Anita Roddick
Anita Lucia Roddick, DBE, nada o 23 de outubro de 1942 en Littlehampton (Sussex Occidental) e finada o 10 de setembro de 2007 en Chichester, foi unha empresaria inglesa do ramo da cosmética e tamén escritora, coñecida polo seu activismo ecoloxista.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de outubro de 1942 Littlehampton, Reino Unido (pt) |
Morte | 10 de setembro de 2007 (64 anos) Chichester, Reino Unido |
Causa da morte | hemorraxia cerebral |
Educación | Bath Spa University (en) Worthing High School (en) |
Actividade | |
Ocupación | empresaria, activista polos dereitos das mulleres, fundadora |
Empregador | The Body Shop (pt) |
Familia | |
Fillos | Sam Roddick |
Premios | |
Vida e formación
editarNaceu nunha familia de emigrantes italianos. A súa nai levaba un café e era unha apaixonada da reciclaxe. Estudou para mestra, viaxou polo mundo grazas a un traballo nas Nacións Unidas e casou en 1970 con Gordon Roddick, un mozo que lle presentara a nai. Abriron un restaurante e logo un hotel e tiveron dúas fillas. Cando ela agardaba pola segunda, separáronse por motivos laborais, e aí comezou a verdadeira carreira empresarial de Anita Roddick. Decidiu abrir unha cadea de cosméticos que fose respectuosa co contorno e que non empregase animais nas testaxes, para ter ingresos de seu. E así fundou The Body Shop, que abriu a súa primeira tenda na súa vila natal de Littlehampton en 1976.
O 14 de febreiro de 2007, un ano despois de retirarse da vida empresarial, Roddick revelou que padecía hepatite C, contraída como consecuencia dunha transfusión recibida durante o segundo parto. Como consecuencia, tamén sofre cirrose. Faleceu dunha hemorraxia cerebral.
Carreira profesional
editarA primeira tenda de The Body Shop tiña só 15 liñas, era pequena, e estaba situada entre dúas funerarias. O negocio funcionou rapidamente, e abriu unha segunda en só seis meses. Cando regresou o seu home do seu traballo nos Estados Unidos, entrou tamén a formar parte do negocio. En 1991, quince anos despois, a cadea tiña xa 700 tendas. En 2007, trinta anos despois, a cadea tiña 2.100 tendas en 55 países, e ofrecía uns 1.200 produtos distintos.
O 13 de decembro de 2005 o xornal National Post anunciou a retirada de Roddick do mundo das finanzas e a empresa e calculoulle unha fortuna persoal de 76 millóns de euros. Tres meses máis tarde, o 17 de marzo de 2006 anunciouse a compra de The Body Shop por parte de L'Oréal por un valor de 980 millóns de euros. Esta compra foi moi polémica, en primeiro lugar porque a cadea de cosméticos francesa si que fai testaxes sobre animais, e en segundo lugar porque forma parte do conglomerado Nestlé, que foi obxecto dunha das primeiras campañas de Roddick pola venda de leite en po aos países subdesenvolvidos.
Roddick declarara que o modelo de negocio fora produto do azar, e non dun plan excesivamente calculado. Entre os factores que destacaba está o da vaga de calor de 1976, o ano da apertura, que fixo subir a demanda de xabrón, desodorizantes e perfumes, ou a aposta case forzada pola reciclaxe: non tiñan botiños abondos para os produtos, e tiñan que reaproveitalos.[1]
Activismo social
editarEla foi mundialmente coñecida polo seu modelo de negocio, onde introduciu variábeis de sostibilidade e non agresión ao contorno. Os seus cosméticos non realizaban testaxes sobre animais e estaban elaborados con produtos naturais.
Era membro do Demos, un consello de asesores internacionais en temas de medio ambiente, e de Amnistía Internacional. Ademais, en 1990 fundou Children On The Edge, unha organización de axuda á infancia desprotexida en Europa Oriental e Asia.
Premios e condecoracións
editar- 1984 - Premio Veuve Clicquot á Empresaria do Ano
- 1988 - Orde do Imperio Británico
- 1991 - Premio de Visión da Educación Mundial do Center for World Development
- 1993 - Premio de Medio Ambiente da Banksia Foundation, en Australia.
- 1993 - Premio ao Triunfador medioambiental (México)
- 1993 - Medalla da National Audubon Society
- 1994 - Premio Botwinick de Negocios Éticos
- 1994 - Premio de Liderado empresarial da Universidade de Míchigan
- 1995 - Primeiro premio á muller poderosa do Women's Business Development Center
- 1996 - Premio de liderado do Women's Center
- 1996 - Premio ao Triunfo da Gleitsman Foundation
- 1997 - Premio de honra Ollos medioambientais do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente
- 1999 - Premio británico de Medio Ambiente e Medios de comunicación
- 1999 - Xefe de honra do pobo Ogoni, outorgado polo Movemento para a Sobrevivencia dos Ogoni, un pobo nixeriano.
- 2001 - Premio Muller de Paz da International Peace Prayer Day Organisation
- 2003 - Dama do Imperio Británico.
Notas
editar- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 02 de abril de 2007.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Roddick, Anita - The Body Shop Book - Macdonald, 1985
- Roddick, Anita - Mamatoto: the Body Shop Celebration of Birth - Virago, 1991
- Roddick, Anita - Troubled Water: Saints, Sinners, Truth and Lies about the Global Water Crisis - Anita Roddick Books, 2004
- Roddick, Anita - Business as Unusual - Anita Roddick Books, 2005