Para outros termos con igual nome véxase: Beluga e Caviar Beluga.

Airbus Beluga
Tipocarga
FabricanteAirbus
Primeiro voo13 de setembro de 1994
Introducidosetembro de 1995
Estadoen servizo
Principais usuariosAirbus Transport International
Unidades construídas5

O Airbus A300-600ST (Super Transporter), tamén coñecido como Airbus Beluga ou simplemente como Beluga, é un avión de carga, especializado en cargas voluminosas, deseñado por Airbus a partir do A300, con grandes modificacións para poder levar cargas de gran tamaño. Oficialmente nos seus inicios foi chamado Super Transporter,[1][2] pero o nome Beluga fíxose popular e foi oficialmente adoptado.

Historia

editar

Debido á súa historia e estrutura, Airbus ten diferentes centros de produción repartidos por toda Europa, cada un dos cales produce unha parte do avión, que ten que ser trasladada para ser unida ás demais partes na planta final de ensamblaxe. Aínda que a carga de traballo de cada centro varía segundo o modelo, polo xeral distribúense do seguinte xeito: as ás fabrícanse en Reino Unido, o estabilizador horizontal e as portas en España, a fuselaxe en Alemaña e a sección central e a parte dianteira en Francia, as cales son unidas en Tolosa, Hamburgo, Filton ou Sevilla segundo o modelo e versión.

Nun principio os compoñentes levábanse por terra ou por barco, pero o incremento da produción fixo necesario transportalos por aire. Para iso Airbus mercou en 1972 catro Super Guppy (conversións do Boeing 377), que pertenceran ao programa espacial Apolo da NASA. Pero os Super Guppy non deron o resultado que se agardaba, e debido á súa antigüidade tiñan un alto custo de mantemento, ademais a súa capacidade non era suficiente para satisfacer a velocidade de produción das factorías de Airbus. Para arranxar estes problemas creouse o Beluga.

En 1991 Aérospatiale e DASA, dous dos principais participantes en Airbus, comezaron a desenvolver o substituto dos Super Guppy. O punto de partida foi o modelo de fuselaxe ancho Airbus A300: as ás, motores, tren de aterraxe, e a parte baixa da fuselaxe son os mesmos que os do A300, mentres que a parte superior da fuselaxe é unha enorme estrutura en forma de ferradura de 7,7 metros de diámetro. Para facilitar o acceso á zona de carga dende a parte frontal sen ter que desconectar os sistemas eléctricos, hidráulicos e de control de voo, a cabina do A300 foi movida cara a abaixo, e a estrutura de cola foi ampliada e reforzada para manter a estabilidade direccional.

A súa construción comezou en setembro de 1992, e o seu primeiro voo foi en setembro de 1994. Despois de 335 horas de voos de proba conseguiu a certificación en outubro de 1995, e o A300-600ST "Beluga" entrou en servizo. Construíronse catro exemplares máis, un por anos, e na actualidade os cinco aínda operan regularmente. A súa tarefa principal é a de transportas compoñentes de Airbus para a súa ensamblaxe final en Tolosa ou Hamburgo, pero tamén están dispoñibles para o alugueiro, sendo usados para transportar gran variedade de cargas especiais, como compoñentes da estación espacial, grandes e delicadas pezas de arte, maquinaria industrial ou helicópteros enteiros.

  1. Morrison, Murdo. "QUIRKY DOZEN: The 12 strangest-looking aircraft ever built". Flight Global (en inglés). Consultado o 2023-07-12. 
  2. Ros, Miquel (2014-01-16). "Airbus' Beluga: The world's strangest-looking airplane turns 20". CNN (en inglés). Consultado o 2023-07-12.