O encontro inaugural da Sociedade tivo lugar o 30 de novembro, cun corpo social de 270 membros. Unha das primeiras decisións consistiu no lanzamento do British Numismatic Journal, que quixeron dotar dunha entidade máis atraente que a da Numismatic Chronicle, o xornal existente na época, publicado pola RNS.[4][5]
A actividade da Sociedade nas primeiras décadas, con algunhas dificultades engadidas durante a primeira guerra mundial, supuxeron un pulo importante para o estudo de moi diversos aspectos das cuñaxes británicas e irlandesas. Nisto xogou un importante papel a publicación dunha serie de artigos de L. A. Lawrence e dos irmáns John Shirley e H. B. Earle Fox no British Numismatic Journal, sobre as emisións monetarias dos reis ingleses da Idade Media. Posteriormente, as cuñaxes dos Tudor e dos Estuardo tamén foron obxecto de detallados estudos no BNJ ata os anos 20, fundamentalmente da man de autores como Henry Symonds, H. W. Morrieson, Grant Francis e Helen Farquhar (1859-1953). Esta última, unha das fundadoras da Sociedade e elixida vicepresidenta en 1912, foi unha das primeiras mulleres numismáticas do mundo en posuír un corpus propio de publicacións nesta materia.[4][5]
A década de 1930 caracterizouse polo falecemento de varias das persoas que contribuíran á fundación da BNS, o que implicou un período de inestabilidade. O ingreso na directiva da Sociedade de persoeiros como George C. Brooke (finado en 1934), conservador do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, e do seu sucesor nese posto, Derek Allen (1910-1975), ambos moi respectados no mundo académico, déronlle á BNS a estabilidade que precisaba.[4][6]
Outra figura salientable para a Sociedade foi Christopher Blunt (1904-1987), discípulo de Brooke e presidente da entidade no segundo lustro da década dos 40, que xogou un destacado papel nos estudos numismáticos británicos da segunda metade do século XX.[4][6]
Durante a segunda guerra mundial, a actividade da BNS sufriu un novo enlentecemento, aínda que mantivo a periodicidade e a calidade científica do Journal, grazas aos esforzos editoriais de Cuthbert Whitton, un experto nas emisións monetarias dos derradeiros membros da casa de Plantagenet.[4][7]
O primeiro presidente da Sociedade tras a guerra, C. Blunt, achegou novos enfoques e novos intereses, dirixidos sobre todo ás emisións dos reis anglosaxóns entre finais do século VIII e finais do século X, o que se amosaba non só nas temáticas dos encontros organizados pola entidade, senón tamén nas dos artigos publicados no Journal.[4][8]
Ao longo da segunda metade do século XX, a Sociedade desempeñou un importante papel no desenvolvemento da investigación sobre a numismática das illas británicas e dos territorios da súa influencia. Xa no século XXI, o Journal asumiu un papel cada vez máis importante no estudo desas emisións, das que elabora unha constante catalogación (Coin Register), á parte dos rexistros dos achados monetarios ocorridos neses territorios.[4][8][9]
Presidentes da BNS
editarEsta é unha listaxe dos presidentes da BNS desde a súa fundación en 1903.[10]
|
|
Biblioteca
editarA BNS ten unha biblioteca dotada de arredor de 16.000 referencias, combinada e integrada coa biblioteca da Royal Numismatic Society e localizada fisicamente na sede do Instituto Warburg.[11]
Premios
editar- Artigo principal: Medalla Sanford Saltus.
- Medalla Sanford Saltus (Sanford Saltus Gold Medal). Estableceuse en 1910 na honra de John Sanford Saltus (1854-1922), e é a principal condecoración da Sociedade. Concédese cada tres anos para recoñecer contribucións académicas destacadas á numismática británica. Trátase dunha medalla de ouro deseñada por Frank Bowcher.[12]
- Medalla Jeffrey North (Jeffrey North Medal for Service). Instituída na honra de Jeffrey North para recoñecer servizos excepcionais á numismática británica. A medalla foi deseñada por Nicola Moss.[12]
- Medalla Centenario (Centenary Medal). Outórgase desde 2003, a partir das celebracións do centenario da entidade. A medalla, producida pola Royal Mint, foi deseñada por Danuta Solowiej-Wedderburn.[12][13]
- Premio Blunt. Estableceuse na honra de Christopher Evelyn Blunt (1904-1987), expresidente da entidade. Con el prémiase trianualmente a contribución significativa á numismática por parte dunha persoa de menos de 35 anos.[14]
- Premio North Book. Do mesmo xeito que a medalla do mesmo nome, este premio honra a figura de Jeffrey North. Con el prémiase, con carácter bianual, o mellor libro publicado sobre a numismática británica.[14]
Publicacións
editarPeriódicas
editar- British Numismatic Journal (publicado desde 1903). Trátase da publicación principal da Sociedade e é a máis significativa de todas as relacionadas coa temática da numismática británica. Xeralmente abréviase como BNJ nas referencias bibliográficas académicas. Ten periodicidade anual e repártese gratuitamente entre os asociados; porén, os números anteriores son de acceso libre en liña a través da web da Sociedade.[15]
Monografías
editarEn 1991, a Sociedade acordou emprender unha serie de publicacións de carácter especial, financiada grazas ao legado dun dos seus asociados, Roy Osbourne. Compoñen esta serie publicacións de carácter monográfico cunha extensión superior á adecuada para seren publicados no British Numismatic Journal.[16]
A publicación destes traballos conta coa colaboración da editora Spink.[17]
- (1994): Brand, J, D. The English Coinage 1180-1247. Money, Mints and Exchanges.
- (1998): Doty, R. G. The Soho Mint and the Industrialization of Money. ISBN 978-1902040035
- (2001): Manville, H. E. Tokens of the Industrial Revolution. Foreign Silver Coins Countermarked for use in Great Britain, c.1787-1828. ISBN 978-1902040417
- (2003): Allen, M. The Durham Mint. ISBN 978-1902040516
- (2006): Eaglen, R. J. The Abbey and Mint of Bury St Edmunds to 1279. ISBN 978-1902040752
- (2010): Chick, D. The Coinage of Offa and His Contemporaries. ISBN 978-1907427022
- (2011): Blackburn, M. Viking Coinage and Currency in the British Isles. ISBN 978-1907427053
- (2011): Naismith, R. The Coinage of Southern England 796-865. ISBN 978-1907427091
- (2012): Churchill, R.; Thomas, B. The Brussels Hoard of 1908: the Long Cross Coinage of Henry III. ISBN 978-0906919231
- (2014): Attwood, P. Hard at Work - The Diary of Leonard Wyon 1853-1867. ISBN 978-1907427329
- (2015): De Jersey, P. Coin Hoards in Iron Age Britain. ISBN 978-1907427381
- (2018): Bland, R. Coin hoards and Hoarding in Roman Britain AD 43-c.498. ISBN 9781907427794
Notas
editar- ↑ "introduction to the Society". Sitio web da BNS.
- ↑ Pagan, H. (2003).
- ↑ "The British Numismatic Society: A History". En British Numismatic Journal. Vol. 73. Nº 4. Páxina 1.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 "History". No sitio web da BNS.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Pagan, H. (2003). Páxinas 1-15.
- ↑ 6,0 6,1 Pagan, H. (2003). Páxinas 15-18.
- ↑ Pagan, H. (2003). Páxinas 19-24.
- ↑ 8,0 8,1 Pagan, H. (2003). Páxinas 24-44.
- ↑ "Coin Register Arquivado 03 de abril de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da BNS.
- ↑ "History: Presidents of the Society". No sitio web da BNS.
- ↑ "Library". No sitio web da BNS.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 "Society Medals". No sitio web da BNS.
- ↑ Clancy, C. “The Centenary Medal of the British Numismatic Society”. British Numismatic Journal 72 (2002). Páxinas 187-188.
- ↑ 14,0 14,1 "Prizes": Arquivado 04 de agosto de 2020 en Wayback Machine. No sitio web da BNS.
- ↑ "British Numismatic Journal Arquivado 03 de abril de 2019 en Wayback Machine. ". No sitio web da BNS.
- ↑ "Special Publications Arquivado 03 de abril de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da BNS.
- ↑ "British Numismatic Society Publications". En Spink Books.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Pagan, H. (2003). “The British Numismatic Society: A History”. British Numismatic Journal. Nº 73. Páxinas 1-43. ISSN 0143-8956