Baño maría
O baño maría[1][2] é un método de calefacción empregado nas industrias (farmacéutica, cosmética, de alimentación, como a conserveira), en laboratorios de química (especialmente en química orgánica, para a síntese orgánica), en bioloxía molecular e na cociña, para conferir unha temperatura uniforme a unha substancia líquida ou sólida, ou para quecela lentamente, mergullando o recipiente que a contén noutro maior que contén auga ou aceite que se levan a, ou están en, ebulición.
Esta técnica que quecemento ten a vantaxe de evitar unha achega de calor demasiado forte e permite controlar o quecemento evitado o risco de que se queime, mesmo parcialmente, o que se está preparando. O aceite emprégase cando se queren alcanzar temperaturas superiores aos 100 °C.
Concepto
editarO concepto de baño maría implica o quecemento indirecto, por convección térmica do medio auga.
Para quentar ao baño maría hai que introducir un recipiente pequeno dentro doutro máis grande con auga e poñelo ao lume. Deste xeito, o que se quenta en primeiro lugar é a auga contida no recipiente de maior tamaño, e esta é a que, pouco a pouco, vai quecendo o contido do recipiente menor, dun modo suave e constante. É indispensábel que en todo o tempo o recipiente interior (o máis pequeno), teña contacto coa auga; doutra forma non se producirá a transmisión da calor.
Utilizando diferentes líquidos (aceites, solucións salinas etc.) no recipiente inferior obteremos diferentes temperaturas de traballo. Cando se usa auga, a máxima temperatura do produto do recipiente superior non excederá os 100 °C (punto de ebulición da auga ao nivel do mar e presión normal).
Historia e lenda do baño maría
editarSobre a invención do baño maría hai varias versións.
Segundo o químico alemán Lippmann, o médico e matemático grego do século V a.C. Hipócrates de Chios e o naturalista Teofrasto século IV a.C. foron os primeiros que describiron a técnica do baño maría [3].
A primeira mención desta versión é de Zósimo de Panópole, autor no século IV do máis antigo texto coñecido sobre a alquimia.
Pero atribúese a vulgarización do baño maría a Alberte o Magno (c. 1200-1280).
Segundo o patrón da química e dos químicos, o nome de baño maría proviría do vocabulario alquímico antigo, falando daquela do "baño maría" en referencia á alquimista María a Xudía, irmá de Moisés e Aarón, e unha das figuras da alquimia no século III, sobre a existencia da cal non hai acordo, pero á que se lle atribúen tamén a orixe de certos utensilios de laboratorio.
Dise que María a Xudía experimentara o método do baño en auga (Balneum Mariae en latín medieval) para imitar as condicións da natureza e quentar lentamente mesturas de varias substancias (elixir) e producir deste xeito ouro ou outros metais preciosos.
A primeira cita en latín Balneum Mariae data de comezos do século XIV, no Rosarium atribuído a Arnau de Vilanova (c. 1238-1311)[4].
Usos do baño maría
editarEn cociña
editarCo baño maría pódense elaborar sobremesas como flan, pudin ou paté, e é un método ideal para quentar elaboracións delicadas, como fundir chocolate sen que se queime. Tamén para a elaboración de salsas, como por exemplo a salsa holandesa e a salsa bearnesa, así como diferentes tipos de cremas. E é o proceso que se usa para facer conservas, e tamén para quecer os biberóns.
Podemos cocer ao baño maría sobre o lume ou á calor da nosa cociña ou no forno, e para obter bos resultados debemos ter en conta algúns puntos, como non encher demasiado o recipiente da auga xa que cando comece a ferver podería salpicar. Sempre é mellor engadir auga quente, e non fría, no caso de que fixera falta.
En química
editarOs químicos utilizan frecuentemente o baño maría para evitaren a destrución de moléculas termolábiles por contacto coa parede do recipiente excesivamente quente; a axitación non é suficiente para a repartición das calorías. Permite unha mellor regulación da temperatura, aínda que se necesita unha achega de enerxía máis importante.
Permite tamén aumentar a temperatura do medio reaccionante.
En bioloxía molecular
editarUtilízase principalmente o baño maría, por exemplo, para efectuar desnaturalizacións. Para aplicacións a máis baixa temperatura, como as dixestións enzimáticas cos enzimas de restrición sobre o ADN a 37 °C, por exemplo, utilizarase mellor un baño termostático.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para baño.
- ↑ Dicionario de alimentación e restauración Arquivado 11 de abril de 2016 en Wayback Machine. p. 46.
- ↑ Edmund von Lippman Zur geschiste des Wasserbades, en Abhandlungen und Vortäge zur Geschichte der Naturwissenschaft (2 Vols.) 1906-1913, citado por Patai 1995 páxina 62
- ↑ Définitions lexicographiques et étymologiques de « bain-marie » du CNRTL.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Baño maría |
Bibliografía
editar- Patai, Raphael (1995). The Jewish alchemists: a history and source book, Princeton University Press.
Ligazóns externas
editar- José María de Jaime Lorén. 2003. Epónimos científicos. Baño María. María La Judía. Universidad Cardenal Herrera-CEU. (Moncada, Valencia).
- Prof. Dr. Hassan S. El Khadem. 1996. A Translation of a Zosimos' Text in an Arabic Alchemy Book. Journal of the Washington Academy of Sciences. Volume 84. Number 3, pp. 168–178. Setembro de 1996