Ludwig van Beethoven
Ludwig van Beethoven[nota 1], nado en Bonn o 16 de decembro de 1770[nota 2] e finado en Viena o 26 de marzo de 1827, foi un célebre compositor, director de orquestra e pianista alemán. O seu legado musical abarca, cronoloxicamente, desde o período clásico ata inicios do romanticismo musical. É un dos compositores máis importantes da historia da música e o seu legado influíu de forma decisiva na música posterior.
Foi autor de multitude de obras entre as que destacan as nove sinfonías. Considerado o último gran representante do clasicismo vienés (logo de Christoph Willibald Gluck, Joseph Haydn e Wolfgang Amadeus Mozart), Beethoven conseguiu facer transcender a música do romanticismo, influíndo en diversidade de obras musicais do século XIX. A súa arte expresouse en numerosos xéneros e aínda que as sinfonías foron a fonte principal da súa popularidade internacional, o seu impacto resultou ser principalmente significativo nas súas obras para piano e música de cámara.
A súa produción inclúe os xéneros pianísticos (trinta e dúas sonatas para piano), de cámara (dezaseis cuartetos de corda, sete tríos, dez sonatas para violín e piano), vocal (lieder e unha ópera), concertante (cinco concertos para piano e orquestra, un concerto para violín e orquestra), dúas misas e orquestal (nove sinfonías, aberturas etc.), entre as que se atopa o ciclo das Nove Sinfonías.
Traxectoria
editarOrixes familiares
editarA familia de Ludwig van Beethoven[nota 3] vivía baixo condicións modestas. Beethoven foi neto dun músico de orixe flamenga chamado Lodewijk van Beethoven (1712–73) (Ludwig é o equivalente alemán do neerlandés Lodewijk) que foi contratado como voz baixo na corte do arcebispo de Colonia, e ascendeu ata converterse en kapellmeister (director musical). Lodewijk tivo un fillo, Johann van Beethoven (1740–1792), que traballou como tenor no mesmo conxunto musical, e tamén dando clases de piano e violín. Johann casou con Maria Magdalena Keverich en 1767; ela era unha moza viúva filla de Johann Heinrich Keverich, que fora xefe de cociña do arcebispado de Tréveris.
Beethoven naceu deste matrimonio en Bonn. Non hai rexistros auténticos da data do seu nacemento; porén, o rexistro do seu bautismo, nunha igrexa católica da parroquia de St. Regius o 17 de decembro de 1770, sobrevive. Nesa época era tradicional bautizar aos nenos o día despois do seu nacemento nesa zona, e sábese que a familia de Beethoven e o seu mestre Johann Albrechtsberger celebraban o seu aniversario o 16 de decembro, e a meirande parte dos estudosos aceptan esa data como a do seu nacemento. Dos sete fillos de Johann van Beethoven, só Ludwig, o segundo, e dous irmáns máis novos sobreviviron á infancia. Caspar Anton Carl bautizado o 8 de abril de 1774, e Nikolaus Johann, o máis novo, bautizado o 2 de outubro de 1776. Os biógrafos non teñen claras as datas de nacemento exactas de ningún dos fillos de Maria Magdalena Keverich.[1]
Primeiros anos
editarO primeiro profesor de música de Beethoven foi seu pai. Aínda que a tradición di que Johann van Beethoven era un instrutor duro, o Grove Dictionary of Music and Musicians alega que non hai documentación sólida que apoie este feito. Beethoven tivo outros mestres locais: o organista da corte Gilles van den Eeden (morto en 1782), Tobias Friedrich Pfeiffer (un amigo da familia que ensinou piano a Beethoven), e Franz Rovantini (un parente, que o instruíu no violín e na viola). O talento musical de Beethoven era xa obvio nos seus primeiros anos. Johann, consciente dos éxitos de Leopold Mozart nesa área (co seu fillo Wolfgang e a súa filla Nannerl), intentou explotar ao seu fillo como un neno prodixio, comezou a ensinarlle piano, órgano e clarinete a temperá idade[2],Con todo, o estudo musical coartou o desenvolvemento afectivo do neno, que apenas se relacionaba con outros nenos. En metade da noite, Ludwig era sacado da cama para que tocase o piano aos coñecidos de Johann, a quen quería impresionar; isto causaba que estivese cansado na escola. Xa era usual que deixase de asistir a clases e quedase en casa para practicar música.
O pai era alcohólico, o que supuxo que perdese o posto de director da orquestra de Bonn -posto herdado do avó Ludwig-, e a nai estaba frecuentemente doente. Aínda que a relación con Johann fose máis ben distante, Ludwig amaba moito á súa nai, á que denominaba a súa «mellor amiga».[2]
O 26 de marzo de 1778, cando tiña sete anos, Beethoven realizou a súa primeira actuación en público en Colonia. O seu pai afirmou que a idade de Ludwig era de seis anos, para destacar, deste xeito, a precocidad do seu fillo; por iso, sempre se creu que Beethoven era máis novo do que era en realidade. Debido a que o talento musical e pedagóxico do seu pai era limitado, Ludwig comezou a recibir clases doutros profesores. Pouco tempo despois de 1779, Beethoven comezou os seus estudos co seu mestre máis importante en Bonn, Christian Gottlob Neefe, que foi designado organista da corte ese mesmo ano. Os seus avances foron significativos, sobre todo na interpretación do órgano e a composición, guiado por músicos experimentados así como polo seu mestre. Neefe foi un profesor moi importante e influente na súa instrución e soubo valorar inmediatamente o nivel excepcional de Ludwig. Ademais de transmitirlle coñecementos musicais, Neefe deu a coñecer a Beethoven as obras dos pensadores máis importantes, tanto antigüos como contemporáneos.[2]
Neefe ensinou a Beethoven composición, e cara a marzo de 1782 cando contaba con once anos de idade axudouno a compoñer a súa primeira composición publicada (Nove variacións sobre unha Marcha de Ernst Christoph Dressler): unha serie de variacións para teclados (WoO 63). Beethoven pronto comezou a traballar como organista axudante con Neefe, inicialmente sen cobrar, e finalmente como empregado pagado para a capela da corte dirixida polo Kapellmeister Andrea Luchesi. Un ano despois, Neefe escribiu na Revista de Música acerca do seu alumno: «Se continúa así, como comezou, converterase seguramente nun segundo Wolfgang Amadeus Mozart».[3] En xuño do seguinte ano, Ludwig é contratado como músico na corte do príncipe elector (en alemán: Kurfürst) de Colonia Maximiliano Francisco (1708–1784)[nota 4], por recomendación de Neefe. Este posto permitiulle frecuentar a música dos vellos mestres de capela, ademais de facilitarlle a entrada en novos círculos sociais, nos que se atopaban algúns dos que serían amigos seus durante toda a súa vida, como a familia Ries, os von Breuning (en cuxa casa coñeceu aos clásicos e aprendeu a amar a poesía e a literatura), o violinista Karl Amenda ou o doutor Franz Gerhard Wegeler (con quen anos máis tarde viaxaría a Viena).[2]
A primeira viaxe a Viena
editarEn marzo de 1787 Beethoven viaxou a Viena (posiblemente con todos os gastos pagos) por vez primeira, aparentemente coa esperanza de estudar con Mozart. Os detalles da súa relación son incertos, incluído se realmente se coñeceron ou non. De calquera modo, a lenda di que Mozart diría: «Recorden o seu nome, este mozo fará falar ao mundo».[2]
Despois de dúas semanas Beethoven tivo coñecemento por unha carta de seu pai de que a súa nai estaba gravemente enferma e regresou a casa. Súa nai morreu de tuberculose pouco tempo despois (17 de xullo de 1787), e o pai caeu profundamente no alcolismo, chegando a ser detido e encarcerado por este feito. Debido a ese feito, Beethoven pasou a ser o responsable do coidado dos seus irmáns máis novos, e pasou os seguintes cinco anos en Bonn mentres o seu pai estivo preso.
A Beethoven presentáronlle a distintas persoas que serían moi importantes na súa vida deses anos. A Franz Wegeler, un mozo estudante de medicina, coñeceuno a través da familia von Breuning (Wegeler casaría cunha das súas fillas). Beethoven adoitaba a visitar o fogar dos von Breuning, onde tocaba o piano para algúns dos nenos. Alí aproximouse á literatura clásica e a literatura alemá. O contorno da familia von Breuning era menos estresante que o seu, que cada vez estaba máis dominado polo declive do seu pai. Beethoven tamén coñeceu ao conde Ferdinand von Waldstein, que sería un amigo o resto da súa vida que o apoiaría financeiramente.
En 1789 Beethoven obtivo unha orde xudicial pola que se lle pagou directamente a el a metade do salario do seu pai para axudar á familia. Tamén contribuíu a aumentar os ingresos da familia tocando a viola na orquestra da corte. Isto familiarizou a Beethoven con distintas óperas, incluídas tres de Mozart que foron interpretadas na corte nese período. Tamén fíxose amigo de Anton Reicha, un frautista e violinista da súa idade que era sobriño do director da orquestra da corte, Josef Reicha. O seu pai faleceu finalmente o 18 de decembro de 1792.[2]
A formación de Beethoven deixaba bastante que desexar en case todos os aspectos que non fosen musicais (e ata nisto había motivos para a desconfianza). Este baleiro cultural foi cariñosamente enchido por diferentes persoas, algunhas das cales terían grande influencia no músico ata os últimos anos da súa vida. Moi en primeiro lugar débense citar os Breuning. A nai desta familia, unha intelixente e distinguida viúva, contrataría a Beethoven como profesor de música dos seus catro fillos, pero pronto o mozo músico foi tratado como un íntimo, e a señora Von Breuning pasou a ser unha segunda nai para o artista á vez que mentora e mestra. A ela debeu Beethoven os seus coñecementos de francés, o perfeccionamiento do latín e a aprendizaxe de non pouca aritmética, así como o primeiro contacto profundo e frutífero coa mellor literatura alemá.
O conde Ferdinand Waldstein, que o levou a Viena, foi un dos primeiros admiradores da arte de Beethoven e do mesmo xeito que Stephan von Breuning, fillo da señora Von Breuning, sería unha das persoas máis próximas ao músico durante moitos anos. O mesmo pódese dicir de Franz Anton Ríes e do seu fillo Ferdinand: aquel foi profesor de violín de Beethoven e unha das primeiras persoas en apreciar o talento creativo do mozo; Ferdinand sería un dos máis asiduos compañeiros de Beethoven en Viena.
Establecemento en Viena
editarA Beethoven probablemente presentáronlle a Joseph Haydn a finais de 1790, cando este último viaxou a Londres e parou en Bonn no tempo de Nadal[4] . Atopouse con Haydn na súa viaxe de regreso a Viena en xullo de 1792, e é probable que acordasen nese tempo que Beethoven fose estudar co vello mestre. Coa axuda do Elector, Beethoven trasladouse a Viena ese mesmo ano. Dende 1790 ata 1792, Beethoven compuxera un número significativo de traballos (ningún deles fora publicado nese tempo, e a meirande parte deles son agora listados como traballos sen opus) que demostraban o aumento da súa gama e a súa madurez. Os musicólogos identificaron un tema semellante un tema semellante ao da súa terceira sinfonía nunha serie de variacións compostas en 1791. Beethoven deixou Bonn para ir a Viena en novembro de 1792, no medio dos rumores do estoupido da guerra con Francia, e tivo coñecemento pouco despois da súa chegada da morte do seu pai. Durante os seguintes anos, Beethoven respondeu ao sentimento xeneralizado de que era o sucesor do recentemente falecido Mozart estudando as obras do mestre e compoñendo traballos cun distintivo sabor mozartiano.
Beethoven non pretendeu inmediatamente establecerse como compositor, máis ben o seu obxectivo era adicarse ao estudo e á interpretación. Traballando baixo a dirección de Haydn tratou de dominar o contrapunto. Tamén estudou violín con Ignaz Schuppanzigh. Ao principio dese período tamén recibiu instrucións ocasionais de Antonio Salieri, principalmente sobre o estilo italiano de composición vocal; esta relación durou ata polo menos 1802, e probablemente ata 1809. Coa marcha de Haydn a Inglaterra en 1794, Beethoven agardaba que o Elector o fixese regresar a casa. Porén elixiu quedar en Viena, continuando a súa instrución en contrapunto con Johann Albrechtsberger e outros mestres. Aínda que a bulsa de estudos do Elector expirara, varios nobres vieneses recoñeceron a súa habilidade e ofrecéronlle apoio financeiro; entre eles estaban o príncipe Joseph Franz Lobkowitz, o príncipe Karl Lichnowsky e o barón Gottfried van Swieten.
Cara a 1793 Beethoven forxárase unha reputación como improvisador nos salóns da nobreza, tocando frecuentemente os preludios e fugas do Clave ben temperado de J. S. Bach. O seu amigo Nikolaus Simrock comezara a publicar as súas composicións; crese que a primeira foi unha serie de variacións (WoO 66). Tamén establecera unha reputación en Viena como virtuoso do piano, pero aparentemente evitou publicar os traballos para que en 1795 a súa publicación tivese un maior impacto. A primeira actuación de Beethoven en público na cidade foi en marzo de 1795, nun concerto no que primeiro interpretou un dos seus concertos de piano. Non está claro de se este foi o Primeiro ou o Segundo. As evidencias documentais non son claras, e ámbolos dous concertos estaban nun estado semellante de avance na súa composición (ningún deles foi completado ou publicado ata varios anos despois). Pouco despois desta actuación dispúxose á publicación da primeira das súas composicións á cal se lle asignou un número opus, os tres tríos de piano, Opus 1. Eses traballos foron dedicados ao seu patrón, o príncipe Lichnowsky, e foron un éxito financeiro; os beneficios de Beethoven foron case suficientes para cubrir os seus gastos durante un ano.
Madurez musical
editarBeethoven compuxo os seus primeiros seis cuartetos de corda (Op. 18) entre 1798 e 1800 (encargados polo príncipe Lobkowitz, e dedicados a el). Foron publicados en 1801. Coas estreas das súas Primeira e Segunda sinfonías en 1800 e 1803, Beethoven converteuse nun dos máis importantes dunha xeración de mozos compositores tras Haydn e Mozart. Tamén continuou escribindo noutras formas, compoñendo as súas coñecidas sonatas de piano, como a sonata "Pathétique" (Op. 13), e tamén completou o seu Septeto (Op. 20) en 1799, que é unha das súas obras máis populares.
Para a estrea da súa Primeira Sinfonía, Beethoven contratou o Burgtheater o día 2 de abril de 1800, e organizou un amplo programa musical, incluídos traballos de Haydn e Mozart, ademais do seu Septeto, a Primeira Sinfonía e un dos seus concertos de piano (os últimos tres traballos aínda non publicados). O concerto, que o Allgemeine musikalische Zeitung describiu como "o concerto máis interesante en moito tempo", non estivo exento de dificultades; entre as críticas estaba que "os músicos non se molestaron en prestar atención ao solista"[5].
Mozart e Haydn eran influencias innegables. Por exemplo, o quinteto para piano e vento de Beethoven tiña un gran parecido ao traballo de Mozart para a mesma configuración, pero cos seus toques distintivos. albeit with his own distinctive touches[6]. Pero as melodías de Beethoven, o desenvolvemento musical, o uso da modulación e a textura, e a caracterización da emoción diferenciábao das súas influencias, e acentuou o impacto dalgunhas das súas primeiras obras cando foron publicadas[7]. Cara a finais de 1800 Beethoven e a súa música eran moito máis demandados por clientes e editores[8].
En maio de 1799 Beethoven tocou o piano para as fillas da condesa húngara Anna Brunsvik. Durante ese tempo, Beethoven namorouse da filla máis pequena, Josephine, que polo tanto foi identificada como unha das candidatas máis probables como destinataria da carta "Unsterbliche Geliebte" (amada inmortal), escrita en 1812. Pouco despois desas leccións, Josephine casou co conde Josef Deym. Beethoven visitou regularmente a súa casa, e continuou ensinando a Josephine, tocando tamén en festas e concertos. O seu matrimonio foi feliz, a pesar dos seus problemas financeiros iniciais, e a parella tivo catro fillos. A súa relación con Beethoven intensificouse tras a súpeta morte de Deym en 1804[9].
Beethoven tivo algúns estudantes máis. Dende 1801 a 1805 foi titor de Ferdinand Ries, que se converteu en compositor e posteriormente escribiu un libro sobre os encontros con Beethoven. O mozo Carl Czerny estudou con Beethoven dende 1801 ata 1803. Czerny converteríase nun recoñecido mestre, instruíndo a Franz Liszt, e realizaría o día 11 de febreiro de 1812 a estrea do quinto concerto de piano de Beethoven (o "Emperador").
As composicións de Beethoven entre 1800 e 1802 estiveron dominadas por dúas obras orquestrais de grande escala, aínda que continuou producindo outros importantes traballos como a sonata de piano quasi unha fantasía (coñecida popularmente como "Claro de lúa"). Na primavera de 1801 compuxo As criaturas de Prometeo, un balet. O traballo tivo numerosas interpretacións en 1801 e 1802, e Beethoven apresurouse a publicar un arranxo de piano para sacar proveito da súa popularidade[10]. Na primavera de 1802 compuxo a Segunda Sinfonía, escrita para un concerto que sería cancelado. A sinfonía estrearíase no seu lugar en abril de 1803 nun concerto para subscritores no Theater an der Wien, onde se nomeara a Beethoven compositor residente. Ademais da Segunda Sinfonía, no concerto tamén se interpretou a Primeira Sinfonía, o Terceiro concerto para piano, e o oratorio Christus am Ölberge. As críticas foron dispares, pero o concerto foi un éxito financeiro; Beethoven foi capaz de cobrar o tripla do prezo habitual das entradas para concertos[11].
Os negocios de Beethoven cos editores tamén comezaron a mellorar en 1802 cando o seu irmán Carl, que o axudara ocasionalmente antes desa data, comezou a asumir un papel máis importante na xestión dos seus asuntos. Ademais de negociar prezos máis altos para os seus traballos máis recentes, Carl tamén comezou a vender algunhas das primeiras obras de Beethoven sen publicar, e alentouno (en contra da súa preferencia) para realizar arranxos e transcricións das súas obras máis populares para outras combinacións de instrumentos. Beethoven accedeu a estas peticións, xa que non puido evitar que os editores contratasen a outros para realizar arranxos semellantes das súas obras[12].
Perda da audición
editarAo redor de 1796, canto tiña 26 anos, Beethoven comezou a perder audición. Sufría unha forma grave de tinnitus, un "zunido" nos seus oídos que lle dificultaba escoitar música; el tamén evitaba a conversa. A causa da xordeira de Beethoven é descoñecida, pero foi atribuída ao tifo, a enfermidades autoinmunes (como lupus eritematoso sistémico), ou incluso á súa costume de mergullar a súa cabeza en auga fría para manterse esperto. A explicación da autopsia de Beethoven foi que tiña o "oíd interno distendido", o que desenvolveu lesións ao longo do tempo.
Cara a comezos de 1801 Beethoven escribira a amigos describindo os seus síntomas e as dificultades que lle causaban tanto a nivel profesional como social (aínda que é probable que algúns dos seus amigos máis próximos xa coñecesen o seu problema)[13]. Beethoven, por consello do seu médico, foi vivir ao pequeno pobo autríaco de Heiligenstadt, ás aforas de Viena, dende abril ata outubro de 1802. Alí escribiu o seu Testamento de Heiligenstadt, unha carta aos seus irmáns que rexistra os seus pensamentos de suicidio debido á súa crecente xordeira e a súa resolución de seguir vivindo por e a través da súa arte[14]. Co tempo, a súa perda de audición profundizouse: hai unha historia ben testemuñada que di que ao final da estrea da súa Novena Sinfonía tivo que xirar a súa cabeza para ver os tumultuosos aplausos da audiencia; sen escoitar nada botouse a chorar. A perda de audición de Beethoven non evitou que compuxese música, pero fíxolle difícil a realización de concertos, que era unha lucrativa fonte de ingresos para el, o que lle causou dificultades económicas. Despois dun intento errado para interpretar o seu Concerto para piano No. 5 en 1811, que sería estreada polo seu alumno Carl Czerny, non volvería a actuar en público nunca máis.
Unha gran coleccicón de audífonos de Beethoven, asó como un corno especial para o oído, pode verse na Casa Museo de Beethoven en Bonn. A pesar da súa obvia angustia, Czerny remarcou que Beethoven puido aínda escoitar a fala e a música con normalidade ata 1812. Porén, cara a 1814 Beethoven estaba case totalmente xordo.
Como resultado da perda de audición, os seus libros de conversa son un infrecuentemente rico recurso escrito. Usados principalmente nos sous dez últimos anos de vida, os seus amigos escribían neses libros polo que el podía saber o que estaban dicindo, e entón respondía ben oralmente ou ben no libro. Os libros conteñen discusións sobre música e outros temas, e dan ideas sobre os pensamentos de Beethoven; son unha fonte para os investigadores sobre como pretendía que fose interpretada a súa música, e tamén sobre a súa percepción da súa relación coa arte. Dun total de 400 libros de conversa, suxeriuse que 264 foron destruídos (e outros alterados) despois da morte do compositor por Anton Schindler, que desexaba que sobrevivise só unha biografía idealizada de Beethoven[15]. Porén, Theodore Albrecht dubida sobre a veracidade da destrución dun bo número de libros de conversa por parte de Schindler.
Mecenado
editarAínda que Beethoven obtiña ingresos da publicación das súas obras e de interpretacións públicas, tamén dependía da xenerosidade de mecenas, aos cales lle facía concertos privados e daba copias de traballos que encargaban durante un período exclusivo antes da súa publicación. Algúns dos seus primeiros mecenas, incluído o príncipe Lobkowitz e o príncipe Lichnowsky, déronlle soldos anuais ademais de encargarlle obras e mercar traballos publicados[16].
Quizais o mecenas aristocrátivo máis importante de Beethoven foi o arquiduque Rudolph, o fillo máis novo do emperador Leopoldo II, que en 1803 ou 1804 comezou a estudar piano e composición con Beethoven. Ámbolos dous fixéronse amigos, e os seus enontros continuaron ata 1824[17]. Beethoven dedicau 14 composicións a Rudolph, incluídas o Archduke Trio (1811) e a gran Missa solemnis (1823). Rudolph, á súa vez, dedicoulle unha das súas propias composicións a Beethoven. As cartas que Beethoven lle escribiu a Rudolph son hoxe gardadas no Gesellschaft der Musikfreunde en Viena.
No outono de 1808, tras ser rexeitado para un posto no teatro real, Beethoven recibiu unha oferta do irmán de Napoleón Jérôme Bonaparte, entón rei de Westfalia, para o ben pagado posto de Kapellmeister na corte de Kassel. Para persuadilo de quedar en Viena, o arquiduque Rudolph, o príncipe Kinsky e o príncipe Lobkowitz, despois de recibir as representacións dos amigos do compositor, comprometéronse a pagarlle a Beethoven unha pensión de 4.000 floríns por ano. Só o arquiduque Rudolph pagou a súa parte da pensión na data acordada[18]. Kinsky, inmediatamente chamado ao servizo militar, non pagou e morreu ao pouco tempo e morreu despois de caer do seu cabalo. Lobkowitz deixou de pagar en setembro de 1811. Ningún sucesor continuaría pagando o mecenado, e Beethoven baseou os seus ingresos principalmente na venda dos dereitos das composicións e nunha pequena pensión a partir de 1815. Os efectos deses acordos financeiros foron minados en certa medida pola guerra con Francia, que provocou unha inflación significativa cando o goberno emitiu cartos para pagar os esforzos da guerra.
O período medio
editarO regreso a de Beethoven a Viena dende Heiligenstadt caracterizouse por un cambio no estilo musical, e hoxe en día sinálase como o comezo do seu período "Medio" ou "Heroico". Segundo Carl Czerny, Beethoven dixo, "Non estou satisfeito co traballo que levo feito. A partir de agora procurarei tomar un novo camiño"[19]. Esta fase "Heroica" caracterizouse por un gran número de obras orixinais compostas a grande escala. O primeiro gran traballo do seu novo estilo foi a Terceira Sinfonía en Mi bemol, coñecida como "Eroica". Esta obra era máis longa e de maior alcance que calquera sinfonía anterior. Cando foi estreada a comezos de 1805 tivo críticas variadas. Algúns oíntes puxeron obxeccións á súa lonxitude ou entenderon mal a súa estrutura, mentres que outros vírona como unha obra mestra[20].
O "período medio" está ás veces asociado cun xeiro "heroico" de compoñer[21] , pero o uso deste termo cada vez é máis controvertido entre os estudosos de Beethoven. O termo é máis frecuentemente usado como un nome alternativo do período medio[22] . A idoneidade do termo "heroico" para describir todo o período medio foi tamén cuestionado: mentres que algunhas obras, como a Terceira e Quinta Sinfonías, son doadas de describir como "heroicas", moitas outras, como a Sexta Sinfonía, non o son.
Agunhas das obras do período medio amplían a linguaxe musical que Beethoven herdara de Haydn e Mozart. Os traballos deste período inclúen dende a Terceira ata a Oitava Sinfonías, os cuartetos de corda Rasumovsky, Harfenquartett e Serioso, as sonatas de piano "Waldstein" e "Appassionata", Cristo no monte dos olivos, a ópera Fidelio, o Concerto para violín e moitas outras composicións. Durante este tempo, os ingresos de Beethoven procederon da publicación das súas obras, de interpretacións das mesmas e dos seus mecenas. Perdeu o seu posto no Theater an der Wien was terminated cando o teatro cambiou de xestores a comezos de 1804, e viuse forzado a mudarse temporalmente aos suburbios de Viena co seu amigo Stephan von Breuning. Este feito fixo que a súa obra Fidelio, a máis longa ata a data, fose composta a un ritmo máis lento durante un tempo. Atrasouse novamente por mor do censor de Austria, e finalmente estreouse en novembro de 1805 para escaso público debido á ocupación francesa da cidade. Ademais de ser un fracaso financeiro, esta versión de Fidelio foi tamén un fracaso para a crítica, e Beethoven comezou a revisala[23].
Durante o mes de maio de 1809, cando as forzas de ataque de Napoleón bombardearon Viena, segundo Ferdinand Ries, Beethoven, moi preocupado por que o ruído acabase co que lle quedaba de audición, agachouse no soto da casa do seu irmán, cubrindo os seus oídos con almofadas[24].
As obras do período medio estableceron a Beethoven como un mestre. Nunha recensión de 1810, foi consagrado por E. T. A. Hoffmann como un dos tres grandes compositores "románticos"; Hoffman dixo da Quinta Sinfonía de Beethoven que era "unha das obras máis importantes da época".
Dificultades persoais e familiares
editarA vida amorosa de Beethoven viuse obstaculizada por cuestións de clase. A finais de 1801 coñeceu a unha condesa moza, Julie ("Giulietta") Guicciardi, a través da familia Brunsvik, nunha época na que daba clases regulares de piano a Josephine Brunsvik. Beethoven menciona o seu amor por Julie nunha carta en novembro de 1801 ao seu amigo da infancia Franz Wegeler, pero dicía que aínda non estaba considerando casar con ela debido á súa diferenza de clase. Beethoven posteriormente dedicoulle a súa Sonata No. 14, coñecida como Claro de lúa.
A súa relación con Josephine Brunsvik fíxose máis profunda tras a morte en 1804 do seu aristocrático primeiro marido, o conde Joseph Deym. Beethoven escribiulle a Josephine 15 apaixonadas cartas de amor dende finais de 1804 ata 1809/10. Aínda que os seus sentimentos eran obviamente recíprocos, Josephine foi forzada pola familia a alonxarse del en 1807. Ela citou o seu "deber" e o feito de que podería ter perdido a custodia dos seus fillos se casaba cun plebeo[25]. Despois de que Josephine casase co barón von Stackelberg en 1810, Beethoven propúxose sen éxito a Therese Malfatti, a suposta destinataria de Für Elise[26]; o seu estátus social puido novamente ter interferido nos seus plans.
Na primavera de 1811 enfermou gravemente, sufrindo dores de cabeza e febre alta. Por consello do seu médico, pasou seis semanas no cidade termal de Bohemia de Teplitz. O seguinte inverno, que foi dominado polo seu traballo na Sétima Sinfonóa, púxose enfermo novamente, e o médico ordenoulle que pasase o verán de 1812 novamente en Teplitz. É certo que estaba en Teplitz cando escribiu unha carta de amor á súa "amada inmortal". A identidade da suposta destinataria foi durante moito tempo obxecto de debate; as principais candidatas son Julie Guicciardi, Therese Malfatti, Josephine Brunsvik e Antonie Brentano.
Beethoven visitou o seu irmán Johann a finais de outubro de 1812. Desexaba rematar a convivencia de Johann con Therese Obermayer, unha muller coa que xa tiña un fillo ilexítimo. Non foi capaz de convencer a Johann para que rematase esa relación e apelou ás autoridades cívicas e relixiosas locais. Johann e Therese casarían o día 9 de novembro[27].
A principios de 1813 Beethoven aparentemente atravesou un período persoal difícil, e a súa produción compositiva caeu. A súa aparencia degradouse, adoitaba a estar aseado, así como os seus modos en público, especialmente cando ceaba. Beethoven coidou do seu irmán, que tiña tuberculose, e da súa familia, un gasto que segundo el deixouno sen cartos.
Beethoven motivouse novamente para realizar unha composición significativa en xuño de 1813, cando chegaron noticias da derrota dun dos exércitos de Napoleón en Vitoria, por unha coalición de forzas baixo o mando do Duque de Wellington. Estas noticias estimulárono para compoñer a sinfonía de batalla coñecida como A vitoria de Wellington. Foi estreada o 8 de decembro, xunto coa súa Sétima Sinfonía, nun concerto caritativo en favor das vítimas da guerra. A obra foi un éxito popular, probablemnete debido ao seu estilo, que era entretido e doado de entender. Interpretouse repetidas veces con Beethoven no escenario en xaneiro e febreiro de 1814. A renovada popularidade do compositor levou ás demanda por un rexurdimento de Fidelio, a cal, na súa terceira versión revisada, aínda foi ben recibida na súa estrea no mes de xullo. Ese verán compuxo unha sonata de piano por primeira vez en tres anos (No. 27, Opus 90). Esta obra resultou nun estilo marcadamente máis "Romántico" que as súas anteriores sonatas. Foi tamén un dos moitos compositores que produciron música patriótica para entreter aos moitos líderes de estados e diplomáticos que asistiron ao Congreso de Viena que comezou en novembro de 1814. A súa produción de cancións inclúe o seu único ciclo de cancións, "An die ferne Geliebte", e o extraordinariamente expresivo segundo arranxo do poema "An die Hoffnung" (Op. 94) en 1815. Comparado co seu primeiro arranxo de 1805 (un regalo para Josephine Brunsvik), era "moito máis dramático.... Todo o estilo e o dunha escena operística"[28].
Loita pola custodia
editarEntre 1815 e 1817 a produción de Beethoven caeu novamente. Beethoven atribuíu parte disto a unha longa enfermidade (el chamouna "febre inflamatoria") que o afectou durante máis dun ano[29]. Os biógrafos especularon outras razóns que tamén contribuíron ao declive, incluídas as dificultades na súa vida persoal e as duras políticas de censura do goberno austríaco. A enfermidade e morte do seu irmán Carl tamén puido xogar un papel importante.
Carl estivera enfermo por un tempo, e Beethoven gastou unha pequena fortuna en 1815 no seu coidado. Despois de que Carl morrese o 15 de novembro de 1815, Beethoven inmediatamente viuse envolto nunha disputa legal coa muller de Carl, Johanna, pola custodia do seu fillo Karl, que entón tiña nove anos. Beethoven, que consideraba a Johanna unha nai non apta pola súa moral (tivera un fillo ilexítimo doutro pai antes de casar con Carl e fora condenada por roubo) e pola súa xestión dos cartos, pedíralle con éxito a Carl a custodia do neno. Un codicilio posterior dáballe a Beethoven e a Johanna a custodia compartida. Aínda que Beethoven retiroulle á muller exitosamente a custodia en febreiro de 1816, o caso non estivo completamente resolto ata o ano 1820, e o compositor preocupouse frecuentemente polas demandas do litixio velando polo benestar de Karl.
O sistema xudicial austríaco tiña unha corte para a nobreza e os membros do Landtafel, o Landrechte, e outras cortes para os plebeos, entre as que estaba a Corte Civil do Maxistrado de Viena. Beethoven ocultou o feito de que o "van" neerlandés do seu nome non denotaba nobreza como o facía o alemán "von" e o seu caso foi xulgado polo Landrechte. Debido á súa influencia na corte, Beethoven sentiuse seguro do resultado favorable. Ao prestar declaración, porén, Beethoven admitiu sen decatarse que non pertencía á nobreza. O 18 de decembro de 1818 o caso foi transferido ao Maxistrado, onde perdeu a custodia única.
Beethoven apelou e recuperou a custodia. A apelación de Johanna ao Emperador non tivo éxito: o Emperador "lavouse as mans con respecto ao asunto". Durante os anos de custodia que seguiron, Beethoven intentou asegurarse de que Karl vivise cos máis altos estándares morais. Beethoven tiña unhas formas prepotentes e adoitaba a interferir na vida do seu sobriño. Karl intentou suicidarse o 31 de xullo de 1826 disparándose na cabeza. Sobreviviu e foi levado á casa da súa nai, onde se recuperou. El e Beethoven reconciliáronse, pero Karl insistiu en unirse ao exército e viu por última vez ao compositor a principios de 1827.
Últimas obras
editarBeethoven comezou un renovado estudo da música antiga, incluídos traballos de J. S. Bach e Handel. Compuxo a abertura Die Weihe des Hauses, que foi a primeira obra na que intentou incorporar esas influencias. Apareceu un novo estilo, agora chamado "período tardío". Regresou ao teclado para copoñer as súas primeiras sonatas de piano en case unha década: as obras deste período inclúen as súas cinco últimas sonatas de piano e as Variacións Diabelli, as últimas dúas sonatas para chelo e piano, os últimos cuartetos de corda, e dous traballos para conxuntos moi grandes: a Missa Solemnis e a Novena Sinfonía.
Cara a comezos de 1818 a saúde de Beethoven mellorara, e o seu sobríño foi vivir con el en xaneiro. Porén, a súa audición deteriorárase ata o punto de que as conversas fixéronselle difíciles, precisando usar libros de conversa. A xestión do seu fogar tamén mellorara un pouco; Nanette Streicher, que axudara ao seu coidado durante a enfermidade, continuou prestado o seu apoio, e finalmente atopou a un experto cociñeiro[30]. A súa produción musical en 1818 aínda foi un pouco reducida, pero incluíu coleccións de cancións e a sonata "Hammerklavier", ademais de bosquexos para dúas sinfonías que finalmente se unirían para formar a Novena. En 1819 volveu a preocuparse polo proceso legal ao redor de Karl, e comezou a traballar nas Variacións Diabelli e na Missa Solemnis.
Durante os anos seguintes continuou traballando na Missa, compoñendo sonatas para piano e bagatelas para satisfacer as demandas de editores e a necesidade de ingresos, ademais de completar as Variacións Diabelli. Enfermou novamente durante longo tempo en 1821, e completou a Missa en 1823, tres anos despois da data prevista. Tamén comezou a debater cos seus editores sobre a posibilidade de producir unha edición completa da súa obra, unha idea que non se viu plenamente realizada ata 1971. Johann , o irmán de Beethoven, comezou a traballar nos seus asuntos financeiros, como fixera Carl anteriormente, localizando vellas obras inéditas co obxectivo de publicalas e ofrecendo a Missa a varios editores para intentar conseguir un maior prezo por ela.
Dous encargos en 1822 melloraron as perspectivas financeiras do compositor. A Philharmonic Society de Londres ofreceulle un encargo para unha sinfonía, e o príncipe Nikolas Golitsin de San Petersburgo encargoulle tres cuartetos de corda. O primeiro deses traballos estimulou a Beethoven para rematar a Novena Sinfonía, que foi interpretada por vez primeira, xunto coa Missa Solemnis, o 7 de maio de 1824, con grande éxito no Kärntnertortheater. A publicación Allgemeine musikalische Zeitung dixo efusivamente, "un xenio inesgotable amosounos un novo mundo", e Carl Czerny escribiu que a súa sinfonía "respira como un espírito fresco, vivo e certamente xuvenil [...] tanta enerxía, innovación, e beleza como sempre [viu] da cabeza dese orixinal home"[31]. A diferenza dos seus máis lucrativos primeiros concertos, este non lle proporcionou moitos cartos a Beethoven, xa que os gastos da montaxe foron significativamente máis altos[31]. Un segundo concerto o 24 de maio, no cal o produtor garantiulle ao compositor unha comisión mínima, tivo unha pobre asistencia de público. Sería o derradeiro concerto público de Beethoven[32].
Beethoven entón adicouse a compoñer os cuartetos de corda para Golitsin. Estas series de cuartetos, coñecidos como os "Cuartetos Tardíos", foron máis alá do que os músicos e as audiencias estaban preparados nese tempo. O compositor Louis Spohr definiunos como "indescifrables, horrores sen corrixir". A opinión cambiou consderablemente dende o momento da súa primeira desconcertada acollida: as súas formas e ideas inspiraron a músicos e compositores como Richard Wagner e Béla Bartók, e continúan facéndoo. Dos últimos cuartetos, o favorito de Beethoven foi o Cuarteto de corda n.º 14, op. 131 en Do♯ menor, que calificou como a súa obra única máis perfecta[33] . O derradeiro desexo musical de Schubert foi escoitar o cuarteto Op. 131, cousa que fixo o 14 de novembro de 1828, cinco días antes de morrer.
Beethoven compuxo os derradeiros cuartetos no medio de problemas de saúde. En abril de 1825 caeu en cama, e estivo enfermo durante un mes. A enfermidade, ou máis ben a súa recuperación da mesma, é recordada por ter dado a orixe do lento e sentido mvemento do Cuarteto de corda n.º 15. Acabaría completando os cuartetos agora numerados como Trece, Catorce e Dazaseis. A derradeira obra completada por Beethoven foi o movemento final do Cuarteto n.º 13, que substituíu a difícil Große Fuge. Pouco despois, en decembro de 1826, a enfermidade volveu a golpealo, con episodios de vómitos e diarrea que case acaban coa súa vida.
Enfermidade e morte
editarBeethoven pasou en cama a meirande parte dos meses que lle restaron de vida, e moitos amigos pasaron a visitalo. Morreu o día 26 de marzo de 1827 ao 56 anos durante unha treboada. Unha autopsia revelou danos hepáticos significativos, que podían deberse a un excesivo consumo de alcol[34]. Tamén revelou unha considerable dilatación do nervio auditivo e outros nervios relacionados.
Ao funeral de Beethoven, celebrado o 29 de marzo, estímase que asistiron ao redor de 20.000 cidadáns vieneses. Franz Schubert, que morreu ao ano seguinte e foi enterrado ao lado de Beethoven, foi un dos portadores das fachos. A diferenza de Mozart, que foi enterrado anonimamente nunha fosa común (o costume da época), Beethoven foi enterrado nunha tumba adicada a el no cemiterio de Währing, no noroeste de Viena, despois dunha misa na igrexa da Santísima Trindade. Os seus restos foron exhumados para o seu estudo en 1862, e trasladados en 1888 ao cemiterio Zentralfriedhof[34]. No ano 2012 a súa cripta foi examinada para comprobar se os seus dentes foran roubados nunha serie de roubos nas tumbas doutros famosos copositores vieneses.
Existe controversia sobre a causa da morte de Beethoven: propuxéronse cirrose alcólica, sífilis, hepatite, envelenamento por chumbo, sarcoidose e enfermidade de Whipple. Amigos e visitantes de antes e despois da morte cortaron mechóns do seu pelo, algúns dos cales foron conservados e analizados, ademais de ter fragmentos do cranio sacados durante a exhumación de 1862. Algunhas das análises realizadas deron lugar a afirmacións polémicas, como que Beethoven envelenouse accidentalmente ata morrer por tomar excesivas doses de tratamentos baseados en chumbo, administrados baixo as instrucións dos seus médicos.
Carácter
editarA vida persoal de Beethoven estivo marcada polo avance da súa xordeira e pola irritación producida pola súa dor abdominal crónica, que o levou a contemplar o suicidio (documentado no seu Testamento de Heiligenstadt). Beethoven adoitaba a estar irascible. Suxeriuse tamén que podería sufrir unha desorde bipolar. Porén, tivo un círculo de amizades pechado e devoto durante toda a súa vida, que fora atraído pola súa forte personalidade. Cara ao final da súa vida, os amigos de Beethoven competiron nos seus esforzos en axudalo para facer fronte ás súas incapacidades.
As fontes amosan o desdén de Beethoven pola autoridade e polo rango social. Deixaba de tocar o piano se a audiencia falaba ou lle prestaba menos atención. Nas veladas negábase a actuar se llo pedían de súpeto. Finalmente, tras moitos enfrontamentos, o arquiduque Rudolph decretou que as regras habituais de etiqueta da corte non se aplicasen a Beethoven.
Beethoven estivo atraído polos ideais da Ilustración. En 1804, cando as ambicións imperiais de Napoleón se fixeron evidentes, Beethoven colleu a portada da súa Terceira Sinfonía e rascou o nome de Bonaparte con tanta violencia que fixo un burato no papel. Posteriormente cambiou o título da obra polo de "Sinfonia Eroica, composta per festeggiare il sovvenire d'un grand'uom" ("Sinfonía Eroica, composta para celebrar a memoria dun grande home"), e re-dedicouna ao seu patrón, o príncipe Joseph Franz von Lobkowitz, en cuxo palacio se interpretou por vez primeira.
O cuarto movemento da súa Novena Sinfonía conta cun elaborado arranxo vocal da Ode An die Freude de Schiller, un optimista himno na defensa da irmandade da humanidade.
Produción musical
editarBeethoven é recoñecido como un dos máis grandes compositores da historia. Ocasionalmente, é mencionado como parte de «As tres bes» (xunto con Bach e Brahms), que personalizan esta tradición. Tamén é a figura central da transición entre o clasicismo musical do xviii e o romanticismo do século xix, pola profunda influencia que exerceu sobre as seguintes xeracións de músicos.[35]
Beethoven compuxo en varios xéneros musicais e para unha variedade de combinacións de instrumentos. As súas obras para orquestras sinfónicas inclúen nove sinfonías (a Novena inclúe un coro), e ao redor dunha ducia de pezas de música "ocasional". Compuxo sete concertos para un ou máis solistas e orquestra, ademais de catro obras máis curtas que inclúen solistas acompañados por orquestra. A súa única ópera e Fidelio; outros traballos vocais con acompañamento orquestral inclúen dúas misas e varias obras máis curtas.
O seu principal corpo de composicións para piano está formado por 32 sonatas e varias pezas máis curtas, incluídos arranxos dalgúns dos seus outros traballos. Obras con acompañamento de piano inclúen 10 sonatas para violín, 5 sonatas para cello, e unha sonata para trompa, ademais de numerosas lieder.
Beethoven tamén compuxo unha cantidade significativa de música de cámara. Ademais dos seus 16 cuartetos de corda, compuxo cinco obras para quintetos de corda, sete para trío de pianos, cinco para tríos de corda, e máis dunha ducia de traballos para varias combinacións de instrumentos de vento.
Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Notas
editar- ↑ Pronunciado [ˈluːtvɪç fan ˈbeːthoːfn]. En realidade, o nome que consta na súa acta de bautismo é Ludovicus van Beethoven. Nas rexións xermánicas de maioría católica, era frecuente bautizar aos neonatos con nomes en latín, en parte porque toda a liturxia católica se desenvolvía en devandita lingua, ademais de que o latín era o idioma oficial do Sacro Imperio Romano Xermánico; con todo, nunca utilizou a versión latina do seu nome.
- ↑ Beethoven foi bautizado o 17 de decembro, normalmente atribúese a súa data de nacemento un día antes, o 16, pero este dato non é seguro con certeza.
- ↑ A partícula van do seu nome, equivale en holandés a preposicióngalega de, contrario ao que puidese crerse, non posúe orixes nobres, mentres que Beethoven probablemente puido haberse derivado de Betuwe, unha localidade de Liexa, aínda que outra hipótese apunta a que o apelido provén de Beeth, que quere dicir remolacha e Hoven, que é o plural de Hof, que significa granxa. Desta forma, «Beethoven» viría significar «granxas de remolachas» lvbeethoven.com (ed.). "Genealogía de Beethoven" (en castelán). Consultado o 11/05/2013.
- ↑ Maximiliano Francisco foi o fillo máis novo da emperatriz María Tareixa I de Austria, quen introduciu cambios notables na cidade. Facéndose eco dos cambios feitos en Viena polo seu irmán Joseph, introduciu reformas baseadas na filosofía da Ilustración, incrementando o apoio á educación e ás artes. O adolescente Beethoven case seguro foi influenciado por eses cambios. Tamén puido verse influenciado nese tempo polas ideas máis importantes da masonaría, xa que Neefe e outros achegados eran membros da loxa local da Orde dos Illuminati.
- Referencias
- ↑ "Karl van Beethoven's family tree" (en inglés). Consultado o 11/05/2013.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 lvbeethoven.com (ed.). "Biografía de Beethoven". Consultado o 24 de marzo de 2009.
- ↑ (Buchet 1991, p. 33)
- ↑ Cooper, Barry (2008). Beethoven. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-531331-4.
- ↑ Cooper 2008, p. 90
- ↑ Cooper 2008, p. 66
- ↑ Cooper 2008, p. 58
- ↑ Cooper 2008, p. 97
- ↑ Cooper 2008, p. 80
- ↑ Cooper 2008, p. 98-103
- ↑ Cooper 2008, p. 112-117
- ↑ Cooper 2008, p. 112-115
- ↑ Cooper 2008, p. 108
- ↑ Cooper 2008, p. 120
- ↑ Clive 2001, p. 239
- ↑ Cooper 2008, p. 78-79
- ↑ Lockwood (2003) p. 300-301
- ↑ Cooper 2008, p. 195
- ↑ Cooper 2008, p. 131
- ↑ Cooper 2008, p. 148
- ↑ Maynard, Solomon (1990). Beethoven essays. Harvard University Press.
- ↑ Steingberg, Michael P. (2006). Listening to reason: culture, subjectivity, and nineteenth-century music. Princeton University Press. ISBN 978-0-691-12616-6.
- ↑ Cooper 2008, p. 150
- ↑ Cooper 2008, p. 185
- ↑ Cooper 2008, p. 146-168
- ↑ Lorenz (2011)
- ↑ Cooper 2008, p. 212
- ↑ Lockwood (2003) p. 278
- ↑ Cooper 2008, p. 254
- ↑ Cooper 2008, p. 260
- ↑ 31,0 31,1 Cooper 2008, p. 317
- ↑ Cooper 2008, p. 318
- ↑ Morris, Edmund (2010). Beethoven: The Universal Composer. HarperCollins. ISBN 978-0-06-075975-9.
- ↑ 34,0 34,1 Cooper 2008, p. 349
- ↑ Grove Online (ed.). "Ludwig van Beethoven" (en inglés). Consultado o 26 de marzo de 2009. Require subscripción.
Véxase tamén
editarA Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Ludwig van Beethoven |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ludwig van Beethoven |
A Galicitas posúe citas sobre: Ludwig van Beethoven |
Bibliografía
editar- Buchet, Edmond (1991). Beethoven: Leyenda y realidad. Tradución de Joaquín Esteban Perruca. Rialp. p. 365. ISBN 84-321-2695-0. Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2013. Consultado o 05 de setembro de 2015.
- Clive, Peter (2001). Beethoven and His World: A Biographical Dictionary. Nova York: Oxford University Press. ISBN 0-19-816672-9.
- Cooper, Barry (2008). Beethoven. Oxford University Press US. ISBN 978-0-19-531331-4.
- Grove, George (1983). Beethoven y sus nueve sinfonías. Altalena Editores, S.A. ISBN 978-84-7475-147-5.
- Kinsky, Georg; Halm, Hans (1955). Das Werk Beethovens. Thematisch-Bibliographisches Verzeichnis seiner sämtlichen vollendeten Kompositionen. Múnic e Duisburg: Henle. Consultado o 7 de xaneiro de 2011.
- Landon, H. C. Robbins; Göllerich; August (1970). Beethoven: a documentary study. Macmillan.
- Lockwood, Lewis (2003). Beethoven: The Music And The Life. W. W. Norton. ISBN 978-0-393-32638-3.
- Ludwig, Emil; Ayala, Francisco (1994). Beethoven. Anaya & Mario Muchnik. ISBN 978-84-7979-151-3.
- Rolland, Romain (1961). Vie de Beethoven. Rauter. ISBN 978-84-7251-044-9.
- Enciclopedia Salvat de los Grandes Compositores (1989). Ludwig van Beethoven. Tomo 2. ISBN 84-7137-457-9.
- Schindler, Anton Felix; MacArdle, Donald W. (1966). Beethoven as I knew him. Courier Dover Publications. p. 547.
- Solomon, Maynard (2001). Beethoven (Segunda revisión ed.). Nueva York: Schirmer Books. ISBN 0-8256-7268-6.
- Stanley, Glenn (2000). The Cambridge Companion to Beethoven. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-58074-9.
- Thayer, Alexander Wheelock; Krehbiel, Henry Edward (edición, tradución); Deiters, Hermann; Riemann, Hugo (1991). The Life of Ludwig Van Beethoven. Princeton University Press. ISBN 978-0-691-02717-3.