Balsa muisca
A balsa muisca (en muisca: zhiny myska)[1] ou balsa dourada (en muisca: zhiny kihichá)[1] é unha peza votiva de ourivaría precolombiana feita pola cultura muisca, un pobo indíxena que habita no Altiplano Cundiboyacense dos Andes colombianos. A peza probablemente fai referencia á cerimonia de ofrenda de ouro descrita na lenda de El Dorado, que ocasionalmente tiña lugar na lagoa de Guatavita. Neste ritual, o novo xefe muisca (o zipa), que estaba a bordo dunha balsa e cuberto de po de ouro, guindaba obxectos de ouro á lagoa como ofrendas aos deuses, antes de mergullarse na lagoa. A figura foi creada entre os anos 1295 e 1410 mediante fundición á cera perdida nunha aliaxe de ouro con prata e cobre. A balsa formaba parte dunha ofrenda que foi colocada nunha cova do concello de Pasca. Dende o seu descubrimento en 1969, a balsa muisca converteuse nun emblema nacional de Colombia e foi representada nos selos de correos. A peza está exposta no Museo do Ouro de Bogotá.
Balsa muisca | |
Outros nomes | Balsa dourada |
Tipo | Ourivaría precolombiana |
Data | 1295 - 1410 |
Cultura | Pobo muisca |
Características | |
Lonxitude | 19,5 cm |
Anchura | 10,1 cm |
Altura | 10,2 cm |
Materiais | Ouro, prata e cobre |
Peso | 260 gramos |
Descuberta | |
Localización | Preto de Pasca, Colombia |
Data | 1969 |
Conservación | |
Localización | Museo do Ouro de Bogotá |
Contexto
editarPobo muisca
editar- Artigo principal: Pobo muisca.
O pobo muisca, tamén coñecido como chibcha,[2] vivía a 9500 pés (arredor de 2700 metros) de altitude nos Andes orientais de Colombia, preto da actual Bogotá, na cidade de Tunja e na lagoa de Guatavita.[3] Aínda que a maioría das aldeas muiscas tiñan un xefe e sacerdotes, os muiscas eran polo xeral un pobo agrícola e igualitario. Elaboraban cerámica e téxtiles e extraían esmeraldas e sal,[4] mais carecían de ouro[5] e da cera de abellas que precisaban para crear as súas pezas de ouro. Para obter esas materias primas, trocaban cos pobos veciños.[4] Como os muiscas eran un pobo igualitario, o ouro non se concentraba en mans duns poucos.[6] En troques, era común entre as familias muiscas a decoración de portas e ventás con obxectos de ouro.[7]
Ourivaría muisca
editarO ouro utilizouse en América Central dende os primeiros séculos d.C.[8] e era espiritual e simbolicamente importante para os pobos precolombianos.[9] Os actuais países do istmo, Costa Rica, Panamá e Colombia, xurdiron como unha única rexión de ourivaría que compartía estilos e metodoloxía, como o uso da fundición á cera perdida no canto da martelada.[2] O traballo do metal na rexión comezou con obxectos para rituais relixiosos e a realeza, e non como ferramentas, armas ou moeda; este uso simbólico estabeleceu dende o primeiro momento un precedente para a metalurxia ao longo da historia da rexión.[8]
As pezas de ouro muisca distínguense das doutros pobos precolombianos polo seu uso, fabricación e aspecto.[2] Os exvotos muiscas, chamados tunjos, non se usaban como adornos ou xoias, senón que tiñan fins simbólicos. Moitas veces eran pequenos abondo como para coller dentro da man; ás veces tan pequenos como 1,5 cm.[10] Os tunjos foron fundidos á cera perdida usando tumbaga, unha aliaxe de ouro que contén ata un 70% de cobre, mentres que noutras rexións o ouro foi martelado coa forma desexada. Ademais, os obxectos muiscas son identificables polas súas superficies rugosas en comparanza co ouro puído das rexións circundantes.[2] A arte muisca adoitaba incluír compoñentes que se referían á propia materia prima empregada na súa construción; por exemplo, unha estatua que era representada levando bolsas coa substancia coa que está feita.[11] Os paxaros son un motivo común na ourivaría colombiana.[2]
A ourivaría muisca influíu nunha ampla rexión. Atopáronse copias locais de figuriñas votivas muiscas en lugares tan arredados como a rexión de Linea Vieja, na costa atlántica de Costa Rica.[12] Algunhas destas tradicións de deseño mantivéronse sen cambios durante 1.000 anos e eran moi salientables no momento do contacto cos europeos.[13]
Lenda de El Dorado
editar- Artigo principal: El Dorado.
A balsa muisca conmemora unha cerimonia, detallada na lenda de El Dorado, na que un novo rei cubría todo o seu corpo con po de ouro, flotaba nunha balsa ata o centro dun lago e guindaba grandes cantidades de ofrendas de ouro á auga.[2] A lenda de El Dorado xurdiu de seis relatos, tres dos cronistas Fernández de Oviedo, Pedro Cieza de León e Juan de Castellanos, e tres dos conquistadores Gonzalo Pizarro, Gonzalo Jiménez de Quesada e Sebastián de Belalcázar; as descricións posteriores son elaboracións sobre estes seis relatos.[14] Aínda que a historia se adornaba con cada relato, todas as versións tiñan varios detalles en común, como o lago e o po de ouro. Tamén se sabe que os muiscas veneraban os lagos.[14] Jennings detalla a cerimonia tal e como ocorre nun relato:[15]
A lenda de El Dorado deriva da cerimonia de investidura dos gobernantes muiscas. O novo xefe era revestido de po de ouro e levado nunha balsa ao centro da sagrada lagoa de Guatavita. Ao amencer, cando a luz alcanzaba o seu corpo dourado, o xefe mergullábase na lagoa, lavando así o ouro, e emerxía como un gobernante humano nado do Sol dourado e divino. A música, os berros e, a continuación, o lanzamento de grandes cantidades de ouro á lagoa, acompañaban a cerimonia.[15]
Porén, algúns expertos dubidan de que El Dorado representado na lenda sexa a cerimonia na lagoa de Guatavita.[16] A cidade de El Dorado probablemente nunca existiu, mais El Dorado ou o Home de Ouro ten un fundamento na verdade histórica; El Dorado referíase probablemente ao gobernante dos muiscas.[15]
Visión xeral
editarDescrición
editarA balsa muisca é un pequeno exvoto feito cunha aliaxe de ouro, prata e cobre. Mide 19,5 cm de longo, 10,2 cm de ancho e 10,1 cm de alto.[17] A balsa contén once figuras humanas: unha figura central e grande sentada que representa o xefe ou cacique,[18] rodeada de dez figuras máis pequenas, as cales representan aos asistentes e remeiros,[19] algúns dos cales levan máscaras.[20] As figuras descansan sobre unha balsa de cana con forma de óvalo, que está composta por unha estrutura de soporte central con patrón de triángulo, con bobinas de arame ao redor do perímetro.[20] Como a maioría da ourivaría muisca, non hai figuras en volume; cada figura está moldeada como unha placa plana, adornada na parte frontal con detalles en forma de arame[21] e xoiaría de ouro.[22]
A superficie da peza está sen puír e parece basta en comparanza coas xoias muiscas, mais como outros exvotos, a balsa muisca non pretendía ser decorativa senón unha ofrenda simbólica; o aspecto desta peza era típico para o seu uso.[21] O exame microscópico non revelou ningunha xuntura en ningún lugar da balsa; a peza e cada detalle ornamental, incluídas as decoracións de ouro colgantes, creáronse nunha soa vertedura de ouro.[23] O proceso de fabricación foi intensivo; todo o proceso, dende dar forma a un molde de cera de abella ata romper o molde e revelar a peza de ouro, probablemente requiriu centos de horas de traballo[24] realizadas por un único artesán.[25]
Figura principal
editarA figura central, o cacique, está espida, sentada, e cruza os brazos sobre o peito en forma de W, característica común nas pezas de ouro muisca.[20] Leva un gran colgante de nariz rectangular, adornado con cabezas de paxaros e decoracións trapezoidais, así como un toucado e posiblemente unha coroa.[20] Ademais pódense ver adornos trapezoidais adicionais: tres colgantes, dous pendentes e outros tres arredor do corpo. Está sentado nun duho (unha cadeira pequena cun respaldo alto), e inclinado cara a atrás. O cacique está rodeado de estandartes e proxeccións en forma de plumas.[20]
A importancia da figura principal é evidente polo seu tamaño e polo seu corpo ricamente adornado.[26] O colgante do nariz tamén é significativo para identificalo como xefe; segundo un cronista español, os futuros caciques estaban encerrados nas casas dende pequenos e cando saían anos máis tarde, perforaban as orellas e levaban colgantes de ouro no nariz para indicar o seu novo status. Os colgantes do nariz estaban entre os artigos máis detallados e adornados da ourivaría dos muiscas.[26] O duho tamén está asociado co xefe,[27] e é significativo que ningunha das figuras que rodean á figura central estea de cara a el, sinal de reverencia ao cacique.[28]
Asistentes e remeiros
editarAs dez figuras restantes que rodean ao cacique, aínda que todas son moito máis pequenas ca el, pódense agrupar en tres tamaños: dúas figuras máis grandes que están na parte dianteira e no centro da balsa; dúas figuras sentadas de tamaño medio que as rodean; e seis figuras de pé máis pequenas.[29] As dúas grandes figuras na parte dianteira levan cada unha un toucado con once plumas, levan unha maraca, unha máscara en forma de cabeza de animal e levan un tridente preto da súa cintura.[30] As dúas figuras de tamaño mediano flanquean as dúas máis grandes, e levan un toucado enrolado posiblemente destinado a representar tecido.[30] Cada unha delas leva un poporo, un frasco con forma de cabaciña que contiña a cal que se mastigaba xunto coas follas de coca. As seis figuras máis pequenas sitúanse ao redor do perímetro da balsa e cada unha leva un toucado e leva un pequeno pau.[30]
Elemento (símbolo) |
% por composición |
---|---|
Ouro (Au) | 64.7±0.9 |
Prata (Ag) | 16.1±0.4 |
Cobre (Cu) | 19.2±1.2 |
Detalles técnicos
editarA uniformidade das figuras fai pensar que a balsa foi creada por un único artesán altamente formado.[25] Os investigadores aplicaron datación por radiocarbono aos restos de carbón que quedaron na balsa polo molde de fundición; as probas deron unha data de 1295-1410 d.C. para a construción da balsa.[32] Usando fluorescencia de raios X, os investigadores identificaron a "sinatura química" do ouro utilizado na balsa muisca e concluíron que procedía das terras baixas das beiras do río Magdalena, onde a xente aínda busca ouro hoxe en día.[33]
Descuberta
editarSábese de dúas balsas muiscas de ouro;[34] unha de Pasca, o tema deste artigo, e outra de Siecha, que se perdeu.[35] A balsa de Siecha foi a primeira en ser descuberta, e axudou ao descubrimento da balsa de Pasca.[34] En 1856, dous irmáns de Siecha chamados Joaquín e Bernardino Tovar drenaron parcialmente unha lagoa próxima e atoparon unha balsa votiva que asociaron coa cerimonia á que se refire a lenda de El Dorado.[34] Pasou ás mans do diplomático Salomón Koppel quen a vendeu a un museo de Alemaña,[34] o Museo Etnolóxico de Berlín,[36] mais cando o artefacto chegou ao porto de Bremen foi destruído nun incendio.[34] Porén, a través da enxeñaría inversa, un grupo da Universidade dos Andes (UNIANDES), en Bogotá, Colombia, recreou a balsa de Siecha en ouro e identificou un proceso de fundición plausible.[35]
Un século despois, en 1969, un campesiño de Pasca que se chamaba Cruz María Dimaté atopou nunha cova varias pezas de ouro e cerámica, e describiullas a Jaime Hincapié Santamaría, párroco do lugar.[34] O cura mostroulle a Dimaté un debuxo da balsa Siecha nun libro de Liborio Zerda, e Dimaté confirmou a súa semellanza coa balsa recentemente atopada. O padre Santamaría fixo que o obxecto fose adquirido polo Banco da República e exposta no Museo do Ouro de Bogotá, onde permanece.[34]
Creación
editarMaterias primas
editarOs muisca trocaban o seu sal, as esmeraldas e o algodón para obter o ouro necesario para os tunjos.[2] A altitude da rexión varía moito, creando pequenas zonas ecolóxicas nas que faltaban un ou máis recursos en cada localidade, o que fomentaba o comercio. Os estudos etnográficos revelan redes comerciais nas terras altas de Colombia que as conectan coas rexións circundantes, e fontes en lingua castelá confirman que estas redes se estenderon aos territorios dos incas.[37] O troco entre as terras altas e a costa consistía en peixes, cunchas e ouro por follas de coca, pementa e plumas de cores.[37] Os comerciantes locais movían os materiais entre as rexións mineiras e as rexións de traballo do ouro, nas que os produtos acabados eran trocados por ouro en bruto.[38] Os artesáns muiscas usaban aliaxes de ouro cunha variedade de composicións diferentes, dando como resultado unha ampla gama de cores.[39]
Fundición á cera perdida
editarPara crear as súas pezas de ouro, os muiscas utilizaron un método chamado fundición á cera perdida.[2] O proceso de fabricación en si era probablemente parte do ritual asociado con estes tunjos.[40] O proceso comezaba cando o artesán muisca elaboraba un modelo de cera coa forma desexada do obxecto, utilizando cera de abella recollida na rexión.[41] A cera de abella traballábase de dúas formas básicas: follas planas que se poden recortar en formas xeométricas para facer, por exemplo, o torso da figura; e fíos de cera de abella enrolada, que podían ser tan finos como 1 mm, usados para facer espirais e adornos, incluíndo detalles máis pequenos como os ollos ou as plumas.[42] Estas construcións revelan unha grande habilidade por parte do artesán: os compoñentes son moi uniformes e con poucos erros. Os únicos signos de traballo dos dedos atópanse na parte inferior da balsa, onde os elementos do deseño foron presionados na base branda.[43] Cada unha das figuras de cera probablemente foi creada como unha peza separada antes de fundirse no conxunto, quizais mediante unha ferramenta quente. Ademais do deseño previsto, o artesán engadía alimentadores de cera que permitían o fluxo de ouro fundido.[40]
A figuriña de cera cubríase completamente cunha mestura húmida e homoxénea de carbón fino e arxila, para formar un molde.[44] Para que o proceso de fundición tivese éxito, era necesario empaquetar a mestura húmida arredor da cera, tendo coidado de encher todas as fendas completamente, asegurándose de que os compoñentes que están destinados a colgar, como os pendentes, non se fusionan durante a fundición.[44] O artesán mostrou unha grande habilidade para encher estas fendas sen romper nin deformar a branda cera de abella.[44][45] Para elementos repetidos, como nunha cadea de contas ou colgantes, os muiscas utilizaban moldes de pedra -bloques que teñen unha figura tallada en relevo- para axudar na construción do modelo de cera; isto garantía certa uniformidade no elemento repetido.[46] O molde foi construído en capas sucesivas, e o artesán puido ter aumentado a proporción de arxila e carbón vexetal e tamén o tamaño do gran da mestura a medida que o molde crecía en tamaño, para mellorar a súa integridade estrutural.[47] A única parte do modelo de cera que non estaba cuberta era unha pequena abertura preto da proa da balsa, onde máis tarde se vertería o ouro fundido.[47]
Unha vez que o molde de arxila e carbón seco endurecía, o artesán aplicaba calor para derreter a cera de abella, e deixaba que se coase pola abertura, creando unha cavidade en forma de figuriña no barro.[48][49] Este foi o único molde empregado para a fundición da balsa muisca.[48] Xusto antes da fundición real, o molde foi prequentado a varios centos de graos para permitir o fluír suave do ouro fundido en todas as fendas e detalles antes de endurecer; isto tamén axudou a protexer a figura contra a fractura no caso dun arrefriamento demasiado rápido.[48] O paso final da fundición era abrir o molde a martelazos, revelando unha copia perfecta da figuriña de cera de abella, esta vez en ouro.[50][48] Porén, a balsa muisca tivo problemas durante o proceso de fundición: desenvolveuse unha fractura na base da peza, o que deu como resultado que unha gran parte da base da balsa, que se supoñía que sería un entrecruzamento de elementos calados, mostrase no seu canto unha delgada lámina de ouro macizo.[51]
Dourado por esgotamento
editarCando a fundición remataba, o artesán podía tratar a peza con dourado por esgotamento, unha técnica para aumentar a pureza do ouro na superficie do obxecto.[52] O ouro colombiano combinábase co cobre nunha aliaxe chamada tumbaga, unha palabra en malaio que significa cobre, e a composición da aliaxe foi especialmente escollida polos artesáns muiscas para cada peza do exvoto.[53] O proceso de dourado por esgotamento funciona co principio de que o ouro é resistente á oxidación mentres que outros metais non o son.[52] A peza foi tratada recubrindo a superficie con ácido ou envasándoa en sal, que reacciona coa prata e o cobre contidos na aliaxe, pero non reacciona co ouro. O resultado é unha peza cunha pureza de ouro superior na superficie ca no centro do obxecto; o proceso pode ser axustado para producir unha variedade de coloracións de superficie do metal.[52] En xeral, os muiscas non facían moito máis para rematar os seus traballos de ouro, e a balsa muisca seguiu esa tendencia.[51] Non houbo ningún esforzo para corrixir os erros de fundición e a superficie quedou sen puír; os restos de carbón vexetal do molde quedaron nas fendas das figuras.[51]
Ofrenda
editarA ofrenda que contiña a balsa muisca foi colocada nunha cova na costa dun outeiro, coñecida como "La Campana", situada entre as rúas Lázaro Fonte e El Retiro no concello de Pasca, Cundinamarca.[54] A ofrenda contiña outros tres artefactos, incluíndo unha peza de ouro máis pequena, dúas cerámicas (incluíndo un recipiente de ofrendas grande e un recipiente máis pequeno); tamén puido haber unha caveira felina, mais perdeuse.[55] A obra de ouro máis pequena tamén era unha fundición á cera perdida que representaba a un home sentado nunha litera, ou unha cesta para transportar a realeza usando a forza humana. A peza representa ao humano cos ollos pechados e a boca alongada amosando os dentes.[56] A peza de cerámica máis grande tiña 25,8 cm de alto por 31,5 cm de ancho,[55] feita de pasta fina, e estaba cuberto por un debuxo vermello. A cerámica máis pequena e redondeada estaba ben construída e rematada cunha superficie lisa e puída.[56]
As ofrendas dos muiscas eran comúns e variaban segundo o tempo e o lugar.[57] As ofrendas incluían efixies humanas de ouro, cerámica, esmeraldas, cabelo, sangue e caveiras de animais; e depositábanse en lagoas, covas e detrás das fervenzas. O propósito da ofrenda era gañar o favor dunha deidade coa esperanza de que ofrecese sanación; ou bendicir un matrimonio, colleita, edificio ou cerimonia. As ofrendas tamén puideron estar asociadas co poder político, xa que varios cacicados competiron polo poder.[57]
Ás veces a ofrenda era colocada por un sacerdote, e outras por un laico.[58] Segundo os relatos españois, as ofrendas facíanse para gañar o favor dunha deidade e, de feito, cada santuario estaba asociado cun deus distinto que atendía rogos específicos. Uribe Villegas detalla o relato dun cronista español:[58]
Os muiscas tiñan un deus para cada necesidade. Chibchacum, de Bogotá, era o deus dos comerciantes, ourives, campesiños e dos ricos; Nencatacoa, das borracheiras, as tecedoras e os pintores de mantas. Cuchavira, o arco da vella, ao que se lle debían ofrecer figuriñas de "ouro de baixo quilate", era o deus dos partos. Entre os moitos deuses, Bochica, a divindade principal, era señor dos xefes e capitáns e, como Chibchacum, só recibía ofrendas de ouro.[58]
A mensaxe dunha ofrenda muisca era máis importante ca a súa exhibición.[59] No caso da ofrenda de Pasca que contiña a balsa muisca, é probable que fose unha resposta ás tensións políticas entre varias xefaturas da zona.[60] Nunha época de tensión, a ofrenda da balsa puido ser un intento de "reforzar o prestixio dun líder nunha situación circunstancial".[60] É probable que a balsa fose encargada por unha persoa poderosa como o cacique. A balsa en si levaba moito tempo producila e fíxose cunha alta calidade, ao igual ca os outros obxectos da ofrenda. A propia vasilla de ofrendas é unha das máis grandes coñecidas entre os muiscas.[61]
Saqueo e protección
editarAínda que nin os conquistadores nin os cazadores de tesouros foron testemuñas da cerimonia, a súa lenda seduciu os europeos,[34] que desexaban ouro para pagar os seus barcos, armas e cabalos e, tamén aumentar as súas riquezas persoais. Como resultado, os aventureiros intentaron recuperar máis artefactos. Heidi King describe tales esforzos:[2]
Nos séculos transcorridos dende a conquista perdéronse incontables vidas e grandes fortunas nos intentos de recuperar os tesouros. O esforzo máis serio foi acometido a finais do século XVI por un rico comerciante de Santa Fe de Bogotá que, coa axuda de oito mil obreiros locais, fixo unha gran fenda, aínda visible na paisaxe, por un lado da montaña da lagoa e baixou o nivel da auga uns sesenta metros. Infinidade de obxectos de ouro e outras ofrendas, incluíndo unha esmeralda do tamaño dun ovo de galiña, foron recuperados dos bordos do leito do lago. Fixéronse varias expedicións, mais a zona central da lagoa permanece intacta.[2]
Os españois atoparon grandes cantidades de ouro na lagoa de Guatavita.[62] Cando a procura do tesouro na lagoa se fixo demasiado custosa, roubaban pezas de ouro directamente das aldeas muiscas. Os artefactos roubados fundíronse en lingotes e dobróns, que Filipe II enviou a España.[62]
Hoxe en día, existen proteccións para preservar o patrimonio muisca, incluíndo tunjos como a balsa muisca. Como parte do seu plan de patrimonio histórico e cultural de Colombia, o goberno puxo a lagoa de Guatavita baixo protección legal en 1965.[2] A balsa Muisca, xunto cunha gran colección doutros tunjos, consérvanse no Museo do Ouro de Bogotá. A directora do museo, a arqueóloga María Alicia Uribe Villegas, así como o arqueometalúrxico Marcos Martinón-Torres, aplicaron técnicas modernas para estudar e conservar máis de 80 tunjos deste tipo no museo.[62]
Legado da súa imaxe
editarO 10 de marzo de 2004, os servizos postais de Colombia lanzaron unha folla filatélica conmemorativa que representaba a balsa muisca en dous selos de correos.[63][64] As follas filatélicas tiñan un tamaño de 84 x 62 mm e estaban conformadas por dous selos con valores de $1.700 e $2.000. Emitírone en total 70.000 follas desta serie, as cales se puxeron á venda o 31 de outubro de 2004.[65]
Unha serie de billetes de 2 pesos colombianos que emitiu o Banco da República en 1972 presentaba a imaxe da balsa muisca no reverso e o retrato de Policarpa Salavarrieta no anverso. Devandito billete imprimiuse en seis emisións até 1977.[66]
Dous concellos colombianos do departamento de Cundinamarca teñen a imaxe da balsa muisca nos seus escudos. No escudo do concello de Sesquilé representa a relación da cultura muisca coa lagoa de Guatavita, a cual se atopa na súa xurisdición. No escudo do concello de Pasca a figura da balsa fai referencia ao lugar onde foi atopada.
-
Escudo de Sesquilé (Cundinamarca)
-
Escudo de Pasca (Cundinamarca)
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 zaquenzipa.org (ed.). "Diccionario Muisca - Español / Español - Muisca" (PDF). Consultado o 7 de setembro de 2024.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 King 2002, p. 25.
- ↑ Attenborough 1976, p. 63.
- ↑ 4,0 4,1 Martinón-Torres & Uribe-Villegas 2015, p. 4.
- ↑ Jason 2013, 24:50.
- ↑ Jason 2013, 13:20.
- ↑ Vega 2003b.
- ↑ 8,0 8,1 Pillsbury, Richter & Potts 2017, p. 1-2.
- ↑ King 2002.
- ↑ Wong 2013.
- ↑ Brotherston 2003, §South America, Pre-Columbian (3) (i) (e).
- ↑ Brotherston 2003, §South America, Pre-Columbian (5) (iii) (a).
- ↑ Brotherston 2003, §South America, Pre-Columbian (1) (i).
- ↑ 14,0 14,1 Hemming 1979, p. 101-104.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 Jennings 1983, p. 172.
- ↑ Hemming 1979, p. 103.
- ↑ Museo del Oro, Bogotá.
- ↑ Toquica, Cruz & Torres 2003, §Viceroyalty of New Granada.
- ↑ Sparavigna 2016, p. 4.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 9.
- ↑ 21,0 21,1 Bray 2003, §Muisca.
- ↑ Jason 2013, 4:25.
- ↑ Jason 2013, 10:30.
- ↑ Jason 2013, 14:15.
- ↑ 25,0 25,1 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 14.
- ↑ 26,0 26,1 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 28.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 31.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 33.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 9-10.
- ↑ 30,0 30,1 30,2 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 10.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 26.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 47.
- ↑ Jason 2013, 28:55.
- ↑ 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 34,5 34,6 34,7 La balsa muisca y el Dorado.
- ↑ 35,0 35,1 Rueda & Escobar 2017.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 37.
- ↑ 37,0 37,1 Jennings 1983, p. 143.
- ↑ Jennings 1983, p. 145.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 25-27.
- ↑ 40,0 40,1 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 17.
- ↑ Jason 2013, 33:20.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 13.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 14-17.
- ↑ 44,0 44,1 44,2 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 18.
- ↑ Jason 2013, 34:20.
- ↑ Brotherston 2003, §South America, Pre-Columbian (5) (ii).
- ↑ 47,0 47,1 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 21.
- ↑ 48,0 48,1 48,2 48,3 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 22.
- ↑ Jason 2013, 34:35.
- ↑ Jason 2013, 35:14.
- ↑ 51,0 51,1 51,2 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 23.
- ↑ 52,0 52,1 52,2 Sparavigna 2016, p. 2.
- ↑ Villegas & Martinón-Torres 2012, abstract.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 4.
- ↑ 55,0 55,1 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 7.
- ↑ 56,0 56,1 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 12.
- ↑ 57,0 57,1 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 46-49.
- ↑ 58,0 58,1 58,2 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 46.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 50.
- ↑ 60,0 60,1 Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 52.
- ↑ Uribe-Villegas, Martinón-Torres & Quintero-Guzmán 2021, p. 43.
- ↑ 62,0 62,1 62,2 McNair 2017.
- ↑ Scott Catalogue of Postage Stamps, Souvenir sheet CO 1221.
- ↑ "Estampilla sobre la ceremonia de El Dorado". Banco da República. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2007. Consultado o 29 de marzo de 2012.
- ↑ "Emisiones colombianas mes de octubre". Afitecol. Consultado o 29 de marzo de 2012.
- ↑ Colección virtual numismática (ed.). "Billetes de 2 pesos". Consultado o 17 de agosto de 2011.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Attenborough, David (1976). The tribal eye. Nova York: Norton. ISBN 0393044661.
- "La balsa muisca y el Dorado". Banrepcultural. Banco da República de Colombia.
- Bray, Warwick (2003). "Muisca [Chibcha]". Grove Art Online. Oxford: Oxford University Press. doi:10.1093/gao/9781884446054.article.T060197.
- Brotherston, Gordon (2003). "South America, Pre-Columbian". Grove Art Online. Oxford: Oxford University Press. doi:10.1093/gao/9781884446054.article.T079951.
- Hemming, John (1979). The search for El Dorado. Nova York: Dutton. ISBN 0876903235.
- Jason, Karl (2013). "Golden Raft of El Dorado". Secrets. Smithsonian Channel.
- Jennings, Jesse D., ed. (1983). Ancient South Americans. San Francisco: Freeman. ISBN 0716714299.
- King, Heidi (2002). "Gold in Ancient America". The Metropolitan Museum of Art Bulletin (The Metropolitan Museum of Art) 59 (4): 5–55. JSTOR 3269153. doi:10.2307/3269153.
- Martinón-Torres, Marcos; Uribe-Villegas, María Alicia (2015). "The prehistoric individual, connoisseurship and archaeological science: The Muisca goldwork of Colombia". Journal of Archaeological Science 63: 136–155. Bibcode:2015JArSc..63..136M. doi:10.1016/j.jas.2015.08.014. Consultado o 16 de setembro de 2022.
- Martinon-Torres, Marcos; Uribe-Villegas, Maria Alicia; Saenz-Samper, Juanita; Lobo-Guerrero, Jimena (2017). "Archaeometallurgy in Colombia: Recent Developments". Archaeology International (Ubiquity Press) 20 (5). doi:10.5334/ai-354.
- McNair, Charles (2017). "From Alabama to Colombia: The Legend of El Dorado and Inaugural Day". Paste Magazine (Decatur, Georgia).
- Pillsbury, Joanne; Richter, Kim; Potts, Timothy, eds. (2017). Golden Kingdoms: Luxury Arts in the Ancient Americas. Os Ánxeles, California: J. Paul Getty Museum. ISBN 9781606065488.
- Rueda, Natalia Andrea; Escobar, Jairo Arturo (2017). "Reconstruction of the lost Muisca Siecha raft pouring process by reverse engineering methodology". Materials and Manufacturing Processes (Taylor & Francis) 32 (7–8): 749–755. doi:10.1080/10426914.2017.1279324.
- Sparavigna, Amelia Carolina (2016). "Depletion Gilding: An Ancient Method for Surface Enrichment of Gold Alloys". Mechanics, Materials Science & Engineering 2 (1): 1–8. arXiv:1601.00845.
- Toquica, Constanza; Cruz, Juan Pablo; Torres, Anamaría (2003). "Viceroyalty of New Granada". Grove Art Online. Oxford: Oxford University Press. ISBN 9781884446054. doi:10.1093/oao/9781884446054.013.2000000035.
- Uribe-Villegas, María Alicia; Martinón-Torres, Marcos; Quintero-Guzmán, Juan Pablo (2021). "The Muisca Raft: Context, Materiality and Technology" (PDF). En McEwan, Colin; Hoopes, John W. Pre-Columbian Central America, Colombia, and Ecuador : toward an integrated approach. Dumbarton Oaks. pp. 275–303.
- Vega, Natalia (2003a). "Bogotá". Grove Art Online. Oxford: Oxford University Press. ISBN 9781884446054. doi:10.1093/gao/9781884446054.article.T009596.
- Vega, Natalia (2003b). "Tunja [Hunza]". Grove Art Online. Oxford: Oxford University Press. doi:10.1093/gao/9781884446054.article.T086552.
- Villegas, M.; Martinón-Torres, M. (2012). "Composition, colour and context in Muisca votive metalwork (Colombia, AD 600–1800)". Antiquity 86 (333): 772–791. doi:10.1017/S0003598X00047918. Consultado o 16 de setembro de 2022.
- "Votive figure in the shape of a ceremony". Google Arts & Culture. Museo do Ouro, Bogotá. Consultado o 8 de outubro de 2022.
- Wong, Jessica (2013). "Rethinking the Muisca". The City Paper (Bogotá). Consultado o 2 de outubro de 2022.
- "Souvenir sheet CO 1221". Scott Catalogue of Postage Stamps 2. Scott Publishing Company. 2016. p. 508.
Outros artigos
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Balsa muisca |
Ligazóns externas
editar- "How the Golden Raft of El Dorado Was Crafted" (video). www.si.edu (en inglés). Smithsonian Institution. 2013-07-22.