Bazo
O bazo é un órgano presente practicamente en todos os vertebrados con capacidades rexenerativas e con importantes funcións relacionadas cos glóbulos vermellos do sangue e o sistema inmunitario.[1] Para referirse ao bazo utilízase o adxectivo esplénico, que deriva do grego σπλήν splēn. Nos humanos é un órgano castaño-púrpura localizado no cuadrante superior esquerdo do abdome, que forma parte do sistema linfático. Encárgase de eliminar os glóbulos vermellos vellos do sangue, serve como reserva de sangue para casos de fortes hemorraxias, e tamén é un centro de reciclaxe de ferro. Como parte do sistema de sistema fagocitario mononuclear, metaboliza a hemoglobina dos glóbulos vermellos senescentes. Os linfocitos que contén sintetizan anticorpos na súa polpa branca e elimina bacterias.[2][3] Recentemente, viuse que contén na súa reserva de sangue case a metade dos monocitos do corpo na súa polpa vermella.[4] Estes monocitos, cando viaxan aos tecidos danados (como o corazón), convértense en células dendríticas e macrófagos e promoven a curación dos tecidos.[4][5][6] É un dos centros de actividade do sistema reticulo endotelial e pode considerarse análogo a un gran ganglio linfático, e a súa ausencia predispón a contraer certas infeccións.[7]
Anatomía
editarNo ser humano o bazo é o maior dos órganos linfáticos, é un órgano intraperitoneal situado habitualmente no hipocondrio esquerdo da cavidade abdominal, detrás do estómago e debaixo do diafragma, unido a el polo ligamento frenoesplénico. O bazo está revestido por unha cápsula fibroelástica e suxeito por bandas fibrosas unidas ao peritoneo (a membrana que reviste a cavidade abdominal). Relaciónase posteriormente coa 9ª, 10ª e 11ª costelas esquerdas. Apóiase sobre o ángulo esquerdo ou esplénico do colon unido a este polo ligamento esplenomesocólico e entra en contacto co estómago polo epíploon gastroesplénico, e co ril esquerdo.[8] Na parte central inferior da superficie gástrica do órgano encóntrase o hilo, por onde entran e saen os vasos esplénicos.
O bazo nos adultos humanos con boa saúde ten uns 11–14 cm de lonxitude e pesa entre 150 e 200 g[9][10][10].
Estrutura interna
editarEstá dividido por trabéculas fibrosas que penetran desde o hilo polas que transcorren vasos sanguíneos, e a partir delas fórmase unha estrutura reticular por todo o órgano. A substancia principal do órgano é a polpa, que pode ser branca ou vermella. A polpa branca está organizada arredor das arterias, e a vermella enche os intersticios que hai entre os seos venosos.
- A polpa vermella forma a maior parte da polpa, consta dunha malla reticular, seos venosos retortos e cordóns de células do bazo, xunto con leucocitos, macrófagos, células plasmáticas e glóbulos vermellos. A abundancia de glóbulos vermellos dálle a súa cor.
- A polpa branca forma masas ovoides de tecido linfoide chamadas corpúsculos de Malpighi espalladas na polpa vermella. Arredor das arterias a polpa branca forma as vaíñas periarteriolares, que nalgúns puntos conteñen os centros xerminais. Contén moitos linfocitos.
Área | Función | Composición |
Polpa vermella | Filtración mecánica dos glóbulos vermellos. No rato: reserva de monocitos.[4] |
|
Polpa branca | Resposta inmunitaria activa humoral e celular. | Composto de nódulos chamados corpúsculos de Malpighi, os cales están compostos por:
|
Irrigación e innervación
editarIgual ca o timo, o bazo ten só vasos linfáticos eferentes. O bazo é parte do sistema linfático. Está irrigado por sangue procedente das arterias gástricas e esplénica.[11] O sangue sae do órgano pola vea esplénica, que desemboca na porta.
Os centros xerminais do bazo reciben arteriolas chamadas vasos penicíleos (penicilli).[12] Os nervios do bazo son vasomotores e proceden do nervio esplácnico maior, a través do plexo celíaco.
Desenvolvemento
editarO bazo é único en canto ao seu desenvolvemento no tracto gastrointestinal humano. A maioría das vísceras derivan do endoderma (coa excepción das glándulas suprarrenais, que derivan da crista neural), pero o bazo, polo contrario, deriva do mesénquima,[13] concretamente do mesenterio dorsal. Porén, comparte a mesma irrigación sanguínea (o tronco celíaco) que os órganos do tracto gastrointestinal anterior.
Funcións
editarFuncións inmunitarias
editarIntervén na inmunidade humoral e celular. Os antíxenos son filtrados desde o sangue circulante e transpórtanse aos centros xerminais do órgano, onde se sintetizan anticorpos IgM.[14]
Destrución de glóbulos vermellos
editarNo bazo prodúcese a eliminación dos glóbulos vermellos vellos, anómalos ou deteriorados. Cando se estirpa o órgano aparecen eritrocitos anormais no sangue, xa que non foron destruídos no órgano, pero esta función é retomada polo fígado e medula ósea. A porción de globina da hemoglobina é degradada liberando os seus aminoácidos constitutivos, e a porción hemo é metabolizada a bilirrubina, que é posteriormente enviada ao fígado para a súa eliminación.[2] O órgano tamén ten un papel na transformación dos reticulocitos ata que forman discos bicóncavos.[14]
Outras funcións
editar- Produción de glóbulos vermellos no feto. O principal lugar da hematopoese no adulto é a medula ósea, pero o bazo ten tamén funcións hematopoéticas ata o 5º mes de xestación. Despois do nacemento estas funcións eritropoiéticas do bazo cesan, agás se hai certos trastornos hematolóxicos. Como órgano linfoide principal, o bazo mantén a capacidade de producir linfocitos.
- Produción das opsoninas properdina, e tuftsina, que teñen importancia na fagocitose de bacterias encapsuladas.
- Almacenamento de glóbulos vermellos, linfocitos e outras células e de ferro. Nos cabalos, arredor do 30% dos glóbulos vermellos se almacenan aquí. Os glóbulos vermellos libéranse cando é necesario.[15] Nos humanos a capacidade de retención de sangue no órgano non é tan grande coma noutros animais, e pode reter uns 236 ml de glóbulos vermellos e liberalos en casos de hipovolemia.[16] Pode almacenar tamén plaquetas en caso de emerxencia. Pode almacenar ata 1/4 dos linfocitos do corpo.
- Nos ratos, o bazo almacena a metade dos monocitos do corpo, que en caso de danos poden migrar aos tecidos afectados e transformarse en células dendríticas e macrófagos e intervir na curación das feridas.[4]
Extirpación do bazo
editarEsplenectomía é o termo médico usado para referise á extirpación cirúrxica total ou parcial do bazo cando este se encontra danado por diversos motivos. Pode realizarse por medio de dúas técnicas cirúrxicas diferentes: por medio da extirpación aberta ou por medio de extirpación laparoscópica. Nos traumatismos é frecuente ter que extirpalo, porque é un órgano tan vascularizado, que un dano nel podería producir unha hemorraxia letal.
A súa extirpación cirúrxica causa:[5]
- Incrementos moderados nos glóbulos brancos e plaquetas circulantes.
- Diminución da resposta a algunhas vacinas.
- Incremento na susceptibilidade á infección por bacterias e protozoos; en particular, hai un incremento do risco de sepse orixinada por bacterias encapsuladas en polisacárido (con cápsula rodeando a parede celular).
Un seguimento durante 28 anos de 740 veteranos da segunda guerra mundial aos que se lles extirpara o bazo encontrou que tiñan un aumento significativo na taxa de mortalidade por pneumonía (6 en vez do agardado 1,3) e por enfermidades cardíacas isquémicas (4,1 fronte ao 3 que se agardaba) pero non por outras condicións.[17]
Trastornos
editarOs trastornos que poden afectar ao bazo son principalmente a esplenomegalia (na que o bazo agranda por varias razóns, como o cancro, especificamente as leucemias sanguíneas), e a asplenia, na que o bazo está ausente ou non funciona normalmente[18].
O bazo noutros vertebrados
editarNos peixes cartilaxinosos e nos actinopterixios o bazo consta principalmente de polpa vermella e é normalmente un órgano algo alongado que se encontra dentro da cuberta serosa do intestino. En moitos anfibios, especialmente nas ras, ten unha forma máis arredondada e ten xeralmente unha maior cantidade de polpa branca.[19]
Nos réptiles, aves, e mamíferos, a polpa branca é sempre relativamente abondosa, e nos últimos dous grupos, o bazo é tipicamente arredondado, aínda que axusta a súa forma segundo como se dispoñan os órganos que o rodean. Na gran maioría dos vertebrados, o bazo segue a producir glóbulos vermellos durante toda a vida, e só nos mamíferos esta función se perde nos adultos. Moitos mamíferos posúen pequenas estruturas similares a bazos chamadas nodos hemais por todo o corpo, que se supón que teñen a mesma función ca do propio bazo.[19] O bazo dos mamíferos acuáticos é nalgúns aspectos diferente ao dos mamíferos terrestres. En xeral, o bazo dos mamíferos acuáticos é de cor azulada. Nos cetáceos e manatís tende a ser bastante pequeno, pero nos pinnípedes (focas) que se mergullan a grandes profundidades pode ser bastante masivo, debido a que ten a función de almacenar glóbulos vermellos.
Os únicos vertebrados que carecen de bazo son as lampreas e os mixinos. Mesmo nestes animais hai unha capa difusa de tecido hematopoético dentro da parede intestinal, que ten unha estrutura simnilar á polpa vermella, e suponse que é unha estrutura homóloga ao bazo dos vertebrados.[19]
O bazo na antigüidade
editarEntre os antigos gregos considerábase que había unha conexión entre o bazo (splen) e a melancolía (temperamento), que se debía a que un dos catro humores corporais que se cría que existían, a bile negra (atrabile), era, segundo eles, segregada polo bazo e producía melancolía. A diferenza disto, o Talmude (tratado Berachoth 61b) refírese ao bazo como órgano do riso. Esta asociación do bazo coa melancolía ou a irritabilidade continuou nalgúns países ata o século XIX.
- Véxase tamén: Patoloxía humoral, Hipócrates e Humor.
Notas
editar- ↑ Spleen, Internet Encyclopedia of Science
- ↑ 2,0 2,1 Mebius RE, Kraal G. (2005). Structure and function of the spleen. Nat Rev Immunol. 5(8):606-16. PMID 16056254
- ↑ Loscalzo, Joseph; Fauci, Anthony S.; Braunwald, Eugene; Dennis L. Kasper; Hauser, Stephen L; Longo, Dan L. (2008). McGraw-Hill Medical, ed. Harrison's principles of internal medicine. ISBN 9780071466332.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Swirski FK, Nahrendorf M, Etzrodt M, Wildgruber M, Cortez-Retamozo V, Panizzi P, Figueiredo J-L, Kohler RH, Chudnovskiy A, Waterman P, Aikawa E, Mempel TR, Libby P, Weissleder R, Pittet MJ. (2009). Identification of Splenic Reservoir Monocytes and Their Deployment to Inflammatory Sites. Science, 325: 612-616. doi 10.1126/science.1175202 PMID 19644120
- ↑ 5,0 5,1 Jia T, Pamer EG. (2009). Dispensable But Not Irrelevant. Science, 325:549-550. doi 10.1126/science.1178329 PMID 19644100
- ↑ Finally, the Spleen Gets Some Respect By NATALIE ANGIER, New York Times, August 3, 2009
- ↑ Brender, MD, Erin; Allison Burke, MA, illustrator, Richard M. Glass, MD, editor (2005-11-23). "Spleen Patient Page" (PDF). Journal of the American Medical Association (American Medical Association) 294 (20): 2660. PMID 16304080. doi:10.1001/jama.294.20.2660. Consultado o 2008-03-20.
- ↑ Enfermedades del bazo.
- ↑ eMedicine > Splenomegaly Author: David J Draper. Coauthor(s): Ronald A Sacher, Emmanuel N Dessypris, Lewis J Kaplan. Updated: Oct 4, 2009
- ↑ 10,0 10,1 Spielmann, Audrey L.; David M. DeLong, Mark A. Kliewer (1 January 2005). "Sonographic Evaluation of Spleen Size in Tall Healthy Athletes". American Journal of Roentgenology (American Roentgen Ray Society) 2005 (184): 45–49. PMID 15618639. Consultado o 2008-09-09.
- ↑ Blackbourne, Lorne H (2008-04-01). Lippincott Williams & Wilkins, ed. Surgical recall. p. 259. ISBN 9780781770767.
- ↑ "Penicilliary radicles". Medical-dictionary.thefreedictionary.com. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 2011-04-03.
- ↑ Vellguth, Swantje; Brita von Gaudecker, Hans-Konrad Müller-Hermelink. "The development of the human spleen". Cell and Tissue Research (Springer Berlin / Heidelberg) 242 (3): 579–592. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2019. Consultado o 2009-02-14.
- ↑ 14,0 14,1 M. Henry (2005). Masson, ed. Cirugía Clínica. p. 294. ISBN 84-458-1233-5.
- ↑ Carey, Bjorn (May 5, 2006). "Horse science: What makes a Derby winner - Spleen acts as a 'natural blood doper,' scientist says". MSNBC.com (Microsoft). Consultado o 2006-05-09.
- ↑ "Spleen: Information, Surgery and Functions". Childrens Hospital of Pittsburgh - Chp.edu. 2010-11-17. Arquivado dende o orixinal o 26 de setembro de 2011. Consultado o 2011-04-03.
- ↑ Robinette CD, Fraumeni JF Jr. (1977). Splenectomy and subsequent mortality in veterans of the 1939-45 war. Lancet. Jul 16;2(8029):127-9. PMID 69206 doi 10.1016/S0140-6736(77)90132-5
- ↑ Enfermedades del bazo.(en castelán)
- ↑ 19,0 19,1 19,2 Romer, Alfred Sherwood, e Parsons, Thomas S. (1977). Holt-Saunders International, ed. The Vertebrate Body. Philadelphia, Pennsylvania. pp. 410–411. ISBN 0-03-910284-X.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- SUNYAnatomyFigs|38|03|01 Superficie do bazo.Arquivado 21 de setembro de 2011 en Wayback Machine.
- SUNYAnatomyImage|7|8|81 [1]Arquivado 18 de febreiro de 2012 en Wayback Machine.
- "spleen" from Encyclopædia Britannica Online
- Spleen and Lymphatic System, Kidshealth.org (American Academy of Family Physicians)
- Spleen Diseases from MedlinePlus
- "Finally, the Spleen Gets Some Respect" New York Times piece on the spleen
- Bazo e Tomografía axial computerizada - CT Cases.net