Saltar ao contido

Codex Gigas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Codex Gigas

O codex Gigas (ou a Biblia do Demo) é un manuscrito en pergameo escrito a comezos do século XIII en latín. Foi considerado na súa época coma a «oitava marabilla do mundo» debido ás súas dimensións (92 x 50,5 x 22 cm), o seu grosor de 624 páxinas e os seu peso de 75 kg.

A obra foi feita a man por un monxe beneditino, que tamén era copista e grafista, no mosteiro de Podlažice (en Chrudim, centro da actual República Checa), e foi destruído durante as guerras relixiosas do século XV.

Está decorado con tintas vermellas, azuis, amarelas, verdes e douradas. Cun excelente estado de conservación, conserva a unidade estilística coa que foi creado.

O codex contén a versión completa da «Vulgata» da Biblia, a excepción dos Feitos dos Apóstolos e o Apocalipse. Tamén conta cunha serie de enciclopedias, coma as Etimoloxías de Isidoro de Sevilla, as Antigüidades xudaicas de Flavio Xosefo, a Chronica Boemorum ('Crónica dos checos', redactada en latín no século XII) de Cosmas de Praga e diversos tratados de historia, etimoloxía, fisioloxía, ademais dun almanaque con necrolóxicas e a lista de irmáns do mosteiro, fórmulas máxicas e outras noticias locais.

O demo nunha páxina do códex

A lenda conta que o autor do codex Gigas foi condenado a ser emparedado vivo por un crime grave. Para conseguir a absolución, o monxe propuxo a escritura dunha obra nunha soa noite, para gloria do seu mosteiro.

Para poder cumprir coa súa promesa pediu axuda ó demo. Rematado o traballo, o monxe, coma recoñecemento, engadiu silandeiramente o retrato do seu axudante no manuscrito.

O 1863, o emperador Rodolfo II rescata o manuscrito xigante do mosteiro de Broumov, engadíndoo ás súas coleccións de obxectos raros.

Ó final da Guerra dos Trinta Anos (1618-1648), no 1648, as tropas protestantes suecas conquistan o castelo de Praga, apoderáronse das coleccións rudolfines. A Biblia do demo foi tomada coma botín de guerra polas tropas do xeneral sueco Konigsmark, conxuntamente cos outros obxectos de arte da célebre Kunstkammer de Pragua do emperador Rodolfo II (1552-1612).

Os soldados tamén apresaron o codex Argenteus, composto de letras de prata e ouro e creado a finais do ano 750, e que actualmente se atopa en Uppsala (centro de Suecia). Dende o século XVII, o codex Gigas ten saído do territorio sueco só en dúas ocasións, para ir o Metropolitan Museum de Nova York o 1970, e a Berlín.

Actualmente o codex gigas é custodiado na Biblioteca Real de Estocolmo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]