Goterre Méndez
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 865 (Gregoriano) |
Morte | 934 (Gregoriano) (68/69 anos) |
Conde de Coímbra | |
924 – 934 ← Arias Menendiz – Munio Goterrez ⊟ | |
Familia | |
Cónxuxe | Aldara de Celanova |
Fillos | Adosinda Guterrez de Celanova, Froila Gutiérrez, Ermenesinda Gutiérrez, Rosendo de Celanova |
Pais | Hermenexildo Gotérrez e Hermesinda Gatoniz |
Goterre Méndez,[1] (tamén Guterre Méndez, Guterre Mendes, Gutier Menendiz ou Gutier Menéndez), nado en 865 e finado en 934, foi un importante conde galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Hermenexildo Guterrez e Hermesinda Gatoniz, e pai entre outros, de San Rosendo, tivo importantes posesións no reino de Galicia.
Era cuñado do rei de Galicia Ordoño II por terse casado este coa súa irmá a raíña Elvira Menéndez. Era tío do rei de Galicia Sancho Ordóñez e dos tamén reis Afonso IV e Ramiro II. Sancho Ordóñez casaría coa súa neta a raíña Goto, e Ramiro II coa súa sobriña a raíña Adosinda Guterrez. Exerceu importantes poderes por delegación de Ordoño II e recibiu, entre outras encomendas, a de refundar co abade Franquila o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.
Gutier Menendiz apoiou aos fillos de Ordoño II contra os descendentes de Froila conseguindo afastar a Afonso Froilaz e elevar a Sancho Ordóñez ao trono de Galicia mediante a coroación en Santiago de Compostela polo bispo Hermenexildo. Foi tamén un baluarte do Ramiro II o cal, ao pouco de ser coroado, reconfirma as doazóns a Gutier feitas por Afonso III o Magno e confirmadas polo rei de Galicia Sancho Ordóñez. Tratábase dos abundantes bens confiscados ao rebelde Vitiza.
Arredor do ano 890 casou cunha das máis importantes aristócratas galegas, Ilduara Eriz (Santa Aldara de Celanova). A unión de ambas as familias supuxo a creación dun dos maiores patrimonios territoriais do reino de Galicia altomedieval. Residiu sempre en terras galegas, ben no Condado Portucalense ben na Galicia nuclear onde son de destacar Portomarín e especialmente Vilanova dos Infantes onde situou a casa-residencia principal da súa familia.
Descendencia
[editar | editar a fonte]Froito desta unión naceron dúas fillas, Adosinda e Hermesinda, e tres fillos, Munio, Rosendo e Froila. De entre todos eles destacou Rosendo, bispo da igrexa de Dumio e posteriormente santo.
- Adosinda Guterrez.
- Hermesinda Guterrez.
- Rosendo Guterrez, bispo de Dume.
- Munio Guterrez.
- Froila Guterrez.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2024-11-11.