Ana Comnena
Ana Comnena (grego: Άννα Κομνηνή, latín: Anna Komnēnē), nada o 1 de decembro de 1083 e finada en 1153, foi unha princesa bizantina de gran cultura, filla do emperador bizantino Aleixo I Comneno e de Irene Ducas. Autora d'A Alexiada, a historia do reinado do seu pai, converténdose así nunha das primeiras mulleres historiadoras occidentais.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de decembro de 1083 Constantinopla, Turquía |
Morte | c. 1153 (69/70 anos) Constantinopla, Turquía |
Actividade | |
Ocupación | historiadora, escritora |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Familia | Dinastía Ducas-Comneno |
Cónxuxe | Nicéforo Brienio, o Mozo (1097 (Gregoriano)–) |
Fillos | Alexius Bryennius, Q130681251, Eirene Doukaina |
Pais | Aleixo I Comneno e Irene Ducaina |
Irmáns | Maria Comnena (filha de Aleixo I) Xoán II Comneno Andrônico Comneno Isaac Comneno Eudocia Comneno Teodora Comnena Angelina |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Encyclopedic Lexicon (en) |
Filla primoxénita do emperador Aleixo I Comneno, recibiu unha esmerada educación que a converteu en erudita en literatura bizantina, historia, xeografía, mitoloxía, e mesmo filosofía. Casou en 1097 con Nicéforo Brienio, fillo dun antigo pretendente ao trono imperial. Intrigou xunto coa súa nai, Irene Ducas, para conseguir que o emperador Aleixo I, nomease sucesor ao seu marido en lugar do seu irmán Xoán. Ao acceder ao trono o seu irmán Xoán II Comneno, Ana e a súa nai retiráronse a un mosteiro. Alí, Ana escribiu A Alexiada, historia en grego do reinado do seu pai, Aleixo I, en quince libros. A obra, que foi terminada en 1148, relata a carreira política do seu pai desde 1069 até a súa morte en 1118. É a continuación da historia que o seu marido, Nicéforo Brienio, comezara a escribir, e que se viu interrompida á súa morte, en 1137.
Traxectoria
editarA Familia e os seus primeiros anos
editarAna naceu na cámara de pórfiro do palacio imperial de Constantinopla, cámara na púrpura, cor que só os emperadores bizantinos podían utilizar; por tanto podíaselle denominar porfiroxénita. Era a maior. Os seus irmáns foron, en orde de nacemento: María Comnena, Xoán II Comneno, Andrónico Comneno, Isaac Comneno, Eudoxia Comnena e Teodora Comnena Anxelina.
Aínda que a formaron coidadosamente en historia, matemáticas, ciencias e filosofía grega, os seus pais prohibíronlle o estudo de poesía antiga -na que se glorificaba a deuses luxuriosos e mulleres non castas- xa que atopaban que o seu estudo era inapropiado e mesmo perigoso para unha muller nova da súa clase. Malia os intentos realizados polos seus pais para impedirllo, Ana estudou furtivamente a poesía antiga cun dos eunucos imperiais. Así, Ana recibiu unha educación extraordinaria que fixo dela unha das mulleres mellor educadas da súa época.
Esponsais e voda
editarTal e como era habitual na nobreza no medievo, Ana foi prometida na infancia, debería casar con Constantino Ducas, o fillo do emperador Miguel VII e María de Alania. Dado que no momento do compromiso O emperador Aleixo I Comneno non tiña fillos do sexo masculino que puidesen herdar o trono, o mozo Constantino foi proclamado coemperador do Imperio bizantino. Con todo, en 1087 naceu Xoán II co que Constantino perdeu o dereito ao trono. Morreu ao pouco tempo e Ana en breve foi prometida ao seu futuro esposo.
En 1097, con 14 anos, Ana casou cun brillante mozo nobre, o césar Nicéforo Brienio. Nicéforo era o fillo dunha familia aristocrática que competira con Aleixo I na súa ascensión ao trono. Nicéforo era tamén un recoñecido home de estado, xeneral e historiador. Ana indica que o seu matrimonio foi máis unha unión política que unha cuestión de amor. Con todo na súa maior parte probou ser unha unión proveitosa durante 40 anos e da que naceron catro nenos: Aleixo Comneno, Xoán Ducas, Irene Ducaina e María Briennio Comnena.
Reivindicación do trono
editarDesde a infancia, Ana supuxo que algún día herdaría o trono, un soño do que veu espertar co nacemento do seu irmán. A pesar de todo, as ansias de poder de Ana non lle deixaron aceptar o ascenso ao trono por parte do seu irmán. Ana considerou que ela e o seu marido deberían asumir o título de emperadores. Así a parella, conspirou xunto coa súa nai Irene Ducas para desherdar ao seu irmán e dar a coroa ao marido de Ana. Naqueles momentos, o seu pai Aleixo I era débil e estaba a loitar coa súa última enfermidade. Con todo a súa conspiración non tivo éxito e en 1118 Xoán II ascendeu ao trono.
Os intentos de Ana por usurpar a coroa imperial persistiron e en 1118 novamente tramou depor ao seu irmán e pór no seu lugar ao seu esposo Nicéforo. Con todo, novamente o plan non tivo éxito, debido a que Nicéforo no último momento se negou a colaborar. Enfadada e decepcionada pola debilidade do seu marido, Ana dixo que “a Natureza se equivocou nos sexos, xa que el debería ser unha muller”. O complot descubriuse e Ana tivo que renunciar ás súas propiedades e ao seu status familiar e así mesmo, obrigada a exiliarse ao mosteiro de Kecharitomenene (Cheo de Graza), que a súa nai fundara. A nai e a súa irmá Eudoxia foron con ela. Ironicamente, Nicéforo permaneceu no palacio real e converteuse nun dos máis fieis conselleiros.
Historiadora
editarNo recollemento do mosteiro, Ana dedicouse ao estudo da filosofía e a historia. Atendeu reunións intelectuais, incluíndo algunhas dedicadas ao estudo de Aristóteles. O xenio intelectual e a súa fame de saber é evidente nos seus traballos. Entre outras cousas, estaba versada en filosofía, gramática, teoloxía, astronomía e medicina. Algo que se infere do estudo da súa obra máis celebrada A Alexiada, na que cita de memoria pasaxes de Homero ou da Biblia, a pesar de cometer pequenos erros nas devanditas citas. Os seus contemporáneos, tales como o bispo metropolitano de Éfeso, Xurxo Torniques, considera a Ana como unha persoa que alcanzou “as máis altas cimas da sabedoría, tanto laicas como divinas”.
Como historiador, Nicéforo Briennio escribira un ensaio denominado “Material para a historia”, centrado no reinado de Aleixo I. Morreu en 1137 antes de acabar o seu traballo. Á idade de 55, Ana impúxose acabar o traballo do seu marido, denominándoo A Alexiada, a historia da vida do seu pai e o seu reinado (1081–1118). A Alexiada é hoxe a fonte principal da historia e política bizantina de finais do século XI e principios do XII.
Na Alexiada, Ana dá unha visión das relacións políticas entre Aleixo I e os occidentais. Describe vividamente o armamento, as tácticas e as batallas. Debe terse en conta que ela escribe sobre sucesos que tiveron lugar cando era unha nena, e que non podía lembrar como testemuña. A súa neutralidade queda comprometida xa que escribe co fin de loar ao seu pai e denigrar ao seu sucesor. A pesar da súa parcialidade, a súa descrición da Primeira Cruzada é de gran valor para a historia xa que é a única descrición que se ten realizada por parte dos gregos. Ela recolle o punto de vista de figuras clave da elite grega. O seu marido Nicéforo Briennio loitara no conflito que xurdiu co xefe cruzado Godofredo de Bouillón nos arredores de Constantinopla en Martes Santo de 1097. O seu tío Xurxo Paleólogo estaba presente en Pelkano en xuño de 1097 cando Aleixo I discutiu a futura estratexia dos cruzados. Así A Alexiada permite observar a cruzada desde unha perspectiva bizantina. Transmite a alarma que sentiu coa chegada das forzas europeas a través do imperio Bizantino, e os perigos en que puxeron a seguridade de Constantinopla.
Digno de mencionar é o retrato que fai do cruzado Bohemundo de Tarento, normando do sur de Italia, quen baixo a xefatura do seu pai Roberto Guiscardo, invadira parte do territorio bizantino nos Balcáns en 1081. Aínda que o considera un bárbaro e fai del “o malo” na súa obra, pola inimizade co seu pai así como a súa conquista de Antioquía, antiga cidade bizantina, hai máis dunha insinuación de estar encaprichada con el. Ana Comneno identificou por primeira vez na Alexiada, os valacos dos Balcáns cos dacios e os búlgaros con tracios: "... hai (Haemus) viven ricas tribos, os dacios e os tracios na vertente norte (A Alexiada, XIV, IV). .O libro igualmente contribúe a comprender a mentalidade feminina da época así, como do mundo bizantino no que se desenvolve a súa historia.
O estilo literario de Ana Comnena segue o de Tucídides, Polibio ou Xenofonte. Consecuentemente, ao mostrar o aticismo que imperaba na literatura daquel período, resulta de todo iso unha linguaxe bastante artificial. Na súa maior parte, a cronoloxía dos eventos é correcta, excepto naqueles que transcorren cando Ana xa está no mosteiro, cando xa non ten acceso aos arquivos imperiais. Con todo, a súa historia alcanza os patróns da época.
A data exacta da morte de Ana non se sabe. Inférese da Alexiada que vivía aínda en 1148. Con todo A Alexiada mostra perfectamente o bulebule emocional de Ana. Indica que apenas ninguén podía vela e que moitos a odiaban. Do mesmo xeito, odiaba a súa posición illada na sociedade á que se viu abocada polo exilio.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Ana Comnena: Alexiada.
- L'Alessiade, Volume I — Edición en italiano de Giuseppe Rossi. En: Google Libros.
- L'Alessiade, Volume II — Edición en italiano de Giuseppe Rossi. En: Google Libros.
- The Alexiad Arquivado 14 de agosto de 2014 en Wayback Machine. — Edición en inglés de Elizabeth A. S. Dawes. En: Medieval Sourcebook.
- Texto bilingüe grego - francés no sitio de Philippe Remacle (1944 - 2011).
- Alexias — Edición en grego. En: Departamento de ciencia Tecnoloxía e Comunicación da Universidade do Exeo; texto en PDF.