Ávaros

pobo nómade de Eurasia

Os ávaros (do grego Άβαροι e chamados polos chineses: joujan ou you-yan) foron un pobo nómade de Eurasia, de posible orixe tungús,[1] orixinarios de Asia occidental, que emigrou cara a Europa central e oriental no século VI e , probablemente, son coñecidos polas súas invasións e destrucións durante as guerras ávaro-bizantinas de 568 a 626.

Dominaron a chaira panónica ata principios do século IX e se emprega a denominación de ávaros de Panonia (pola área na que, finalmente, se asentaron) para distinguirlos dos ávaros do Cáucaso, un pobo diferente co que os ávaros panónicos, seguramente, non tiveron relación.

Historia

editar

Os ávaros dirixíronse cara ao oeste a mediados do século VI, trala derrota dos heftalitas (hunos brancos) polos Köktürks (turcos azuis ou turcos kok). Aínda que inicialmente se dirixiron ao Imperio Romano de Oriente, foron subornados polo emperador Xustiniano I e marcharon cara ao norte, internándose na actual Alemaña, como fixera Atila un século antes. Alí atopáronse coa dura oposición dos francos, e o lugar non lles pareceu adecuado para o seu estilo de vida nómade, polo que dirixiron a súa atención cara á chaira panónica, habitada na época por dous pobos xermánicos, os longobardos e os xépidos. Aliados aos longobardos, destruíron aos xépidos no 567 e estableceron un estado no área do Danubio. A continuación comezaron a fustrigar aos longobardos, quen se viron obrigados a emigrar cara ao norte de Italia. O xefe dos ávaros nesta época chamábase Baian, e gobernou aproximadamente entre 565 e 600.

A comezos do século VII, os ávaros aliáronse cos persas contra o Imperio Bizantino e en 626 puxeron sitio a Constantinopla, aínda que a denodada resistencia dos seus habitantes obrigounos a se retiraren sen conseguir o seu obxectivo e regresar a Panonia.

A dinastía Onogur foi fundada en torno ao ano 630 por Kubrat, un home de orixe ávaro-búlgara, pertencente ao clan búlgaro Dulio. Uniu aos ávaros, os búlgaros, e probabelmente tamén aos heftalitas Uar nun poderoso Khaganato que dominou tamén extensas áreas da actual Ucraína. Trala morte de Kubrat, os caudillos búlgaros romperon a súa alianza cos ávaros. O estado ávaro subsistiu en Panonia durante os séculos VII e VIII; crese que dominaron aos eslavos que habitaban na zona desde unhas poucas décadas antes da chegada dos ávaros.

A comezos do século IX, as discordias internas e as presións exteriores comezaron a minar o estado ávaro, que foi completamente destruído na década de 810 polos francos de Carlomagno e os búlgaros, mandados por Krum. Sábese que aínda se atopaban en Panonia no ano 871, pero desde entón o seu nome non volve ser mencionado polos cronistas. Parecen que se mesturaron cos eslavos, que formaran novos estados na rexión: o principado de Nitra, no norte (máis tarde: Gran Moravia), e o Principado de Balaton, no centro de Panonia.

  1. Helimski (2004)

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Helimski, E. (2004). "Die Sprache(n) der Awaren: Die mandschu-tungusische Alternative". En Naeher, Carsten. Proceedings of the First International Conference on Manchu-Tungus Studies, Vol. II: Trends in Tungusic and Siberian Linguistics (en alemán). (Bonn, 28 agosto – 1 setembro de 2000). Wiesbaden: Harrassowitz. pp. 59–72. ISBN 9783447046282. 

Outros artigos

editar