Escudo da Coruña
O escudo da Coruña consta dun campo de azur sobre o que aparece representada, de cor arxéntea, a Torre de Hércules. Baixo a mesma, dúas tibias cruzadas tamén de prata e unha caveira da mesma cor coroada de ouro. A Torre de Hércules está acompañada por sete cunchas de peregrino de ouro, tres a cada banda e unha no centro da punta.[1]
O timbre, coroa real, forrada de goles, ou vermello, pechada, que é un círculo de ouro, engastallado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visíbeis cinco, interpoladas de perlas e de cada unha das súas follas saen cinco diademas sumados de perlas que converxen nun orbe azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro.
A caveira e as canelas cruzadas que aparecen no escudo aluden ao relato mítico da fundación da cidade. Segundo a lenda, no lugar no que actualmente se atopa a cidade da Coruña, Hércules venceu e cortou a cabeza do seu inimigo, o rei Xerión, que chegara dende Troia. Hércules decidiu soterrar a testa e ergueu no lugar a primitiva torre como recoñecemento ao seu rival.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]A primeira imaxe que se conserva do escudo aparece nun selo dunha carta de seguro emitida a favor do portugués Martiño González o 22 de outubro de 1448. No selo aparece a Torre de Hércules cun farol saíndo dela cunha cuncha de vieira a cada lado. As vieiras, que xa aparecían nas moedas emitidas pola Casa da Moeda da Coruña, posiblemente só aparezan cunha función estética.[2]
O escudo en pedra máis antigo que se coñece procede do Hospital do Bo Suceso e consérvase no Museo Arqueolóxico.[3]
Nun manuscrito do século XVI aparece a torre arrodeada de oito cunchas e baixo ela a cabeza coroada de Xerión. Nun escudo atopado en 1929 na rúa Real que se conserva no palacio de María Pita substituíuse a cuncha superior por un cáliz e a cabeza aparece en vertical. A partir do século XVII en lugar da cabeza coroada aparece unha caveira á que se lle engadiron dúas tibias.[4]
A partir de 1836 comezaron a empregarse selos nos que aparecía sobre a torre un libro que representaba a constitución de 1812.[5] O libro desapareceu coa ditadura franquista.[6]
Outros escudos
[editar | editar a fonte]Escudo provincial
[editar | editar a fonte]Existe unha versión do escudo da Coruña, usado como escudo provincial,[7] baseado no escudo do século XVI,[4] no que se introduciron pequenas modificacións.
Posúe a seguinte descrición heráldica: En campo de azur, a Torre de Hércules na súa cor sobre un penedo arrodeado das ondas do mar de prata e azur, brochante sobre a pena, a testa caída do lendario rei Xerión, de carnación, coroada de ouro, coa boca e mailo pescozo ensanguentados, todo isto acompañado de seis vieiras de ouro. Timbre: Coroa real pechada.
Corunna, Míchigan
[editar | editar a fonte]A insignia da policía da localidade de Corunna, Míchigan está baseado no escudo da Coruña, incluíndo a Torre de Hércules.[8][9][10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Escudo e Identidad". Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2020. Consultado o 22 de febreiro de 2017.
- ↑ Bello, José Mª; et al. (2001). Historia de A Coruña. Vía Láctea. ISBN 84-89444-85-4.
- ↑ Reiriz Rey, Jesús María (1999). La Coruña a través del tiempo (en castelán). A Coruña: Internós. ISBN 84-931215-0-9.
- ↑ 4,0 4,1 Coruña y Torre: Roma y la Ilustración en La Coruña (en castelán). Concello da Coruña. 1991.
- ↑ Vaamonde Lores, César (1922). "Un notable escudo de la Coruña". Boletín de la Real Academia Gallega (en castelán) (Real Academia Galega) (146). Arquivado dende o orixinal o 31-01-2017. Consultado o 18-1-2017.
- ↑ Os libros arden mal. Un roteiro pola Coruña con Manuel Rivas
- ↑ "Logotipos". Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2017. Consultado o 02 de xaneiro de 2017.
- ↑ Espiñeira, Francisco (10-8-2008). "Una decena de lugares del mundo llevan el nombre de A Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 18-1-2017.
- ↑ Ben's Patch Collection
- ↑ Pérez, Mónica (16-1-2008). "El escudo de la Policía de Corunna". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 18-1-2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Escudo da Coruña |
A Galipedia ten un portal sobre: A Coruña |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Un notable escudo de la Coruña Arquivado 31 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine.