BMX
O BMX (acrónimo do inglés Bicycle Moto Cross) é unha modalidade acrobática do ciclismo orixinada en California na década de 1970. Practícase empregando un tipo específico de bicicleta que recibe o mesmo nome.
Orixe
editarO BMX orixinouse en California ó comezo da década de 1970, cando os mozos tentaban imitar ós campións de motocross coas súas bicicletas. Na década de 1980 xeneralizouse a variante coñecida como race, ou carreiras en circuítos de terra, moi similares ós realizados con motos. Máis tarde, a mediados da década dos 80, coas primeiras bicis exclusivas de freestyle comezaríanse a facer trucos en skateparks ou incluso na rúa, consolidando o que agora coñecemos como BMX.
En 1977 a American Bicycle Association (ABA) deu en organizarse como unha entidade nacional para o crecemento do deporte que se introduciu en Europa en 1978. En abril de 1981 fundouse a Federación Internacional de BMX e o primeiro campionato do mundo celebrouse en 1982. Dende xaneiro de 1993 o BMX foi integrado dentro da Union Cycliste Internationale.
Características das bicicletas de BMX
editarAs bicicletas son de tamaño pequeno (as rodas teñen un diámetro de 20" polgadas), para gañar manexabilidade sobre elas. Os cadros adoitan estar fabricados cunha aliaxe de cromo e molibdeno e adoitan ser algo máis longos para rampla e dirt jump (21, 21,5 polgadas) e os curtos (20,75, 20,5 polgadas) para street (rúa). O tamaño do prato cambia dependendo da modalidade. En rampla, flatland e street lévanse polo normal pequenos, con relacións que varían dende 25 dentes de prato a 30, principalmente por lixeireza e comodidade. Un prato así non toca coas superficies, e os pratos máis grandes (entre 35 e 40 dentes) úsanse en dirt e race para desenvolver maior velocidade, pero estanse abandonando polo seu elevado peso. O freo rotor é frecuentemente usado para flatland e rampla, para poder dar voltas ó guiador sen problemas cos freos, e en rúa é substituído por un cable.
Na maioría de modalidades empréganse pegs. Estes son uns apoios feitos cunha aliaxe de cromo e molibdeno, aluminio mecanizado ou plástico. Son usados en rampla para facer stalls, que consisten en se cravar no coping da rampla e realizar trucos como se manter sobre un peg etc. En rúa empréganse para guindar sobre cemento, varandas, bancos etc, e adoitan ser máis longos e resistentes do habitual. En race e dirt non se usan.
Figuras básicas
editar- BunnyHop. É o salto básico de BMX. Tírase do guiador cara a arriba e logo empuxalo cara a diante mentres se recollen as pernas para deixar que a bici suba.
- Nollie. É o bunnyhop invertido. Bótase o peso do corpo cara a adiante para erguer a roda traseira mentres se encollen os brazos. Logo estíranse os brazos con forza para lanza-lo corpo cara a arriba e vólvense a recoller para que a bicicleta suba. É moi difícil e adóitase usar para baixar chanzos de lado, xa que neste caso non é necesario saltar moito.
- Fakie. Consiste en ir cara a atrás. É necesario pedalear cara a atrás, aínda que se pode usar un piñón freecoaster, que permite ir cara a atrás sen pedalear. Calquera figura á que se lle engada fakie execútase cara a atrás.
- Rollback ou half cab. Xirar 180º a bicicleta no chan para cambiar o sentido da marcha. Úsase para saír do fakie.
- 180 BunnyHop. Dáse un salto dende o chan e xírase 180º no aire. Úsase para empezar un fakie, xa que a aterraxe se fai cara a atrás.
- 360. Consiste en dar unha volta completa sobre ti mesmo. É diferente do 180.
- Manual. Desprazarse en equilibrio sobre a roda traseira sen dar pedais, axudado unicamente polo peso do corpo botado cara a atrás.
- NoseManual. Desprazarse en equilibrio sobre a roda dianteira. Para empezar é conveniente colocarse na posición usando o freo dianteiro. En parado chámase endo ou invertido.
- Tailwhip. Xirar o cadro da bicicleta 360º, a parte do guiador debe estar fixa.
- Barspin. Xira-lo guiador 360º.
- X-Up. Moi asemellado ó barspin pero o guiador xira só 180º, entón os brazos forman unha X. O X-Down é o mesmo pero en dirección contraria.
- Footjam. Poñer un pé sobre a roda dianteira provocando que a bici faga unha cabriola. Existe unha variante chamada footjam tailwhip.
- Tabletop. Pregar a bici cara a un costado. Se a bici queda á altura do home chámase invert.
- Non Hand/Foot. Soltar as dúas mans do guiador e volvelas a poñer. Xeralmente agárrase o cadro cos xeonllos botándoo cara a arriba, de maneira que teñamos o guiador no ventre. O non foot consiste en soltar os pés dos pedais. O non footed can can é unha variante do non foot que consiste en quita-las pernas dos pedais e estiralas cara a un lado da bicicleta, como se se pegase unha patada ó aire.
- One Hand/Foot. Igual que os anteriores pero soltando unha soa man ou pé.
- Backflip. Dar unha volta cara a atrás. Tamén existe o frontflip, que é o mesmo pero dando unha volta cara a adiante.
- Turndown. Estirar as pernas ó máximo e cruzar o guiador por detrás delas.
- Nothing. Soltar a bicicleta por completo, tratando que o corpo quede como unha estrela de mar.
Modalidades
editarRace
editarRealízase nunha pista que é unha emulación do motocross, hai dous tipos de bici definidas polo diámetro da planta: 20" e 24". As competicións son co mesmo formato que no atletismo de pista: saen oito corredores cada un pola unha rúa. O circuíto ten unha lonxitude aproximada de 400 m que os corredores completan en aproximadamente 30 segundos. Só pasan á seguinte rolda os 4 primeiros clasificados ata formar unha manga final.
FreeStyle
editarDentro do FreeStyle diferéncianse 5 modalidades:
- Dirt jump. Consiste en realizar saltos (jumps) acrobáticos utilizando ramplas de terra (dirt).
- Flatland. As acrobacias son desempeñadas nunha superficie de cemento ou pavimento, realizando xiros subido nos pegs, o cadro, o guiador... O equilibrio e a concentración necesarios fai desta disciplina unha das máis difíciles. As bicis utilizadas en flatland adoitan ter formas especiais para mellorar o equilibrio.
- Park. Consiste en realizar acrobacias utilizando un conxunto de ramplas e outros obstáculos de cemento ou madeira nunha configuración chamada park. O acróbata trata de formar "liñas" no park e pasar dunha figura a outra, dun obstáculo a outro, con fluidez. As figuras máis comúns adoitan ser o barspin, o tailwhip, o x-up, o crankflip, o backflip, o frontflip ou o superman (coa variante "seatgrab"). Incluso pódense realizar nos bordos das ramplas figuras de grind ou grab, máis comúns en street. Tamén son comúns figuras realizadas ó subir ó bordo da rampla, como o tailtap.
- Vert. É necesario contar cunha rampla de madeira cunha sección vertical na parte superior. Esta sección permite ó acróbata saltar verticalmente ó realiza-los seus trucos e volver a caer na mesma rampla. Polo xeral as ramplas son construídas con forma semicilíndrica. As figuras son similares ás do park, a excepción de que non se cambia de rampla, e os aéreos (voos ó saltar dende a rampla) adoitan ser moito máis altos.
- Street. Empréganse obstáculos da rúa como bancos, paredes etc. Adoitan facer figuras de grind, que consisten en esvarar cos pegs ou combinalos con outras partes da bici: double (con dous pegs, á esquerda ou dereita), feeble ou smith (combinando un o tubo de atrás coa roda dianteira, ou viceversa) e croocked (co peg e o prato). As bicicletas de street adoitan ser máis longas e lixeiras cás de vert e bike-park e non adoitan levar freo rotor, no seu lugar levan un cable lineal que permite como máximo un par de voltas, para facer figuras como o barspin ou x-up. Os corredores con moita experiencia incluso realizan figuras como o tailwhip en chan, sen ningunha rampla. É moi común tamén o manual (mante-lo equilibrio erguendo a roda dianteira e sen pedalear) e o nose (ó contrario que o manual), e as figuras como o fufanu ou o abubaca(cravarse coa roda dianteira ou traseira en algo elevado).
BunnyHop
editarNon se coñece o creador nin a quen deu nome ó salto en bicicleta. Este coñécese a nivel mundial como bunnyhop, o que viría a ser chimpo do coelliño. O bunnyhop é unha técnica igual ou máis complexa có ollie (salto sen mans en skate, chamado así polo seu creador Alan Ollie Gelfand). Esta figura consiste en levantar no aire ambas rodas da BMX mentres se salta. Isto permite pasar obstáculos, saltar para grindar ou simplemente como manobra vistosa.
Para facer un bunnyhop primeiro o ciclista pedalea ata atinxir estabilidade, logo tira o peso do corpo cara a atrás e salta erguendo pés e mans, logo no aire debe empuxar un pouco o guiador cara a adiante para emparellar a roda traseira coa altura da dianteira, pero a altura do salto depende de canto se ergan os pés (sen despegalos dos pedais e sen pedalear).
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: BMX |