Bilbao
Bilbo (eu) Bilbao (es) | |||||||
Localización | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
Estado | España | ||||||
Comunidade autónoma | País Vasco | ||||||
Provincia | Biscaia | ||||||
Comarcas | Gran Bilbao | ||||||
Capital de | |||||||
Capital | Bilbao City (en) | ||||||
Poboación | |||||||
Poboación | 346.096 (2023) (8.319,62 hab./km²) | ||||||
Lingua oficial | lingua éuscara lingua castelá | ||||||
Xeografía | |||||||
Superficie | 41,6 km² | ||||||
Bañado por | Ría de Bilbao | ||||||
Altitude | 19 m | ||||||
Comparte fronteira con | |||||||
Datos históricos | |||||||
Creación | 1300 | ||||||
Evento clave
| |||||||
Santo padrón | Santiago o Maior | ||||||
Organización política | |||||||
• Alcalde | Juan María Aburto (2015–) | ||||||
Membro de | Rede de cidades creativas (2014–) | ||||||
Identificador descritivo | |||||||
Código postal | 48001–48015 | ||||||
Fuso horario | |||||||
Prefixo telefónico | 944 | ||||||
Código INE | 48020 | ||||||
Outro | |||||||
Irmandado con | Monterrey Sant Adrià de Besòs Medellín Valparaíso Qingdao Moyobamba Surakarta Pittsburgh Buenos Aires Rosario (1988–) Tbilisi (1989–) Bordeos (2000–) Liexa (2013–) | ||||||
Páxina web | bilbao.eus | ||||||
Bilbao[1] (en éuscaro: Bilbo) é unha cidade e concello situado ao norte de España, capital da provincia e territorio histórico de Biscaia, no País Vasco. Atópase situada na comarca do Gran Bilbao e é atravesada polo río Nervión, que a esas alturas do seu percorrido xa toma forma de ría. No ano 2017 tiña unha poboación de 345 110 habitantes e unha extensión de 41,26 km², cunha densidade da poboación de 8 300 hab./km². É o centro dunha área de influencia que se coñece como Gran Bilbao e que chega a albergar a preto dun millón de habitantes.
Desde a súa fundación, en principios do século XIV, foi un enclave comercial que gozou de particular importancia na cornixa cantábrica grazas á súa actividade portuaria que se baseaba principalmente na exportación da la procedente de Castela e en menor medida do ferro extraído das canteiras biscaíñas. Ao longo do século XIX e principios do XX experimentou unha forte industrialización que a converteu no epicentro da segunda rexión industrializada de España, por detrás de Barcelona. Esta estivo acompañada dunha extraordinaria explosión demográfica e urbanística que orixinou a anexión de varios municipios lindeiros. Actualmente é unha puxante cidade de servizos, que se atopa nun proceso de revitalización estética, social e económica liderado polo simbólico Museo Guggenheim Bilbao.
Historia e características
[editar | editar a fonte]Foi fundada o 15 de xuño de 1300 por Diego López V de Haro. O escudo da vila é descrito heraldicamente do seguinte xeito:
En campo de prata unha ponte de dous ollos, sumado da igrexa de San Antón da súa cor e á súa sinistra dous lobos de sabre andantes e en pau, sobre ondas de azur e prata.
Está caracterizado pola imaxe da contorna da igrexa de San Antón e o río Nervión, os lobos pasantes da casa de Haro, fundadora da cidade, moi frecuente nas armerías biscaíñas, e os seus ornamentos do século XIX.
Bilbao ostenta a categoría histórica de vila, cos títulos de Moi Nobre e Moi Leal e Invicta. Os Reis Católicos concedéronlle o título de Nobre en 1475 e Filipe III, os de Moi Nobre e Moi Leal en 1603. A raíña María Cristina engadiu o de Invicta en 1837, por resistir o asedio das tropas carlistas.
Denominacións
[editar | editar a fonte]O nome oficial adoptado polo concello para o seu uso tanto en castelán como en éuscaro é Bilbao. Non obstante, a Euskaltzaindia ditaminou, nun informe solicitado polo propio Concello de Bilbao, que o topónimo oficial en éuscaro é Bilbo, e así aparece na súa norma académica.[2]
Demografía
[editar | editar a fonte]Segundo o censo de 2009, Bilbao tiña 354.860 habitantes; dos cales 168.019 eran homes, o que representa aproximadamente un 47 % do total, e 186.841 eran mulleres, aproximadamente un 53 % da poboación. A diferenza a favor das mulleres móstrase na pirámide de poboación e prodúcese a partir dos 40 anos incrementándose de forma sensible nos últimos tramos da pirámide.
Gráfico da evolución da poboación de Bilbao entre 1920 e 2012[3][4] |
---|
Gráfica elaborada por: Wikipedia en base aos datos do INE-2012 |
Distritos e barrios
[editar | editar a fonte]Administrativamente, a vila divídese en oito distritos cuxa dirección política se exerce polos correspondentes Concelleiros Presidentes e polos Directores de Centro Municipal de Distrito, coordinados polo Servizo de Relacións Cidadás. Á súa vez, estes distritos divídense en 34 barrios.
Núm.. of. |
Distrito | Barrios | Superficie (km²) |
Poboación (2009) |
Localización |
---|---|---|---|---|---|
1 | Deusto | Arangoiti, Ibarrecolanda, San Ignacio-Elorrieta e San Pedro de Deusto-La Ribera. | 4,95 | 51.656 | |
2 | Uribarri | Castaños, Matiko-Ciudad Jardín, Uribarri e Zurbaran-Arabella. | 4,19 | 38.335 | |
3 | Otxarkoaga-Txurdinaga | Otxarkoaga e Txurdinaga. | 3,90 | 28.518 | |
4 | Begoña | Begoña, Bolueta e Santutxu. | 1,77 | 43.030 | |
5 | Ibaiondo | Achuri, Bilbao La Vieja, Casco Viejo, Iturralde, La Peña, Miribilla, San Adrián, San Francisco, Solokoetxe e Zabala. | 9,65 | 61.029 | |
6 | Abando | Abando e Indautxu. | 2,14 | 51.718 | |
7 | Errekalde | Ametzola, Iralabarri, Iturrigorri-Peñascal, Errekaldeberri-Larrasquitu e Uretamendi. | 6,96 | 47.787 | |
8 | Basurtu-Zorrotza | Altamira, Basurtu, Masustegi, Olabeaga e Zorrotza. | 7,09 | 33.658 |
Economía
[editar | editar a fonte]Bilbao foi o núcleo económico do País Vasco desde os tempos do Consulado, principalmente grazas ao comercio no seu porto de produtos casteláns, mais non foi ata o século XIX cando experimentou un desenvolvemento notable, baseado na explotación de minas férreas e a industria siderúrxica, que promoveron o tráfico marítimo, a actividade portuaria e a construción de barcos.
Durante estes anos tamén aparecen o Banco de Bilbao, fundado en 1857, o Banco de Biscaia créase posteriormente en 1901, tamén en Bilbao, ambas as entidades fusionáronse en 1988 dando paso á corporación BBV, e posteriormente en 1999 fusionouse esta entidade co grupo bancario Argentaria dando a paso ao banco actual (2009) denominado BBVA, as caixas de aforro que se crearon a nivel local, Caixa de Aforros Municipal de Bilbao (1907) e provincial Caixa de Aforros Provincial de Biscaia (1921), máis tarde en 1990 fusionaríanse e formarían a Bilbao Bizkaia Kutxa BBK, ademais da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Bilbao e a Bolsa de Bilbao o 21 de xullo de 1890.
Lugares de interese
[editar | editar a fonte]Museo Guggenheim
[editar | editar a fonte]O Museo Guggenheim Bilbao é un museo de arte contemporánea que pertence á Fundación Solomon R. Guggenheim. Foi deseñado polo gabinete de arquitectos de Frank Gehry, e aberto ao público en 1997, alberga exposicións de arte de obras pertencentes á fundación Guggenheim e exposicións itinerantes. A estrutura principal está radicalmente esculpida seguindo contornos case orgánicos. Parte do edificio é cruzado por unha ponte elevada e o exterior está recuberto por placas de titanio e por unha pedra calcaria igual á que se utilizou para construír a Universidade de Deusto.
Catedral
[editar | editar a fonte]A Catedral de Santiago é o templo que alberga a sede da diocese de Bilbao. Foi construída entre o último cuarto do século XIV e principios do XV en estilo gótico. Toma o seu nome do patrón de Bilbao, o apóstolo Santiago o Maior. Durante o século XVI engadíronse o retablo maior e o actual pórtico, ambos en estilo renacentista. A Piedade data do século XVII, construída conforme o Clasicismo. No século XIX reconstrúese a fachada dándolle o seu aspecto actual. A torre tamén data desta reforma, obra de Severino Achucarro.
A planta da catedral forma unha cruz latina dividida en tres naves, das cales a central é de maior altura, separadas á súa vez en catro tramos por unha serie de alicerces con columnas encostadas, coroadas por unha bóveda de crucería. A cabeceira do templo é de planta poligonal, con deambulatorio. A torre da catedral é de estilo gótico tardío. No corpo superior atópanse dúas ventás baixo un arco desa época. A torre conserva sete campás, fundidas en 1916. Ten 15 capelas aloxadas entre os contrafortes.
Basílica da Nosa Señora de Begoña
[editar | editar a fonte]A Basílica da Nosa Señora de Begoña é o santuario da Nai de Deus de Begoña, patroa do señorío de Biscaia. A construción do presente santuario comezou na primeira década do século XVI, baixo traza de Sancho Martínez de Asego, a torre foi deseñada por Martín de Garita. Consta dunha nave ampla nave central con ábsida poligonal e dúas naves laterais levemente máis baixas cubertas con bóveda de crucería dentro do século XVII, sobre dez robustos alicerces cilíndricos. O presente retablo é unha obra neobarroca de Modesto Echániz, construído en 1869. As obras custeáronse grazas ás esmolas dos fieis, no seu maior parte veciños da Vila de Bilbao.
Palacio Chávarri e Palacio Foral
[editar | editar a fonte]O Palacio Chávarri é a sede da Subdelegación do Goberno (antigo Goberno Civil) desde 1943. Está situado no ensanche bilbaíno. Trátase dunha obra ecléctica inspirada en revivalismos neoflamencos, construído para a familia Chávarri polo arquitecto Atanasio de Anduiza segundo proxecto do arquitecto belga Paul Hankar. Algúns dos seus salóns foron decorados polo pintor José Echenagusia Errazquin.
O acceso principal en arco escarzano abriuse ao cambiar a función do edificio. Conta ademais con acceso adintelado en eixo dereito de fachada en chanfro. Nas súas tres plantas ábrense de forma asimétrica gran cantidade de vans adintelados e no medio punto: fiestras, miradoiros e balcóns con balaustrada de pedra ou antepecho de ferro. Na altura amansardada presenta varias bufardas.
O Palacio da Deputación Foral de Biscaia está situado na Gran Vía. É un edificio de aspecto sólido e maxestoso. Foi proxectado no final do século XIX no estilo ecléctico. Destaca a fachada principal á Gran Vía, na que se observa un corpo adiantado respecto da liña de fachada, que inclúe un soportal de entrada sobre o que se dispón varanda e remata con escudo. Merece especial mención o chamado Salón do Trono, con dúas pinturas murais de José Echenagusia Errazquin (1844-1912) que se reproducen frecuentemente nos libros de texto e históricos alusivos ao País Vasco.
Teatro Arriaga
[editar | editar a fonte]O Teatro Arriaga é un edificio neo-barroco de final do século XIX, obra do arquitecto Joaquín de Rucoba. Está dedicado ao compositor español Juan Crisóstomo de Arriaga. Inaugurouse con tal nome en 1890.
Trátase dunha construción exenta de planta trapezoidal que presenta alzados con corpo basamental almofadado, corpo principal de orde xigante con vans rectangulares e óculos profusamente decorados, e terceiro corpo de remate separado do anterior por cornixa corrida. A cuberta da parte central é a dobre vertente, tanto na súa parte dianteira na que se remata por pequeno ciborio, como en corpo rectangular de metade traseira do edificio. Presenta cúpulas en torrecillas laterais e cubrición inclinada con mansardas en todo o perímetro do edificio.
Transporte
[editar | editar a fonte]Metro
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Metro de Bilbao.
O metro de Bilbao foi planificado desde os anos 1970 e foi inaugurado o 11 de novembro de 1995, comprendendo as 23 estacións entre Casco Viejo e Plentzia.[5] Actualmente o Metro consta de dúas liñas (1 e 2) coa forma de Y, que discorren por ambas as marxes da ría confluíndo no distrito de Deusto nun tronco común e cruzando a cidade ata chegar ao municipio de Etxebarri. En 2007, este medio de transporte aumentou os seus pasaxeiros un 7,6% con respecto ao exercicio anterior, chegando aos 85,6 millóns de viaxes.[6]
A liña 3 atópase xa rematada e dende 2017 une Etxebarri co barrio de Matiko, no distrito de Uribarri, ofrecendo servizo a 71.086 persoas.[7] Para rematar, atópanse en proxecto as liñas 4, que unirá a estación de Matiko con Errekalde e a liña 5, entre Etxebarri e Galdakao.[8]
METRO | |
---|---|
Etxebarri - Plentzia | |
Basauri - Santurtzi | |
Santurtzi - Mamariga | |
San Antonio - Aireportua | |
Matiko - Errekalde (en proxecto) | |
Etxebarri - Usansolo (en proxecto) |
Funicular
[editar | editar a fonte]O concello é responsable do funicular de Artxanda, un funicular que permite o ascenso ao monte Artxanda inaugurado o 7 de outubro de 1915.
Ferrocarril
[editar | editar a fonte]Renfe
[editar | editar a fonte]O servizo de Proximidades Renfe ten tres liñas. A liña C-1, entre Abando e Santurtzi, é a de maior demanda e presta servizo aos municipios da marxe esquerda da ría. A liña C-2, entre Abando e Musquiz, segue o mesmo percorrido que a liña C-1, ata a estación de Barakaldo, onde se bifurca cara á conca mineira. Finalmente a liña C-3, entre Abando e Orduña, practicamente remonta a canle do río Nervión desde a vila, ata chegar case ao seu nacemento en Orduña. Todas as liñas parten desde a estación de Bilbao-Abando. Durante o exercicio 2005, o servizo de proximidades transportou 21,3 millóns de pasaxeiros.[9] En canto a longa distancia, atópase comunicado co resto de España grazas aos servizos de altas prestacións Alvia e Talgo a través da liña Bilbao-Miranda de Ebro. Tamén se prestan servizos nocturnos.
Actualmente estanse terminando as obras da liña de alta velocidade que unirá a capital biscaíña con Madrid a través do coñecido Y vasco. Os servizos nocturnos foron prestados polos trens Estrella, de máis de 30 anos de antigüidade, xa substituídos por Trenhoteles.
EuskoTren
[editar | editar a fonte]EuskoTren opera tres liñas de proximidade que a conectan con Lezama, Bermeo e Ermua e unha liña rexional que une a capital biscaíña con Donostia. En 2006 transportou a máis de 17 millóns de pasaxeiros.[10]
Feve
[editar | editar a fonte]Pola súa banda, FEVE posúe unha liña de proximidade, Bilbao-Balmaseda, B-1, que une a capital biscaíña cos municipios da comarca de Enkarterri. O seu paso polo barrio de Basurtu-Zorrotza atópase en proceso de soterramento.[11] Tamén ten dúas liñas Rexionais que unen Bilbao con Santander pola costa, e con León pola liña do ferrocarril de La Robla. A estación terminal, Bilbao-Concordia, está dentro da ruta do Transcantábrico, un tren turístico que percorre a cornixa cantábrica durante 8 días e 7 noites.[12]
Porto
[editar | editar a fonte]Desde 1993 a naviera P&O Ferries une o Porto de Bilbao, en Santurtzi, con Portsmouth (Inglaterra) mediante o seu transbordador Pride of Bilbao cunha frecuencia de 3 días. En 2006 o servizo transportou máis de 200.000 pasajeros.[13]
Entre o 18 de maio de 2006 e o 15 de marzo de 2007, a tamén naviera Acciona Trasmediterránea ofreceu 2 servizos semanais entre Santurtzi e Portsmouth, pero foron suspendidos. Nos 10 meses nos que estivo activo o transbordador Fortuny transportou 20.000 pasaxeiros.[13]
Deporte
[editar | editar a fonte]Ten un equipo de fútbol na Primeira División Española, o Athletic Club, un dos tres que disputou todas as edicións da máxima categoría do fútbol español, xunto co FC Barcelona e o Real Madrid. A súa sección feminina, o Athletic Club EFT, proclamouse campión da Superliga en catro ocasións.
O club disputa os seus partidos de local no estadio de San Mamés, coñecido popularmente como «a Catedral do fútbol», que ten unha capacidade para 40.000 espectadores. Foi inaugurado o 21 de agosto de 1913 cun partido entre o Athletic Club e o Racing Club de Irún, encontro que finalizou en empate a un gol. O 25 de xuño de 2010 comezou a construción dun novo estadio, San Mamés Barria, que se localizará sobre parte dos terreos que ocupa o actual e dos adxacentes que pertenceron á antiga Feira de Mostras. Está previsto que teña unha capacidade de 53.100 localidades e sexa inaugurado en 2013.
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Tamén está representada cun equipo de baloncesto chamado Bizkaia Bilbao Basket, que se fundou no ano 2000 e actualmente compite na Liga ACB, máxima categoría do baloncesto a nivel nacional. Logo de pasar polas categorías inferiores, ao finalizar a tempada 2003-04 conseguiu o ascenso á Liga ACB. No ano 2009 adquire o nome actual, por ser a Deputación Foral de Biscaia o seu principal patrocinador. Está constituído como Sociedade anónima deportiva. Tras nove tempadas xogando no pavillón da Casilla, na tempada 2010/11 comezou a xogar no recentemente construído palacio de deportes Bilbao Arena, situado no novo barrio de Miribilla. Ata esa data tamén utilizou o Bizkaia Area do Bilbao Exhibition Centre de Barakaldo durante a tempada 2009/10 e para grandes eventos deportivos, como a Supercopa de España de 2007 ou a Copa do Rei de 2010.
O equipo de fútbol sala, Tecuni Bilbo, participou na tempada 2005-2006 na División de Honra, aínda que non conseguiu manter a categoría, e actualmente compite no grupo 2 da Primeira Nacional.
Ademais destas actividades deportivas de alto nivel, posúe unha rede de polideportivos xestionados polo Instituto Municipal de Deportes de Bilbao - Bilbao Kirolak, nos que se pode practicar natación, tenis, fútbol sala ou voleibol, entre outros deportes.
Gastronomía
[editar | editar a fonte]A gastronomía bilbaína aséntase sobre os produtos do mar e da ría, como os meixóns e o bacallau, sendo este último un produto de vital importancia durante a escaseza acontecida no primeiro asedio carlista. Pratos coñecidos son o bacallau ao pil pil, o bacallau á biscaíña, os meixóns á bilbaína, a pescada en salsa verde, as luras na súa tinta e sobremesas como os canutillos de Bilbao. En canto ás bebidas, destaca o chacolí, un viño branco con Denominación de Orixe Bizkaiako Txakolina. Hai unha gran cantidade de Txokos (Sociedades gastronómicas), onde se goza da gastronomía da zona.
Irmandada
[editar | editar a fonte]
|
|
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Jeff Koons Puppy
-
Ponte e igrexa de San Antón
-
Edificios modernos ao carón da ría
-
Vista nocturna desde Artxanda
-
Vista xeral da ría
-
Bilbao no inverno
-
Casa consistorial
-
Catedral de Santiago de Bilbao
-
Torre da basílica da Begoña
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bilbaíno.
- ↑ http://www.euskaltzaindia.net
- ↑ INE (ed.). "Poblaciones de hecho desde 1900 hasta 1991. Cifras oficiales de los Censos respectivos". Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2010. Consultado o 25 de agosto de 2009.
- ↑ INE (ed.). "Series de población desde 1996. Cifras oficiales de la Revisión anual del Padrón municipal a 1 de enero de cada año.". Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2012. Consultado o 25 de agosto de 2009.
- ↑ "Metro Bilbao". Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2010. Consultado o 20 de decembro de 2009.
- ↑ Só Metro Bilbao e Bilbobus incrementan os seus viaxeiros en Biscaia
- ↑ Datos técnicos do proxecto e accesos previstos ás novas estacións.
- ↑ "A liña 3 do metro atenderá a 71.000 persoas entre Etxebarri e Matiko en 2012.". Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2009. Consultado o 20 de decembro de 2009.
- ↑ "Os trens de proximidades de Renfe foron utilizados en Bilbao por 21,3 millóns de viaxeiros en 2005". Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2008. Consultado o 20 de decembro de 2009.
- ↑ "EuskoTren en cifras" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de outubro de 2009. Consultado o 20 de decembro de 2009.
- ↑ "A perforación do túnel de Feve por Basurto concluirá en dez meses". Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2009. Consultado o 20 de decembro de 2009.
- ↑ "O Transcantábrico". Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2009. Consultado o 20 de decembro de 2009.
- ↑ 13,0 13,1 "Acciona suspende de forma indefinida o servizo do ferry Bilbao-Portsmouth". Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2009. Consultado o 20 de decembro de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bilbao |