Saltar ao contido

Semana Santa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Procesión en Santiago de Compostela o Martes Santo.
Procesión do Silencio en Zamora.
Imaxe da morte de Xesucristo na Semana Santa sevillana.

A Semana Santa é unha celebración cristiá que conmemora a Paixón de Cristo, e que engloba a entrada en Xerusalén, a Última Cea, o viacrucis, a morte e a resurrección de Xesucristo. A súa data de celebración é variable, entre marzo e abril.

Dá comezo co Domingo de Ramos e finaliza o Domingo de Resurrección, aínda que a súa celebración se inicia en varios lugares no venres anterior ao Domingo de Ramos, coñecido como Venres de Dores.

Durante a Semana Santa teñen lugar numerosas mostras de relixiosidade popular por todo o mundo, destacando as procesións, as penitencias e as escenificacións da Paixón, morte e resurrección de Xesús.

A Semana Santa celébrase na primavera, pero non coincide cunha data determinada do calendario xa que ven determinada polo calendario lunar. A Pascua de Resurrección é o domingo inmediatamente posterior á primeira lúa chea despois do equinoccio de marzo e calcúlase empregando a lúa chea astronómica. Por este motivo oscila entre o 22 de marzo e o 25 de abril, ambos os dous incluídos.

As igrexas occidental e oriental utilizan calendarios diferentes para determinar o día de Pascua (o gregoriano en occidente e o xuliano en oriente), e aínda non chegaron a ningún acordo para unificar o criterio.

Días da Semana Santa

[editar | editar a fonte]

Aínda que oficialmente comeza o Domingo de Ramos e termina o Domingo de Pascua, a Semana Santa inclúe, nalgúns lugares, outros días de celebracións, que cronoloxicamente son os seguintes:

Día Celebración
Venres de Dores Sufrimento da Virxe María durante a Semana Santa.
Domingo de Ramos Entrada triunfal de Xesucristo en Xerusalén.
Luns Santo Unción de Xesús en casa de Lázaro.
Xesús expulsa aos mercadores do Templo de Xerusalén.
Martes Santo Xesús anticipa aos seus discípulos a traizón de Xudas Iscariote e as negacións de Pedro.
Mércores Santo Xudas Iscariote conspira co Sanedrín para traizoar a Xesús con trinta moedas de prata.
Xoves Santo Lavatorio dos pés.
A Última Cea.
Eucaristía.
Oración de Xesús no horto de Xetsemaní.
Arresto de Xesús.
Venres Santo Prisión de Xesús.
Interrogatorios de Caifás e Poncio Pilato.
Flaxelación.
Coroación de espiñas.
Viacrucis (subida ó Calvario coa cruz ó lombo).
Crucifixión de Xesús.
Sepultura de Xesús.
Sábado Santo Vixilia Pascual.
Domingo de Pascua Resurrección de Xesús.
Luns de Pascua
Martes de Pascua
Mércores de Pascua

Celebracións

[editar | editar a fonte]

En gran parte do mundo existen celebracións asociadas á Semana Santa, algunhas delas destacadas como festas de interese turístico internacional.

En Galicia destacan as Semanas Santas de Viveiro e Ferrol, ambas declaradas Festas de interese turístico internacional. Tamén en Paradela (parroquia de Meis, Pontevedra) ten lugar unha escenificación da paixón, morte e resurrección de Cristo.

En España as principais celebracións son as de Málaga, Sevilla, Valladolid e Zamora, aínda que tamén están recoñecidas como festas de interese turístico internacional as Semanas Santas de Ávila, Cáceres, Cartaxena, Crevillent, Cuenca, Granada, Hellín, León, Lorca, Medina de Rioseco, Medina del Campo, Mérida, Murcia, Orihuela, Palencia, Salamanca, Toledo e Zaragoza, e a Procesión do Domingo de Ramos de Elx.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]