Balboa (moeda)

unidade monetaria de Panamá

Modelo:Cadro de moneda

O balboa é unha das dúas moedas de curso legal na República de Panamá[1], desde a súa introdución en 1904, xunto co dólar estadounidense, ao que desde entón ten vinculado o seu valor.[2][3]

Divídese en 100 centésimos. O seu código ISO 4217 é PAB e o seu símbolo monetario B/.[4][5]

Historia

editar

O balboa creouse en 1904, un ano despois de que Panamá se independizase de Colombia. A Convención Nacional de Panamá emitiu a Lei 84, do 28 de xuño, en cuxo primeiro artigo se establecía o balboa como moeda nacional, cuñada en prata de 900 milésimas e cun peso de 1,672 gramos. Na mesma disposición fixábase o valor do balboa no do dólar estadounidense e determinábase que este tería tamén curso legal no país.[6]

Moedas

editar
 
Moeda de 2½ centésimos, hoxe fóra da circulación.

En 1904, cando se creou o balboa, recolléronse todas as moedas que naquel momento estaban en circulación no país, do sistema do peso colombiano, e fundíronse para cuñar as moedas da nova república. A primeira serie compúñase dos valores de 2½, 5, 10, 25 e 50 centésimos, e non foi ata 1931 cando se cuñou a primeira moeda co valor facial dun balboa, con características similares ás do dólar estadounidense. A primeira moeda co valor dun centésimo cuñouse en 1935.[7][8]

Os valores en circulación son os de 1, 5, 10, 25 e 50 centésimos, así como 1 balboa.[8] Proxectouse tamén a cuñaxe de moedas de dous e de cinco balboas, aínda que esta idea non prosperou.[9]

Todas as moedas panameñas posteriores a 1908 están cuñadas na planta da Royal Canadian Mint en Otava, Canadá.[8]

Moedas en circulación
Imaxe Valor Datas Metal Diámetro Peso Anverso Reverso
 
1

centésimo

[10]

1996-2019
Cinc bañado en cobre.
19,05 mm
2,5 g
REPÚBLICA DE PANAMÁ / UN CNTÉSIMO DE BALBOA
Xefa inca Urracá
 
5

centésimos

[11]

2001-2019
Cuproníquel.
21,3 mm
5 g
Escudo de Panamá
Sara Sotillo
 
1/10

balboa

[12]

2008-2019
Cobre bañado en cuproníquel.
17,9 mm
2,27 g
Escudo de Panamá
Vasco Núñez de Balboa
 
¼

balboa

[13]

2001-2019
Cobre bañado en cuproníquel.
24,26 mm
5,67 g
Escudo de Panamá
Vasco Núñez de Balboa
 
½

balboa

[14]

2001-2019
Cobre bañado en cuproníquel.
30,61 mm
11,34 g
Escudo de Panamá
Vasco Núñez de Balboa
 
1

balboa

[15]

2011-2019
Aro: aceiro niquelado.

Núcleo: aceiro bañado en níquel-bronce.

26,5 mm
7,2 g
Vasco Núñez de Balboa
Armas de Panamá

Billetes

editar
 
Billete dun balboa de 1941.

En 1941, o presidente da República Panameña, Arnulfo Arias, promoveu que o Goberno executase o artigo 156 da Constitución do país, para autorizar os bancos oficiais e privados do país a emitiren papel moeda. Como resultado, aprobouse o Decreto 6, do 30 de setembro de 1941, que creaba o Banco Central de Emisión da República de Panamá, e o día seguinte, por medio do Decreto 103, do 1 de outubro, ordenouse a posta en circulación de papel moeda. O banco foi autorizado a emitir 6 millóns de balboas en papel moeda, aínda que a cantidade emitida o 2 de outubro do mesmo ano, cando os billetes se puxeron en circulación, non superou os 2,7 millóns de balboas. Uns días despois, o 7 de outubro, a autoridade da Canle de Panamá emitiu unha circular na que se indicaba que o papel moeda panameño podía ser aceptado en todas as dependencias da canle.[16]

Porén, aos sete días da súa posta en circulación, o Goberno de Arias foi derrocado e substituído polo de Ricardo Adolfo de la Guardia, apoiado polos EEUU. O novo Goberno pechou inmediatamente o banco e os billetes comezaron a ser retirados da circulación e, finalmente, incineráronse nos talleres do Colexio Artes e Oficios entre o 13 de xuño e o 6 de xullo de 1942. Os billetes, con valores de 1, 5, 10 e 20 balboas, foran impresos pola compañía Hamilton Bank Note Company, de Nova York.[16][17]

  1. "Balboa" en: DRAG, Portal das Palabras e Digalego.
  2. Cambio entre balboa e euro e co dólar. Nataf.net
  3. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Balboa". En Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. Páxina 37. ISBN 978-84-8181-405-7
  4. "World Currency Symbols". Xe.com
  5. "Códigos de divisas por países". Iban.com
  6. "Ley 84 de 1904, sobre la moneda (de 28 de junio)". Docplayer.es
  7. De León Watson, O. (2017). "La historia a través de las monedas". En Panamá América. 24 de outubro.
  8. 8,0 8,1 8,2 "Coins from Panama. Balboa (1904-date)". Numista.com
  9. "Pérez, K. (2012). "El peso de los balboas Arquivado 03 de abril de 2019 en Wayback Machine.". En Martes Financiero. 733. 19 de xuño.
  10. "1 Centésimo". Numista.com
  11. "5 Centésimos Sara Sotillo". Numista.com
  12. "1/10 Balboa". Numista.com
  13. "¼ Balboa". Numista.com
  14. "½ Balboa". Numista.com
  15. "1 Balboa". Numista.com
  16. 16,0 16,1 "Una breve historia de la desaparecida moneda Balboa". Panamaviejaescuela.com
  17. "Panamá". Banknote.ws

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar