Touro de Creta
O touro de Creta foi un touro mítico que debía capturar Heracles, vivo, en cumprimento do seu sétimo traballo.
Heracles, para ser purificado tralo asasinato dos seus fillos, acto cometido ó volverse louco por culpa de Hera, inimiga de Heracles por celos [1], tivo que acometer doce traballos que lle encomendara o seu primo Euristeo. Neste caso tratábase de capturar o Touro de Creta e levalo vivo a Micenas. Con este traballo comezan os que tivo que realizar fóra do Peloponeso, onde levara a cabo os seis traballos anteriores.
Os distintos autores discretan respecto á orixe do animal. Segundo uns [2], foi aquel touro inmaculadamente branco que raptou a Europa, filla do rei de Tiro, por encargo de Zeus [3]. Segundo outros, como Hixino, foi o touro que saíu do mar, por obra de Poseidón para que Minos, rei de Creta, o sacrificase na súa honra, pero como Minos gardouno como semental para os seus rabaños e sacrificou outro de menos valor no seu lugar, Poseidón vingouse volvéndoo salvaxe [4].
En calquera caso, era o animal salvaxe que devastaba Creta e arrasaba os campos, botando lume polas ventas, e o que debía capturar Heracles.
Heracles pediu axuda a Minos pero este negouse, e só autorizou a que o capturase se o facía el só [5]. Ó final puido facelo e regresou con el ata Micenas, atravesando o mar a nado, sobre o lombo do animal. Cando o entregou a Euristeo, este quixo sacrificalo en honor a Hera, pero a deusa negouse por proceder da man de Heracles, e non sabendo que facer con el, Euristeo soltouno. O touro rematou chegando a Maratón, na Ática (quizais guiado pola propia Hera), onde seguiu facendo estragos ata que o capturou Teseo e o sacrificou en honor de Apolo ou de Atenea.
Iconografía
[editar | editar a fonte]A presenza do touro e de Heracles loitando con el a brazo partido permite identificar sen problemas o episodio e os personaxes. Adoito, Heracles aparece colléndoo por un corno. A escena, que se representa raras veces na Idade Moderna, pode dar lugar a confusión pola similitude coa loita de Heracles co deus fluvial Aqueloo.
Zurbarán pintou este episodio na serie de dez cadros que fixo en 1634 para o Palacio del Buen Retiro (Madrid), hoxe no Museo do Prado (Hércules e o touro de Creta (ficha no Museo do Prado)).
Interprétase que a loita dun home contra un touro (ou contra outro home disfrazado de touro) era un ritual habitual que debía superar o candidato a rei.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Heracles era fillo de Zeus, e Hera, a esposa do mesmo deus, perseguía ás súas amantes e ós fillos bastardos que tivera.
- ↑ Por exemplo, Acusilao.
- ↑ Habitualmente, crese que foi o propio Zeus quen, metamorfoseado en touro, raptou a Europa e levouna sobre o seu lombo a Creta, onde a posuíu.
- ↑ Con este touro foi co que a muller de Minos, Pasífae, tivo relacións sexuais e enxendrou a Minotauro. "Levou vivo a Micenas, desde a illa de Creta, o touro co que xaceu Pasífae" (Hixino: Fábulas mitolóxicas, 30.
- ↑ Segundo Graves, Minos ofreceulle toda a axuda que estivese na sñua man, pero Heracles pefiriu facer o traballo el só.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Touro de Creta |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- BENAVENTE JAREÑO, P. e FERRO RUIBAL, X.: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Xunta de Galicia, 2010, px. 1397.
- ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 369-370.
- GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 525-526.
- GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
- HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 30.
- PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, II, 5, 7 [a numeración segue a utilizada neste texto].